#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

23/01/2013

O BNG alerta que a concesión mineira Faramontaos 5089 ‘vai para adiante’ ao entrar en fase de exposición pública o proxecto de explotación

Xinzo da Limia, 23 de xaneiro de 2013. O pasado xoves, 17 de xaneiro, apareceu publicado no DOG nº12 o anuncio de información pública do Proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración da concesión de explotación derivada do permiso de investigación Faramontaos, nº5089.1. Este anuncio deixa ben ás claras a intención da empresa de levar adiante a iniciativa malia oposición frontal dos veciños e veciñas dos pobos afectados, sintetizada mediante a recollida de varios centos de alegacións e plasmada nun acordo plenario unánime de rexeitamento aprobado o 19 de xullo de 2012.

Trátase dunha explotación mineira de feldespatos a ceo aberto mediante un sistema de dragado ata un máximo de 15m de profundidade e que prevé un investimento de 1,2M de euros para criar dez postos de traballo. A concesión estenderíase ao longo de 30 anos afectando en diferentes fases a un total de 400ha de terreo cultivábel nas inmediacións dos núcleos de San Pedro, Fiestras e Moreiras. Cómpre salientar que ao remate do aproveitamento estas parcelas serán irrecuperábeis para o seu uso agrícola xa que o proxecto de restauración contempla que queden en forma de lagoas. A planta de tratamento estará escasamente a 600m do pobo de San Pedro e funcionará as 24 horas do día en tres turnos de traballo atendida por dous operarios. As labouras de extracción da draga realizaranse a un único turno.

Para o Grupo Municipal do BNG estamos diante dunha cuestión de extrema gravidade ao afectar directamente a un piar básico da comarca como é o agro, dada a agresividade do proxecto, e que non se xustifica de ningún xeito no impacto na economía local, que será ridículo cando non absolutamente negativo. Por este motivo o BNG porá en marcha, a través da súa deputada no Parlamento de Galiza, Tareixa Paz, novas iniciativas encamiñadas a que as consellarías implicadas deneguen os permisos para esta explotación. Asemade instaremos ao Concello e aos veciños e veciñas afectados a persoarse no procedemento aberto de alegacións manifestando novamente a súa frontal oposición.

02/01/2013

O Goberno do PP rexeita en tempo record as alegacións presentadas polo BNG á suba das taxas da auga

Tal como anunciamos hai unhas semanas, o día 26 de decembro presentamos as alegacións ás ordenanzas fiscais nº7, reguladora da taxa polo servizo de rede de sumidoiros e pola prestación do servizo de tratamento e depuración de augas residuais e nº9, reguladora da taxa pola subministración de auga a domicilio. O servizo de rede de sumidoiros e mais o de tratamento e depuración de augas residuais soben un 31% para o ano que ven, mentres o de abastecemento de auga sofre un incremento do 5,57%. Estas subas veñen a afondar no sobre-custe que xa pagan os veciños e veciñas de Xinzo por estes servizos como consecuencia da adxudicación, sin concurso público, feita á concesionaria no anterior mandato.

O argumento principal no que baseabamos a nosa petición de anular a suba era a inexistenza da preceptiva memoria económico-financeira que obriga o Art.20 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos.

Cunha rapidez e dilixencia impropias da actual equipa de Goberno do PP, procederon a redactar en tempo record unha resolución desestimando as nosas alegacións a punto para ser aprobada no Pleno Ordinario do día 27 de decembro e, deste xeito, que a suba nas taxas poidera serlle aplicada aos veciños e veciñas de Xinzo dende o 1 de xaneiro de 2013. Novamente asistimos á tradicional práctica “popular” de mirar polos intereses da concesionaria en detrimento do peto dos cidadáns de Xinzo.

 Filed under: En destaque
22/11/2012

O BNG empraza ao alcalde a corrixir a suba esaxerada nas taxas de saneamento e depuración

Estas dúas taxas soben un 31% para o ano 2013 mentres que a taxa de abastecemento de auga faino nun 5,57%, dous puntos por riba do IPC de setembro (+3,4%).

Xinzo da Limia, 22 de novembro de 2012. No pleno da semana pasada o grupo de goberno do Partido Popular no Concello de Xinzo aprobaba, en solitario, unha suba xeneralizada de taxas e impostos co achaque de repercutir o IPC de cara ao vindeiro exercicio.

Unha vez revisadas e comparadas coas taxas vixentes na actualidade obsérvase que, no caso da taxa polo servizo de rede de sumidoiros e pola prestación do servizo de tratamento e depuración de augas residuais (ordenanza fiscal nº7), a suba aplicada é escandalosamente superior ao IPC, de feito, case dez veces máis. En concreto, no capítulo I: Servizo de rede de sumidoiros, pasa de 0,154502€/m3 a 0,203149€/m3 (+31,49%), mentres que no capítulo II: Servizo de tratamento e depuración de augas residuais, pasa dos actuais 0,241€/m3 a 0,316342€/m3 (+31,26%). De manterse a suba nestes termos a empresa concesionaria do servizo podería beneficiarse duns ingresos “extra” estimados en 160 mil euros anuais como consecuencia do exceso de tarificación con respecto ao que correspondería coa suba do IPC contemplada legalmente no contrato de adxudicación.

Por outra banda a taxa pola subministración de auga a domicilio (ordenanza fiscal nº9) sobe significativamente por riba do IPC pasando por exemplo a tarifa ata 30m3 de consumo trimestral de 0,200834€/m3 a 0,212024€/m3 (+5,57%). O resto de tramos tamén experimentan a referida suba do 5,57%.

O BNG de Xinzo votou en contra desta suba de taxas e impostos no actual contexto de crise económica e emprazamos ao alcalde, Antonio Pérez, a que dea marcha atrás e corrixa a situación. De non tomarse medidas de xeito inmediato presentaremos unha alegación para obrigar ao PP a rectificar, xa que esta suba é absolutamente desproporcionada e inxustificada, máxime tendo en conta que os veciños e veciñas de Xinzo xa viñan pagando polos servizos de abastecemento, saneamento e depuración unha das tarifas máis caras de toda Galiza.

11/10/2012

O BNG esixe ao alcalde solucións para a grave situación urbanística da zona do Bouzo

O Sr. Pérez instalouse nunha actitude suicida, instigando á confrontación e á denuncia e ignorando a extrema gravidade dunha posíbel reacción en cadea.

Xinzo da Limia, 11 de outubro de 2012. No día de onte levouse a efecto a demolición da terceira vivenda na zona do Bouzo en cumprimento de ordes de derrubo firmes ditadas como consecuencia da incoación de expedientes urbanísticos.

Desgraciadamente a cousa non vai parar aquí xa que entramos nunha dinámica perniciosa de enfrontamentos entre veciños e denuncias cruzadas que, inevitabelmente, acarreirarán máis derrubes nos vindeiros meses. Fronte a isto a actitude do Sr. Alcalde, Antonio Pérez, non é a máis acaida para enfrontar o grave problema ao crear un clima de inestabilidade e enfrontamento cando se promove, alenta e tutela a creación dun asociacionismo veciñal parcial e interesado, cunha falla total de compromiso real por unha solución desde o mesmo momento inicial en que se detecta o problema. No canto disto, o Sr. Pérez instalouse nunha actitude suicida, instigando á confrontación e á denuncia e ignorando a extrema gravidade dunha posíbel reacción en cadea que xa se está a dar, coas consecuencias dun desolador panorama de sentencias condenatorias, con derrubes masivos, crispación e fractura social da convivencia.

O que está a acontecer é consecuencia directa e dolorosa da política urbanística tradicional do PP, do “ti vai facendo que non pasa nada”, xa que este non é un caso illado senón que en Xinzo estase a dar unha auténtica situación endémica neste eido que afecta a máis de 20 rúas perimetrais consolidadas fóra do ordenamento. Por isto, dende o Grupo Municipal do BNG de Xinzo esiximos, en primeiro lugar, un cambio nas formas do Sr. Pérez, menos prepotencia e unha actitude máis dialogante. E, en segundo lugar, abordar o problema globalmente analizando todas as opcións reais e viabeis de solución.

10/08/2012

O BNG denuncia o escándalo que supón a adxudicación “a dedo” da praza de avogada do Concello á filla de Prado Verdeal

Darlle o cualificativo de “técnico” a unha pantomima de tribunal composto por unha recua de enchufados na Deputación resulta un insulto á intelixencia dos veciños de Xinzo.

Xinzo da Limia, 10 de agosto de 2012. No BOP nº181, do 8 de agosto, aparece a resolución da adxudicación da praza de “letrada do concello” a Dna. María del Carmen Prado López. Chegamos así ao desenlace dun proceso que arrincou en vésperas das eleccións municipais de maio de 2011 cando o BNG denunciou a fraude e manipulación do censo electoral e que acadou a súa apoteose no caso do ex-delegado de Medio Ambiente, Agustín Prado Verdeal (pai da nova letrada), quen “apareceu” censado con outros catro familiares na casa dun veciño de Xinzo co que non tiña relación ningunha.

Estamos diante dun proceso escandaloso e que, unha vez máis, confirma a caradura e falla absoluta de vergoña e de escrúpulos de todos os implicados. Un concurso-oposición amañado dende o principio á medida da “gañadora” cun “tribunal político” composto por unha recua de enchufados na Deputación, todos eles parentes en diversos grados de alcaldes ou ex-alcaldes do PP, comandados polo xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo. Darlle o cualificativo de “técnico” a esta pantomima de tribunal resulta un insulto á intelixencia do resto de candidatos, que de boa fe se teñen presentado ao concurso, e a todas as veciñas e veciños de Xinzo.

Resulta paradoxal que o Sr. Pérez, en pleno proceso de recorte de salarios e dereitos aos traballadores e traballadoras do Concello, non teña mellor ocorrencia que engadir unha nova lousa en forma de praza de funcionario ao xa avultado capítulo de gastos de persoal, incumprindo descaradamente os compromisos adquiridos no famoso ‘Plan de Saneamento’, aprobado no ano 2009, e mais no Real Decreto-Lei 20/2011, do Sr. Rajoy, que recollen explicitamente a conxelación da oferta de emprego en todas as administracións para o exercicio 2012.

Agora, as sospeitas e as denuncias do intercambio mutuo de favores entre Prado Verdeal e o actual alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, quedan plenamente confirmadas. Coma sempre serán os veciños e veciñas os que paguen dos seus petos as débedas persoais que o Sr. Pérez foi contraendo con todos os que no seu día lle “botaron unha man” para acceder á alcaldía.

01/08/2012

O BNG denuncia que a excesiva demora no arranxo da Avenida de Portugal está a causar un prexuízo irreparábel na hostalaría e no comercio local

As obras de mellora da OU-304, Avenida de Portugal, que se veñen executando no último ano ao longo desta travesía urbana de 1,5 km, están a causar un serio prexuízo no volume de negocio dun sector xa moi castigado pola crise como é a hostalaría e o comercio local, con perdas engadidas agora de ata o 50% debido ós preceptivos rodeos de tráfico que estas obras obrigan a practicar.

Despois de máis dun ano de traballos cun investimento total de 3,5 millóns de euros, incluída a modificación do proxecto inicial tralo inexplicable esquecemento da ampliación das pontes sobre os ríos Limia e Faramontaos, a culminación definitiva tópase moi demorada e sen visos dunha pronta materialización o que asemade fai prever que se converterá nunha seria eiva loxística tamén para o sector da agricultura da Comarca da Limia co inminente comezo da campaña do cereal e da pataca, xa que a Avenida de Portugal é unha das principais vías de conexión entre as zonas de produción e os intermediarios almacenistas.

Por todo elo e dado que se trata dunha infraestrutura urbana moi demandada e agardada pola veciñanza nos últimos 15 anos que está a padecer unha demora excesiva e inxustificada, dado tamén que se están a investir 3,5 millóns de euros, e dado que finalmente será executada sen beirarrúas, sen o mobiliario urbano básico, sen cabreado eléctrico soterrado e creando asemade numerosos problemas cos niveis e cotas da rede de saneamento que obriga xa hoxe a unha ducia de vivendas unifamiliares a instalar pola súa conta e prexuízo sistemas de bombeo das augas fecais, o BNG solicitará non só a máxima dilixencia da alcaldía de Xinzo da Limia, senón que tamén no Parlamento de Galicia e a través da súa deputada Tareixa Paz porá en marcha as iniciativas parlamentares acaídas que determinen se a materialización final destas obras se corresponde fielmente co alí proxectado e certificado.

18/07/2012

O BNG esixe ó Alcalde de Xinzo que desautorice unha concesión mineira proxectada nas concentracións parcelarias anexas ó río Faramontaos

Para o Grupo Municipal do BNG estamos diante dunha cuestión de extrema gravidade que esixe a máxima prioridade, especial dedicación, rigor e interese por parte dos responsábeis municipais ao afectar directamente á un piar básico da economía dos nosos veciños como é o agro, comprometendo directamente a viabilidade de 400 Has e indirectamente a totalidade das veigas de terra útil concentrada das parroquias de San Pedro, Laroá, Fiestras, Rebordechá, Paredes, Moreiras, Faramontaos e Seoane, dada a agresividade e forte impacto do proxecto.

É por este motivo que o BNG ven de celebrar coa presenza da deputada Tareixa Paz unha serie de xuntanzas informativas veciñais nestes núcleos rurais de Xinzo alertando das terribles consecuencias deste proxecto mineiro para o agro, a economía e o medo ambiente da zona. Por outra banda, tamén se está a informar a veciñanza que asemade das alegacións, mocións presentadas ou dos acordos tomados polos distintos grupos políticos no Pleno Extraordinario que se celebrará o vindeiro xoves ao respecto, e ao abeiro da LEI 3/2008 do 23 de maio de ordenación da minería da Galiza, Título IV Dereitos Mineiros, Capítulo I Procedemento de outorgamento dos dereitos mineiros, Artigo 22 Informe Municipal preceptivo, o BNG de Xinzo da Limia esixe o Alcalde-Presidente do Concello que proceda a redacción dos informes técnicos municipais preceptivos que contempla a devandita Lei, informes DESFAVORABLES que detallen e xustifiquen a nefasta incidencia e forte impacto negativo que o devandito proxecto Faramontaos 5089 supón tanto no eido económico, ambiental, social como agropecuario da zona E ASÍ DESAUTORICE taxativamente este procedemento de outorgamento de dereito mineiro, para o que dispón dun prazo de dous meses.

Así mesmo e ante a pasividade manifesta do PP que ceibou todo o seu rexeite na simple sinatura de alegacións, o BNG a través da súa deputada Tareixa Paz porá en marcha nesta mesma semana no Parlamento da Galiza unha serie de iniciativas encamiñadas a que as Consellerías do Medio Rural e do Medio Ambiente rexeiten de xeito frontal tamén este procedemento administrativo cos seus preceptivos informes técnicos desfavorables.

27/06/2012

O BNG presenta un grupo municipal renovado que garante a continuidade do traballo a prol dos veciños e veciñas de Xinzo

O BNG completa a renovación do grupo municipal coa incorporación de Ramiro Rodríguez e Xosé-Lois Carreira en substitución dos compañeiros que renunciaron ás súas actas.

Xinzo da Limia, 27 de xuño de 2012. Logo da renuncia ás súas actas de concelleiros dos compañeiros Amador Díaz e Lucía Nóvoa, materializada no último plenario municipal, os seus substitutos serán Ramiro Rodríguez Suárez, que así mesmo será o novo portavoz municipal, e Xosé-Lois Carreira López.

Ramiro Rodríguez foi concelleiro dende o 2004 ata o ano pasado e no período 2004-2007 xa se encargou da portavocía. Nas eleccións do 2011 figuraba no número catro da lista do BNG.

Xosé-Lois Carreira ocupaba o posto seis da lista e, aínda que esta será a súa primeira experiencia nun cargo de representación, conta cunha acreditada traxectoria política xa que desempeñou as tarefas de Responsábel Local do BNG de Xinzo dende o ano 2008.

Ramiro Rodríguez tomará posesión da súa acta este mesmo xoves, mentres que Xosé-Lois Carreira deberá agardar aínda pola resolución dos trámites administrativos previstos na lexislación vixente logo da renuncia da candidata que ocupaba o posto cinco da lista.

Continuidade do traballo de oposición

Con este relevo o Bloque Nacionalista Galego seguirá a contar con grupo municipal propio no Concello de Xinzo o que garante a continuidade do traballo dos últimos anos: unha oposición esixente e construtiva co único obxectivo de defender os dereitos dos veciños e veciñas e, ao tempo, ofrecer unha alternativa de goberno seria e críbel.

Agradecementos a Amador e Lucía pola súa laboura

Así mesmo, o Grupo Local do BNG de Xinzo quere facer público o seu agradecemento a Amador Díaz e Lucía Nóvoa pola laboura realizada, no caso de Amador nesta última etapa de cinco anos especialmente frutífera dende o ponto de vista do traballo incansábel de elaboración e presentación de propostas e de denuncia das desfeitas dos gobernos “populares” que se viu recompensado cun importante crecemento do apoio electoral.

Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 ... 21 22 23 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,201 segundos | Powered by WordPress