#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

11/06/2013

Contra a minaría salvaxe e contaminante

20130611-capa

O BNG solicitará o pronunciamento do Concello de Xinzo en contra da macro-minaría salvaxe mediante una moción presentada para o seu debate no vindeiro pleno.

Xinzo da Limia, 11 de xuño de 2013. A explotación dos recursos mineiros, e particularmente dos metais, está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocoloniais. O seu alto prezo nos mercados fai que procuren beneficio rápido a costa do grave impacto ambiental e riscos para a saúde das persoas.

Corcoesto, en Bergantiños, O Ribeiro, Celanova, as Fragas do Eume, a Serra do Galiñeiro, a Terra Chá ou a Limia están baixo esta ameaza. Na Galiza existen 520 explotacións mineiras e as concesións chegan a abranguer máis da metade da superficie do país. A maior parte destas foron autorizadas e perviven na actualidade grazas a normas aprobadas no réxime franquista. Nin a Xunta de Galiza nin o goberno do Estado teñen o menor interese en mudar esta situación. O Plan Sectorial de Actividades Extractivas, encargado ás empresas do sector mineiro (Cámara Mineira de Galiza) e furtado á participación das entidades sindicais, ambientalistas, veciñais e profesionais, ameaza espazos naturais protexidos e os concellos e as persoas afectadas non contan, tampouco a ordenación urbanística local.

A minaría a ceo aberto e a fractura hidráulica ou “fracking” son actividades con graves impactos sobre o medio ambiente. Trátase dunha minaría salvaxe, que produce a destrución física do territorio, elimina e contamina o solo e os acuíferos, consume grandes cantidades de enerxía e auga e manexa substancias tóxicas que poden ter graves consecuencias. Pon en perigo a saúde, a calidade de vida, os recursos e os medios de vida tradicionais e sustentábeis das persoas. Os supostos (e sempre interesadamente esaxerados) beneficios non compensan os prexuízos ambientais e socio-económicos derivados en outros recursos naturais, forestais, agro-gandeiros, pesqueiros, hídricos, de lecer ou turísticos, e para a saúde humana.

Existe un clamor para que se suspendan os permisos e concesións en tramitación, que se prohiba a macro-minaría a ceo aberto e a minaría con cianuro. Galiza debe ser soberana na explotación dos seus recursos, o aproveitamento dos mesmos debe ser considerado estratéxico, decidido desde aquí en función dos nosos intereses e tutelado desde os poderes públicos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos.

A ameaza dos feldespatos na Limia persistirá mentres non se mude a lei

Dende o BNG seguiremos a reclamar unha lexislación que nos blinde definitivamente contra este tipo de minaría, xa que nada impide que a explotación de feldespatos volte ao ataque nun futuro próximo cunha normativa máis favorábel, nin que novos proxectos, como o LUIS-4943 que denunciamos hai unhas semanas, ou outros novos poidan botar a andar en calquera intre.

Sem Comentários

Ainda sem comentários.

RSS feed para os comentários a este artigo. TrackBack URI

O formulário de comentários está fechado neste momento.

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

194 queries - 0,266 segundos | Powered by WordPress