#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

28/11/2008

O BNG destaca que o Plan Sectorial de Vivenda aporta ao Concello de Xinzo vivenda protexida cun investimento de preto de 2,75 millóns de euros con novas zonas verdes e equipamentos

O proxecto deseñado pola Consellaría aportará a Xinzo novos equipamentos e zonas verdes, creando espazos públicos de calidade dos que tan necesitados estamos, daralle unha solución á beira do Río Limia nese tramo e materializará as previsións do Plan de Urbanismo en vigor completando o desenrolo dunha zona estratéxica da vila, nas inmediacións do Colexio Rosalía de Castro e da Galescola, acabando coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos. A aposta pola calidade na ubicación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto ás familias con rendas medias como ás necesitadas, será exemplo do novo urbanismo ao servizo da xente que sempre defendeu o BNG, e que neste caso se traducirá en 11.500m2 de zonas verdes e máis de 2.000m2 dotacionais nos que se poderán ubicar no futuro equipamentos sociais, deportivos ou culturais.

Ligazóns:

20/11/2008

Noraboa, Emilio!

O noso compañeiro do BNG de Xinzo, Emilio-Xosé Rodríguez, foi nomeado esta semana novo Xerente de Xestur. Os integrantes do Grupo Local de Xinzo estamos certos de que levarás adiante unha laboura eficaz e ao servizo de Ourense, de Galiza e da Limia facendo País desde a túa nova responsabilidade como xa fixeches (e seguirás a facer) dentro do noso grupo á fronte da Área de Economía. Desexámosche moita sorte e sempre contarás co apoio e alento dos militantes de Xinzo. Noraboa, Emilio!

 Filed under: En destaque
20/10/2008

O BNG de Xinzo denuncia que a celebración do Salón Monográfico da Pataca paralizará as actividades no Pavillón de Deportes durante dúas semanas

A celebración do Salón Monográfico da Pataca (24-25-26 de outubro) suporá a paralización de todas as actividades (deportivas, de animación sociocomunitaria, ximnasia de mantemento, aerobic, ligas de distintos deportes e niveis, ligas de veteranos, etc.) que acolle o Pavillón Municipal de Xinzo durante 15 días, xa que este é o tempo que precisarán a montaxe, celebración e desmontaxe do devandito salón monográfico.

O BNG denuncia a falla de previsión do grupo de goberno ‘popular’ e a descoidada organización deste tipo de eventos sectoriais a costa de paralizar toda a programación que centraliza o Pavillón, sobor de todo cando se podían procurar alternativas como era a posibilidade de negociar coa Consellería de Educación, a través da Delegación Provincial, o traslado provisional de toda esta actividade aos Pavillóns dos I.E.S. Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía, o cal non se fai por simple falla de motivación e de ideas.

Coa intención de paliar esta situación e os perxuízos dela derivados o Grupo Municipal do BNG de Xinzo presentará unha iniciativa no Concello instando ao Sr. Alcalde a que tome con carácter urxente as medidas oportunas para trasladar a unha ubicación alternativa todas estas actividades e, de non ser posíbel, acelerar todos os traballos para que o pavillón permaneza inutilizado o menor tempo posíbel.

O BNG de Xinzo proporá unha alternativa para dotar o premio do Cartel do Entroido 2009

O recente anuncio por parte da Concellaría de Cultura do Concello de Xinzo da eliminación da dotación económica (600€) do Concurso do Cartel promocional do Entroido debido á mala situación económica crónica, supostamente agravada pola crise da globalización, ademais de resultar incríbel e ata ridícula, é un síntoma inequívoco do cansazo, hastío, falla de motivación e creatividade que amosan, sen prexuízo algún, o Grupo de Goberno do PP.

Desde o BNG de Xinzo pensamos que unha manifestación cultural desta envergadura, festa declarada de Interese Turístico Nacional, merece todos os esforzos, toda a ilusión e toda a vontade posíbeis, e por ilo proporemos, como medida paliativa deste despropósito, que a dotación económica deste Premio se faga con cargo á partida do orzamento destinada a pagar aos altos cargos por asistencias a órganos corporativos ou adicacións exclusivas, deste xeito poderemos ofertar unha cantidade atrainte que poida mellorar o nivel artístico dos últimos anos sen sobrecargar as depauperadas arcas municipais.

Renunciar á procura da excelencia para unha das nosas sinais culturais e identitarias máis singulares, como é o Entroido, primando o mellor traballo, o mellor artista que plasme, sintetice e divulgue a nosa festa, é cando menos ofensivo e ata obsceno, e sen dúbida, sinal clara do estado de fin de ciclo no que o goberno do PP de Xinzo se atopa. Un grupo de Goberno así, ancorado na desmotivación absoluta, no lucro inerte e na rutina institucional máis estéril posúe o grande risco de lastrar con estas mesmas condenas o futuro do seu Concello, e sen dúbida, desde esta desoladora perspectiva só cabe albiscar unha nova fronteira, un cambio de ciclo, unha opción de mellora.

18/08/2008

O BNG de Xinzo insta a limpeza das ribeiras do Limia a prol da Festa do Esquecemento

Fotos no flickr

Ante a inminente celebración da VIII Festa do Esquecemento os vindeiros dias 22, 23 e 24 de Agosto e sendo as ribeiras do río Limia, anexas aos Parques do Toural, un dos espazos máis representativos e centrais da Festa (Paso do Río) e dada a deplorábel situación na que se encontran en canto a lixo, maleza silvestre e falla de limpeza e conservación tanto das ribeiras como das augas, o BNG de Xinzo insta ao Grupo de Goberno perante escrito rexistrado nesta data a que se adopten as medidas pertinentes para que se leve a cabo tanto a limpeza do abundante lixo e basura das ribeiras, como da maleza agreste incontrolada, así como na medida do posíbel, a da superficie da auga desa zona do Limia que ofrece unha imaxe de descoido e desidia total.

 Filed under: Ao día,En destaque
14/08/2008

Exposición itinerante ‘Transformando Galiza’: Tres anos traballando polo País desde o goberno da Xunta

Fotos no flickr

O xoves 14 de agosto, na Alameda do Toural de Xinzo, comezou o percorrido por todo o País da exposición “Transformando Galiza”, unha iniciativa a través da cal o BNG pretende dialogar coa sociedade galega e amosarlle o traballo das consellarías nacionalistas na Xunta de Galiza durante estes tres últimos anos.

Nesta ocasión contamos coa presenza de diversos representantes institucionais do BNG, comezando polo Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, quen aproveitou para lembrar e reiterar a aposta decidida do Bloque Nacionalista Galego pola Limia como unha das principais comarcas agrícolas do País con proxectos e iniciativas como o Banco de Terras, o Plan Especial de Infraestruturas, o Plan de Regadío, as axudas á incorporación á agricultura dos mozos e mozas, etc.

Outros cargos do Bloque que tamén se achegaron ata Xinzo foron Tereixa Paz, Vicepresidenta do Parlamento, Xosé Manuel Pérez Bouza, Senador, Xosé Rodríguez Cid, Delegado de Medio Rural, Bieito Seara, Director Xeral de Acción Social, ademáis de alcaldes e concelleiros doutros concellos limiáns, todos eles acompañados do noso portavoz Amador Díaz.

Referencias:

 Filed under: En destaque
22/07/2008

“A sedución do Progreso”. Emigración e Problemáticas do Retorno

Fotos no flickr

neno-estrela

Xoves, 24 de xullo
PRAZA DE SAN ROQUE

Este acto plantéxase en espazo urbano público con formato aberto á percepción fraccionada e con vontade expositiva e paliativa dos baleiros e das diacronías socioculturais que conleva o fenómeno da Emigración.

22:00h – Conferencia: “Dereitos Políticos da Emigración, Problemáticas do seu exercício”.
Iago Tabarés Pérez-Piñeiro (Avogado, Deputado do Parlamento Galego polo BNG é Responsábel da Área de Emigración)

22:30h – Presentación da obra “Psicopatoloxía do Retorno”.
Alexandre García-Caballero (Ensaista, Especialista en Psiquiatría e Doutor en Mediciña. Autor de numerosos artigos sobre avaliación cognitiva, obtivo o Premio Cabaleiro-Goás do Colexio de Médicos de Ourense e o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio pola coautoría de Psicopatoloxía do retorno (2007).

23:00h – Proxección do documental “Berlín 1927, Sinfonía dunha cidade”.
Presentación e Banda Sonora de Alberto Nóvoa (Avogado e Compositor).

24:00h. Coloquio e peche.

Organiza:
* BNG de Xinzo. Áreas de Cultura e Igualdade.

Colaboran:
* Concello de Xinzo de Limia. Concellaría de Cultura.
* Agrupación Musical da Limia.

21/07/2008

As Festas de Santa Mariña 2008 en Xinzo rematan con máis pena que gloria

Trala celebración das Festas da Santa Mariña é necesario facer un detido balance que debería concluír cunha fonda reflexión sobre a idoneidade duns festexos caracterizados pola manifesta percepción dun impacto negativo tanto na cidadanía coma nos sectores do Comercio, do Turismo e da Hostalaría. Para o BNG de Xinzo os resultados acadados distan moito dos esixíbeis á que debería ser unha das manifestacións lúdico-culturais máis importantes do calendario anual limián e unha das prioridades na programación da Concellaría de Cultura.

A aposta obstinada, carente de calquera estratexia cultural, polo recurso manido de “orquestra-sesión-vermú” como eixo central de toda a programación esixe unha sangría orzamentaria cuantiosísima que non está a acadar, nin de lonxe, a animación festiva, o rendemento de lecer e cultural que precisa unha vila coa entidade de Xinzo, máxime cando debía aspirar a converterse no referente turístico e comercial, así como na capital real da Limia.

(more…)

Páxinas: Anterior 1 2 3 ... 15 16 17 18 19 20 21 22 23 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

210 queries - 0,197 segundos | Powered by WordPress