#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

16/07/2009

O BNG alerta sobre a obsoleta rede viaria urbana que imposibilita o tráfico pesado a diario en Xinzo

20090716-capa

Fotos no flickr

No día de hoxe un tráiler de gran tonelaxe bloqueou por completo durante toda a mañá o cruce da Estrada de Baltar (Avd. de Damil) coa Pista Armada a consecuencia de botarse fóra da calzada dadas as limitacións no perímetro de xiro no firme asfáltico, sendo necesario un guindastre para a súa incorporación á vía de novo.

O tráfico pesado que ten que circular pola vila ou o seu extrarradio tópase con infinidade de problemas circulatorios que a diario, e en moitos casos como o desta mañá, representan auténticos obstáculos insalvábeis.

Desde o BNG lémbrase que no ano 2006 o actual alcalde (daquela tamén senador) Isaac Vila, rexeitaba co seu voto en contra na Cámara Alta un estudo e desenrolo dunha circunvalación para Xinzo cos conseguintes efectos negativos para o sector do transporte e para a cidadanía en xeral que estamos a comprobar acotío. A día de hoxe os traballos de licitación e construción da circunvalación a proposta do BNG poderían estar en marcha si o alcalde Vila tivera apoiado a iniciativa que conlevaría outros efectos positivos como a humanización da N-525 e a promoción do comercio local, parcela vixiada para o transporte pesado local, rede viaria moderna e axeitada e unha maior fluidez e desconxestión do tráfico pesado do centro da vila.

E por todo elo que desde o BNG denúnciase a pasividade do Grupo de Goberno nunha cuestión estratéxica para o desenrolo de Xinzo como é a da circunvalación, así como alto custe de desprazamento e accidentes que representa para o sector a negativa e ausencia desta necesaria infraestrutura.

Referencias:

12/06/2009

O BNG de Xinzo mobilizarase contra a “enquisa trampa” da Consellaría de Educación e en defensa do noso idioma

Diante da “enquisa trampa” presentada polo PP, inaceptábel quer na forma quer no fondo, e coa que non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán que terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino, desde o BNG de Xinzo da Limia imos desenrolar unha campaña activa convidando aos pais e nais a marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria). A mesma desenrolarase segundo o seguinte programa:

  • Concentración e reparto de trípticos, con lectura dun manifesto e textos de autores galegos, o sábado, 13 de xuño, ás 19:00h, na Praza de San Roque de Xinzo.
  • Reparto de trípticos informativos nos centros de ensino de Xinzo, o luns, 15 de xuño.

Referencias:

11/06/2009

Consulta da Xunta de Galiza sobre o galego no ensino

20090611-capa

O venres 5 de Xuño, a Xunta de Galiza presentou a enquisa que se vai remitir ás familias dos 350.000 alumnos e alumnas escolarizados en Galiza nos niveis de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional e que, en teoría, ten como propósito inquirir a pais e nais sobre en que lingua prefiren que lles sexa impartido o ensino aos seus fillos e fillas.

Estudado o contido desta enquisa e analizadas as motivacións que levan ao Goberno galego a elaborala, o BNG ten que facer as seguintes valoracións:

  1. Estamos perante unha auténtica “consulta trampa”, inaceptábel quer na forma quer no fondo. Con ela non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino.
  2. A consulta, que é de carácter voluntario, carece da menor fiabilidade, tanto por como están enunciadas as preguntas como polo feito de que será a Administración, controlada politicamente polo Partido Popular, quen custodie todo o proceso de recolla dos datos.
  3. Coa enquisa vaise criar unha tensión innecesaria nos centros de ensino e na propia sociedade galega, innecesaria porque, sexa cal for o resultado do inquérito, o Goberno xa ten anunciado que vai derrogar o decreto nun sentido claramente contrario ao uso da lingua galega no ensino.
  4. Tal e como están enunciadas as preguntas da consulta, todo o máis que poderían demandar os sectores favorábeis ao galego no ensino sería que se mantivese o galego como lingua na que se imparten as materias troncais. Isto significa que coa enquisa os sectores favorábeis á españolización do ensino si poden conseguir avances a respecto da situación actual -reducir a presenza do galego nas troncais-, mentres que aqueles que son partidarios de avanzar na galeguización só poden aspirar a que, como moito, se manteña o actual statu quo, que vén consagrado precisamente polo decreto que o Goberno anunciou que vai derrogar.
  5. O mesmo Goberno que fai proclamas populistas e demagóxicas en favor da austeridade e o control do gasto público vai dilapidar 200.000 euros na realización desta “consulta trampa”.
  6. Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.
  7. Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes ás que expresamos a continuación:
  • Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
  • Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.
  • Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

Ligazóns:

 Filed under: En destaque
22/05/2009

O Concello de Xinzo “celebra” o Día Mundial da Biodiversidade coa tala indiscriminada dunha árbore senlleira

20090522-capa

O Grupo Local do BNG de Xinzo denuncia que no Día Mundial da Biodiversidade (22 de maio) o Grupo de Goberno do PP no Concello de Xinzo permitiu a tala indiscriminada dunha especie senlleira e moi singular. A árbore estaba situada por fóra do arcén da estrada Xinzo-Bande, á altura do cruce que delimita a área das Piscinas Municipais, e non ocasionaba ningún tipo de problema, nin circulatorio nin peonil, polo que resultan incomprensíbeis as causas e motivacións que derivaron no seu exterminio. Trátase, sen dúbida, da tala irracional dun exemplar de álamo común (Populus Deltoides) de dimensións considerábeis cunha torada de diámetro de 100cm e altura de 15m, especie presente en todo o entorno do Río Limia.

Para o Grupo Local do BNG este tipo de feito non ten cualificativo e demostra a ilegalidade na que levan instaladas 30 anos as políticas medioambientais do PP municipal, xa que por dúas bandas:

  1. Incumpre obsesivamente a normativa específica do PXOM relativa a protección de toda especie arbórea de máis de 25 anos (este álamo pasaba dos 50).
  2. Actúa co mesmo “modus operandi” de sempre, con moitísima rapidez e sen capacidade de reacción para frear a desfeita. A tala prodúxose onte e hoxe, ás 8:30 da mañá, xa estaba todo limpo.

Por todo ilo, na vindeira semana o BNG presentará un escrito no Concello solicitando información sobre a tramitación do permiso municipal á empresa ou institución que levou a cabo a desfeita e reclamando responsabilidades directas e explicación do alcalde. Ao mesmo tempo, denunciamos a política de desfeita medioambiental reiterada do goberno do PP (lembrar os arrincados de tullas no mesmo entorno en 2007) e facemos un chamamento ao resto dos grupos da oposición e á cidadanía en xeral para que non queden de brazos cruzados e non toleren este tipo de actuacións totalmente anormais e fóra do sentido común.

Relacionadas:

Referencias:

13/03/2009

O BNG advirte que, a pesares do anuncio do Alcalde, a taxa de saneamento só poderá baixar en 1,21€ e seguiremos a pagar o servizo máis caro de toda Galiza

O anuncio feito durante a pasada campaña electoral polo noso Alcalde, Isaac Vila, no senso de que baixaría o canon de Saneamento e Depuración aprobado en decembro “se o PP gañaba as eleccións, xa que así a Xunta financiaría as obras que motivaron esa nova taxa”, e posteriormente confirmado tras o 1 de marzo, amais de traer confusión a un tema xa enrevesado de por si vai a ser de moi difícil aplicación na práctica dadas as actuais circunstancias.

Segundo o estudo aportado por Aquagest, que serviu de base para establecer as tarifas na ordenanza, a concesionaria entregaba ao Concello para “realizar obras” a cantidade de 1,5 millóns de euros, que deberían ser amortizados anualmente a razón de 93.579,82€/ano, o cal se corresponde co 15,7% do custo total anual do servizo. Isto fai que, se agora as obras as vai a financiar a Xunta de Galiza, cousa que aínda está por ver, podamos prescindir da parte correspondente á amortización desta aportación o cal repercutirá nas taxas exactamente nese 15,7%, é dicer, se damos por boa a proposta de Aquagest as taxas só poderán baixar en 1,21€/mes quedando establecidas en 6,50€ mensuais (para o mínimo de 20m3) xa que este era o “custo do servizo” ofertado pola empresa. Deste xeito o anuncio do Alcalde quédase nun simple lavado de cara xa que seguiremos a dobrar a media que por estes conceptos se paga no resto de concellos do país.

En función desta realidade o Alcalde, Isaac Vila, só ten dúas opcións para establecer unhas taxas cercanas ao custo real do servizo e na liña do resto de concellos de Galiza: [1] Aceptar a nosa petición, formulada na alegación que presentamos á ordenanza en xaneiro deste ano, e deixar sen efecto as taxas e todo o feito ata agora para iniciar o proceso dende o principio abríndoo á libre concorrencia doutras empresas, ou [2] Manter as bases recollidas no estudo de Aquagest e baixar efectivamente as taxas nunha cantidade superior a eses 1,21€/mes. Esta segunda posibilidade implicaría que o servizo sería “teoricamente deficitario”, contradicindo o principio básico de repercutir o custo aos usuarios, co cal o Concello debería asumir a diferenza a costa dunhas arcas municipais que soportarían outra nova carga e, ao final, a baixada non sería tal xa que os veciños seguirían a pagar o total do importe inicial vía impostos.

Relacionadas:

Referencias:

09/03/2009

Grazas aos veciños e veciñas de Xinzo polo apoio recibido o 1M!!!

20090309-gz09xinzo

Nas pasadas Eleccións ao Parlamento de Galiza no concello Xinzo acadamos uns resultados históricos subindo o teito do BNG, acadado nas Municipais, e situándonos a só 60 votos de ser a 2ª forza máis votada. Isto ven a confirmar a tendencia ascendente que levamos desde o 2007 ao sermos os únicos que medramos nas últimas tres citas electorais.

GZ’09 GZ’05 XERAIS’08 LOCAIS’07
BNG 1.394 22,7% 935 15,9% +459 903 14,3% +491 1.224 19,4% +170
PP 3.056 49,8% 3.394 57,6% -338 3.266 51,9% -210 3.083 48,9% -27
PSdeG-PSOE 1.454 23,7% 1.484 25,2% -30 2.017 32,1% -563 1.768 28,1% -314

Ollando ao resto da nosa provincia somos o 3º concello en números absolutos, só por detrás de Ourense (9.348) e Allariz (1.972), e o que máis sobe en termos porcentuais daqueles nos que somos oposición.

Os bos resultados do noso concello non serven para mitigar a decepción polo acontecido a nivel nacional coa perda da posibilidade de repetir goberno na Xunta de Galiza. A baixada de 40 mil votos, coa conseguinte perda doutro escano no Parlamento, obriga a unha fonda reflexión no seo da organización e a replantexar políticas e estratexias de cara ao futuro e esa é unha laboura á que estamos chamados e na que debemos participar todas/os as/os militantes do BNG.

Fixéronse cousas ben e cousas mal, mais o balance en conxunto foi moi positivo para o País e debemos estar orgullosos diso e defendelo contra vento e marea. Como se ten dito nestes días o feito de que o PP gañase as eleccións non fai que as mentiras se convertan en verdade. Agora agárdannos catro anos difíciles nos que deberemos traballar con máis forza se cabe para manter as conquistas acadadas e impedir a volta atrás coa que ameaza o novo presidente en materias fundamentais como a lingua, os recursos naturais, a protección da nosa costa, o benestar, a educación, etc.

 Filed under: En destaque
25/02/2009

O BNG pédelle á empresa e aos traballadores un esforzo extraordinario para acadar un acordo que remate co conflito laboral

Os nacionalistas consideramos importante para A Limia, que ‘Vidriera del Atlántico’ manteña a súa actividade na comarca.

Para o BNG, non hai dúbida de que ‘Vidriera del Atlántico’ é unha empresa importante para A Limia, polo que é fundamental que siga mantendo a súa actividade, que xenera máis de 160 postos de traballo na nosa comarca. E por iso que, desde o BNG, facemos un chamamento tanto aos responsables da empresa como aos representantes dos traballadores para que fagan un esforzo extraordinario, para poder chegar a un acordo satisfactorio para as dúas partes, que poña fin ao actual conflito laboral.

Así mesmo demandámoslle ao conxunto das administracións públicas que fagan todo o posible por que este conflito se poida solucionar, ademais de facilitar que a actividade da empresa poida continuar e non se poña en perigo os postos de traballo. Neste sentido desde o BNG, avaliamos positivamente o compromiso da Consellería de Innovación e Industria de facilitar a chegada da rede de gas ate o Polígono Industrial de Xinzo de Limia, que sen dúbida pode contribuír a rebaixar os custes de produción de ‘Vidriera del Atlántico’.

Do mesmo xeito tamén consideramos importante a decisión de desenvolver unha nova fase do polígono, tomada por recentemente por XESTUR, o cal facilitará a instalación de novas empresas, así como a ampliación doutras que xa están en funcionamento como é o caso de ‘Vidriera del Atlántico’.

Co que non está de acordo o BNG e co papel que pretende xogar Isaac Vila, intentando erixirse no salvador desta situación, cando é precisamente el un dos principais responsables, pola nefasta xestión que fixo nun principio deste proxecto empresarial, que ten como consecuencia a actual situación, que pon en entredito a viabilidade económica de ‘Vidriera del Atlántico’.

Con todo o BNG ten decidido apoiar a manifestación convocada polos representantes dos traballadores, para o venres 28, ao entender que o que se demanda é a necesidade de acadar un acordo que permita rematar co conflito laboral, así como asegurar a continuidade da empresa na comarca de A Limia, pola importancia dos postos de traballo que xenera.

17/02/2009

Gz’09 Axenda de actos electorais do BNG de Xinzo

No pdf adxunto tedes o calendario de actos programados polo BNG de Xinzo para o desenrolo da campaña electoral das Eleccións Nacionais ao Parlamento de Galiza do vindeiro 1 de marzo. Na web electoral do BNG podedes estar ao día dos actos nacionais.

 Filed under: Axenda,En destaque
Páxinas: Anterior 1 2 3 ... 13 14 15 16 17 ... 21 22 23 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,193 segundos | Powered by WordPress