#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

12/10/2010

Valoración do BNG dos sucesos acontecidos no relevo na Alcaldía artellado polo grupo do PP de costas ás veciñas e veciños de Xinzo

20101012-capa

O sucedido nestes dous días do mes de outubro será lembrado como un dos acontecementos máis escuros e vergoñentos da historia institucional recente do noso concello. A “Operación Chavelleiro”, deseñada e executada por unha camarilla de despacho, de costas aos veciños e veciñas de Xinzo, evidencia a “calidade democrática” dun partido que pon os intereses persoais dun individuo coa suficiente ambición de poder e falla de escrúpulos para facer presión onde máis lle poida mancar aos dirixentes locais e provinciais do seu partido, por riba da opinión maioritaria dos seus propios militantes e do sentir de todo un pobo.

Os veciños e veciñas de Xinzo asistimos abraiados dende hai uns meses aos diferentes capítulos deste culebrón: primeiro cos amagos de ruptura do grupo de goberno, as reunións a tres bandas na Deputación, o paripé de Congreso local no que se elixiu ao candidato “popular” e posteriormente presidente do partido, ás recollidas apresuradas de sinaturas financiadas polo candidato para simular un “apoio” que servira de tapadeira ao rexeitamento interno que provocaba no seo do propio PP, aos enfrontamentos persoais entre compañeiros de goberno e agora, logo de insistentes rumores nas últimas semanas sempre desmentidos polo propio Isaac Vila, á culminación do proceso co asalto por sorpresa á Alcaldía coa complicidade do ex-alcalde e aproveitando a ausencia do concelleiro díscolo que reiteradamente tiña anunciado que non apoiaría ao novo caudillo local imposto polo clan baltariano.

No pleno do día 9 de outubro, o Sr. Vila saía por segunda vez pola porta de atrás, dando por rematada unha estancia na Alcaldía de máis de vintecinco anos. Foi un pleno de trámite, no que nin se tivo a mínima cortesía de darlle voz á oposición para que puidera adicarlle unhas verbas de despedida ao alcalde saínte. O discurso de Isaac, anodino e falto de convicción, serviu para relatar unha serie de teóricos logros que permitiron a Xinzo avances titánicos para situarse onde hoxe está, exactamente á mesma altura en dotacións e servizos que case todos os concellos de menor entidade da provincia e varios chanzos por baixo dos tres ou catro do noso mesmo nivel.

O luns, 11 de outubro, data sinalada para a elección do sucesor, cabía a posibilidade matemática de que o plan entretecido polo binomio Chavelleiro-Baltar saíse mal, mais o único integrante do grupo mixto logo se encargou de despexar dúbidas facendo súas as teses “populares” nun discurso que nin o propio Pérez nos seus mellores soños houbera enfiado tan atinadamente para os seus intereses, como ao remate se encargaron de ratificar os da bancada popular coa sonora ovación que lle dispensaron. A partires de aí sucedeu o que tiña que suceder, o coherente, o que só o voluntarismo popular que se rebelaba contra a operación artellada para torcer a vontade dos cidadáns de Xinzo podía negarse a aceptar. Os dous grupos da oposición presentaron ao seu propio candidato logo de que cada un dos precedentes na lista do PP renunciase con diferentes achaques, mais ou menos críbeis, ata chegar ao número 5 no que figuraba o auto-designado para a sucesión.

A votación serviu para selar a descomposición do grupo de goberno do PP, con Isaac Vila exiliado na capital do reino, o tenente de alcalde Daniel Blanco pre-xubilado das súas atribucións, Yolanda Díaz de figurante no seu papel de Parlamentaria, Alfonso Patricio cun pé no grupo mixto, Xiana Carrera posicionándose de cara á nova situación coa intención de afortalarse no posto de monitora deportiva que xustifica a xenerosa adicación exclusiva que cobra do Concello e Antonio Fernández Veiga de convidado de pedra superado polos acontecementos. O único apoio inesperado e inquebrantábel ao novo mandatario veu nesta ocasión dende o grupo mixto na figura de Manuel Cabas, ao que o propio Pérez cualificou de “admirábel” e non descartaba ofrecerlle unha concellaría.

Na súa alocución despois da toma de posesión, hipocritamente victimista, baleira e inzada de tópicos desgastados nos que nin el mesmo acredita, Antonio Pérez Rodríguez facía un chamamento de “responsabilidade” á oposición para que “non crispara” e fixera política “nos foros axeitados”, un discurso moi chocante e pavero na boca dun señor totalmente deslexitimado, que accede ao posto de Alcalde por escuras e arteiras manobras de despacho poñendo en xaque ao partido no que milita dende hai escaso tempo logo de integrarse, previa negociación de cargos e prebendas, dende as filas de outra formación política na que se albiscaban moitas menos oportunidades reais de “tocar poder”.

Os cidadáns de Xinzo teñen a percepción de que Antonio Pérez foi un mal Concelleiro e vaticinan que será un mal Alcalde nestes escasos sete meses que restan ata as eleccións. Á fronte dun grupo desfeito, sen capacidade para gobernar, sen ideas, desmotivado, aproveitará o tempo para ir apuntalando o seu aparato caciquil empregando para ilo os resortes institucionais que a Alcaldía pon ao seu alcance. Dende o BNG seguiremos a traballar por defender os intereses das veciñas e veciños, a nosa planificación non vai mudar e o vindeiro mes de maio estaremos en disposición de presentarnos diante dos cidadáns de Xinzo cos deberes feitos e cunha proposta de candidato a alcaldía e de goberno clara, ilusionante e diametralmente oposta á oferta triste, grisácea dun PP que instrumentaliza as institucións de todos para o seu propio beneficio sen pensar nunca nos intereses do pobo.

Sem Comentários »

Ainda sem comentários.

RSS feed para os comentários a este artigo. TrackBack URI



Deixe o seu comentário

(Spamcheck Enabled)

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

194 queries - 0,246 segundos | Powered by WordPress