#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

27/12/2012

Pleno ordinario 27-12-2012

Hoxe, quinta-feira (xoves), 27 de decembro, ás 11:00h celébrase o derradeiro pleno ordinario do ano segundo a orde do día que se acompaña.

Como tema máis reseñábel a tratar destacamos:

* Aprobación das Propostas de actuación prioritarias e inmediatas para a racionalización administrativa e regulación dos RRHH municipais.
* Aprobación liquidación da Mancomunidade de Concellos da Limia.
* Adhesión ó Convenio-Marco da Excmª Deputación Provincial relativo á rede provincial de canceiras.

27/06/2012

O BNG presenta un grupo municipal renovado que garante a continuidade do traballo a prol dos veciños e veciñas de Xinzo

O BNG completa a renovación do grupo municipal coa incorporación de Ramiro Rodríguez e Xosé-Lois Carreira en substitución dos compañeiros que renunciaron ás súas actas.

Xinzo da Limia, 27 de xuño de 2012. Logo da renuncia ás súas actas de concelleiros dos compañeiros Amador Díaz e Lucía Nóvoa, materializada no último plenario municipal, os seus substitutos serán Ramiro Rodríguez Suárez, que así mesmo será o novo portavoz municipal, e Xosé-Lois Carreira López.

Ramiro Rodríguez foi concelleiro dende o 2004 ata o ano pasado e no período 2004-2007 xa se encargou da portavocía. Nas eleccións do 2011 figuraba no número catro da lista do BNG.

Xosé-Lois Carreira ocupaba o posto seis da lista e, aínda que esta será a súa primeira experiencia nun cargo de representación, conta cunha acreditada traxectoria política xa que desempeñou as tarefas de Responsábel Local do BNG de Xinzo dende o ano 2008.

Ramiro Rodríguez tomará posesión da súa acta este mesmo xoves, mentres que Xosé-Lois Carreira deberá agardar aínda pola resolución dos trámites administrativos previstos na lexislación vixente logo da renuncia da candidata que ocupaba o posto cinco da lista.

Continuidade do traballo de oposición

Con este relevo o Bloque Nacionalista Galego seguirá a contar con grupo municipal propio no Concello de Xinzo o que garante a continuidade do traballo dos últimos anos: unha oposición esixente e construtiva co único obxectivo de defender os dereitos dos veciños e veciñas e, ao tempo, ofrecer unha alternativa de goberno seria e críbel.

Agradecementos a Amador e Lucía pola súa laboura

Así mesmo, o Grupo Local do BNG de Xinzo quere facer público o seu agradecemento a Amador Díaz e Lucía Nóvoa pola laboura realizada, no caso de Amador nesta última etapa de cinco anos especialmente frutífera dende o ponto de vista do traballo incansábel de elaboración e presentación de propostas e de denuncia das desfeitas dos gobernos “populares” que se viu recompensado cun importante crecemento do apoio electoral.

19/04/2012

O BNG reclama do Alcalde seriedade e transparencia na concreción do Plan de Axuste

Amador Díaz advirte que as fracasadas políticas do PP da austeridade “selectiva”, das subas de impostos e das baixadas de soldo aos traballadores non serán as que garantan o futuro do Concello de Xinzo.

Xinzo da Limia, a 19 de abril de 2012. Nos últimos días os veciños e veciñas de Xinzo asistimos abraiados ao espectáculo de declaracións cruzadas entre o alcalde do Concello, Antonio Pérez, e os representantes dos traballadores a conta do ‘Plan de Axuste’ aprobado no último plenario.

No BNG coñecemos moi ben os famosos ‘plans’ do PP de Xinzo, papel mollado onde se fala de medidas de aforro en gastos correntes, optimización de recursos, conxelación de contratacións, mais que ao final só se concretan en subas de impostos e taxas. Esta é a experiencia demostrábel do ‘Plan de Saneamento Económico-Financeiro’ do 2009 e é por onde apuntan as directrices deste novo e improvisado ‘Plan de Axuste’ feito ás presas, que carga todo o peso do “axuste” nos veciños e nos traballadores do Concello, esquecendo medidas reiteradamente propostas polo BNG como redución de dietas dos concelleiros, eliminación da inútil adicación exclusiva da concelleira de Persoal, esixencia a outras administracións para que colaboren no financiamento de determinados servizos (como o Conservatorio) por ter carácter comarcal, etc.

Antonio Pérez está empeñado na loábel tarefa de garantir a viabilidade económica do Concello de Xinzo, mais non será aplicando as fracasadas políticas do PP (austeridade “selectiva”, suba de impostos para os veciños e veciñas, baixada de soldo aos traballadores) como o consiga, ademais a súa incoherencia fai que teña aberto un proceso de contratación dun avogado para o Concello que se vai “comer” o 15% dese aforro conseguido en base a precarizar as condicións do persoal laboral actual.

O BNG esixe eficacia, seriedade e transparencia

E todo isto estase a facer de costas á oposición, sen contar para nada con ela, sen explicar en ningún momento as intencións e ocultando información baixo a escusa dos prazos legais. Por isto no día de hoxe vimos de solicitar a reunión URXENTE da Comisión de Economía e Facenda para que o alcalde dea conta das medidas de redución salarial propostas aos traballadores na reunión do 17/4/2012, así coma do resto de medidas de aforro previstas polo grupo de goberno e avance as liñas xerais do Proxecto de Orzamentos para o 2012.

O BNG ofrece alternativas máis xustas

Diante deste “máis do mesmo” que nos plantexa o alcalde do PP, dende o BNG presentaremos unha alternativa máis equilibrada, cunha batería de medidas diversificadas, que non fará recaer todo o peso do axuste nos traballadores e nos veciños e veciñas de Xinzo.

08/03/2012

Pleno ordinario 8-3-2012

Hoxe, quinta-feira (xoves), 8 de marzo (Día da Muller Traballadora), ás 11:00h celébrase o pleno ordinario segundo a orde do día que se acompaña.

Destacamos a aprobación, a iniciativa do BNG, dunha moción instando á execución do regadío así como a adopción de diferentes medidas encamiñadas á mellora e potenciación do sector da pataca.

09/07/2011

O PP comprométese a despedir de xeito “tranquilo e sosegado” ao 40% da plantilla municipal

20110709-capa

Da intervención do alcalde, Antonio Pérez, no primeiro Pleno da lexislatura despréndese o compromiso expresado de aplicación “sosegada e tranquila” da RPT, que afectará a preto de 50 traballadores municipais.

Xinzo da Limia, 9 de xullo de 2011. Na sesión plenaria celebrada onte venres, 8 de xullo, puidemos comprobar como era novamente rexeitada a proposta do BNG de redución nun 50% das dietas por asistencia aos distintos órganos de goberno, pasándoas dos 150€ actuais a 75€, e isto a pesar das reiteradas peticións de cordura, axuste e aforro en tempos de crise do noso portavoz municipal, Amador Díaz, diante da actitude irresponsábel do actual alcalde do PP, Antonio Pérez, ao manter estes cuantiosos emolumentos, obviando mesmo as directrices do seu Presidente Nacional, Mariano Rajoy, de redución dun 50% do gasto corrente municipal.

Sen embargo, ao fío da creación dunha adicación exclusiva para a área de Relacións Institucionais, Comunicación e Persoal, o Sr. Alcalde fixo o anuncio relevante da xornada ao comprometerse coa aplicación inmediata da coñecida Relación de Postos de Traballo (RPT), que cifra en preto de 50 os traballadores en exceso no Concello de Xinzo, aínda sen contar con encontro sectorial ningún, nin coa Mesa de Contratación, nin coa forza sindical maioritaria.

O BNG solicitará medidas urxentes de axuste e aforro

A política inmediata do BNG irá encamiñada a facer “baixar da burra” ao actual alcalde, no senso de que “non se pode gastar máis do que se ten” e, mentres existan duplicidades de gasto polos mesmos servizos que fan brigadas municipais e empresas privadas, sobrevaloración ficticia das obras adxudicadas “a dedo” polo goberno, adicacións exclusivas virtuais e inxustificadas, e dietas desorbitadas estaremos condenados á bancarrota e non poderemos ofertar á veciñanza uns servizos municipais de calidade acordes cos gravames e taxas que abonan. Por isto, o BNG activará nas vindeiras semanas distintas iniciativas específicas para que o alcalde entre en razón e axuste o cinto como o resto dos mortais.

Festas de Sta. Mariña

Así mesmo, Amador Díaz resalta que o feito de desviar 50.000€ destinados ao sistema de climatización, distintas melloras e ampliación da Galescola para a organización das festas patronais pon de manifesto a situación de total improvisación coa que se abordan todas as cuestións municipais e certifica que o Sr. Alcalde, a unha semana vista nin ten programa, nin proxecto lúdico, nin nada que se lle pareza e moito menos pode garantir un servizo de gardería infantil moderno, digno e acorde a gran demanda que Xinzo ten.

07/07/2011

O BNG advirte que o goberno do PP vai resultar inoperativo e gravoso para Xinzo

O Alcalde, Antonio Pérez, crea unha “concellaría virtual” para xustificar a xenerosa adicación exclusiva que Montserrat Lama vai cobrar a conta dos veciños e veciñas.

Xinzo da Limia, 7 de xullo de 2011. Este venres, ao límite do prazo legal estipulado, celébrase o pleno organizativo do Concello de Xinzo. O alcalde, Antonio Pérez, artellou un goberno repartido en oito áreas (fronte ás seis da etapa anterior) que vai resultar inoperativo e gravoso para os cidadáns de Xinzo. Inoperativo porque hai áreas nas que se solapan as competencias, o cal propiciará as liortas internas como xa sucedeu no pasado, e gravoso porque este aumento artificioso de áreas vai levar aparellado un incremento dos gastos da operativa municipal.

Dende o BNG lamentamos que o “manual de estilo da austeridá de Feijóo” non chegara a tempo ás mans do noso alcalde, quen non rebaixa o importe das dietas por asistencia a órganos corporativos como reiteradamente veu reclamando o noso grupo no anterior mandato. A redución das dietas permitiría amortecer o impacto que supón o aumento do número de concelleiros electos, mais con esta medida aos “populares” non lle sairían as contas.

Por outra banda, a proposta de celebrar os plenos ordinarios ás 11:00h, cando tradicionalmente se viñan celebrando de tarde, tampouco permite albiscar moi boas intencións do Sr. Pérez ao respecto de facilitar a asistencia dos cidadáns aos mesmos.

Neste mandato a adicación exclusiva cambia de dona pasando a ser disfrutada pola concelleira do PP Montserrat Lama, á que se lle crea unha “concellaría virtual”, baleira de contido, para poder xustificar nominalmente o xeneroso soldo que vai a percibir a conta das veciñas e veciños de Xinzo. E o caso é que traballo na área de Persoal non lle ía faltar se puidera e quixera facelo, especialmente se temos en conta que a reorganización e racionalización da plantilla do Concello é prioritaria cunha RPT pendente de aplicación dende hai tres anos.

Desvío de fondos da Galescola para pagar as festas da Santa Mariña

Claro exemplo da incompetencia do recén estreado goberno está na primeira medida “operativa” que traen ao plenario, consistente na transferencia de 50.000€ de investimento na Galescola de Xinzo que se van empregar para financiar as festas da Santa Mariña. Por unha banda detráense cartos destinados a obras de mellora necesarias para a calidade deste servizo, e insistentemente demandadas polos pais e nais, e empréganse en pagar os festexos patronais, o cal tamén deixa en evidencia a imprevisión do PP que, cando aprobou os orzamentos hai uns meses, non sabía que as festas se celebran todos os anos no mes de xullo.

20/01/2011

BNG e PSdeG solicitan a celebración dun pleno para analizar e debater a situación do persoal

20110120-capa

Ambas formacións esixen a Antonio Pérez que explique as últimas contratacións realizadas en contra dun mandato expreso do Pleno.

Os portavoces municipais do BNG, Amador Díaz, e do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, rexistraron esta mañá no Concello unha petición conxunta de ambos grupos solicitando a celebración dun pleno extraordinario no cal analizar a situación do persoal laboral logo do recente anuncio de procesos de contratación para diversos postos temporais en contra das directrices do Plan de Saneamento Económico-Financeiro e incumprindo un mandato expreso do Pleno aprobado o pasado 4 de novembro de 2010, a iniciativa do BNG, que ordenaba a “conxelación inmediata de calquera nova contratación de persoal eventual”. Anuncios que levaron tamén aos representantes sindicais a alertar sobre a “inviabilidade” deste modelo nunha reunión cos grupos celebrada o pasado día 14 de xaneiro.

Unha RPT pendente de aprobación dende hai máis dun ano e un Plan de Saneamento que só se cumpre para subirlle os impostos aos veciños e veciñas

No «Plan de Ordenación de Recursos Humanos», rematado no ano 2009, propoñíase unha «Relación de Postos de Traballo (RPT)» como instrumento técnico a través do cal realizar a ordenación do persoal. Este Plan, valorado como imprescindíbel e urxente por todos os grupos municipais, permanece esquecido e pendente de aplicación. O mesmo ocorre coas recomendacións do «Plan de Saneamento Económico-Financeiro» aprobado o ano pasado ao abeiro do RDL 5/2009 que, nas súas Liñas Básicas de Actuación, recollía a “conxelación da oferta de emprego”, medida reiteradamente esquecida polos alcaldes do PP que, non obstante, non dubidan e aplicar as subas do IBI propostas no mesmo plan aferrándose a unha suposta “obrigatoriedade” de execución do mesmo.

Compromiso do BNG cos veciños e veciñas para que este problema non lastre o desenvolvemento futuro do noso Concello

Amador Díaz cualificaba a situación de “insostíbel” e anunciaba o compromiso do BNG para poñerlle remedio a partires do vindeiro mes de maio no caso de acadar a Alcaldía. Vimos denunciando dende hai anos o uso partidista que facía o anterior rexedor dos postos de traballo do Concello e o novo alcalde do PP, Antonio Pérez, leva camiño de empeorar a situación nun intento de apuntalar o seu aparato caciquil de cara ás vindeiras eleccións. Amador Díaz lamentaba que, coma sempre, “quen paga as consecuencias son os veciños e veciñas que ven como os seus impostos se van no capítulo de Persoal deixando cantidades ridículas para investimentos”.

Referencias:

30/12/2010

Amador Díaz denuncia que o PP malgastou os 300 mil euros recadados mediante “contribucións especiais” na Avd. de Ourense

20101230-capa

O candidato do BNG esixe a Antonio Pérez que dea a cara e explique que fixo a Alcaldía de Xinzo cos cartos dos veciños e veciñas.

O portavoz municipal e candidato a Alcaldía de Xinzo, Amador Díaz Penín, trala denuncia presentada na Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG por un grupo de veciños e veciñas, residentes e propietarios da marxe esquerda da Avenida de Ourense, debido ao deplorábel, desleixado e barrento estado desta zona urbana, certifica a inmediata necesidade de acometer o seu arranxo completo.

Despois de manter unha xuntanza coa veciñanza afectada e de comprobar in-situ o seu grande malestar, así como a situación de abandono que presenta este entorno totalmente deshumanizado, sen beirarrúas, sen infraestruturas básicas, sen drenaxe, sen ningún tipo de mobiliario urbano, Amador Díaz lamenta que “lonxe de ser a principal vía de entrada a Xinzo e conexión directa coa A-52, semelle máis ben o entorno dun poboado chabolista dunha periferia arrabaldeira”, polo que o BNG solicitará de inmediato que se materialicen os compromisos asumidos no seu día pola Alcaldía cos residentes desta céntrica arteria da vila de Xinzo.

Cobros e embargos irregulares que derivan nunha sentenza anulatoria

Neste sentido, Amador Díaz esixe ao actual alcalde do PP, Antonio Pérez, que “dea a cara e lle explique aos veciños e veciñas da Avd. de Ourense como funciona o Grupo de Goberno do PP e que fixo cos 300 mil euros cobrados mediante a imposición de contribucións especiais”, cifra resultante dos 483 euros por metro lineal de fachada que cada propietario tivo que ingresar obrigatoriamente nas arcas municipais para sufragar unhas eternas e inacabadas obras de acondicionamento e urbanización, “co agravante dunha recente sentenza do Tribunal Supremo que anula embargos e cobros pendentes aos veciños que se negaron a esta irregular operación”.

Estafa veciñal en toda regra propia dunha investigación da Fiscalía

Amador Díaz constata tras esta última denuncia veciñal o descarado e lucrativo “modus operandi” dos gobernos do PP de Xinzo, coa complicidade de Antonio Pérez, amparando esta estafa veciñal en toda regra máis propia dunha investigación de oficio da Fiscalía Anticorrupción que da sinatura dun convenio tipo, “malgastando miles de euros aportados polos petos dos propios veciños e veciñas que nunca chegaron a ver realizadas as promesas baleiras do anterior alcalde do PP”.

Referencias:

Páxinas: 1 2 3 4 5 6 7 8 9 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,195 segundos | Powered by WordPress