#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

20/06/2008

Integraliza: Fútbol pola integración

Fotos no flickr

Domingo, 22 de xuño. 18:00h. Campo de fútbol de Piñeira
Piñeira, F.C. – Selección marroquí

Organizado polas áreas de Igualdade e Cultura do Grupo Local do BNG celebrarase un acto inédito ata o de agora no Concello de Xinzo. Trátase da celebración dun partido de fútbol entre o Piñeira, F.C. e unha selección marroquí, formada por cidadáns desta nacionalidade residentes en Xinzo.

Ao inicio lerase un manifesto conxunto en árabe e galego a favor da integración e da multiculturalidade.

Referencias:

 Filed under: En destaque,Multimedia
06/06/2008

Crónica da cea-presentación da nova estrutura do BNG de Xinzo

foto-presentacion

Fotos no flickr

Máis dun centenar longo de persoas nos xuntamos no Europa para asistir ao acto de presentación da nova estrutura organizativa do Grupo Local do BNG de Xinzo. Non se trata só dunha ferramenta de traballo analítico interno senón que tamén, e ante todo, é un xeito de visibilizarse ante a cidadanía como o recurso máis axeitado para a recepción da súa problemática diaria e futura e como un bo medio para crear e consolidar dinámicas sociais interactivas.

Ao rematar a cea Alba Feixóo (Galiza Nova), Xosé-Lois Carreira (Responsable local), Amador Díaz (Portavoz municipal) e Anxo Quintana (Portavoz Nacional) dirixiron unhas verbas aos asistentes.

 Filed under: En destaque,Multimedia
09/05/2008

Crónica do Acto polo “Dereito a vivirmos en Galego”

20080509-galego-intro.jpg

Hoxe xoves, na Casa de Cultura de Xinzo, tivemos a ocasión de celebrar un acto aberto, enmarcado na celebración do Día das Letras Galegas, co cal quisemos poñer de manifesto algo que, nun país normalizado debería ser algo evidente e irrenunciábel, o noso dereito a vivirmos en galego.

Contamos coa participación de Tereixa Paz, Delfín Caseiro, Xosé Manuel Cid, Lois Martínez Risco e Francisco Xosé Rei quenes nas súas intervencións fixeron un percorrido pola situación actual do noso idioma dende puntos de vista personais e profesionais. A todos eles lles queremos agradecer dende aquí o esforzo de achegarse ata Xinzo, o cal para nós foi un auténtico privilexio.

Como conclusión, logo de escoitar aos intervintes, confirmamos a idea de que o noso idioma vive unha situación de excepción e é perseguido e atacado na súa propia terra, algo inexplicábel dente calquera perspectiva e contra o que se debe loitar día a día, non só dende as institucións públicas, se non coa aportación individual de cada galego. Non podemos permitirnos o luxo de prescindir dun elemento tan singular como é a nosa lingua, a nosa aportación particular ao coñecemento humano, unha xoia froito de séculos de historia, a mellor ferramenta para expresar as nosas vivencias, a nosa Cultura e a realidade do noso País, e que temos a obriga de transmitir aos nosos fixos.

A continuación tés uns pequenos cortes coas intervencións de varios convidados. Pedimos disculpas porque a calidade de imaxe non é todo o boa que sería desexable, mais consideramos que o interese da mensaxe paga a pena.

1. Presentación de Xosé-Lois Carreira, Responsable Local do BNG de Xinzo.

2. Intervención de Francisco Xosé Rei, da Mesa pola Normalización Lingüística.

3. Intervención de Delfín Caseiro, Escritor.

En galego, porque é o TEU dereito.

 Filed under: En destaque,Multimedia
06/05/2008

O BNG reclama unha solución ao problema de augas residuais na Rúa Rosalía de Castro

No BNG de Xinzo tivemos coñecemento de que na Rúa Rosalía de Castro, esquina coa Rúa Ladeira, desta vila están a verquerse directamente á vía pública augas fecais procedentes dos edificios de vivendas próximos, feito que se produce dende o pasado xoves, día 1 de maio.

Estes feitos foron postos en coñecemento do Concello sen que, ata o momento, se tomase medida reparadora algunha, máis ben ao contrario, dende o Grupo de Goberno do PP considerouse que a responsabilidade de amañar o problema era dos propios veciños dos inmobles afectados.

Diante do risco claro que isto representa para a saúde ao tratarse dunha rúa céntrica cun tránsito frecuente de peóns e atoparse o punto do verquido a escasos metros dun centro escolar ao que acoden a diario centos de nenos e nenas de corta idade, puxemos os feitos en coñecemento da Consellería de Sanidade para que avalíe a situación e actúe en consecuencia.

Dende o BNG reclamamos do Alcalde e do Concelleiro de Medio Ambiente que respondan con dilixencia e, tendo en conta que se está a afectar unha vía pública, se actúe inmediatamente dende o Concello para poñerlle remedio ao problema, adiando para un momento posterior a determinación das responsabilidades para, se é o caso, esixirllas aos causantes.

Referencias:

04/05/2008

Campaña polo “Dereito a vivirmos en Galego”

20080505-tarxeton-18maio.jpg

O vindeiro luns, día 5, ás 11:00h, no Salón de Actos da Casa do Concello de Vilar de Santos, o BNG da comarca de A Limia-Allariz-Maceda vai facer unha comparecencia ante os medios de comunicación para presentar a programación da campaña en defensa do idioma galego que imos desenrolar co gallo da celebración do Día das Letras. A esta comparecencia pública estades convidados a asistir todos.

Axenda na Limia:

Xoves 8, ás 20:00h, na Casa de Cultura de Xinzo de Limia
Acto público ‘Polo dereito a vivirmos en galego’, coa participación de Tereixa Paz, Delfín Caseiro, Xosé Manuel Cid, Lois Martínez Risco e Francisco Xosé Rei.

Sábado 17, ás 12:00h, na Praza Maior de Xinzo de Limia
Acto público ‘Polo dereito a vivirmos en galego’, consistente na lectura de textos de autores galegos.

Lembrámosche tamén a manifestación en defensa do noso idioma convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística o Domingo 18, ás 12:00h, na Alameda de Santiago de Compostela.

Ligazóns:

Referencias:

 Filed under: Axenda,En destaque
25/04/2008

O BNG rexeita a moción do PP contra as Normas do Hábitat

O BNG de Xinzo lamenta a irresponsábel actuación promovida polo Partido Popular coa presentación dunha moción polo trámite de urxencia no Pleno celebrado o pasado xoves 24 onde se solicitaba a Derrogación do actual Decreto das Normas do Hábitat Galego.

Desde o BNG de Xinzo acláraselle ao PP que a Lei do Hábitat Galego fíxose pública mediante Decreto do 20 Decembro 2007, tras dous anos de redacción. Trátase dunha norma onde se prima a humanización e a habitabilidade fronte á especulación e o urbanismo agresivo en colmea. É unha iniciativa europeísta con forte implantación na meirande parte dos países da Unión Europea (incluído Portugal) polo que, desde o BNG de Xinzo denunciamos a demagóxica, irresponsábel e falta de sensibilidade postura do medo e do atraso do noso Goberno Municipal nunha cuestión onde, si algo se prioriza, é a procura dunha maior calidade de vida e servizos para a cidadanía, cousa que dende logo o PP de Xinzo parece non ter coma obxectivo.

Referencias:

23/04/2008

O BNG denuncia que o grupo de goberno asígnase un “soldo fixo camuflado” nos orzamentos do 2008

No Pleno de mañá xoves o Alcalde, Isaac Vila, e o grupo de goberno do PP pretenden aprobar un incremento nas retribucións para altos cargos que pasarían de 90€ a 150€ (300€ no caso do Tenente de Alcalde) por asistencia a órgano colexiado (xuntas, comisións e plenos). Isto, na práctica, supón a asignación dun “soldo mensual encuberto” para os concelleiros que integran a Xunta de Goberno Local. Segundo os noso cálculos, baseados no número de reunións que se celebran mensualmente, suporá para os veciños e veciñas de Xinzo un desembolso mensual de 3.750€, dos cales 1.500€ corresponderán ao Tenente de Alcalde e 750€ a cada un do resto de concelleiros integrantes da Xunta de Goberno. A estas cuantías hai que sumar as asistencias a Comisións Informativas, Plenos e Xuntas de Portavoces que poden supoñer uns 200€ mensuais adicionais de media.

Nota: Na comunicación orixinal que se distribuiu por email figuraba que o anterior importe que se cobraba por asistencia a órgano corporativo era de 60€ cando en realidade son 90€. Lamentamos e pedimos disculpas por este erro que xa foi corrixido no documento que acompaña a esta entrada.

Referencias:

09/04/2008

O BNG reclama do alcalde solucións ás deficiencias na depuración de augas residuais en Parada de Ribeira

20080409-depuradora-parada.jpg

Fotos no flickr

O BNG de Xinzo considera incríbel e irresponsábel que se invistan os recursos dos cidadáns en construír infraestruturas ás que logo non se lle tira partido e quedan abandonadas ata que as queixas dos veciños ou un momento de lucidez dalgún responsable municipal as rescatan do esquecemento.

Este é o caso da depuradora de Parada de Ribeira que denunciaba hai uns días a asociación de veciños ‘Muíño da Lama’. Despois de dous anos da súa instalación aínda non está operativa a día de hoxe, dándose ademais a circunstancia agravante de que a fosa séptica existente fai moitos meses que rebasou a súa capacidade, verquendo residuos que provocan o asolagamento e contaminación dos camiños e regatos circundantes co risco que isto conleva para a saúde dos veciños. Estes feitos foron postos en coñecemento dos responsábeis do Concello no verán do 2007 sen que tomaran ningunha medida encamiñada a corrixir esta grave situación medioambiental.

Dende o BNG reclamamos do Alcalde e do Concelleiro de Medio Ambiente que non falen de ‘oídas’, deixen de ‘pasarse a pelota’ entre eles e adopten solucións inmediatas para este problema. Animamos ao señor Vila a que patee o concello a pé de rúa e faga unha avaliación da calidade dos servizos básicos aos que, se supón, teñen dereito as veciñas e veciños a estas alturas do século XXI.

Referencias:

Páxinas: Anterior 1 2 3 ... 15 16 17 18 19 20 21 22 23 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,202 segundos | Powered by WordPress