O BNG reclama do Alcalde seriedade e transparencia na concreción do Plan de Axuste
Amador Díaz advirte que as fracasadas políticas do PP da austeridade “selectiva”, das subas de impostos e das baixadas de soldo aos traballadores non serán as que garantan o futuro do Concello de Xinzo.
Xinzo da Limia, a 19 de abril de 2012. Nos últimos días os veciños e veciñas de Xinzo asistimos abraiados ao espectáculo de declaracións cruzadas entre o alcalde do Concello, Antonio Pérez, e os representantes dos traballadores a conta do ‘Plan de Axuste’ aprobado no último plenario.
No BNG coñecemos moi ben os famosos ‘plans’ do PP de Xinzo, papel mollado onde se fala de medidas de aforro en gastos correntes, optimización de recursos, conxelación de contratacións, mais que ao final só se concretan en subas de impostos e taxas. Esta é a experiencia demostrábel do ‘Plan de Saneamento Económico-Financeiro’ do 2009 e é por onde apuntan as directrices deste novo e improvisado ‘Plan de Axuste’ feito ás presas, que carga todo o peso do “axuste” nos veciños e nos traballadores do Concello, esquecendo medidas reiteradamente propostas polo BNG como redución de dietas dos concelleiros, eliminación da inútil adicación exclusiva da concelleira de Persoal, esixencia a outras administracións para que colaboren no financiamento de determinados servizos (como o Conservatorio) por ter carácter comarcal, etc.
Antonio Pérez está empeñado na loábel tarefa de garantir a viabilidade económica do Concello de Xinzo, mais non será aplicando as fracasadas políticas do PP (austeridade “selectiva”, suba de impostos para os veciños e veciñas, baixada de soldo aos traballadores) como o consiga, ademais a súa incoherencia fai que teña aberto un proceso de contratación dun avogado para o Concello que se vai “comer” o 15% dese aforro conseguido en base a precarizar as condicións do persoal laboral actual.
O BNG esixe eficacia, seriedade e transparencia
E todo isto estase a facer de costas á oposición, sen contar para nada con ela, sen explicar en ningún momento as intencións e ocultando información baixo a escusa dos prazos legais. Por isto no día de hoxe vimos de solicitar a reunión URXENTE da Comisión de Economía e Facenda para que o alcalde dea conta das medidas de redución salarial propostas aos traballadores na reunión do 17/4/2012, así coma do resto de medidas de aforro previstas polo grupo de goberno e avance as liñas xerais do Proxecto de Orzamentos para o 2012.
O BNG ofrece alternativas máis xustas
Diante deste “máis do mesmo” que nos plantexa o alcalde do PP, dende o BNG presentaremos unha alternativa máis equilibrada, cunha batería de medidas diversificadas, que non fará recaer todo o peso do axuste nos traballadores e nos veciños e veciñas de Xinzo.


