#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

30/10/2008

Aprobada a proposta do BNG para a recuperación do premio para o Cartel do Entroido 2009

No Pleno ordinario celebrado hoxe presentamos, como xa anunciamos hai uns días, unha alternativa para dotar economicamente o Concurso do Cartel do Entroido 2009. A finalidade desta moción era dar unha alternativa viábel ao anuncio da Concellaría de Cultura da eliminación deste premio, ao tempo que denunciamos a falla de rigor e de creatividade do actual responsábel que sempre “tira” polo camiño máis doado evidenciando unha total ausencia de ideas.

O sentido da outra moción presentada neste mesmo pleno era procurar unha redución nos gastos correntes do Concello para afrontar as sempre adiadas medidas de contención e saneamento que as contas municipais veñen reclamando dende hai moitos anos. O grupo de goberno comprometeuse a levar a comisión un plan amplo de cara ao vindeiro exercicio e agardaremos o momento de coñecelo.

Referencias:

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
04/07/2008

O BNG insta ao Concello a solicitar axudas para a rehabilitación da Praza de Santa Mariña e a reurbanización da Praza de Carlos Casares

Fotos no flickr

A Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza está a abordar traballos de rehabilitación e reurbanización de espazos públicos urbanos en colaboración cos Concellos mediante unha liña de axudas específica destinada a esta finalidade.

O BNG de Xinzo tivo coñecemento das inquedanzas dos veciños do grupo Santa Mariña de Xinzo ao respecto da praza situada no interior deste bloque de vivendas. Trátase dun espazo público ubicado en pleno centro urbano que nunca foi obxecto de ningunha intervención especial dende a súa construción e que, actualmente, se atopa nun estado de deterioro froito deste abandono, ademais aínda posúe restos de simboloxía franquista que solicitaremos sexan retirados en aplicación da Lei da Memoria Histórica.

Por outra banda, logo da construción do aparcadoiro soterrado é imprescindible abordar á maior brevidade posible o remate da Praza de Carlos Casares, un espazo que debería ser emblemático para o pobo de Xinzo dada a súa ubicación física, fronte á Casa da Cultura e ao carón da Casa do Concello, e a importancia senlleira da figura a quen está adicada.

No Grupo Municipal do BNG pensamos que estas actuacións se enmarcan plenamente nos obxectivos das liñas de actuación da Consellaría e, dado que non nos consta que a día de hoxe se presentase solicitude algunha ao respecto por parte do Grupo de Goberno do PP, vimos de rexistrar unha moción para que o Concello solicite á Consellaría de Vivenda e Solo a intervención nestas prazas.

Referencias:

03/06/2008

O BNG solicita a restitución das reducións aplicadas no IRPF aos agricultores e gandeiros pola adquisición de gasóleo agrícola, plásticos e fertilizantes

20080603-trator.jpg

A Axencia Tributaria viña aplicando nos últimos exercicios reducións na Declaración da Renda aos agricultores e gandeiros, concretamente, a aqueles que optaban pola tributación en módulos aplicábaselles unha redución do 35% por adquisición de gasóleo agrícola e do 15% por adquisición de plásticos e fertilizantes.

A reforma do Imposto da Renda das Persoas Físicas abordada polo Goberno español de José Luis Rodríguez Zapatero, e que afecta xa á Declaración da Renda do ano 2007, eliminou totalmente este tipo de reducións provocando un incremento da carga impositiva a soportar polos agricultores e gandeiros que penaliza claramente ao sector nun intre no que o forte incremento do prezos dos carburantes, así como dos fertilizantes e dos pensos está xa a incidir moi negativamente na súa economía.

A Limia é unha comarca na que o sector agrario atinxe a boa parte da súa poboación, e por tanto é unha comarca especialmente prexudicada por esta reforma, por isto, o BNG ven de presentar diversas iniciativas, tanto no Senado coma no Concello de Xinzo, instando ao Ministerio de Economía e Facenda á restitución de xeito urxente das reducións por adquisición de gasóleo agrícola, plásticos e fertilizantes, que se viñan aplicando na declaración do IRPF aos agricultores e gandeiros.

Ligazóns:

Referencias:

24/04/2008

O BNG presenta polo trámite de urxencia unha moción para solicitar a estación ITV permanente para Xinzo

Neste intre estase a plantexar por parte da empresa adxudicataria da concesión do servizo de ITV a posibilidade da criación na provincia dunha nova estación permanente que se engadiría ás actualmente existentes. No Bloque Nacionalista Galego estamos convencidos (e así o recollemos como proposta nos nosos programas de goberno das dúas últimas citas electorais municipais) de que, se nalgunha zona está sobradamente xustificado e é absolutamente imprescindible este servizo é no noso concello, polos evidentes beneficios que reportaría aos agricultores, e a todos os veciños en xeral, da nosa comarca e doutras limítrofes como a Baixa Limia ou Celanova.

Isto levounos no Pleno ordinario do día de hoxe, a propor ao Pleno a aprobación dunha moción solicitando á Consellería de Innovación e Industria a instalación dunha estación ITV permanente en Xinzo. Agradecemos o apoio do resto de grupos municipais que se sumaron á nosa proposta que, deste xeito, foi aprobada por unanimidade.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
15/12/2007

O BNG solicita a integración de Xinzo no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

20071214-cooperacion.jpg

En decembro do ano 2004 aprobouse co apoio de todos os grupos municipais do Concello de Xinzo, unha moción urxente do Bloque Nacionalista Galego para destinar unha partida orzamentaria a axudar ás vítimas do maremoto no suleste asiático. Nos anos 2005, 2006 e previsiblemente 2007 o goberno municipal do PP deixou esta partida, que ronda os 3.000€ anuais, pendente de aplicación, por isto pensamos que é o momento de dar outro paso e solicitar a inclusión do noso concello no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O Fondo é unha asociación de carácter municipalista creada en 1997 que agrupa hoxendía a preto dun cento de concellos e tres deputacións provinciais unidos pola preocupación de levar adiante iniciativas de cooperación e solidariedade cos países menos desenvolvidos. A obxectivo é ir máis alá da urxencia que se xenera diante de calamidades, catástrofes ou guerras, e abordar tamén programas estábeis e permanentes dirixidos ao desenvolvemento estrutural dos países que precisan desa axuda e apoio internacional.

Asemade, consideramos que no seu momento a aprobación do 0,07% do orzamento anual supuxo un fito destacable para o noso Concello, mais deberiamos esforzarnos por continuar avanzando neste camiño e achegarnos ao porcentaxe do 0,7% recomendado polas Nacións Unidas.

Referencias:

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
31/08/2007

O Pleno do Concello aproba a proposta do BNG para a posta en valor do Patrimonio Arqueolóxico de Xinzo

No pleno ordinario celebrado onte aprobouse por unanimidade de todos os grupos municipais a nosa moción para a recuperación e posta en valor de Patrimonio Arqueolóxico de Xinzo. Agradecemos sinceiramente a PP e PSdeG-PSOE o seu apoio á nosa proposta no convencemento de que será positiva e beneficiosa para todos os veciños e veciñas de Xinzo.Nas vindeiras semanas quedará constituída a Comisión Especial formada por representantes dos grupos políticos, asociacións culturais, técnicos, etc. co encargo de propoñer accións concretas que permitan coñecer, conservar e aproveitar o rico patrimonio agochado baixo os nosos pés.

Referencias:

05/07/2007

Moción sobre a valorización do Patrimonio Histórico e Arqueolóxico

Tras os recentes achádegos arqueolóxicos atopados na rúa X.C. Romero Nieto, que veñen a lembrarnos máis unha vez a riqueza que se agocha baixo os nosos pés, faise urxente que dende o Concello se tomen medidas que conxuguen o lexítimo interés particular co interés xeral para atopar fórmulas que nos permitan rescatar e coñecer esta riqueza para deixarlla como herdanza as xeracións vindeiras e ao mismo tempo tirarlle partido dende o punto de vista cultural e turístico.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
07/11/2005

Moción de apoio á candidatura do Patrimonio inmaterial

A cultura oral común galego-portuguesa conforma un amplo abano de manifestacións literarias, musicais e etnográficas (cantigas, lendas, romances, cantos, regueifas, celebracións do ciclo agrario e da natureza, etc.) enraizadas na tradición, e que perviven aínda en amplas zonas do territorio comprendido entre o Douro e o Cantábrico como expresións dunha continuidade histórico-cultural de moita antigüidade.

Dentro das actividades que o BNG está a desenrolar para dar a coñecer a candidatura e promocionala para que conte co máximo apoio na sociedade galega está a presentación en tódolos concellos do país desta moción para que sexa debatida polos plenarios.

O concello de Xinzo debería ser un dos máis implicados dada a súa proximidade con Portugal e a súa relación cos territorios de máis aló da raia manifestada en eventos coma Expolimia.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,277 segundos | Powered by WordPress