#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

16/05/2011

O BNG denuncia que Baltar quere mercar con diñeiro negro os votos dos cidadáns de Morgade

20110516-capa

O candidato do PP, Antonio Pérez, e o Presidente da Deputación, Baltar Pumar, tentan mercar aos veciños e veciñas de Morgade con 3000 euros en metálico.

Xinzo da Limia, 16 de maio de 2011. As artimañas, manobras suxas e chanchullos varios que estamos a ver durante esta campaña electoral no concello de Xinzo superan con creces todo o que viña sendo tradicional no PP. Ás coñecidas prácticas de compra individual de vontades con promesas de postos de traballo, ás ameazas a empresarios da vila con quedarse fóra do “pastel” se non se postulan abertamente a prol do candidato “popular”, e outras, engadiuse nos últimos días unha nova e insólita “técnica” impropia dunha sociedade democrática e que deixa ben ás claras a catadura moral destes individuos que aspiran a ocupar, que non gobernar, respectivamente Concello e Deputación. Este domingo a “caravana popular” estivo a pasear a Baltar, o vello, por varios pobos do concello de Xinzo nos que “aproveitou” para ameazar aos veciños e veciñas asegurando que, se gañaba Amador a alcaldía, tería pechadas as portas da Deputación. Mais a guinda púxoa no pobo de Morgade onde un veciño, logo de escoitar pacientemente a perorata de medidas baleiras e promesas que nunca pensan cumprir tanto de Baltar coma de Chavelleiro, lembroulle ao Presidente en funcións que todo iso estaba moi ben, mais levaban reclamando un equipo de aire acondicionado para o local social do pobo dende había anos, que xa llo prometeran varias veces e que aínda estaban a agardar por el. Diante deste “desplante” un arroutado Baltar, logo de proclamar que “a el ningún pedáneo o deixaba quedar mal”, dirixiuse resoltamente cara o maleteiro do seu Audi e tirouse de fato de billetes que foi poñendo un sobre outro por riba da mesa ata completar 3000 eurazos “del ala”, diante do pasmo dos presentes que ollaban entre sorprendidos e divertidos a operación preguntándose se acababan de asistir a un mitín do PP ou ao reparto dunha pedrea dos nenos de San Ildefonso. A dúbida que se lles plantexa agora aos veciños é a quen apoñerlle este diñeiro recibido “en negro”, se a unha subvención da Deputación ou a unha “donación particular” do propio Baltar Pumar.

A desesperación coa que os “populares” están a encarar a recta final desta campaña evidencia que ven máis preto ca nunca a perda respectivamente do Concello de Xinzo e da Deputación e calquera cousa vale con tal de seguir chuchando do erario público para manter o seu decimonónico aparato caciquil.

Desde o BNG tamén emprazamos ao Presidente da Xunta do PP, Núñez Feijoo, o home austero, a que avale este proceder dos seus correlixionarios ourensáns que cubican maleteiros de Audi con billetes de cincuenta euros e explique se esta é unha práctica habitual do seu partido en toda Galiza ou só se aplica no noso concello.

Manipulación do censo

Amador Díaz ven de recibir novas tarxetas censuais de “veciños pantasma” que conviven en domicilios de Xinzo sen coñecemento dos seus propietarios e moradores habituais. As mesmas serán remitidas á Fiscalía para continuar co procedemento iniciado hai uns días a instancia do BNG.

Sem Comentários »

Ainda sem comentários.

RSS feed para os comentários a este artigo. TrackBack URI



Deixe o seu comentário

(Spamcheck Enabled)

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

194 queries - 0,197 segundos | Powered by WordPress