#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

24/05/2013

O final lóxico do NON á mina de feldespatos atrasarase por unha reorganización administrativa do PP

O BNG está xunto ás veciñas e veciños apoiando a “tractorada” de mañá xa que, ao tratarse dunha decisión política do goberno do PP, nada está aínda pechado definitivamente.

Xinzo da Limia, 24 de maio de 2013. O pasado día 15 de maio entrou en vigor a ORDE do 24 de abril de 2013 sobre delegación de competencias en materia de planificación e ordenación mineira da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas nas Xefaturas Territoriais da Consellería de Economía e Industria, isto vai supor un novo atraso dun mes, como mínimo, na resolución definitiva do expediente da mina de feldespatos e engade novas incertidumes ao proceso.

Hoxe remataba o prazo de alegación aos informes ditados polas consellarías ao respecto do expediente da mina de feldespatos, varios dos cales eran favorábeis ao proxecto. Nembargantes os informes emitidos por Medio Rural e pola CHM-S danlle a razón aos veciños ao considerar o impacto na actividade agro-gandeira como moi negativo e a afectación sobre o réxime de augas da zona como infra-valorada na documentación presentada por Minercer. Estes eran dous eixos principais das teses defendidas polo BNG co cal, na nosa opinión, a consecuencia dos mesmos a única decisión lóxica sería a de rexeitar o proxecto.

Neste contexto a presión veciñal organizada en torno á Plataforma Corno do Monte revelouse como fundamental á hora de configurar o resultado final, polo cal a mobilización convocada para mañá resulta plenamente vixente e dende o BNG estaremos xunto ás veciñas e veciños apoiándoa xa que, ao tratarse dunha decisión política do goberno do PP e malia as declaracións aos medios, nada estará pechado definitivamente mentres non apareza publicado no DOG.

A ameaza persiste mentres non se cambie a lei

Máis aló do caso concreto dos feldespatos imos seguir vixiantes diante da ofensiva mineira da Xunta do PP. Neste senso é preocupante a actual tramitación do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza (PSAEG) impulsado pola Cámara Mineira e que non deixa nin un só metro cadrado do país a salvo da ameaza dun posíbel aproveitamento mineiro.

Dende o BNG seguiremos a reclamar a declaración dunha figura de protección para a Limia que nos blinde definitivamente contra este tipo de explotacións xa que nada impide que Minercer volte ao ataque nun futuro próximo cunha lexislación máis favorábel, nin que novos proxectos, como o LUIS-4943 que denunciamos hai uns días, ou outros poidan botar a andar en calquera intre.

Sem Comentários

Ainda sem comentários.

RSS feed para os comentários a este artigo. TrackBack URI

O formulário de comentários está fechado neste momento.

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

194 queries - 0,174 segundos | Powered by WordPress