#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

13/12/2007

Medio Rural presenta un Plan Especial de Infraestructuras que suporá un impulso definitivo para converter a esta zona en referente da producción agraria do País

20071213-peim.jpg

O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido Presas, presentaron o Plan Especial de Infraestruturas para a comarca da Limia, ao que se destinarán preto de 6 millóns de euros, unha actuación que “suporá un impulso definitivo para converter esta zona como un referente na produción agraria do País”, segundo o titular da Consellería de Medio Rural.

Segundo o conselleiro, “este paquete de actuacións constitúe o respaldo definitivo para o despegue da comarca da Limia” e vai preparar a comarca da Limia para afrontar os retos da agricultura do século XXI.

Entre as medidas que contempla este Plan Especial de Infraestruturas, destaca a consolidación do proceso de concentración parcelaria na comarca, que contará cun investimento de 3,3 millóns de euros que permitirán afondar na reorganización da base territorial das explotacións para facelas máis rendibles.

O Plan para a consolidación de infraestruturas, cun orzamento de 1,7 millóns de euros, permitirá manter a rede de infraestruturas agrarias da Limia e incrementar a viabilidade das explotacións. As actuacións previstas abranguen máis de 109.000 metros de terreos da comarca e comprenden a mellora dos camiños agrícolas máis importantes para facilitar o tránsito da maquinaria e o transporte das producións agrarias aos centros de comercialización, así coma a limpeza de cunetas e beiravías e a mellora da drenaxe dos desaugadoiros.

O Programa de Infraestruturas do Medio Rural, PEIM, busca mellorar e dignificar a calidade de vida da poboación rural. O seu orzamento para esta comarca ascende a 969.000 euros, que se van destinar a reforzar e a complementar as actuacións do Plan Especial de Infraestruturas. En concreto, dedicaranse fundamentalmente ao rasanteo da explanada dos camiños, ao aporte de novo firme asfáltico, á roza de cunetas e beiravías, así como actuacións na rede de saneamento. Unhas accións que roldan preto de 23.000 metros de terreo dos diferentes concellos da Limia.

Referencias:

 Filed under: En destaque
31/08/2007

O Pleno do Concello aproba a proposta do BNG para a posta en valor do Patrimonio Arqueolóxico de Xinzo

No pleno ordinario celebrado onte aprobouse por unanimidade de todos os grupos municipais a nosa moción para a recuperación e posta en valor de Patrimonio Arqueolóxico de Xinzo. Agradecemos sinceiramente a PP e PSdeG-PSOE o seu apoio á nosa proposta no convencemento de que será positiva e beneficiosa para todos os veciños e veciñas de Xinzo.Nas vindeiras semanas quedará constituída a Comisión Especial formada por representantes dos grupos políticos, asociacións culturais, técnicos, etc. co encargo de propoñer accións concretas que permitan coñecer, conservar e aproveitar o rico patrimonio agochado baixo os nosos pés.

Referencias:

30/08/2007

ZEPA, mentiras e aproveitamentos políticos

20070830-zepa.jpg

En vista da desinformación existente e tras constatar o aproveitamento interesado que o PP está a facer da proposta de declaración por parte da Consellería de Medio Ambiente de 10,383Ha na comarca da Limia como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), dende o BNG de Xinzo de Limia queremos aclarar os seguintes puntos:

  1. O antecedente inmediato desta declaración podémolo situar no ano 98 cando se realiza un estudo (IBA 008 - A Limia) por parte dunha entidade privada (SEO/BirdLife) que non é supervisado nin contrastado pola Administración Autonómica do Partido Popular. Este é o estudo que agora serve de base para a definición da ZEPA – A Limia.
  2. O BNG ten unha historia demostrable e ben coñecida de moitos anos na defensa dos agricultores e gandeiros, particularmente na comarca da Limia, e así vai seguir sendo no futuro, polo cal non imos admitir leccións neste eido dun recén chegado a esta defensa como é o PP, que cando tivo ocasión de levar á práctica o seu compromiso co sector e apostar polo seu futuro non o fixo e agora se move por un interese puramente partidista.
  3. Como consecuencia do dito no punto anterior podemos afirmar que o BNG se constitúe como o garante do futuro da nosa comarca e dos seus principais sectores produtivos e así o ven demostrando dende o goberno da Xunta a través da Consellería do Medio Rural con actuacións concretas xa en marcha: aposta pola modernización das explotacións, axudas para a incorporación de xoves agricultores, impulso dos plans de Regadío,… e con proxectos de futuro como o Banco de Terras que está a piques de ser presentado.
  4. Dende o BNG de Xinzo consideramos que o proxecto de declaración da ZEPA, tal e como está plantexado na actualidade, debe ser retirado e redeseñado dende o principio contando coa colaboración e consenso de tódolos sectores implicados e xustificando todas e cada unha das actuacións e decisións con criterios técnicos obxectivos avalados mediante informes científicos independentes e contrastables.
  5. Defendemos que ecoloxía e agricultura non deben estar enfrontadas e apostamos por un desenvolvemento sostible e respectuoso co Medio Natural. Neste senso o propio proxecto de decreto recoñece textualmente: “A comarca da Limia, que outrora se configuraba como un humidal sobresaliente cunha gran diversidade de aves acuáticas, na actualidade –e incluso no momento de elaborar o Inventario IBA 98- presenta un alto carácter agrícola, o que se traduce na presenza dunha comunidade de aves vinculada aos terreos e actividades agrícolas”, do cal se deduce que defender a agricultura e aos agricultores é defender tamén ás aves e pensamos que a convivencia de ambos é posible como, de feito, se demostra xa na actualidade.
02/08/2007

As pedras do arco achado na Praza de Carlos Casares están tiradas nunha leira ás aforas de Xinzo

20070802-arco-pedras.jpg

Despois de varios días sin saber onde fóran parar as pedras do arco de medio punto desenterrado na Praza de Carlos Casares demos co seu paradoiro nun solar situado ás aforas da vila. Están todas xuntas agardando o ditame dos técnicos de patrimonio que serán os que digan se teñen ou non valor arqueolóxico.

De calquera xeito, e con independenza desta valoración, xa podemos adiantar que a forma de actuar do Concello presidido polo Sr. Vila non foi nada exemplificante neste asunto. Cando aínda está sobre a mesa o caso dos achádegos no solar da Rúa X.C.Romero Nieto e cunha moción, presentada polo noso grupo, pendente de debate o Concello actuou irresponsablemente, vulnerando as normas urbanísticas (Art. 142. Hallazgos no previsibles), a Lei de Patrimonio Histórico (Art. 44 da Lei 16/85) e en contra da lóxica máis elemental.

A día de hoxe siguen sen resposta as cuestións urxentes que lle plantexamos ao Sr. Alcalde no escrito presentado o día 27 de xullo, algo que agardabamos pois debe resultar moi difícil tentar dar unha explicación medianamente crible a un feito tan escandaloso e abraiante coma éste.

Referencias:

 Filed under: En destaque
31/07/2007

Galiza Nova rexorde na Limia para espertar a conciencia e a ilusión das mozas e mozos limiaos

20070723-foto-gzn-xinzo.jpg

O acto constitutivo tivo lugar o pasado luns 23 de xullo, na sede local do BNG, coa presenza do responsábel comarcal de GZN, Jonatan Rivas, do responsábel local do BNG, Manuel Conde e das/os demáis compañeiras/os militantes. Neste intre dotouse de funcionamento asemblear de seu, dentro da pertenza á Asemblea Comarcal de A Limia-Allariz-Maceda, e saíu eleita como responsábel local de GZN-Xinzo a compañeira Alba Mª Feixóo, quen xa nas pasadas eleccións municipais concorreu no posto número cinco da candidatura do BNG ao Concello.

A Asemblea local de Galiza Nova rexorde co férreo compromiso e a firme determinación de se converter en aparello vertebrador da conciencia e ilusión nacionalista de toda a mocidade dos Concellos da Limia e ponse ao dispor de todas as mozas e mozos limiaos, con arelas e a seguranza de representar unha válida e potente ferramenta de traballo e de transformación do intolerábel panorama sociopolítico da Limia.

Con este obxectivo abre as portas da organización referencial do nacionalismo xuvenil mediante a levanza dunha campaña de estabelecemento de contactos e afiliacións. Paralelamente xa se está a deseñar un substancioso calendario político de actividades que comezarán neste mesmo mes de agosto.

 Filed under: En destaque
27/07/2007

O BNG reclama información e coñecer as intencións do Concello tras o achádego dun arco de pedra soterrado na Praza de Carlos Casares

arco-pedra-prz-carlos-casares.jpg

Hoxe tivemos coñecemento de que nas obras de excavación que se están a levar a carón da Casa do Concello para a construción do aparcadoiro soterrado, atopouse un arco de pedra que foi inmediatamente desmontado polos operarios da empresa concesionaria da obra e os seus restos desapareceron da zona. Diante da preocupación que este asunto despertou no noso grupo diriximos un escrito ao señor alcalde interesándonos polas xestións realizadas e reclamando información contrastada acerca da posible importancia deste achádego.

Referencias:

 Filed under: Ao día,En destaque
22/07/2007

Manifesto “Ensino en Galego”

TEXTO ÍNTEGRO DO MANIFESTO

Ensino en Galego

O sistema educativo non garantiu, até o de agora, nin tan sequera que o alumnado puidese finalizar o ensino obrigatorio cunha competencia comunicativa en galego igual á conseguida en castelán, a pesar de que ese é legalmente un dos obxectivos da escolarización. Aínda é máis grave o feito, sinalado unanimente por todos os estudos oficiais, de que a escola incide no abandono do galego por parte de moitos nenos e nenas.

A pesar dos esforzos de moitos pais e nais, profesoras e profesores, estudantes, persoal administrativo e da sociedade en xeral, non se conseguiu introducir un proxecto global de aprendizaxe na lingua propia do noso país: o galego. En calquera sociedade do mundo resultaría cando menos paradoxal que a institución escolar cumprise un papel pouco favorábel ao desenvolvemento da súa propia lingua.

A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1997), a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (2001) e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), representan tres grandes acordos para avanzar na normalización lingüística que se subscribiron no último decenio por unanimidade nos diversos foros de representación democrática. Acordos que, porén, non conseguiron acadar os obxectivos previstos, ao non se facer efectiva durante todo este tempo a súa aplicación. Lembremos a ese respecto o contundente informe aprobado en 2005 polo Comité de Ministros do Consello de Europa, no que recordaba que o sistema educativo galego non estaba á altura dos compromisos de normalización lingüística adquiridos a nivel internacional polo Estado español.

As persoas e entidades que apoiamos este manifesto consideramos que a aplicación do decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, debe significar un punto de inflexión nesta dinámica. Porque sabemos que, avanzando no proceso de normalización, o ensino gañará en calidade, en proximidade e mesmo en logros académicos, ao afortalar as destrezas lingüísticas do alumnado.

Facemos un chamamento ao conxunto da comunidade educativa para que este novo decreto sexa cumprido plenamente no curso 2007/08, e á Administración educativa para que garanta ese cumprimento, pondo para iso todos os medios humanos e económicos que foren precisos. Singularmente, demandámoslle á Administración educativa a dotación do profesorado necesario, plans ambiciosos de formación do profesorado e do persoal administrativo, unha actitude próxima e dilixente da inspección de ensino e campañas de sensibilización dirixidas a desterrar os prexuízos existentes sobre a presenza escolar do galego.

O galego é un patrimonio común e un elemento de unión de todas as galegas e de todos os galegos. A todas e todos beneficia e a ninguén prexudica que poidamos vivir e aprender no noso idioma.

Organizacións que subscriben o manifesto
- A Mesa pola Normalización Lingüística.
- AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega).
- CAE (Comités Abertos de Estudantes).
- CC.OO.-Ensino (Comisións Obreiras).
- CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega).
- CONFAPA (Confederación Galega de APAs de centros públicos).
- FERE-CECA (Federación Española de Relixiosos de Ensino – Centros Católicos).
- FETE-UXT (Federación de Traballadores do Ensino – Unión Xeral de Traballadores).
- FSIE (Federación de Sindicatos Independentes do Ensino).
- Mocidade pola Normalización Lingüística.
- Nais e Pais polo Ensino en Galego.
- NEG (Nova Escola Galega).
- Sindicato de Estudiantes.
- STEG (Sindicato de Traballadoras/es do Ensino de Galiza).

No BNG de Xinzo subscribimos na súa integridade o texto deste manifesto e reclamamos do Goberno da Xunta de Galiza a aplicación decidida do decreto 124/2007 como paso cara a normalización do noso idioma.

 Filed under: En destaque
20/07/2007

Reformar a Lei Electoral?!

Estes días anda pregonando o líder circunstancial da dereita española que é unha prioridade reformar a Lei Electoral e que como tal el levará esta proposta no seu “programa electoral” (sic). Pois parécemos moi ben (mentres non sexa obrigatorio por lei votar pp ;) ), mais, ao mellor, o señor Mariano non coñece estas cifras resultado das Eleccións Xerais do 2004:

Siglas Votos Escanos
PSOE 43,27% 46,86%
PP 38,31% 42,28%
CiU 3,28% 2,86%
ERC 2,56% 2,29%
PNV 1,65% 2,00%
IU 4,56% 1,43%
CC 0,92% 0,86%
BNG 0,82% 0,57%
EA 0,32% 0,29%
CHA 0,37% 0,29%
NA-BAI 0,24% 0,29%
PA 0.70% 0,00%

Pódese comprobar que o beneficiario máis direto do actual sistema é casualmente o PP, que se atopa sobre-representado no Congreso en 4 puntos porcentuais.

Por certo, aplicando a mesma regla proporcional ao caso do concello de Xinzo nas recentes Eleccións Municipais do 2007 teriamos o seguinte reparto de concelleiros:

Siglas Votos Concelleiros
PP 48,45% 6
PSG-PSOE 27,79% 4
BNG 19,24% 3
ADEI-O 2,14% 0

Máis unha vez o PP sae beneficiado pola aplicación da Lei d’Hont. En resumo, a polémica suscitada polo líder conservador é interesada e circunstancial. Cando a lei nos favorece non dicimos nada e cando non se adapta aos nosos intereses entón cambiámola e listo.

Á dereita española éncheselle a boca coas palabras “democracia” e “constitución”; máis non dubidan en facer propostas antidemocráticas e inconstitucionais con tal de acaparar poder, agochar o seu aislamento e suplir a incapacidade para chegar a acordos con naide.

En calquera caso hai que estar tranquilos, isto non deixa de ser un brindis ao sol e unha ocurrencia máis de Mariano sin ningunha traza de chegar a nada concreto.

 Filed under: En destaque
Páxinas: Anterior 1 2 3 ... 15 16 17 18 19 20 21 22 23 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,188 segundos | Powered by WordPress