#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

09/04/2012

O BNG esíxelle a Antonio Pérez unha aposta clara polo Conservatorio Municipal de Xinzo

O grupo municipal do BNG esíxelles ao Alcalde, Antonio Pérez, e ao goberno do Partido Popular, eficacia para garantir o futuro do Grao Medio no Conservatorio municipal.

Xinzo da Limia, 9 de abril de 2012. Desde o BNG de Xinzo queremos pór de manifesto a nosa preocupación diante do futuro do Grao Medio no Conservatorio Profesional de Música do noso concello. Son moitas as queixas presentadas na nosa Oficina de Atención ao Cidadán por alumnas e alumnos, familias e profesorado pola insistencia do alcalde do PP, Antonio Pérez, en que cabe a posibilidade de anular dito nivel de ensino do que, a día de hoxe, se están a beneficiar máis de 70 mozas e mozos, tanto deste Concello como doutros limítrofes. Ademais constitúe unha garantía de futuro para o alumnado que hoxe está a cursar o Grao Elemental, que de non manterse este nivel, tería a obriga de desprazarse a Ourense para recibir as clases correspondentes.

Hai que recordar que esta situación de incertidume xa se viviu no pasado, cando a inexistencia dun edificio propio para estes estudos facía perigar constantemente a continuidade do Grao Medio. Despois dun polémico proceso de construción dun novo centro, finalmente contamos con esta infraestrutura, polo que é ilóxico e surrealista que se estea pensando en suprimir un servizo con tantos anos de traballo e esforzo por parte tanto do profesorado, do alumnado e de boa parte da sociedade limiá no seu conxunto, e que sitúa a este centro como un referente académico da provincia.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG vén de presentar un escrito ante o Concello, esixindo ao alcalde que se adopten as medidas necesarias para garantir os niveis académicos actuais. De non satisfacerse esta demanda social este grupo porá en marcha unha serie de iniciativas cidadás para denunciar esta situación froito do desgoberno, o desinterese e a falla de previsión do PP.

18/01/2012

O BNG reclama medidas estruturais para darlle estabilidade ao sector agro-gandeiro da Limia

A produción de pataca na Limia é unha actividade estratéxica e fundamental, non só para esta comarca, senón tamén para o conxunto da provincia de Ourense. Neste momento está a sufrir unha situación de crise, por iso, desde o Grupo Municipal do BNG, cremos que é imprescindíbel que exista un apoio e aposta das administracións públicas e poderes políticos para paliar a súa situación estrutural, e non só as situacións de crise que ciclicamente se veñen producindo, sendo preciso, ao noso entender, mudar o sentido da política que o actual goberno da Xunta está a acometer.

O da pataca é un sector que sempre se caracterizou pola inestabilidade dos prezos que perciben os labregos e labregas, anos nos que os prezos se equilibran cos gastos e a remuneración do traballo, altérnanse con campañas, como a actual, nas que os ingresos das explotacións non chegan nin para cubrir os custos de produción. Por outra banda, a falla dunha regulación das marxes comerciais crea unha concentración do valor económico da pataca na distribución fronte á produción e elaboración. Neste senso, defendemos que a Administración debería acometer e apostar por medidas de apoio aos labregos e labregas para a comercialización directa e mesmo apoiar á industria de transformación propia, ao igual que fixo o BNG no Goberno Galego en setembro de 2008, cando asinou o contrato homologado no marco da Mesa da Pataca, contrato que tiña como finalidade regular os prezos e que podía axudar ao sector de ter tido continuidade en 2009, medida que acompasou con outras como o Plan de melloras e axudas a novas incorporacións á actividade agraria, que propiciou a incorporación de moitos mozos e mozas ao sector agro-gandeiro contribuíndo a posibilitar a substitución xeracional e atenuar o despoboamento das áreas rurais.

Na actualidade existen contratos privados entre os almacenistas e os produtores e produtoras os cales non ofrecen garantías de ningún tipo para estes últimos, xa que dependen de como vaia a campaña. A industria aplica descontos ou fai calibrados das patacas en función dos seus intereses. No sector da pataca é evidente a dinámica de baixada de prezos, así como as tentativas das grandes empresas do sector para controlar totalmente o mercado, marcando prezos por debaixo dos custes de produción.

Atopámonos diante dun sector que carece de Organización Común de Mercado (OCM), polo que non existe ningún tipo de regulamento nin tampouco axudas de apoio ao mesmo. Faise pois indispensábel adoptar medidas correctoras, tanto do sector como dos mercados, para garantir unhas rendas dignas aos labregos e labregas, e para frear a especulación e as oscilacións de prezos ás que se ve sometido.

12/01/2012

O BNG solicita a anulación inmediata do proceso de contratación dun avogado do Concello

O BNG de Xinzo rexeita a ocorrencia do alcalde, Antonio Pérez, de facerse cos servizos dun avogado en exclusiva, a cargo do orzamento municipal, ao tempo que sobe taxas e impostos e recorta servizos básicos.

Xinzo da Limia, 12 de xaneiro de 2012. No BOP do 30 de decembro do 2011 publicouse o anuncio de convocatoria dunha praza de letrado/a para o Concello. No BNG vimos de recoller a perplexidade e indignación dos veciños e veciñas de Xinzo que non entenden os motivos desta contratación nun servizo totalmente accesorio e marxinal que non ten ningunha consecuencia directa na súa calidade de vida. Resulta curioso e chamativo que Antonio Pérez, representante dunha forza como o PP, partidaria de privatizar prestacións básicas como a educación, a sanidade, a atención aos maiores e aos dependentes, etc. teña a ocorrencia de facerse cos servizos dun avogado propio cando hai sobrados motivos que desaconsellan a creación desta nova figura, ata o de agora inexistente no Concello de Xinzo, e que deberían levar a un alcalde sensato e que pense no interese xeral dos veciños e veciñas a desistir inmediatamente deste despropósito.

Estamos a falar dun Concello en permanente estado de excepción financeira, asfixiado no capítulo de ingresos, que recorta servizos básicos e que xa adica máis do 60% do orzamento a Gastos de Persoal ao que se lle vai engadir unha nova lousa en forma de praza de funcionario que non figura recollida na RPT e que, en ningún caso, lle vai saír aos veciños por menos de 65.000€ anuais. Coa creación deste novo posto estanse a incumprir vergoñentamente os compromisos adquiridos no famoso ‘Plan de Saneamento’, aprobado no ano 2009, que recollía explicitamente a “conxelación da oferta de emprego”, resulta impresentábel que este plan só sirva de escusa para subirlle os impostos aos veciños. E, finalmente, como o Sr. Pérez vai por libre e ao Sr. Rajoy non lle fan caso nin os seus, esta medida está a contradicir o acordado polo goberno do estado español, do propio PP, a través do Real Decreto-Lei 20/2011 que establece que “durante o ano 2012 non se procederá á incorporación de novo persoal, nin contratado, nin funcionarial a non ser por causa de forza maior”, o cal, evidentemente, non é o caso.

Queremos lembrarlle ao Sr. Pérez que o realmente produtivo sería reducir a conflitividade xudicial mediante unha xestión acaida dos intereses municipais e que o feito de dispor dun avogado propio non lle vai garantir gañar os procesos nos que se vexa envolto o que, a fin de contas, é o que realmente pode saír caro. Por isto o Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha moción na que se lle pide ao actual goberno do PP a paralización inmediata deste proceso de contratación.

10/01/2012

O BNG propón manter o servizo público de Axuda no Fogar reformulando a súa xestión

O BNG denuncia que os recortes en materia social da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado están a por en perigo a continuidade do Programa de Axuda no Fogar.

Xinzo da Limia, 10 de xaneiro de 2012. Nos últimos días, o BNG de Xinzo vén de recoller na súa Oficina de Apoio ao Cidadán as protestas de varias veciñas e veciños deste concello aos que se lles comunicou a fin do “Programa de Axuda no Fogar para Persoas Non Dependentes” do que se estaban a beneficiar.

A propia Concellaría de Igualdade e Benestar culpabiliza á Xunta de Galiza e ao Goberno Central desta situación, polos recortes levados a cabo en materia social, que supoñen unha aldraxe cara á cidadanía, mais isto non pode servir de escusa para eliminar un servizo básico que debe ser prioritario á hora de distribuír os limitados recursos municipais.

No BNG de Xinzo cremos que este programa podería manterse mediante a autoxestión cunha reorganización do mesmo en base aos seguintes criterios: levar un control exhaustivo das necesidades reais das e dos usuarios, facer unha organización axeitada do persoal en función das situacións dos diferentes fogares, e levar unha xestión económica eficaz. Neste senso sinalar que, na actualidade, estanse a cobrar os recibos con máis dun ano de atraso, polo que conviría establecer uns prazos máis curtos que garantisen a solvencia económica.

A poboación limiá, como a galega, é unha poboación avellentada, polo que cómpre manter servizos que garantan o benestar das persoas maiores, principais beneficiarias deste programa, e especialmente no caso do rural, onde as oportunidades e as prestacións son escasas ou nulas. É, polo tanto, obriga do Sr. Pérez e do seu grupo de goberno, garantir a calidade de vida e unha vellez digna que permita aos nosos vellos vivir no lugar onde naceron durante o maior tempo posíbel e nas mellores condicións, por isto o Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha moción na que se lle pide ao actual goberno do PP que manteña o servizo público de Axuda no Fogar reformulando a xestión e organización do mesmo.

05/01/2012

O BNG urxe unha solución para as deficiencias nas instalacións do Conservatorio

O BNG lamenta comprobar como, unha vez máis, a deixadez e a desidia do PP impiden ofrecer un servizo de calidade, neste caso o Conservatorio de Música.

Xinzo da Limia, 5 de xaneiro de 2012. O goberno do PP no Concello de Xinzo incluíu dentro das afamadas obras do PLAN E o novo edificio do Conservatorio. Gastáronse 600.000€ en facer un edificio ubicado, ao noso entender, nun sitio totalmente inadecuado para o seu destino e que provocou múltiples queixas e enfrontamentos entre o Concello e os veciños afectados.

En todo caso o edificio foi rematado mais, na actualidade aínda carece ou son deficientes os seguintes servizos: non funciona o sistema de calefacción, o subministro eléctrico é precario, non ten fotocopiadora, non se dispón de acceso a Internet, etc. Todo isto provoca que os rapaces e rapazas queden sen luz en numerosas ocasións, teñan que ir a clases moi ben abrigados e con mantas, para facer fotocopias teñan que acudir á Biblioteca, non poidan acceder facilmente a ningún tipo de recurso ou información na rede, etc.

O BNG entende agora perfectamente por que no “Concerto do Nadal”, celebrado polas alumnas e alumnos do Conservatorio, tan só estivo presente o Concelleiro de Educación. Unha vez máis o Alcalde, Antonio Pérez, prefire non dar a cara perante os problemas que ten o Concello e delega a súa representación, reservándose el mesmo para mellores ocasións.

O BNG quere lembrarlle ao Sr. Pérez que, dende o punto de vista académico, temos un dos mellores Conservatorios non só da provincia senón de toda Galiza. Os e as músicos que saen do mesmo teñen demostrada a súa valía nas diferentes agrupacións existentes na comarca. Por iso, para rematar coas deficiencias detectadas, o Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha moción na que se lle pide ao actual goberno do PP que, de xeito inmediato, proceda a subsanar estas carencias, dotando ao edificio do Conservatorio de todos os recursos materiais necesarios para cumprir a súa misión nunhas condicións axeitadas.

29/11/2011

O BNG lamenta a inoperancia do Goberno do PP na xestión da piscina climatizada municipal

O grupo municipal do BNG quere por de manifesto as queixas de veciñas e veciños de Xinzo diante da mala xestión da piscina climatizada por parte do goberno de Antonio Pérez.

Xinzo da Limia, 29 de novembro de 2011. Despois de máis de dez anos de explotación por unha empresa privada, no mes de agosto de 2011 o Concello de Xinzo da Limia asumiu a xestión da piscina climatizada municipal. As instalacións mantivéronse pechadas ao público desde o 31 de xullo ata o 12 de setembro para, supostamente, acometer obras de mellora e renovación do interior e exterior de dita instalación.

Lamentablemente, a día de hoxe aínda non se materializou ningunha obra de mellora, ampliación ou renovación en todo o recinto deportivo. A isto hai que engadir que o ximnasio co que conta a instalación se atopa totalmente desprovisto de aparellos e máquinas de exercicios, a pesar de que as socias e socios seguen pagando a taxa íntegra por todos os servizos. Son moitos os que manifestan o seu malestar ante a falla de equipamento e se plantexan darse de baixa como socios de manterse esta situación no tempo.

Así as cousas, non é de estrañar que o número de socios (arredor de 600 hai medio ano) se vexa reducido case á metade desde que o Concello de Xinzo asumiu a xestión das instalacións, poñendo en serio risco o estudo económico elaborado polos técnicos municipais e que serviu para avalar a viabilidade da operación.

O BNG esixe eficacia e seriedade

Desde o grupo municipal do BNG demandamos un urxente cambio de actitude por parte dos responsábeis do PP na área de Deportes e do propio Alcalde, Antonio Pérez, na xestión da piscina climatizada, pois son moitas as persoas que fan uso das súas instalacións, tanto residentes neste Concello como noutros limítrofes. Non quixeramos asistir a unha nova privatización deste servizo (empresa privada, Deputación…) simplemente pola falla de eficacia e polo desleixo institucional aos que os sucesivos gobernos “populares” nos teñen tan acostumados.

01/11/2011

O BNG esixe ó Alcalde de Xinzo que deixe de crispar á veciñanza de Gudín

O BNG reclama a Antonio Pérez que devolva a normalidade a veciñanza de Gudín, moi preocupada pola planta de lixo.

Xinzo da Limia, 1 de novembro de 2011. O portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz Penín, tralo enorme malestar e crispación vividos o pasado domingo nunha xuntanza de comuneiros do monte do término municipal de Gudín, onde mesmo chegou a intervir a Policía Local de Xinzo para manter o orden público, esixe que “o alcalde Antonio Pérez devolva a normalidade ó pobo de Gudín onde ata o de agora a xente vivía moi tranquila, en paz e sen ningún tipo de problemas nin co monte, nin co lixo nin con nada”.

Gran interese do alcalde pola situación da planta de lixo en Gudín.

Neste sentido, Amador Díaz denuncia que “o que debería explicarnos a todos o señor alcalde do PP Antonio Pérez, ós de Gudín e do resto de Xinzo, é o por que dise gran interese seu en traer unha planta de basura aquí e aínda por enriba darlle o servizo a unha empresa SOREVA S.L., tapadeira de outras, que non ofrece ningunha garantía na correcta xestión do lixo e que en Murcia a semana pasada o goberno autónomo lle pechou un vertedeiro ilegal en Abanilla”.

05/10/2011

O BNG lamenta a teima do Alcalde de Xinzo en querer converter á Limia no vertedoiro do sur de Galiza

20111005-capa

Amador Díaz denuncia a actitude covarde do alcalde do PP, Antonio Pérez, que non dá a cara e delega nun técnico alleo ao Concello a explicación do proxecto.

Xinzo da Limia, 5 de outubro de 2011. No día de onte, auspiciada polo grupo de goberno do PP no Concello de Xinzo co seu Alcalde á cabeza, Antonio Pérez, celebrouse na Casa da Cultura unha xuntanza para a “presentación” do proxecto dunha Planta de Tratamento de Refugallos promovida por unha firma murciana. No decorrer da mesma un técnico en representación da citada empresa degrañou as “virtudes” do proceso de “valorización” aplicado ao lixo, nun intento superfluo de convencer aos presentes da súa comenencia pois os “convidados”, na súa maioría seguidores populares, xa estaban convencidos de antemán e non precisaban de moitos máis adobíos técnicos que nin entenderon nin lles interesaban. Este proxecto resúmese nos seguintes puntos chave: un investimento de 50 millóns de euros, unhas instalacións de 60 mil metros cadrados e 200 postos de traballo directos nunha planta que trataría 150.000 toneladas de lixo ao ano, que se valorizaría en forma de abono orgánico (compost), materiais de reciclaxe (papel, vidro, plástico, metais, etc.) e CDR (combustíbel derivado de refugallos), deixando un “resto” non recuperábel, estimado nun 4% do total, que iría a un vertedoiro anexo.

Deixando a un lado a valoración técnica, para o BNG resulta intolerábel a actitude política do Alcalde, Antonio Pérez, agochado na primeira fila xunto ao resto do seu grupo, asistindo como simple espectador ao acto, nun patético intento de situarse a unha falsa equidistancia do proxecto cando na realidade el é o principal valedor e mentor do mesmo, como declarou aos medios logo de visitar unha planta similar que esta empresa ten en Murcia. No BNG non terminamos de entender os continuos bandazos deste alcalde que primeiro dixo si á Incineradora da Xunta do PP, logo dixo non, e agora volta a dicir si a esta planta de tratamento. Novamente imos ter que ser os veciños e veciñas de Xinzo os que o convenzamos para que mude de opinión coa nosa mobilización e rexeitamento.

Postos de traballo de ínfima cualificación

O principal e único argumento co que o PP nos quere “vender” este proxecto é o dos 200 postos de traballo directos que calculan se poderían crear nas sucesivas fases da súa implantación. Máis unha vez o modelo do PP está claro: privatización de servizos públicos e precarización das condicións de traballo. Sen entrar na análise das repercusións negativas que a presencia desta planta ocasionaría para o principal cultivo da nosa comarca, resulta chamativa a pouca estima e nula ambición que o Sr. Pérez ten para os seus conveciños ao condenalos a uns “empregos lixo” cunha cualificación ínfima que propiciará unha elevada rotación e temporalidade e, consecuentemente, salarios míseros de auténtica subsistencia. No BNG apostamos por outro futuro para a Limia, diferente ao dun PP que nos quere situar no mapa dos vertedoiros de Galiza como xa ten demostrado coa Planta de Tratamento de Refugallos da Construción. Apostamos polo impulso institucional á instalación na nosa comarca de empresas respectuosas co medio, non contaminantes, fundamentalmente empresas agro-gandeiras, que permitiran tirar un valor engadido da nosa produción creando postos de traballo estábeis, sostíbeis e cualificados.

Acto público do BNG. Outro modelo de crecemento para Xinzo é posíbel

Co obxectivo de explicar o noso posicionamento e alternativas sobre este e outros temas, o BNG convida aos veciños e veciñas a un acto público aberto o vindeiro sábado, 8 de outubro, ás 20:30h no Salón de Plenos do Concello de Xinzo, no que o noso senador e cabeza de lista por Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza, debullará as propostas para a Limia de cara ás vindeiras eleccións xerais do 20 de novembro.

Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 ... 21 22 23 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,245 segundos | Powered by WordPress