#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

15/08/2013

Orzamentos 2013, máis para o Concello e os bancos, menos para os veciños e veciñas de Xinzo

O goberno do PP limítase a xestionar os recursos con ‘vocación administrativa’, sen rumbo político, sen un proxecto de vila, sen folla de ruta e sen ningún obxectivo a medio prazo.

Xinzo da Limia, 15 de agosto de 2013. O pasado día 1 aprobáronse os orzamentos do Concello de Xinzo para este ano. Logo de sete meses, tarde e mal, o Sr. Alcalde, Antonio Pérez, presenta uns orzamentos incompletos sen varios informes preceptivos (Memoria da Alcaldía, Informe económico-financeiro, Informe de Intervención e Informe de estabilidade orzamentaria) e a documentación entrégaselle á oposición a véspera mesma dun pleno extraordinario e urxente convocado ás presas.

Indo á análise dos mesmos, este ano 2013 prevénse uns ingresos de 7.719.209€ e uns gastos de 7.355.000€, o superávit inicial irá destinado a reducir os remanentes de tesouraría negativos de exercicios anteriores.

Como ven sendo norma dende o ano 2007 a partida de Persoal lévase a parte máis significativa do gasto con 4.017.563,18€ (55%). Se excluímos os 121.736,08€ a pagar como consecuencia da execución de sentencias xudiciais, comprobamos que o aforro é dun 10,5% con respecto ao 2012, é dicir, case cinco puntos menos que o recorte de salarios aprobado a principios de ano (15,11%) para este exercicio.

Os gastos correntes son a seguinte partida en volume con 1.899.900,57€ (26%) e increméntanse con respecto ao ano pasado, se excluímos o efecto do RDL 4/2012.

A amortización da débeda e os gastos financeiros ocupan o terceiro lugar no ‘ranking’ con 954.778,60€ (13%), dentro deste apartado 350mil euros corresponden aos intereses dos cretos acumulados polo Concello nos últimos exercicios.

Os investimentos reais minguan ata os 417.227,65 (5,7%) xa que o goberno do PP non contempla facer ningunha obra significativa con cargo aos recursos propios do Concello. As actuacións previstas redúcense a arranxos de servizos básicos, rúas, saneamento, alumeado, equipamento e pouco máis.

A débeda acumulada nos dous últimos mandatos populares lastra calquera iniciativa

A chegada do Sr. Pérez á alcaldía meses antes das eleccións municipais de 2011 propiciou un aumento descontrolado nos gastos, cuantificado en 2,2 millóns de euros en apenas dous anos (2011-2012), que foi necesario regularizar a conta do famoso RDL 4/2012 e levou aparelladas as tradicionais subas de taxas e impostos do PP e as medidas de recorte de salarios dos traballadores e traballadoras.

A carga financeira prevista para 2013 é de 946.678,60€. A Débeda Viva (préstamos + operacións tesouraría) pasou de 3,95M€ no 2011 a 7,33M€ no 2012, situando o coeficiente de endebedamento no 118,09%, o cal dificultará ou imposibilitará novas operacións de crédito xa que, ao superar o 110%, esixe segundo a lei de facendas locais (Art.53.2 TRLRHL) que o Estado deba autorizalas.

A xestión segue a ser nefasta e tóxica para os veciños e veciñas de Xinzo

Os esforzos do PP céntranse en incrementar a recadación vía impostos directos, indirectos e taxas e o único capítulo de gasto que se ataca é o do persoal coa redución dos salarios imposta unilateralmente baixo a ameaza dun ERE.

Os gastos correntes increméntanse respecto do ano pasado e non se albisca ningunha medida concreta para a súa redución.

Os investimentos a cargo do Concello tocan fondo cuns ridículos 400mil euros. Ollando a evolución nos últimos anos do esforzo inversor poderiamos afirmar que para o PP as obras necesarias xa están realizadas e agora hai que pagalas.

O Concello de Xinzo, baixo a dirección ‘popular’, non pinta nada en materia de economía ou emprego xa que se reducen ou desaparecen as escasas partidas adicadas á promoción económica, xuventude ou fomento do cooperativismo.

Redúcese o gasto social como consecuencia dos recortes da Xunta do Sr. Feijoo. Pola contra a carga financeira (amortizacións e intereses) derivada dos plans de axuste aprobados nos últimos anos acada preto do millón de euros (un 13% do orzamento), con tendencia a subir nos vindeiros exercicios cando se comece a amortizar o préstamo de case 4M€ solicitado polo Sr. Pérez no ano 2012.

Analizando as partidas por Áreas de Gasto obsérvase que o PP reduce todos os capítulos destinados aos servizos que se lles prestan aos veciños e veciñas, ao tempo que incrementa aqueles relacionados co pagamento da débeda e co funcionamento interno do propio Concello.

Nada mudou para ben no Concello de Xinzo coa chegada de Antonio Pérez

Logo de case tres anos de mandato do Sr. Pérez asistimos a un incremento da conflitividade e o escurantismo preside todas as decisións municipais. As directrices que guían as actuacións deste goberno son as tradicionais no PP: apropiación indebida da confianza dos veciños e veciñas para uso particular do Alcalde, que usa e abusa dos medios e recursos institucionais para favorecer aos amigos, parentes, afiliados, etc.

O goberno do PP limítase a xestionar cunha mal entendida ‘vocación administrativa’, é dicir, sen rumbo político, sen un proxecto de vila, sen folla de ruta e sen ningún obxectivo ou proxecto a medio ou longo prazo.

Sem Comentários

Ainda sem comentários.

RSS feed para os comentários a este artigo. TrackBack URI

O formulário de comentários está fechado neste momento.

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

194 queries - 0,233 segundos | Powered by WordPress