#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

13/06/2013

2011-2013, bienio negro no Concello de Xinzo

20130613-capa

Nos dous anos e medio nos que o actual alcalde, Antonio Pérez, leva á fronte do Concello a xestión do ente municipal foise deteriorando progresivamente.

Xinzo da Limia, 13 de xuño de 2013. En materia económica a chegada do Sr. Pérez á alcaldía meses antes das eleccións municipais de 2011 propiciou un aumento descontrolado e arbitrario nos gastos, cuantificado en 2,2 millóns de euros en apenas dous anos (2011-2012), que foi necesario regularizar mediante dous Expedientes de Recoñecemento Extraxudicial de Crédito e cuxo financiamento foi a conta do famoso RDL 4/2012 que levou aparelladas as tradicionais subas de taxas e impostos do PP e, como novidade engadida, as medidas de recorte de salarios e dereitos dos traballadores e traballadoras. Deste xeito a débeda a finais de 2012 situouse en 7,35 millóns de euros, en 2010 era de 4,14 millóns e xa daquelas se cualificaba de “insostíbel”.

Na xestión do persoal acadouse claramente o récord de despropósitos, as arbitrariedades nas contratacións do ano pasado fixeron que, a día de hoxe, o Sr. Pérez teña pendente de trámite a denuncia presentada na Fiscalía de Ourense e un proceso en curso aberto a instancia da Avogacía do Estado, proceso que está a ser torpedeado e obstaculizado dende o Concello ao negarse reiteradamente a achegar a documentación solicitada polo instrutor, como recoñeceu a propia Subdelegación do Goberno. Así mesmo o Contencioso-Administrativo aínda debe pronunciarse sobre as irregularidades na selección da letrada do Concello, que foi recorrida polo sindicato maioritario dos traballadores. Neste eido asistimos a un claro intento por parte do Sr. Pérez por construír e consolidar o seu propio aparato caciquil mediante a contratación sistemática de familiares, parentes, afiliados, interventores e candidatos do PP.

Mentres tanto, o Concello naufraga cunha falla absoluta de rumbo, criterio e obxectivos á hora de encamiñar a política de impulso da economía e creación de emprego. Dos titubeos iniciais coa incineradora pasamos ao aberto apoio á planta de refugallos e á negativa rotunda, condicionada polos veciños, á mina de feldespatos. A día de hoxe o proxecto estrela é a CICAT, impulsada, ironicamente, polo gran defenestrado e damnificado da carreira pola alcaldía do Sr. Pérez, o anterior alcalde e líder histórico do PP limiao, Isaac Vila.

En canto á xestión política e de comunicación o apagón informativo é case absoluto, as decisións importantes tómanse a porta pechada de costas aos veciños e veciñas, non se conta coa oposición nin nos mínimos establecidos legalmente: no que vai de ano só se celebrou un plenario en febreiro, o pleno ordinario de abril está sen convocar, levamos sete meses sen recibir as Actas das Xuntas de Goberno (semanais) e os orzamentos de 2013 están sen aprobar.

Agora que estamos no ecuador do mandato aínda hai tempo para un troco radical, por iso dende o BNG esiximos un cambio de rumbo na xestión e que o Sr. Pérez comece a actuar pensando nos intereses xerais dos veciños e veciñas de Xinzo.

Sem Comentários

Ainda sem comentários.

RSS feed para os comentários a este artigo. TrackBack URI

O formulário de comentários está fechado neste momento.

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

194 queries - 0,282 segundos | Powered by WordPress