#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

17/02/2009

Asina o Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o Galego

20090217-manifestoconvivencia

As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

  1. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.
  2. A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.
  3. Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.
  4. O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.
  5. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.
  6. Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.

Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

Apoia o Manifesto coa túa sinatura

 Filed under: En destaque
12/02/2009

Arranca a campaña das Eleccións Nacionais ao Parlamento de Galiza do 1M

20090211-cabezallo-quin

Este xoves, 12 de febreiro, ás 24:00h arranca a campaña electoral das Eleccións ao Parlamento de Galiza do 1 de marzo. Os militantes e simpatizantes do BNG de Xinzo xuntarémonos na Praza Maior para a primeira pegada de cartazes. NON FALTES!!!

Para coñecer a candidatura e as propostas do BNG, estar ao día de toda a axenda de actos e achegar as túas propostas visita a nosa web de campaña www.bng-queremosmais.org

 Filed under: Axenda,En destaque
06/02/2009

O BNG de Xinzo presenta unha alegación á ordenanza fiscal nº7, que establece as novas taxas por saneamento e depuración, solicitando a súa derrogación parcial así como a nulidade da modificación do contrato coa concesionaria

En data 5 de febreiro de 2009 rexistramos no Concello unha alegación ao acordo plenario de 18/12/2008, mediante o cal se aprobaron as novas taxas por verquidos ás redes de sumidorios e depuración de augas residuais, establecendo unhas subas do 125% para os pobos do rural e do 25% para a vila, coa finalidade de propiciar un novo debate ao respecto e mesmo forzar e darlle outra oportunidade ao grupo de goberno do Partido Popular co alcalde, Isaac Vila, á cabeza, a fin de que poida rectificar unha decisión abusiva contra a veciñanza do noso Concello.

Debemos deixar claro que a postura deste grupo é a de que os servizos a prestar polos entes municipais, neste e noutros ámbitos, deben ser de calidade e levar aparelladas unhas taxas acordes cos mesmos, mais opómonos radicalmente a que, por culpa dunha mala xestión do Alcalde e do seu equipo de goberno, se incrementen indiscriminadamente e en porcentaxes descomunais, mesmo nunha época de crise como a que atravesamos.

Tamén nos opomos frontalmente ao que dende o Concello se pretende facer pasar como una “ampliación do contrato” á actual concesionaria que, lembramos, estará vixente ata o ano 2046, posto que tal decisión hipoteca calquera marxe de manobra do Concello en materia de xestión de auga e alcantarillado durante un período de tempo excesivamente longo, sen que nos convenzan para nada as contraprestacións recibidas a cambio. O BNG opúxose ao acordo plenario desta ampliación, por ser a orixe das novas taxas de Saneamento e Depuración que entendemos pouco xustificadas, alonxadas da realidade do mercado, xa que non son froito dunha concorrencia competitiva, e abusivas para a veciñanza como así o consideran os veciños e veciñas de Xinzo que apoian a nosa posición, tal e como o demostran as máis de 1.800 sinaturas recollidas no último mes.

As subas previstas non só son abusivas para a maioría das economías da xente de Xinzo, son ilegais, tanto a nivel tarifario como no tocante á ampliación do contrato. Polo que se refire as tarifas son ilegais por carecer dun estudo económico rigoroso que fundamente as novas taxas e, a prórroga do contrato con Aquagest non é legal por non cumprir a normativa contractual vixente. Procede pois, un estudo económico viable, serio, rigoroso que sirva de base a unhas tarifas racionais e procede tamén analizar a posibilidade de rescindir o contrato vixente coa xestora do servizo, despois dunha auditoría sobre o acaido cumprimento do contrato actual.

Para o BNG non hai máis opción que a convocatoria dun novo concurso público para a adxudicación destes servizos, pois consideramos que é tecnicamente viábel e contamos con estudos, elaborados polos nosos técnicos, que nos indican que suporía un considerable aforro (estimado nun 30%) xa que a avaliación económica que fundamenta a proposta do Alcalde do PP non conta con ningún informe independente que a respalde, é o resultado dunha sobrevaloración de custos e está convenientemente amañada para:

  • Subir as taxas de alcantarillado excesivamente.
  • Xustificar unha modificación do contrato con Aquagest, en vigor ata o ano 2046, sen necesidade de cumprir a normativa vixente.
  • Avalar unha “compensación” prevista de 1,5 millóns de euros en obras que non é crible, pois carece dun proxecto rigoroso elaborado por un técnico neutral que desglose as medicións, rezos de unidades de obra, partidas acaidas, definición dos lugares do investimento, etc. e carece tamén dun plan de prazos de execución e das garantías necesarias ao respecto.

Por todos estes motivos o Grupo Municipal do BNG esixe:

  1. A anulación do acordo plenario de 18 de decembro de 2008 polo que se modifica o obxecto do contrato de xestión vixente con Aquagest.
  2. A anulación de todas as obrigas adquiridas polo Concello como consecuencia desta modificación contractual, nomeadamente, a anulación parcial das modificacións introducidas na ordenanza fiscal nº7, Reguladora da taxa pola prestación dos servizos de sumidoiros e de tratamento e depuración de augas residuais.
  3. Unha auditoría sobre o grado de cumprimento pola empresa concesionaria do contrato vixente.
  4. Un estudo económico serio e riguroso que estableza unhas novas tarifas por saneamento e depuración e un plan plurianual para a súa entrada en vigor progresiva.
  5. Un novo concurso público, libre e aberto á concorrencia, para a adxudicación do servizo de saneamento e depuración.

Referencias:

26/01/2009

O BNG abre unha ‘Oficina de Apoio ao Cidadán’ para atender ás veciñas e veciños de Xinzo

20090126-pancarta-aoc

O Grupo Local do BNG de Xinzo anuncia a posta en marcha da Oficina de Apoio ao Cidadán que atenderá aos veciños e veciñas nas súas reclamacións, dúbidas, peticións e calquera outra cuestión que atinxa ao ámbito municipal. Estará ubicada na Rúa Río Arnoia, 14 – Local 18 (Multicentro, 1ºandar) de Xinzo e abrirá ao público os mércores e venres en horario de 19:30h a 21:00h. Esta oficina nace coa vontade de achegar aos veciños e veciñas toda a información, iniciativas e medios dos que dispón o Grupo Local do BNG, cos seus concelleiros á cabeza, para tratar de orientar e solventar do xeito o máis acaido posíbel os problemas de toda índole que se nos presenten.

Adicionalmente, tamén habilitaremos un espazo diferenciado na nosa web no cal ofreceremos información de interese para os veciños e abriremos unha canle para atender as peticións que nos fagan chegar por esta vía, dándolle deste xeito un novo pulo á nosa presenza na rede, pioneira na Limia, e que ven tendo continuidade desde o ano 2003.

A través destes dous medios (oficina e web), a veciñanza de Xinzo terá ao seu dispor toda a información relativa a cuestións e previsións municipais, iniciativas e mocións presentadas e, ademais, poderán facernos chegar as súas inquedanzas, problemas puntuais, reclamacións, suxestións, etc. En definitiva, coa Oficina de Apoio ao Cidadán trátase de artellar unha ferramenta útil ao servizo da cidadanía limiá.

09/01/2009

O BNG de Xinzo denuncia a descarada inoperatividade da Concellaría de Cultura ao renunciar á organización do Entroido 2009

Ante a perplexidade manifesta de diferentes ámbitos e axentes da cultura, animación sociocultural, asociacionismo e da cidadanía limiá en xeral tralo anuncio do Grupo de Goberno do PP da cesión da organización do Entroido 2009 a unha asociación de mulleres rurais “por motivos de operatividade”, o BNG de Xinzo manifesta a súa fonda preocupación polo correcto desenvolvemento da Festa, ao tempo que denuncia a descarada inoperatividade da Concellaría de Cultura ao eludir a responsabilidade da organización directa dun acontecemento cultural de primeira magnitude, auténtico emblema identitario do noso pobo e o único entroido do Estado español recoñecido de “Interese Turístico Nacional”, deixándoo nas mans dunha asociación de mulleres rurais sen ningún tipo de experiencia na xestión e na loxística deste tipo de eventos.

Esta actitude do Grupo de Goberno do PP, que mesmo raia no kafkiano ao renunciar ao orgullo e á satisfacción de capitalizar o desenrolo dun evento destas características non asumindo un proxecto cultural ambicioso, deixa de manifesto a deriva á que está condenada despois de tres décadas, non só a organización do Entroido, senón tamén o conxunto da xestión municipal que hoxe ofrece unha mostra máis da obsoleta inercia de fin de ciclo de bombo, platillo e charanga.

20/12/2008

O BNG continuará a mobilizarse para protestar polo novo canon de saneamento e iniciará unha recollida de sinaturas en todos os núcleos do concello

Fotos no flickr

Logo do éxito da convocatoria de concentración na Praza de hoxe que serviu para constatar o malestar e rexeitamento entre os veciños de Xinzo provocados pola medida aprobada polo “goberno popular” do Concello no Pleno do día 18 de decembro e que vai representar unha suba media dun 27% na vila e de máis dun 120% no rural como consecuencia da implantación con carácter xeral dun novo canon de saneamento para pagar o mantemento do servizo concedido á empresa Aquagest sen ningún tipo de concurso e sen mediar un estudo rigoroso ou valoración de outras posíbeis ofertas, o Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo anuncia que continuará coas mobilizacións e desenvolverá unha campaña informativa e de recollida de sinaturas en todos os pobos do Concello para facerllas chegar ao equipo de goberno antes da celebración do vindeiro pleno.

Outra volta máis, a falla de previsión e a absoluta despreocupación polos intereses municipais do alcalde, Isaac Vila, e do seu grupo de goberno bipartito van facer que a xestión do servizo de mantemento das depuradoras e da rede de alcantarillado estea en mans dunha empresa privada, Aquagest, durante os próximos 30 anos, hipotecando a xestión de todas as vindeiras corporacións e asegurando á empresa un volume de facturación garantido de máis de 34 millóns de euros de hoxe, que terán que saír dos petos de todos os veciños e veciñas de Xinzo, ofertando a cambio 1,5 millóns de euros que xestionará o noso alcalde actual e que poderán servir de remendo de final de ciclo e de remate dunha longa e desastrosa vida política á fronte do Concello de Xinzo.

Referencias:

15/12/2008

O BNG de Xinzo presenta unha moción para que unha porcentaxe do Fondo Estatal de Investimento Local destinado ao noso concello se invista en obras no rural

Dentro do Fondo Estatal de Investimento Local ao Concello de Xinzo da Limia correspóndenlle un máximo de 1.773.776€ a investir en obra nova non contemplada no orzamento de 2009.

O BNG considera que debe ser o Pleno da Corporación municipal quen formule esa proposta de obras e que se debe aproveitar o financiamento derivado deste plan para poñer en marcha actuacións que permitan asentar e mellorar os servizos públicos, desenvolver obras e actuacións para apoiar os nosos sectores económicos básicos, mellorar as condicións de vida no rural, recuperar e poñer en valor o noso patrimonio e estender e ampliar a rede de servizos sociais como mellor arma de cubrir as necesidades dos que máis o necesitan en épocas de crise como a que vivimos.

Por isto vimos de presentar unha moción solicitando que sexa a Comisión de Urbanismo e Obras a que estude a relación de proxectos a financiar dentro do plan e que unha porcentaxe do fondo se destine especificamente a obras no rural do noso concello. Paralelamente tamén presentamos un escrito cunha proposta de 20 obras de diversa índole para a súa consideración na citada Comisión, entre elas recollemos melloras de diferentes espazos públicos urbanos e rurais, recuperación e posta en valor de patrimonio histórico, mellora na rede de saneamento, construción do Conservatorio, etc.

Ligazóns:

Referencias:

11/12/2008

Anxo Quintana presenta en Xinzo a Estación da ITV aprobada pola Consellaría de Innovación e Industria

Fotos no flickr

Hoxe, o Vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, estivo en Xinzo para asistir ao comezo das obras da nova estación da ITV, que estará funcionando para o vrao do vindeiro ano. Este era un servizo longamente anhelado e reclamado polo Bloque de Xinzo que agora foi posíbel grazas á implicación e apoio da Consellaría de Innovación e Industria, xestionada polo BNG, receptiva aos argumentos que nós defendiamos e que apostou pola capitalidade da Limia para ubicar unha estación permanente que tamén reclamaban outros concellos ourensáns.

Como dixo o Vicepresidente, a ubicación na Limia responde a “criterios obxectivos e de xustiza”, como defendiamos dende o BNG de Xinzo nas dúas últimas citas electorais municipais e como reflectimos na moción que presentamos no Pleno Municipal do 24 de abril de 2008 (e que foi aprobada por unanimidade). O noso concello e a súa área de influenza dispoñen do maior parque de maquinaria agrícola de todo o país e, con este servizo, os nosos agricultores non terán que desprazarse a Ourense ou Verín nin agardar longas ringleiras na sempre ateigada lista de espera da ITV móbil que nos visitaba periodicamente.

Outra volta máis o BNG amosa con feitos o seu compromiso coa Limia e co seu tecido produtivo e materializa sobre o terreo as súas propostas e reivindicacións dos últimos anos. No futuro seguiremos a traballar pola nosa comarca e polas súas xentes para situala no lugar que lle corresponde no mapa sociopolítico e económico de Galiza.

Documentos:

Referencias:

Ligazóns:

 Filed under: En destaque,Multimedia
Páxinas: Anterior 1 2 3 ... 15 16 17 18 19 20 21 22 23 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,193 segundos | Powered by WordPress