- bng.xinzodalimia - http://bng-xinzo.gzlab.eu -

O BNG alerta que a concesión mineira Faramontaos 5089 ‘vai para adiante’ ao entrar en fase de exposición pública o proxecto de explotación

Posted By admin On 23/01/2013 @ 12:30 pm In En destaque,Sala de imprensa | Comments Disabled

Xinzo da Limia, 23 de xaneiro de 2013. O pasado xoves, 17 de xaneiro, apareceu publicado no DOG nº12 o anuncio [1] de información pública do Proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración da concesión de explotación derivada do permiso de investigación Faramontaos, nº5089.1 [2]. Este anuncio deixa ben ás claras a intención da empresa de levar adiante a iniciativa malia oposición frontal dos veciños e veciñas dos pobos afectados, sintetizada mediante a recollida de varios centos de alegacións e plasmada nun acordo plenario unánime de rexeitamento aprobado o 19 de xullo de 2012.

Trátase dunha explotación mineira de feldespatos a ceo aberto mediante un sistema de dragado ata un máximo de 15m de profundidade e que prevé un investimento de 1,2M de euros para criar dez postos de traballo. A concesión estenderíase ao longo de 30 anos afectando en diferentes fases a un total de 400ha de terreo cultivábel nas inmediacións dos núcleos de San Pedro, Fiestras e Moreiras. Cómpre salientar que ao remate do aproveitamento estas parcelas serán irrecuperábeis para o seu uso agrícola xa que o proxecto de restauración contempla que queden en forma de lagoas. A planta de tratamento estará escasamente a 600m do pobo de San Pedro e funcionará as 24 horas do día en tres turnos de traballo atendida por dous operarios. As labouras de extracción da draga realizaranse a un único turno.

Para o Grupo Municipal do BNG estamos diante dunha cuestión de extrema gravidade ao afectar directamente a un piar básico da comarca como é o agro, dada a agresividade do proxecto, e que non se xustifica de ningún xeito no impacto na economía local, que será ridículo cando non absolutamente negativo. Por este motivo o BNG porá en marcha, a través da súa deputada no Parlamento de Galiza, Tareixa Paz, novas iniciativas encamiñadas a que as consellarías implicadas deneguen os permisos para esta explotación. Asemade instaremos ao Concello e aos veciños e veciñas afectados a persoarse no procedemento aberto de alegacións manifestando novamente a súa frontal oposición.


Article printed from bng.xinzodalimia: http://bng-xinzo.gzlab.eu

URL to article: http://bng-xinzo.gzlab.eu/2013/01/23/o-bng-alerta-que-a-concesion-mineira-faramontaos-5089-vai-para-adiante-ao-entrar-en-fase-de-exposicion-publica-o-proxecto-de-explotacion/

URLs in this post:

[1] anuncio: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130117/AnuncioCA04-071212-0001_gl.html

[2] Proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración da concesión de explotación derivada do permiso de investigación Faramontaos, nº5089.1: http://economiaeindustria.xunta.es/expediente-explotacions-mineiras

[3] Nota de imprensa (pdf): http://bng-xinzo.gzlab.eu/wp-content/uploads/20130123-np-bng-alerta-concesion-mineira-faramontaos-5809-vai-adiante.pdf

[4] Escrito presentado no Concello (pdf): http://bng-xinzo.gzlab.eu/wp-content/uploads/20130123-escrito-concello-explotacion-mineira-faramontaos-5089.1.pdf