#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

04/05/2013

O BNG demanda unha actuación clara do PP en contra dos proxectos mineiros que afectan á provincia de Ourense

20130504-capa

O BNG vai levar esta cuestión, que está a preocupar a milleiros de cidadáns e cidadás aos distintos ámbitos institucionais. Dentro desas iniciativas, queremos anunciar que unha delegación de representantes das distintas plataformas acudirá a Bruxelas, convidados pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Xinzo da Limia, 4 de maio de 2013.Na reunión de traballo mantida polo BNG en Xinzo, con cargos institucionais da comarca da Limia, para abordar as últimas novas en relación coa situación dos distintos proxectos mineiros que afectan á nosa provincia, e singularmente co da mina de feldespatos da Limia queremos manifestar:

  1. O BNG amosa o seu apoio rotundo ás xustas reivindicacións e demandas dos veciños e veciñas dos concellos afectados, e en consecuencia ás plataformas que están a canalizar este gran descontento social.
  2. Fronte á política de confusión practicada polos responsábeis do Partido Popular na Xunta de Galiza demandamos clareza e concisión, e pedímoslle ao presidente Feijoo que publicamente diga se está pola defensa dos intereses dos veciños e veciñas e polo tanto das economías de comarcas cunha clara vocación agro-gandeira, ou está a favor dos intereses de empresas, foráneas nalgún caso, que non só non aportan ningún valor engadido, se non que son claramente incompatibles co desenvolvemento económico e sustentable, e coa economía produtiva.
  3. O BNG vai levar esta cuestión, que está a preocupar a milleiros de cidadáns e cidadás aos distintos ámbitos institucionais, Parlamento Europeo, Parlamento Galego, deputación e concellos para pedir que os grupos políticos se posicionen con clareza en contra dos distintos proxectos. Dentro desas iniciativas, queremos anunciar que unha delegación de representantes das distintas plataformas acudirá a Bruxelas, convidados pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, para facer patente e expresar o seu rexeitamento a uns proxectos claramente lesivos para as comarcas de Ourense, e en consecuencia para os seus veciños e veciñas.
22/04/2013

O BNG desconfía dos motivos para a posta en marcha da ORA no núcleo da vila de Xinzo

20130422-capa

Se os verdadeiros obxectivos do PP fosen desconxestionar a circulación e gañar en seguridade hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo.

Xinzo da Limia, 22 de abril de 2013.Hoxe o grupo de Goberno do PP no Concello de Xinzo anunciaba a súa intención de aprobar unha Ordenanza Reguladora do Aparcamento (ORA) nas rúas céntricas da nosa vila sob os achaques de “desconxestionar a circulación e gañar en seguridade”, loxicamente estes son os argumentos de manual cos que o Alcalde, Sr. Pérez, tentará venderlle a moto aos veciños e veciñas de Xinzo mais que baten de fronte coa realidade xa que unha medida illada como esta consistente en cobrar por aparcar non vai contribuír a desconxestionar a circulación nin se vai gañar en seguridade.

Se esta fose a verdadeira preocupación do PP xa hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo que recollera todo o tráfico pesado que ven de Portugal, Os Blancos, Vilar de Santos, etc. e o conducira á autovía evitando pasar polo medio do pobo. Así mesmo o Sr. Pérez tería tomado medidas para a posta en valor do infrautilizado aparcadoiro soterrado da Praza Carlos Casares impulsando un acordo a tres bandas entre Concello, comerciantes e empresa concesionaria para bonificar o uso do mesmo aos clientes que merquen nos comercios de Xinzo.

Ao final no único no que se concretará esta nova medida, malia o desmentido do Sr. Pérez do seu “afán recadatorio”, será nunha nova fonte fixa de ingresos para o Concello polos conceptos do propio pago do aparcamento, así como das eventuais sancións que vaia a dar lugar o seu incumprimento.

15/04/2013

O BNG de Xinzo rexeita o copago nos comedores escolares que pretende impoñer a Xunta do PP

Levaremos ao próximo pleno unha moción rexeitando este novo copago e promoveremos accións informativas apoiando as mobilizacións de protesta das nais e pais afectados.

Xinzo da Limia, 12 de abril de 2013. O pasado 12 de marzo, o goberno do PP na Xunta de Galiza anunciaba a ampliación do copago do servizo de comedor escolar, un novo recorte no dereito á educación dos galegos e galegas. Con esta decisión o PP carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dun servizo necesario para garantir o Dereito á Educación.

Esta actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras, recortes nos orzamentos dos centros, recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade.

Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, ou cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.

O BNG de Xinzo levará ao próximo pleno unha moción rexeitando este novo copago e promoverá accións informativas apoiando as mobilizacións de protesta das nais e pais afectados por está decisión de Nuñez Feijóo que pretende facer caixa a conta da comida dos nenos e nenas dos centros públicos.

14/04/2013

Galiza pola República

20130414-capa

Hoxe, neste escenario de decrepitude total do sistema, é necesario erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova na nosa República

A nosa nación está a vivir momentos difíceis. Para alén dunha profunda crise económica, que vén agravar as dificultades estruturais derivadas da situación de dependencia, asistimos a un proceso de re-centralización política que mingua, aínda máis, a capacidade da Galiza para decidir sobre si propia, sobre os seus sectores produtivos, sobre o seu futuro. E isto, en medio dunha non menos profunda crise do sistema político español, que atinxe todas as institucións que o conforman, nomeadamente a monarquía. A mesma monarquía que veu funcionando como principal elemento simbólico dun sistema político que nos nega como nación e que impide o noso libre desenvolvemento como pobo.

Os reiterados escándalos de corrupción que afectan ao Borbón e á súa familia veñen pór aínda máis en evidencia o anacronismo que supón nos nosos días a institución monárquica. Con efecto, como é posíbel considerar compatíbel cos principios democráticos unha Xefatura de Estado que non é elixida pola cidadanía, vitalicia, hereditaria, estabelecida pola graza de Deus e, no caso español, tamén pola de Franco? Para alén do máis, situada por encima da lei, porque a Constitución española estabelece que a persoa do Rei “non está suxeita a responsabilidade”. Estamos diante dun residuo político do pasado, que nada ten a ver co que á altura do século XXI se entende como verdadeiramente democrático.

Mais, para alén desta cuestión de exixencia democrática, na situación actual tórnase absolutamente escandaloso o espectáculo dunha familia de parasitos sociais que vive a corpo de rei a custa da cidadanía. Iso si, sen descoidar os seus negocios. As vinculacións do Borbón cos grandes poderes económicos veñen de lonxe e até onde é coñecido, foron proveitosas. Realmente ofende o máis elemental sentido da decencia que os homes e mulleres da Galiza, que vivimos, con enormes dificultades, do noso traballo e do noso esforzo, teñamos que pagar os luxos, os palacios, os iates, as cazarías e até os divertimentos aos Borbóns. E non é unha cuestión de cantidade senón de dignidade.

E xustamente por dignidade -mais tamén por necesidade- fronte á dramática situación que vivimos, erguemos a bandeira da República. Unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo. Esa será a nosa República.

O pobo galego, as mulleres e homes da Galiza, séntense cada vez máis afastados dunhas institucións españolas que son percibidas, a cada día máis claramente, como responsábeis da ruína da nosa nación: políticas antisociais, desmantelamento dos nosos sectores produtivos, privatización dos servizos públicos, eliminación do noso sistema financeiro, roubo de salarios e aforros, discriminación da nosa lingua, corrupción xeneralizada…

Hoxe, neste escenario de decrepitude total do sistema, coa política convencional indisimuladamente ao servizo do poder económico, coa corrupción instalada no corazón da xustiza, do empresariado, dos medios e da monarquía, coa xente sendo expulsada das súas casas polos mesmos bancos que estafan millares de persoas, é necesario erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova na nosa República.

Porque é evidente que unha simples mudanza na forma do Estado non mudará nada esencial no noso País e non resolverá os problemas que padecemos se non rompermos a dependencia á que Galiza está sometida. Para podermos mudar realmente esta situación precisamos de liberdade e de capacidade para decidir en función dos nosos intereses como nación, precisamos de soberanía. Por iso, as nosas conviccións profundamente democráticas e republicanas se expresan en galego, se simbolizan coa bandeira da nosa Patria e deberán concretarse, máis cedo que tarde, na construción do noso propio Estado, a República da Galiza.

 Filed under: En destaque
12/04/2013

O BNG demanda medidas urxentes para conter a vaga de roubos en granxas

O BNG de Xinzo demándalle ao Alcalde, Antonio Pérez, que se estude a adopción de medidas disuasorias mediante o deseño dun plan de seguridade conxunto que implique e coordine a todas as forzas e corpos de seguridade.

Xinzo da Limia, 12 de abril de 2013. Nos últimos meses vimos asistindo a unha vaga de roubos en granxas cun “modus operandi” idéntico que evidencia a existencia dun grupo organizado que está a operar na nosa comarca e nas zonas limítrofes de Portugal. Estes roubos sistemáticos, xa levamos catro na Limia, provocan un serio revés aos propietarios afectados con perdas que rondan os 15 mil euros de media e levan a preocupación aos veciños e veciñas pola impunidade coa que están a actuar os seus autores.

O Concello de Xinzo non acada o ratio de Policía Local recollido no Decreto 243/2008, de 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locais, que establece como “recomendábel” que o número total de membros acaden o 1,8 por cada 1.000 habitantes, deste xeito corresponderíannos 18 efectivos (agora temos 15). O Sr. Pérez Rodríguez debería cavilar seriamente en recortar en letrados e administrativos e incrementar a plantilla da policía ata o mínimo recollido na lexislación, deste xeito poderíase pensar na posibilidade de establecer quendas nocturnas de vixilancia do rural, que fica especialmente desprotexido.

Polo momento a inacción e a falta de dilixencia advertidas nas autoridades e administracións responsábeis están a provocar perdas millonarias nas granxas de vacún da nosa comarca, por isto, o Grupo Municipal do BNG de Xinzo demanda que se estude a adopción de medidas disuasorias mediante o deseño dun plan de seguridade conxunto co resto de concellos da Limia que implique e coordine a todas as forzas e corpos de seguridade locais, autonómicos e estatais con competencias no asunto.

06/03/2013

O BNG denuncia as arbitrariedades do PP na xestión da política de persoal e insta á Fiscalía a poñerlles fin

20130306-capa

O BNG de Xinzo fica a disposición das autoridades administrativas e xudiciais para aportar toda a documentación que obra no noso poder ao respecto das irregularidades en materia de persoal practicadas polo alcalde.

Xinzo da Limia, 6 de marzo de 2013. Historicamente a política de contratación de persoal dos gobernos do PP no Concello de Xinzo estivo orientada ao pago de favores máis que á xestión acaida dos servizos e recursos municipais, só así se entende o continuo medre de efectivos (de 93 en 2006 a 146 en 2012) ata chegarmos á situación actual na que o peso da partida de persoal acada un 60% do gasto ordinario anual.

Non obstante, para contextualizarmos a situación dos últimos tempos, xa baixo a xestión do actual alcalde, Antonio Pérez Rodríguez, non debemos perder de vista dous fitos importantes na súa aínda corta traxectoria política: un, a loita intestina polo control do partido a nivel local, na que contou co apoio entusiasta e decidido do Sr. Baltar, e o silenzo cómplice do seu predecesor, Isaac Vila, que lle cedeu a alcaldía a finais do 2010 a cambio dunhas contraprestacións que logo non se verificaron, e dous, a celebración das eleccións municipais de maio de 2011, nas que o Sr. Pérez non escatimou medios, procedementos nin promesas coa fin de conquistar o bastón de mando municipal.

Nestes dous anos longos de mandato do Sr. Pérez sucedéronse as actuacións desafortunadas en todos os eidos, mais sen dúbida o récord de despropósitos acadouse na xestión do persoal, cunha serie de medidas e decisións claramente orientadas a construír e consolidar o seu propio aparato caciquil a imaxe e semellanza dos seus mentores provinciais:

  • Provisión e posterior adxudicación da praza de letrada á filla de Prado Verdeal (após o escándalo acaecido cando toda a familia Verdeal apareceu censada na casa dunha veciña de Xinzo coa que non tiñan relación) mediante un concurso-oposición “á medida” cun tribunal político composto por unha recua de enchufados na Deputación, todos eles parentes de alcaldes ou ex-alcaldes do PP, capitaneados por Gerardo Pumar Pumar, quen fora durante anos secretario provincial da Delegación da Consellería de Medio Ambiente cando Agustín Prado Verdeal era o delegado.
  • Contratación sistemática de apoderados e interventores do PP como pago aos servizos prestados, ata unha ducia teñen entrado a traballar para o Concello nestes meses mediante contratos temporais, contravindo as directrices do goberno do Estado (Real Decreto-Lei 20/2011) e do propio Plan de Saneamento aprobado no 2009, que obrigan taxativamente á conxelación da oferta de emprego.
  • Contratación e prórroga de contratos a familiares e parentes do propio alcalde ou dos seus concelleiros.
  • Recorte de dereitos e salarios aos traballadores e traballadoras baixo a ameaza dun ERE, suspensión de artigos do actual convenio colectivo e denuncia do mesmo como paso previo para a negociación dun novo.
  • Aprobación a finais de 2012 dunhas inútiles e rimbombantes “Propostas de actuación prioritarias e inmediatas para a racionalización administrativa e regulación dos RR.HH municipais”, consistentes nunha “Proposta de estrutura administrativa e de postos municipal”, pseudo-RPT destinada a consolidar a estrutura existente, e unhas “Instrucións para a regularización da incorporación de persoal temporal”, documento co que o alcalde pretende dar un verniz procedemental ás súas contratacións e, ao tempo, derivar a responsabilidade á hora de realizalas nun órgano municipal mancomunado.
  • Nomeamento dun xubilado afín ao PP, Isidoro Sánchez Blanco, como persoal eventual de confianza e de asesoramento especial da Alcaldía sen percepción de retribucións, posto absolutamente inútil e prescindíbel concibido co único obxectivo de inserir na cadea de mando unha figura de control político dos traballadores e traballadoras municipais.
  • A derradeira gota, por agora, veu coa contratación o pasado 31 de decembro do nº12 do PP nas pasadas municipais, José Antonio Balbuena Iglesias, para a praza de peón de mantemento da canceira municipal.

Todas estas irregularidades e arbitrariedades, que veñen sendo denunciadas sistematicamente polo BNG a través dos cauces institucionais dentro dos órganos de representación política, ficaron plasmadas en sendas denuncias interpostas pola CIG, sindicato maioritario no Concello, diante da Subdelegación do Goberno, en novembro de 2012, e da Fiscalía de Ourense, en xaneiro deste ano. Así, chegados a esta situación, dende o BNG de Xinzo poñémonos a disposición das autoridades administrativas e xudiciais para aportar toda a documentación que obra no noso poder ao respecto, ao tempo que reclamamos que os diferentes órganos xurisdicionais poñan dunha vez coto a estás prácticas sistemáticas e obriguen ao alcalde a mudar de actitude e situar os intereses dos veciños e veciñas de Xinzo por riba dos seus particulares e do seu partido.

23/02/2013

Nota aclaratoria á intervención do Sr. Pérez no Pleno da Deputación do 22 de febreiro

20130223-capa

No transcurso do debate da moción presentada polo BNG para que o Pleno da Deputación se pronunciase en contra do proxecto de explotación mineira de feldespatos Faramontaos 5089.1 o Sr. Pérez Rodríguez, Alcalde de Xinzo, fixo alusión a unha situación circunstancial acaecida no Pleno Extraordinario celebrado no Concello de Xinzo o 19 de xullo de 2012 coa intención nada desemulada de confundir ao respecto da posición do BNG neste asunto. O Sr. Pérez, no seu estilo habitual, tentou enganar aos veciños e veciñas alí presentes mentindo deliberadamente, por isto cómpre que quede claro o seguinte:

  1. A posición do BNG, defendida polo seu portavoz municipal dende o inicio de todo este asunto, é ben coñecida polos veciños e veciñas dos pobos afectados porque lles foi trasladada en persoa nas diferentes ocasións en que nos reunimos con eles. O Sr. Pérez non pode dicir o mesmo xa que cando foi convocado pola Plataforma Veciñal ‘Corno do Monte’ a unha asemblea o día 19 de febreiro nin apareceu nin mandou razón, feito que, por outra banda tampouco resulta novidoso [1] [2] [3].
  2. No Pleno Extraordinario do 19 de xullo de 2012 o noso portavoz municipal e naquel intre único representante do BNG no Concello, Ramiro Rodríguez, non puido estar presente por motivos persoais xa que nesa data se atopaba fóra do termo municipal. Esta circunstancia foille comunicada ao Concello regulamentariamente dous días antes do pleno, e tamén se acompañaron dous escritos nos que se deixaba explicitado o noso apoio á moción de rexeitamento que se ía debater nese pleno extraordinario. Todos estes extremos están recollidos e acreditados na ACTA levantada pola Secretaria municipal, polo que non admiten interpretacións nen terxiversacións como as feitas polo Sr. Pérez.
  3. Utilizar dialecticamente esta ausencia dando a entender unha deixadez de responsabilidade ou que nos despreocupamos do tema é moi propio do estilo marrulleiro do Sr. Pérez, que gosta de xogar en campos embarrados como así ten acreditado na súa corta e accidentada traxectoria política, primeiro como concelleiro e agora como alcalde.

Lamentamos profundamente a actitude do Sr. Pérez, que practica unha transparencia PASIVA consistente en fachendear de non ocultar nada precisamente cando xa non lle queda outro remedio. Dende o Grupo Municipal do BNG convidámolo a practicar a transparencia ACTIVA, reunindo os órganos regulamentarios do Concello para dar as explicacións que merecen os veciños e veciñas a través dos seus representantes.

Por certo, Sr. Pérez, a empresa chámase MINERCER, SL, lea vostede o proxecto.

 Filed under: En destaque
20/02/2013

O BNG presenta as súas alegacións ao proxecto mineiro dos feldespatos

20130220-capa

No día de hoxe vimos de rexistrar diante da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, as nosas alegacións ao proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración da concesión de explotación derivada de permiso de investigación Faramontaos, número 5089.1. Os eixos fundamentais sobre os que se xiran os nosos argumentos para opoñernos a esta explotación son de sobra coñecidos e resúmense nos seguintes puntos:

  • Incompatibilidade manifesta coa actividade agro-gandeira que se verifica actualmente na zona e co desenvolvemento do proxecto de regadío comprometido pola Xunta de Galiza.
  • O proxecto producirá un incuestionábel impacto na actividade agrícola tradicional, socavando o medio de subsistencia de numerosas familias xa que a afectación non se circunscribe só ás 396 hectáreas de terreo obxecto directo da explotación, se non que as parcelas circundantes serán tamén afectadas na súa capacidade produtiva.
  • Os beneficios directos/indirectos para as poboacións máis cercanas e directamente afectadas son nulos en termos de creación de postos de traballo ou desenvolvemento de industria ou servizos auxiliares.
  • A rendibilidade económica da empresa tamén é moi cuestionábel xa que se confía nunha hipotética futura recuperación do sector da construción cada vez máis lonxana e improbábel co cal podemos asistir á volta duns anos a un novo “morto” medioambiental de proporcións similares ás do que xa sufrimos no concello de Sarreaus nunha explotación de características idénticas á plantexada.
  • As afectacións aos acuíferos circundantes e ao réxime de augas na zona, así como os impactos producidos polo po en suspensión, ruídos, circulación de maquinaria pesada polas pistas de concentración, transporte do material extractivo ata a planta de tratamento, almacenamento e depósito, etc. están claramente infra-valorados no documento ambiental.
  • No Plan de Restauración prevese que unha vez rematada a fase de explotación as parcelas afectadas quedarán a xeito de lagoas e só se contempla unha actuación nas beiras para suavizar os taludes. Esta solución impedirá o uso futuro dos terreos para a actividade agrícola e provocará un troco radical na morfoloxía da zona.

Agardamos que as alegacións presentadas polos veciños e veciñas afectados, agricultores, etc. sexan tidos en conta e se deneguen os permisos necesarios para que a explotación sexa realidade.

 Filed under: En destaque
Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 ... 21 22 23 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,256 segundos | Powered by WordPress