- bng.xinzodalimia - http://bng-xinzo.gzlab.eu -

O BNG non permitirá o tradicional “modus operandi” do PP no tema da incineradora

Posted By admin On 13/02/2011 @ 5:27 pm In En destaque,Sala de imprensa | 1 Comment

O actual Alcalde, Antonio Pérez, en vez de criticar aos veciños e veciñas, debería posicionarse claramente e esixir á Xunta transparencia nun tema tan grave.

Xinzo da Limia, 13 de febreiro de 2011. Logo da resposta pola prensa do actual alcalde do PP, Antonio Pérez, sobre a polémica incineradora, dende o BNG temos que manifestar o noso asombro e desconcerto polas manifestacións deste señor. Estamos moi acostumados ao “modus operandi” do Partido Popular neste tipo de cuestións: primeiro van soltando globos sonda para pulsar a reacción da xente, dicindo sen dicir, propoñendo sen propoñer, ata que chega o momento dos feitos consumados, cando xa non hai volta atrás. En Xinzo temos un caso ben recente: a Planta de Refugallos de Morgade, sen licenza, sen información aos veciños, en contra deles, que a día de hoxe segue sendo ilegal e que estando xa as máquinas realizando as obras non había constancia ningunha no Concello do que se estaba a facer. Antonio Pérez, daquela Concelleiro de Medio Ambiente e Deputado Provincial, tamén afirmaba non saber nada, e malia as denuncias e advertencias do BNG, non amosou o menor interese pola situación nin se preocupou de defender aos veciños afectados, converténdose nunha mera correa de transmisión das ordes que lle viñan ditadas dende “arriba”.

No caso da incineradora o Grupo Local do BNG de Xinzo non vai consentir o mesmo proceder, porque están a xogar co futuro de toda unha comarca, o simple feito de plantexar a candidatura da Limia para instalar unha incineradora destas características di moito da capacidade mental e de xestión dos dirixentes “populares”, a comezar polo presidente da Xunta do PP, Núñez Feijóo, ben coñecido nestas terras polas súas mentiras de campaña a respeito do tema da ZEPA, seguindo por un irresponsábel Presidente da Deputación, José Luis Baltar, metido a axente inmobiliario e rematando por un mediático e conciliador Alcalde, Antonio Pérez, que un día non sabe nada, ao seguinte parécelle boa idea e ao outro nin unha cousa nin a contraria.

Repetimos unha vez máis, o BNG rexeita rotundamente a proposta de ubicar no Polígono Empresarial de Xinzo, na Limia ou en Ourense a planta incineradora do sur de Galiza por irresponsábel, tramposa, agresiva e ameazante para o noso futuro e o dos nosos fillos. O PP de Feijóo, Baltar e Pérez deberían impulsar a instalación na nosa comarca de empresas respectuosas co medio, non contaminantes, fundamentalmente empresas agro-gandeiras, que permitiran tirar un valor engadido da nosa produción de pataca, cereal, etc. e creasen postos de traballo estábeis, sostíbeis e cualificados.

Dende o BNG estaremos a carón dos veciños e veciñas formando parte da Plataforma constituída o pasado venres, seguiremos utilizando todos os medios ao noso alcance para facerlle chegar á xente o alcance real desta instalación e apoiaremos calquera medida que impida esta desfeita, ao tempo que esixiremos ao actual alcalde “popular” un posicionamento claro de rexeitamento.


Article printed from bng.xinzodalimia: http://bng-xinzo.gzlab.eu

URL to article: http://bng-xinzo.gzlab.eu/2011/02/13/o-bng-non-permitira-o-tradicional-%e2%80%9cmodus-operandi%e2%80%9d-do-pp-no-tema-da-incineradora/

URLs in this post:

[1] Nota de imprensa (pdf, 137kb): http://bng-xinzo.gzlab.eu/wp-content/uploads/20110213-np-bng-non-permitira-modus-operandi-pp-incineradora.pdf