A oposición convoca un pleno para que o alcalde explique as acusacións de “desviación de poder e indicios de prevaricación”
Todos os grupos da oposición forzan ao alcalde, Antonio Pérez, a que explique as sentenzas condenatorias polas contratacións realizadas no 2012.
Xinzo da Limia, 25 de novembro de 2013. Os grupos políticos que integran a oposición no Concello de Xinzo (BNG, PSdeG-PSOE, APGA, AIDAL e ANOVA) rexistraron esta mañá unha petición conxunta solicitando a celebración dun pleno extraordinario para que o alcalde, Antonio Pérez, dea conta e explique a todas as veciñas e veciños de Xinzo a súa situación xurídico-procesal logo das sentencias emitidas polos Xulgados do Contencioso-Administrativo nº1 e nº2 de Ourense a raíz das denuncias da Avogacía do Estado polas contratacións de persoal laboral temporal feitas polo Sr. Pérez, ignorando os informes preceptivos de Secretaría e Intervención, sen os correspondentes procesos de selección e contravindo o RDL 20/2011.
Nestas sentenzas, coñecidas os pasados días 12 e 13 de novembro, os maxistrados proceden á anulación das contratacións e cualifican a actuación do Sr. Pérez como de “desviación de poder e indicios de prevaricación”, “conduta irregular e constante realizada con plena consciencia da súa ilicitude por manter en nómina a determinadas persoas con contratos temporais, pese aos reparos do secretario e do interventor” e de “incumprimento groseiro e consciente por parte do mandatario que podería ser constitutivo dun delito de prevaricación”. Ao tempo, ordenan (unha vez a sentenza sexa firme) a remisión do expediente ao Xulgado de Primeira Instancia de Xinzo para que proceda a investigar as responsabilidades penais que se puideran derivar por parte de Sr. Pérez.
Dada a gravidade das acusacións e as abondosas testemuñas e documentación administrativa que as avalan, a partires deste intre a situación do Sr. Pérez só pode evolucionar a peor, polo que a única saída lóxica pasa pola súa dimisión inmediata e irrevogábel. O Concello de Xinzo non pode estar gobernado por unha persoa que incumpre sistemática e conscientemente a normativa en materia de contratación e os veciños e veciñas non se poden permitir un alcalde e un goberno municipal á deriva e baixo sospeita permanente.