#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

02/04/2008

O BNG solicita ao alcalde que solucione o problema coa empresa responsable do ascensor para minusválidos do Colexio Rosalía de Castro

No día de hoxe tivemos coñecemento de que o servizo de ascensor para minusválidos do Colexio Rosalía de Castro de Xinzo corre risco de desaparecer xa que o Concello, que é o encargado de sufragar os gastos de mantemento anual do mesmo, leva sen aboar as cuotas correspondentes do contrato coa empresa responsable (Zardoya Otis, S.A.) todo o ano 2007 e o que vai de 2008. A empresa xa comunicou desde a súa central en Madrid que, se o Concello non se pon ao día nos pagos pendentes, deixarán de atender ao seu mantemento e terán que dar traslado a Industria para que proceda a precintar o aparato.

No Consello Escolar existe inquietude e dirixíronse ao Concello ao respecto, xa que deste ascensor se benefician varios alumnos minusválidos, e tamén aqueles que teñen algunha lesión, co cal o feito de suprimilo impediríalles, ou no mellor dos casos dificultaríalles, asistir ás clases.

Descoñecemos se se trata dun simple problema administrativo ou é que a pésima situación económica do Concello tocou fondo e xa non se poden nin atender os servizos máis básicos. En calquera caso dende o BNG de Xinzo amosamos a nosa preocupación pola situación e emprazamos ao noso rexedor, Isaac Vila, a que solucione o problema o máis axiña posible para que as nenas e nenos non sufran as consecuencias.

Referencias:

31/03/2008

Os veciños de Parada denuncian ao Concello por un “atentado contra o patrimonio” polo caso do muro da igrexa do pobo

Fotos no flickr

A indignación dos veciños é grande pola deixadez e inoperancia do Concello e máis do alcalde á hora de devolver ao seu estado orixinal o muro que arrodea a igrexa do pobo logo de derrubalo hai un ano para efectuar labouras de desbroce.

A secuencia dos feitos é a seguinte:

  • Abril de 2007: O Concello derruba 4 metros do muro que conforma o Diestro da igrexa de Parada coa excusa do desbroce diante da petición (segundo din) dun veciño que non saben determinar. Non piden ningún tipo de permiso nin cursan ningún tipo de habilitamento de Patrimonio (dado que é un ben cultural do s.XVIII) nin do Bispado de Ourense (o propietario da finca, rectoral e Igrexa) nin, por suposto, informan a naide no vecindario.
  • Verán do 2007: Fúndase a Asociación ‘O Muiño da Lama’ diante do abandono xeralizado e o deterioro evidente que sufre o término municipal. Unha das primeiras iniciativas que toma é a de esixirlle ao Concello responsabilidades na restauración do muro.
  • Marzo de 2008: Despois de casi un ano de absoluto pasotismo municipal ‘O Muiño da Lama’ pon en coñecemento do Bispado a situación, constatando o seu total descoñecemento do asunto e un considerable enfado polo atentado patrimonial e contra a propiedade.
  • Abril de 2008: O alcalde declara aos medios que a culpa é da Asociación porque non deixou restablecer o dito muro ao Concello, é dicir, culpa a quen pide solucións.

Dende o BNG desexamos manifestar a nosa solidariedade e apoio aos veciños de Parada e reclamamos do alcalde a inmediata reparación deste muro e que, dunha vez, cesen os atentados ao noso patrimonio histórico e cultural.

Referencias:

 Filed under: En destaque,Multimedia
12/03/2008

O BNG iguala en Xinzo os seus mellores resultados nunhas Xerais

Despois de cada proceso electoral é imprescindíbel facer un alto no camiño, analizar os resultados e tirar conclusións en positivo que axuden nas accións e estratexias do futuro.Nesta táboa podes ver os resultados das eleccións en Xinzo e a comparativa ao respeito das anteriores Xerais de hai catro anos:

X’08: Resultados Congreso. Xinzo de Limia
  2008 2004 Inc.
BNG 903 14,36% 631 9,99% +272 +43%
PP 3.266 51,94& 3.800 60,17% -534 -14%
PSdeG-PSOE 2.017 32,08% 1.547 25,50% +470 +30%

No BNG confirmamos a tendencia á alza que se iniciou nas Municipais do ano pasado e fomos quen de subir 272 votos respecto ao 2004 igualando o mellor resultado histórico en Xinzo. Esta suba ten o mérito de producirse no marco dunhas eleccións que non nos favorecen, cun escenario fortemente polarizado entre as dúas forzas maioritarias a nivel estatal e cun BNG que mantivo en Galiza os resultados de hai catro anos.

Pola súa banda, o PP colleita un dos seus peores resultados co descenso dun 14% de votos e o PSdeG-PSOE recolle os froitos da xestión do goberno e incrementa sensiblemente os seus apoios.

 Filed under: En destaque
03/03/2008

O BNG esixe responsabilidades políticas polo atentado ecolóxico acontecido en Faramontaos

20080303-carballo

Ver todas as fotos no flickr

O pasado venres, 29 de febreiro, unha empresa particular que, segundo as nosas informacións, actuou seguindo instrucións do Concello, invadiu unha propiedade particular e arrincou de raíz varios carballos de considerable envergadura e máis de 30 anos de idade. A motivación, ao parecer, foi que estas árbores secaban unha fonte próxima, o cal carece absolutamente de fundamento xa que, de todo o mundo é sabido que os carballos estenden o seu sistema radicular en superficie e este en ningún caso afecta á capa freática xa que está nun nivel inferior ao das raíces das árbores.

A secuencia cronolóxica dos feitos é a seguinte:

  1. Na semana pasada o PP celebrou un acto electoral no pobo de Faramontaos no que dous veciños lle solicitaron arrincar as árbores próximas á “Fonte da Pía” argumentando que eran as causantes de que esta non tivera auga.
  2. Sen ningún tipo de informe técnico, sen solicitar o preceptivo permiso dos propietarios e invadindo propiedade privada consumouse un atentado ecolóxico de consecuencias irreparables.
  3. Estes feitos poñen de manifesto, unha vez máis, o xeito de actuar do noso alcalde, Isaac Vila, e do Partido Popular quen, por conseguir media ducia de votos non dubidan en estragar irreparablemente o noso medio natural, brincando por riba dos máis básicos dereitos individuais dos cidadáns e dos trámites legais e administrativos elementais.
  4. Dende o BNG de Xinzo da Limia valoramos os feitos acontecidos como de máxima gravidade e xa diriximos un escrito ao Concello solicitando toda a información sobre o particular. Ademais esixiremos responsabilidades políticas inmediatas, independentemente das consecuencias que pola vía civil ou penal se poidan derivar das denuncias que o propietario afectado presentou diante das autoridades competentes.

Referencias:

25/02/2008

Contigo, A Limia decide!

20080224-alimia-decide.jpg
As Eleccións ao Parlamento do Estado son tan importantes para nós coma, poñamos por caso, as Autonómicas ou as Municipais. Nun Estado que conserva aínda grandes competencias sobor moitos dos temas que nos atinxen é importante que A Limia, Ourense e Galiza teñen peso e fagan ouvir a súa voz sen dependencias foráneas e sen ‘paracaidistas’ que nos veñen pedir o voto cada catro anos para logo esquecerse de nós e obedecer as consignas que lle dean os cabecillas dos seus respeitivos partidos.

Por moitos motivos ti decides, A Limia decide!

 Filed under: En destaque
22/02/2008

Axenda de campaña

Logo do pistoletazo de saída coa pegada de cartaces este xoves xa estamos metidos de cheo en campaña. A seguido tés a programación de actos políticos previstos para o noso concello.

Sábado, 23
20:00h – Piñeira Seca

Domingo, 24
Saída da misa – Boado
Saída da misa – Solveira

Luns, 25
19:30 – Trandeiras
20:00 – Pena

Martes, 26
20:00 – Morgade, con Xosé Manuel Pérez, Candidato ao Senado.

Mércores, 27
12:00 – Acto Público en Xinzo, con Iago Tabarés.
19:30 – Ganade
20:00 – Lamas, con Xosé Manuel Pérez, Candidato ao Senado.

Xoves, 28
19:30 – Casas da Veiga
20:00 – Mosteiro

Venres, 29
19:30 – Laroá
20:00 – San Pedro

Sábado, 1
19:30 – Paredes
20:00 – Rebordechá

Domingo, 2
Saída da misa – Gudín
Saída da misa – Faramontaos
17:00 – Parada de Ribeira, con Tereixa Paz e Francisco García.

Luns, 3
19:30 – Seoane
20:00 – Fiestras

Martes, 4
20:30 – Mitin central en Ourense, con Iago Tabarés, Tereixa Paz e Anxo Quintana.

Mércores, 5
19:30 – Guntimil
20:00 – Gudes

Xoves, 6

Venres, 7
20:00 – Casa da Cultura de Xinzo.
Mitin de Peche de Campaña.
Iago Tabarés, Candidato ao Congreso dos Deputados.
Alfredo Suárez Canal, Conselleiro do Medio Rural.

22:00 -
Festa Peche de Campaña.
Organiza: Galiza Nova.

En todos os actos públicos falarán: Amador Díaz e Ramiro Rodríguez, Concelleiros do BNG no Concello de Xinzo.

 Filed under: En destaque
20/02/2008

Eleccións Xerais 2008

iagotabares

Este xoves comeza a campaña para as Eleccións Xerais do 9 de marzo. Se unhas eleccións ao Parlamento do Estado sempre teñen trascendencia, estas son especialmente importantes porque cun PP totalmente escorado cara a extrema direita e con nulas posibilidades de acadar o poder e co PSOE lonxe da maioría absoluta, a forza e a representatividade do BNG en Madrid serán determinantes á hora de defender e loitar polos intereses de Galiza. É tempo de abrir os ollos e facer balanzo para decatarse que a única formación sen ataduras para reclamar os nosos dereitos é o Bloque Nacionalista Galego.

No caso de Ourense aspiramos a conquerir un deputado, o noso cabeza de lista Iago Tabarés, unha persoa nova mais con experiencia e cunha traxectoria na defensa dos intereses dos limiáns e dos ourensáns no Parlamento de Galiza.

Para ver todas as propostas do BNG para Ourense e Galiza e seguir o día a día da campaña visita a web de Iago.

 Filed under: En destaque
15/12/2007

A suba de taxas e impostos aprobada polo PP é desproporcionada e non servirá para mellorar os servizos que presta o Concello

No mes de outubro o goberno do PP no Concello de Xinzo aprobou en solitario unha revisión de taxas e impostos. Esta modificación foi plantexada de xeito apresurado e sen dar tan sequera tempo aos grupos da oposición de revisar e estudar a documentación aportada para poder ter unha opinión formada, feito que nós denunciamos no seu momento co xesto de abandonar o pleno no que foi tratada. Logo dunha análise a fondo, o Bloque Nacionalista Galego de Xinzo valora a suba, no seu conxunto, como desproporcionada para ser acometida globalmente e pouco acorde coa cacarexada política popular a nivel estatal de baixada de impostos.

  • As subas máis importantes, dende o punto de vista da súa incidencia nas arcas municipais, son as relacionadas cos vehículos. O Imposto sobre os Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) increméntase un 40% e suporá uns ingresos extra de máis de 110 mil euros anuais, mentres que as taxas por pasos privativos de vehículos e por reservas de estacionamento aumentan un 26%.
  • Os prezos no Conservatorio e na Escola de Gaitas medran espectacularmente, pasando dos 144€ que custaba a matrícula ordinaria no grao elemental no 2005, aos 200€, é dicir, un 39% en dous anos, moi por riba do incremento do IPC.
  • O Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) de Rústica iguálase ao de Urbana e queda no 0,40; o Imposto sobre o Incremento de Valor dos terreos de Natureza Urbana sube un 17% e as taxas pola concesión de licenzas urbanísticas multiplícanse directamente por dous.
  • Outras taxas que tamén sofren fortes alzas son as de “Postos de venda, barracas, etc”. (suben un 122%), a de “Ocupación da vía pública con mesas e cadeiras” (sube un 175%), a “Taxa de marquesiñas, rótulos e toldos” e a de “Uso de recintos deportivos”. Nesta última soben todos os capítulos unha media dun 60% excepto, curiosamente, o referido a “usos extradeportivos” que se redondea á baixa e queda en 600€ por evento. Casualmente é o PP quen debe aboar con máis asiduidade esta taxa, xa que utiliza habitualmente o Pavillón de Deportes para os seus actos electorais.
  • O custo repercutido aos beneficiarios do servizo de Axuda no Fogar aumenta un 108%, pasa dos 4,80€/hora aprobados no 2000 a 10€/hora.

Como conclusión final dicir que podemos estimar que con esta suba de taxas e impostos o Concello de Xinzo incrementará os seus ingresos en 300 mil euros anuais o cal, lamentablemente, non repercutirá nunha mellora apreciable na calidade dos servizos prestados aos veciños debido á falla de dirección política de Isaac Vila e o goberno do PP.

Páxinas: Anterior 1 2 3 ... 15 16 17 18 19 20 21 22 23 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,202 segundos | Powered by WordPress