#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

03/02/2014

O BNG denuncia unha trama organizada nas adxudicacións de obra pública do Concello de Xinzo

Antonio Pérez optou por darlle continuidade á tradicional política caciquil do PP asentando o seu poder e influencia na colocación de afíns e no reparto da obra pública.

Xinzo da Limia, 3 de febreiro de 2014. Logo de revisar todas as adxudicacións de obra pública dos últimos tres anos de goberno do Sr. Pérez hai elementos suficientes para denunciar a existencia dunha trama organizada e “legal” cun modus operandi concreto, definido e sistemático encamiñado a que empresas moi determinadas obteñan a execución das obras do Concello, en prexuízo do resto de empresas que poderían estar interesadas en optar ás mesmas e de todos os veciños e veciñas de Xinzo que non se ven beneficiados dos probábeis aforros nos custos que unha concorrencia competitiva podería producir.

Realizada a análise detallada dunha trintena de adxudicacións de obras e traballos efectuadas polo Concello de Xinzo no período 2010–2013 poden tirarse as seguintes conclusións:

  • Na práctica totalidade dos casos as fórmulas legais empregadas son as de “Contrato Menor” ou “Procedemento Negociado sen Publicidade”, que permite adxudicar as obras sen concurso, sen anuncios públicos e escollendo discrecionalmente ás empresas que van a optar a realizalas.
  • En función do tipo de obra obsérvase que as empresas convidadas son sempre as mesmas e constátase na maioría dos casos relacións evidentes entre elas.
  • Nestes procedementos o criterio fundamental para decidir a adxudicación é o prezo ofertado xunto coas variantes sobre o proxecto en forma de melloras.
  • Os resultados son idénticos: ofertas coordinadas entre os concursantes que conducen a que a empresa designada consiga a obra, limitándose as que a acompañan a cubrir o expediente para darlle ao proceso unha aparencia de legalidade.
  • Ao non existir unha competencia real as obras adxudícanse exactamente polos importes de licitación sen rebaixas nin melloras significativas nas condicións.
  • Todo isto contrasta coas escasas adxudicacións realizadas mediante “Procedemento Aberto”, nas que a concorrencia das empresas é máis numerosa e as gañadoras ofertan condicións moito máis vantaxosas que producen aforros importantes.

O máximo responsábel deste xeito neglixente de xestionar os intereses municipais é o Alcalde coa connivencia de toda a Xunta de Goberno, que é o órgano que legalmente detenta a competencia para realizar as adxudicacións. Ambos deberían asumir as súas responsabilidades diante dos veciños e veciñas e renunciar de xeito inmediato e irrevogábel aos seus cargos.

En todo caso o BNG vai seguir investigando as obras realizadas nos últimos anos e non descartamos acudir á Fiscalía para que entre a investigar as irregularidades detectadas.

Sem Comentários

Ainda sem comentários.

RSS feed para os comentários a este artigo. TrackBack URI

O formulário de comentários está fechado neste momento.

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

194 queries - 0,388 segundos | Powered by WordPress