#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

25/11/2013

A oposición convoca un pleno para que o alcalde explique as acusacións de “desviación de poder e indicios de prevaricación”

SAMSUNG

Todos os grupos da oposición forzan ao alcalde, Antonio Pérez, a que explique as sentenzas condenatorias polas contratacións realizadas no 2012.

Xinzo da Limia, 25 de novembro de 2013. Os grupos políticos que integran a oposición no Concello de Xinzo (BNG, PSdeG-PSOE, APGA, AIDAL e ANOVA) rexistraron esta mañá unha petición conxunta solicitando a celebración dun pleno extraordinario para que o alcalde, Antonio Pérez, dea conta e explique a todas as veciñas e veciños de Xinzo a súa situación xurídico-procesal logo das sentencias emitidas polos Xulgados do Contencioso-Administrativo nº1 e nº2 de Ourense a raíz das denuncias da Avogacía do Estado polas contratacións de persoal laboral temporal feitas polo Sr. Pérez, ignorando os informes preceptivos de Secretaría e Intervención, sen os correspondentes procesos de selección e contravindo o RDL 20/2011.

Nestas sentenzas, coñecidas os pasados días 12 e 13 de novembro, os maxistrados proceden á anulación das contratacións e cualifican a actuación do Sr. Pérez como de “desviación de poder e indicios de prevaricación”, “conduta irregular e constante realizada con plena consciencia da súa ilicitude por manter en nómina a determinadas persoas con contratos temporais, pese aos reparos do secretario e do interventor” e de “incumprimento groseiro e consciente por parte do mandatario que podería ser constitutivo dun delito de prevaricación”. Ao tempo, ordenan (unha vez a sentenza sexa firme) a remisión do expediente ao Xulgado de Primeira Instancia de Xinzo para que proceda a investigar as responsabilidades penais que se puideran derivar por parte de Sr. Pérez.

Dada a gravidade das acusacións e as abondosas testemuñas e documentación administrativa que as avalan, a partires deste intre a situación do Sr. Pérez só pode evolucionar a peor, polo que a única saída lóxica pasa pola súa dimisión inmediata e irrevogábel. O Concello de Xinzo non pode estar gobernado por unha persoa que incumpre sistemática e conscientemente a normativa en materia de contratación e os veciños e veciñas non se poden permitir un alcalde e un goberno municipal á deriva e baixo sospeita permanente.

31/07/2013

Pleno extraordinario e urxente 1-8-2013

Mañá, quinta-feira (xoves), 1 de agosto, ás 11:00h celebrase un pleno extraordinario e urxente segundo a orde do día que se acompaña. Neste pleno aprobaranse os orzamentos do Concello de Xinzo para o ano 2013.

Será un plenario atípico xa que, na honra das vítimas do sinistro ferroviario de Santiago de Compostela do pasado día 24, e malia ter rematado xa o período de loito oficial, os diferentes grupos municipais chegaron ao acordo de celebrar este pleno sen debate, co cal unicamente se procederá á votación dos diferentes puntos da orde do día.

O BNG de Xinzo traslada as súas condolencias e o seu total apoio ás familias das vítimas deste terrible accidente ferroviario que ten conmocionado a Galiza e súmase a todos os actos convocados para expresar o seu pesar pola traxedia. Igualmente, trasladamos o noso apoio e solidariedade aos feridos hospitalizados, que son a primeira prioridade, aos que desexamos unha pronta e completa recuperación.

 Filed under: Axenda,Grupo Municipal
19/06/2013

Pleno ordinario 20-6-2013

Logo de cinco meses sen reunións plenarias mañá, quinta-feira (xoves), 20 de xuño, ás 11:00h celebrase o pleno ordinario segundo a orde do día que se acompaña.

Como temas máis reseñábeis podemos destacar os seguintes:
* Proposta en relación ao apoio aos afectados polas preferentes e subordinadas.
* Expediente de honra a D. Angel Cocho de Juan, Director do Colexio Santa Mariña de Xinzo.
* Solicitude de declaración do Entroido como festa de interese turístico internacional.
* Adhesión ao Convenio para a Creación dun Fondo Social de Vivendas.
* Convenio Marco de Colaboración entre o Concello de Xinzo de Limia e a Oficina Provincial da Cruz Vermella en Ourense.
* Adhesión do Concello de Xinzo de Limia na Rede de Municipios Ourensás cara á Sostibilidade.

No tempo das mocións de urxencia trataremos as seguintes cuestións:
* Moción conxunta rexeitando o copago imposto pola Xunta nos comedores escolares.
* Moción conxunta rexeitando as sancións da AEAT aos emigrantes que cobran pensións do estranxeiro.
* Moción conxunta axilización obras de ampliación da Galescola de Xinzo.
* Moción do BNG en contra da minaría salvaxe e contaminante.

11/06/2013

Contra a minaría salvaxe e contaminante

20130611-capa

O BNG solicitará o pronunciamento do Concello de Xinzo en contra da macro-minaría salvaxe mediante una moción presentada para o seu debate no vindeiro pleno.

Xinzo da Limia, 11 de xuño de 2013. A explotación dos recursos mineiros, e particularmente dos metais, está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocoloniais. O seu alto prezo nos mercados fai que procuren beneficio rápido a costa do grave impacto ambiental e riscos para a saúde das persoas.

Corcoesto, en Bergantiños, O Ribeiro, Celanova, as Fragas do Eume, a Serra do Galiñeiro, a Terra Chá ou a Limia están baixo esta ameaza. Na Galiza existen 520 explotacións mineiras e as concesións chegan a abranguer máis da metade da superficie do país. A maior parte destas foron autorizadas e perviven na actualidade grazas a normas aprobadas no réxime franquista. Nin a Xunta de Galiza nin o goberno do Estado teñen o menor interese en mudar esta situación. O Plan Sectorial de Actividades Extractivas, encargado ás empresas do sector mineiro (Cámara Mineira de Galiza) e furtado á participación das entidades sindicais, ambientalistas, veciñais e profesionais, ameaza espazos naturais protexidos e os concellos e as persoas afectadas non contan, tampouco a ordenación urbanística local.

A minaría a ceo aberto e a fractura hidráulica ou “fracking” son actividades con graves impactos sobre o medio ambiente. Trátase dunha minaría salvaxe, que produce a destrución física do territorio, elimina e contamina o solo e os acuíferos, consume grandes cantidades de enerxía e auga e manexa substancias tóxicas que poden ter graves consecuencias. Pon en perigo a saúde, a calidade de vida, os recursos e os medios de vida tradicionais e sustentábeis das persoas. Os supostos (e sempre interesadamente esaxerados) beneficios non compensan os prexuízos ambientais e socio-económicos derivados en outros recursos naturais, forestais, agro-gandeiros, pesqueiros, hídricos, de lecer ou turísticos, e para a saúde humana.

Existe un clamor para que se suspendan os permisos e concesións en tramitación, que se prohiba a macro-minaría a ceo aberto e a minaría con cianuro. Galiza debe ser soberana na explotación dos seus recursos, o aproveitamento dos mesmos debe ser considerado estratéxico, decidido desde aquí en función dos nosos intereses e tutelado desde os poderes públicos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos.

A ameaza dos feldespatos na Limia persistirá mentres non se mude a lei

Dende o BNG seguiremos a reclamar unha lexislación que nos blinde definitivamente contra este tipo de minaría, xa que nada impide que a explotación de feldespatos volte ao ataque nun futuro próximo cunha normativa máis favorábel, nin que novos proxectos, como o LUIS-4943 que denunciamos hai unhas semanas, ou outros novos poidan botar a andar en calquera intre.

15/04/2013

O BNG de Xinzo rexeita o copago nos comedores escolares que pretende impoñer a Xunta do PP

Levaremos ao próximo pleno unha moción rexeitando este novo copago e promoveremos accións informativas apoiando as mobilizacións de protesta das nais e pais afectados.

Xinzo da Limia, 12 de abril de 2013. O pasado 12 de marzo, o goberno do PP na Xunta de Galiza anunciaba a ampliación do copago do servizo de comedor escolar, un novo recorte no dereito á educación dos galegos e galegas. Con esta decisión o PP carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dun servizo necesario para garantir o Dereito á Educación.

Esta actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras, recortes nos orzamentos dos centros, recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade.

Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, ou cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.

O BNG de Xinzo levará ao próximo pleno unha moción rexeitando este novo copago e promoverá accións informativas apoiando as mobilizacións de protesta das nais e pais afectados por está decisión de Nuñez Feijóo que pretende facer caixa a conta da comida dos nenos e nenas dos centros públicos.

12/04/2013

O BNG demanda medidas urxentes para conter a vaga de roubos en granxas

O BNG de Xinzo demándalle ao Alcalde, Antonio Pérez, que se estude a adopción de medidas disuasorias mediante o deseño dun plan de seguridade conxunto que implique e coordine a todas as forzas e corpos de seguridade.

Xinzo da Limia, 12 de abril de 2013. Nos últimos meses vimos asistindo a unha vaga de roubos en granxas cun “modus operandi” idéntico que evidencia a existencia dun grupo organizado que está a operar na nosa comarca e nas zonas limítrofes de Portugal. Estes roubos sistemáticos, xa levamos catro na Limia, provocan un serio revés aos propietarios afectados con perdas que rondan os 15 mil euros de media e levan a preocupación aos veciños e veciñas pola impunidade coa que están a actuar os seus autores.

O Concello de Xinzo non acada o ratio de Policía Local recollido no Decreto 243/2008, de 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locais, que establece como “recomendábel” que o número total de membros acaden o 1,8 por cada 1.000 habitantes, deste xeito corresponderíannos 18 efectivos (agora temos 15). O Sr. Pérez Rodríguez debería cavilar seriamente en recortar en letrados e administrativos e incrementar a plantilla da policía ata o mínimo recollido na lexislación, deste xeito poderíase pensar na posibilidade de establecer quendas nocturnas de vixilancia do rural, que fica especialmente desprotexido.

Polo momento a inacción e a falta de dilixencia advertidas nas autoridades e administracións responsábeis están a provocar perdas millonarias nas granxas de vacún da nosa comarca, por isto, o Grupo Municipal do BNG de Xinzo demanda que se estude a adopción de medidas disuasorias mediante o deseño dun plan de seguridade conxunto co resto de concellos da Limia que implique e coordine a todas as forzas e corpos de seguridade locais, autonómicos e estatais con competencias no asunto.

28/02/2013

Pleno ordinario 28-2-2013

Hoxe, quinta-feira (xoves), 28 de febreiro, ás 11:00h celebrouse o pleno ordinario segundo a orde do día que se acompaña.

Como tema máis reseñábel, e único con contido real na orde do día, destacamos a aprobación da redución de salario do 15,11% do persoal laboral do Concello en cumprimento do Plan de Axuste aprobado polo PP en marzo do ano pasado e do acordo plenario de 5.9.2012. Neste punto denunciamos a incoherente e errática política de persoal do grupo de goberno así como o seu nulo rigor técnico ao asinar unha proposta de redución inviábel legalmente, co cal ao final reducirase a todos os traballadores ese 15%, incluíndo as cotizacións á Seguridade Social.

No tempo das moción de urxencia aprobouse por unanimidade unha proposta do BNG na que se insta á Xunta de Galiza a declarar a Limia como Zona de Actuación Agraria Prioritaria, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, o que dotará á nosa comarca dunha maior protección fronte a proxectos como o da mina de feldespatos.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
27/12/2012

Pleno ordinario 27-12-2012

Hoxe, quinta-feira (xoves), 27 de decembro, ás 11:00h celébrase o derradeiro pleno ordinario do ano segundo a orde do día que se acompaña.

Como tema máis reseñábel a tratar destacamos:

* Aprobación das Propostas de actuación prioritarias e inmediatas para a racionalización administrativa e regulación dos RRHH municipais.
* Aprobación liquidación da Mancomunidade de Concellos da Limia.
* Adhesión ó Convenio-Marco da Excmª Deputación Provincial relativo á rede provincial de canceiras.

Páxinas: 1 2 3 4 5 6 7 8 ... 14 15 16 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,210 segundos | Powered by WordPress