#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

12/10/2010

Valoración do BNG dos sucesos acontecidos no relevo na Alcaldía artellado polo grupo do PP de costas ás veciñas e veciños de Xinzo

20101012-capa

O sucedido nestes dous días do mes de outubro será lembrado como un dos acontecementos máis escuros e vergoñentos da historia institucional recente do noso concello. A “Operación Chavelleiro”, deseñada e executada por unha camarilla de despacho, de costas aos veciños e veciñas de Xinzo, evidencia a “calidade democrática” dun partido que pon os intereses persoais dun individuo coa suficiente ambición de poder e falla de escrúpulos para facer presión onde máis lle poida mancar aos dirixentes locais e provinciais do seu partido, por riba da opinión maioritaria dos seus propios militantes e do sentir de todo un pobo.

Os veciños e veciñas de Xinzo asistimos abraiados dende hai uns meses aos diferentes capítulos deste culebrón: primeiro cos amagos de ruptura do grupo de goberno, as reunións a tres bandas na Deputación, o paripé de Congreso local no que se elixiu ao candidato “popular” e posteriormente presidente do partido, ás recollidas apresuradas de sinaturas financiadas polo candidato para simular un “apoio” que servira de tapadeira ao rexeitamento interno que provocaba no seo do propio PP, aos enfrontamentos persoais entre compañeiros de goberno e agora, logo de insistentes rumores nas últimas semanas sempre desmentidos polo propio Isaac Vila, á culminación do proceso co asalto por sorpresa á Alcaldía coa complicidade do ex-alcalde e aproveitando a ausencia do concelleiro díscolo que reiteradamente tiña anunciado que non apoiaría ao novo caudillo local imposto polo clan baltariano.

No pleno do día 9 de outubro, o Sr. Vila saía por segunda vez pola porta de atrás, dando por rematada unha estancia na Alcaldía de máis de vintecinco anos. Foi un pleno de trámite, no que nin se tivo a mínima cortesía de darlle voz á oposición para que puidera adicarlle unhas verbas de despedida ao alcalde saínte. O discurso de Isaac, anodino e falto de convicción, serviu para relatar unha serie de teóricos logros que permitiron a Xinzo avances titánicos para situarse onde hoxe está, exactamente á mesma altura en dotacións e servizos que case todos os concellos de menor entidade da provincia e varios chanzos por baixo dos tres ou catro do noso mesmo nivel.

O luns, 11 de outubro, data sinalada para a elección do sucesor, cabía a posibilidade matemática de que o plan entretecido polo binomio Chavelleiro-Baltar saíse mal, mais o único integrante do grupo mixto logo se encargou de despexar dúbidas facendo súas as teses “populares” nun discurso que nin o propio Pérez nos seus mellores soños houbera enfiado tan atinadamente para os seus intereses, como ao remate se encargaron de ratificar os da bancada popular coa sonora ovación que lle dispensaron. A partires de aí sucedeu o que tiña que suceder, o coherente, o que só o voluntarismo popular que se rebelaba contra a operación artellada para torcer a vontade dos cidadáns de Xinzo podía negarse a aceptar. Os dous grupos da oposición presentaron ao seu propio candidato logo de que cada un dos precedentes na lista do PP renunciase con diferentes achaques, mais ou menos críbeis, ata chegar ao número 5 no que figuraba o auto-designado para a sucesión.

A votación serviu para selar a descomposición do grupo de goberno do PP, con Isaac Vila exiliado na capital do reino, o tenente de alcalde Daniel Blanco pre-xubilado das súas atribucións, Yolanda Díaz de figurante no seu papel de Parlamentaria, Alfonso Patricio cun pé no grupo mixto, Xiana Carrera posicionándose de cara á nova situación coa intención de afortalarse no posto de monitora deportiva que xustifica a xenerosa adicación exclusiva que cobra do Concello e Antonio Fernández Veiga de convidado de pedra superado polos acontecementos. O único apoio inesperado e inquebrantábel ao novo mandatario veu nesta ocasión dende o grupo mixto na figura de Manuel Cabas, ao que o propio Pérez cualificou de “admirábel” e non descartaba ofrecerlle unha concellaría.

Na súa alocución despois da toma de posesión, hipocritamente victimista, baleira e inzada de tópicos desgastados nos que nin el mesmo acredita, Antonio Pérez Rodríguez facía un chamamento de “responsabilidade” á oposición para que “non crispara” e fixera política “nos foros axeitados”, un discurso moi chocante e pavero na boca dun señor totalmente deslexitimado, que accede ao posto de Alcalde por escuras e arteiras manobras de despacho poñendo en xaque ao partido no que milita dende hai escaso tempo logo de integrarse, previa negociación de cargos e prebendas, dende as filas de outra formación política na que se albiscaban moitas menos oportunidades reais de “tocar poder”.

Os cidadáns de Xinzo teñen a percepción de que Antonio Pérez foi un mal Concelleiro e vaticinan que será un mal Alcalde nestes escasos sete meses que restan ata as eleccións. Á fronte dun grupo desfeito, sen capacidade para gobernar, sen ideas, desmotivado, aproveitará o tempo para ir apuntalando o seu aparato caciquil empregando para ilo os resortes institucionais que a Alcaldía pon ao seu alcance. Dende o BNG seguiremos a traballar por defender os intereses das veciñas e veciños, a nosa planificación non vai mudar e o vindeiro mes de maio estaremos en disposición de presentarnos diante dos cidadáns de Xinzo cos deberes feitos e cunha proposta de candidato a alcaldía e de goberno clara, ilusionante e diametralmente oposta á oferta triste, grisácea dun PP que instrumentaliza as institucións de todos para o seu propio beneficio sen pensar nunca nos intereses do pobo.

10/10/2010

Crónica da despedida de Isaac Vila da Alcaldía

20101010-capa

No pleno deste sábado o xa ex-alcalde, Isaac Vila, confirmou a súa renuncia á Alcaldía a sete meses das eleccións municipais. Foi un pleno corto que escenificou a división existente no PP, con Alfonso Patricio ausente e Yolanda Díaz entrando sola no Salón de Plenos, e no que a oposición non tivo a oportunidade de tomar a palabra.

Isaac fixo un discurso breve e saíu, por segunda vez, da Alcaldía sen rematar o mandato nesta ocasión expulsado polos seus. Agora ábrese unha etapa de transición que rematará nas eleccións e na que, se o luns sae ben o resto da “Operación Chavelleiro”, teremos un novo Alcalde totalmente deslexitimado para gobernar, á fronte dun grupo de goberno dividido e sen apoio dos veciños nin dos militantes do seu (?) partido.

Desde o BNG seguiremos a traballar por defender os intereses das veciñas e veciños de Xinzo que son, ao final, os máis prexudicados por esta manobra de asalto á Alcaldía executada ás presas, con aleivosía e sen pensar neles. A nosa planificación non vai mudar e o vindeiro mes de maio estaremos en disposición de presentarnos diante dos cidadáns de Xinzo cos deberes feitos e cunha proposta de candidato a alcaldía e de goberno diametralmente oposta á que presentará un PP que instrumentaliza as institucións de todos para o seu propio beneficio sin pensar nunca nos intereses do pobo.

20/06/2010

Audio do Pleno de 14.06.2010

Audio íntegro do Pleno dos orzamentos, celebrado o pasado 14 de xunho.

Os que non tivestes a oportunidade de asistir podedes escoitar agora de primeira man o que alí aconteceu e tirar as vosas propias conclusións.

2:30
9:40
26:40
37:10
39:20
42:00
46:20
48:10
52:10
54:25
72:00
92:45
O Alcalde explica os orzamentos.
Primeira intervención de Amador.
Primeira réplica do Alcalde.
A concelleira Yolanda Díaz intervén “por alusiones”.
O Tenente de Alcalde, Daniel Blanco, tamén intervén por alusións.
Segunda intervención de Amador.
Dous compañeiros do BNG aplauden a Amador e son expulsados do pleno.
Interrupción da concelleira Yolanda Díaz na intervención de Elvira Lama e chamada ao orde.
O concelleiro Antonio Pérez intervén por alusións.
Segunda réplica do Alcalde e votación.
Moción de urxencia do BNG para aplicación redución 15% dietas, debate e rexeitamento.
Rogos e preguntas de Amador.
01/03/2010

O BNG solicita a declaración da Comarca da Limia como Zona Catastrófica

20100301-capa

Fotos no flickr

Dada a crítica situación xerada trala caída de prezos da pataca que ven arrastrando da pasada campaña a Comarca da Limia, agravada ao longo do presente inverno polas intensas chuvias e anegamentos continuados das explotacións provocando asemade a total inviabilización da pasada e futura sementeira do cereal, e isto sumado á virulencia coa que o recente temporal “Xynthia” incidiu sobre o marcado carácter agrícola da Limia, incluídas colleitas, parcelas, almacéns, explotacións agrícolas e gandeiras, peches e infraestruturas, chegando mesmo a derrubar inmóbeis e inutilizar a rede de pistas, o BNG de Xinzo da Limia a través do seu Concelleiro Portavoz Amador Díaz Penín pide a inmediata celebración dun Pleno Extraordinario URXENTE para que o Concello solicite que A Limia sexa declarada Zona Catastrófica tanto pola Xunta de Galiza como polo Goberno Central.

Así mesmo, solicitarase a creación dun censo de damnificados para cuantificar perdas e estimar axudas pertinentes, e dado o carácter urxente e de situación de emerxencia desta moción, tamén se recomendará que non sexan xeradas as dietas correspondentes a celebración deste Pleno.

Referencias:

25/02/2010

O Pleno acorda reclamar ao Goberno a execución das partidas recollidas para Xinzo nos Orzamentos do Estado

20100225-capa

Fotos no flickr

No marco da negociación co Goberno do Estado dos Orzamentos para este ano 2010 foron aprobadas, a iniciativa do BNG, diversas emendas no Senado que supoñen melloras para actuacións concretas na Galiza, entre elas recóllense as seguintes que afectan ao noso concello:

  • Ministerio de Fomento: Urbanización e mellora dos enlaces entre a A52 – N525 – OU531 (Estrada de Celanova) – 300 mil euros.
  • Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño: Limpeza e mellora do leito do Río Limia – 200 mil euros.

Agora a execución na realidade destas partidas require un compromiso firme do Concello á hora de reclamar o seu cumprimento efectivo diante dos devanditos ministerios, por iso, para asegurar este compromiso, o Grupo Municipal do BNG presentou unha moción que foi aprobada por unanimidade.

ITV

Como ven denunciando o BNG, a Estación da ITV de Xinzo ten uns horarios de apertura pouco axeitados que provocan listas de espera de varios días. Aproveitamos o pleno de hoxe para reclamar os mesmos horarios que o resto de estacións e acordouse que o Concello se dirixiría á concesionaria para que corrixa esta situación.

CICAT-2

No pleno tamén se tratou a solicitude dunha empresa para declarar de interese social o seu proxecto de montar en Xinzo un Centro Industrial Cárnico de Alta Tecnoloxía (CICAT). Polo de agora o tema está nunha fase moi preliminar e, de momento, trátase de solicitar a XESTUR unha nova ampliación de 200.000 metros cadrados no Parque Empresarial para que esta empresa se poidera instalar. Nós mostramos o noso apoio coa salvedade de que en ningún caso se produzan agravios comparativos no acceso aos terreos a outras iniciativas de empresarios locais.

Referencias:

04/06/2009

O BNG reclama o arranxo urxente da Pista dos Castros

20090605-capa

Fotos no flickr

A Pista dos Castros, no tramo comprendido entre os cruces da N525 e da estrada ‘A Devesa’ da vila de Xinzo, amosa un lamentable estado de conservación no seu firme que se ven deteriorando desde hai xa meses ata resultar pouco menos que intransitábel a día de hoxe. Os socavóns e materiais desprendidos teñen unhas dimensións considerábeis e obrigan aos vehículos a arrodealos a baixa velocidade coas incomodidades e ata inseguridade que isto acarrea para os que a utilizan acotío, por isto, no día de hoxe presentamos un escrito solicitando se tomen medidas urxentes para repoñer esta vía pública a un estado axeitado que permita o seu uso con comodidade e seguridade.

 Filed under: Ao día,Multimedia
11/12/2008

Anxo Quintana presenta en Xinzo a Estación da ITV aprobada pola Consellaría de Innovación e Industria

Fotos no flickr

Hoxe, o Vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, estivo en Xinzo para asistir ao comezo das obras da nova estación da ITV, que estará funcionando para o vrao do vindeiro ano. Este era un servizo longamente anhelado e reclamado polo Bloque de Xinzo que agora foi posíbel grazas á implicación e apoio da Consellaría de Innovación e Industria, xestionada polo BNG, receptiva aos argumentos que nós defendiamos e que apostou pola capitalidade da Limia para ubicar unha estación permanente que tamén reclamaban outros concellos ourensáns.

Como dixo o Vicepresidente, a ubicación na Limia responde a “criterios obxectivos e de xustiza”, como defendiamos dende o BNG de Xinzo nas dúas últimas citas electorais municipais e como reflectimos na moción que presentamos no Pleno Municipal do 24 de abril de 2008 (e que foi aprobada por unanimidade). O noso concello e a súa área de influenza dispoñen do maior parque de maquinaria agrícola de todo o país e, con este servizo, os nosos agricultores non terán que desprazarse a Ourense ou Verín nin agardar longas ringleiras na sempre ateigada lista de espera da ITV móbil que nos visitaba periodicamente.

Outra volta máis o BNG amosa con feitos o seu compromiso coa Limia e co seu tecido produtivo e materializa sobre o terreo as súas propostas e reivindicacións dos últimos anos. No futuro seguiremos a traballar pola nosa comarca e polas súas xentes para situala no lugar que lle corresponde no mapa sociopolítico e económico de Galiza.

Documentos:

Referencias:

Ligazóns:

 Filed under: En destaque,Multimedia
08/12/2008

O BNG presenta unha moción para que o Concello solicite a conversión da Pista de Morgade en Estrada autonómica Xinzo (A-52) – Vilar de Barrio

Fotos no flickr

A Pista de Morgade é unha estrada da concentración que parte do enlace coa autovía A-52 e atravesa en liña recta a Lagoa de Antela en dirección a Vilar de Barrio ao longo duns 15km. Pese a contar cunha estrada provincial (OU-1102) para realizar este mesmo percorrido, o mellor trazado da Pista de Morgade fai que sexa utilizada ‘de facto’ como vía de comunicación habitual cos pobos da zona este do concello (Morgade, Pena, Soutelo e Trandeiras) e cos concellos veciños de Sarreaus e Vilar de Barrio. Isto fai que soporte un tráfico rodado de turismos e camións para os que non foi pensada na súa orixe.

A velocidade máxima desta vía está limitada a 60km/h, mais esta limitación é habitualmente superada polos vehículos que circulan por ela acotío. Por outra banda, a súa concepción como pista agrícola fai que conte con multitude de interseccións mal deseñadas e sinalizadas. Estes dous feitos foron a causa nos últimos anos de diversos accidentes moi graves que se saldaron con preto dunha ducia de persoas falecidas.

A conversión desta vía nunha estrada autonómica coas características de firme, trazado e sinalización axeitadas traería innumerables vantaxes: [1] facilitaría o acceso rodado a todos os pobos mencionados anteriormente, [2] artellaría adecuadamente a comunicación cos concellos de Sarreaus e Vilar de Barrio achegándoos á autovía A-52 e [3] melloraría substancialmente a seguridade viaria ao eliminar puntos negros que se teñen cobrado a vida de moitas persoas.

No Grupo Municipal do BNG pensamos que este proxecto axéitase plenamente aos obxectivos das liñas de actuación da Consellaría recollidos no Plan Director de Estradas de Galiza e, no convencemento de que Xinzo debe exercer na comarca d’A Limia o seu papel de liderazgo, vimos de rexistrar unha moción para que o Concello solicite á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a adecuación desta estrada.

Referencias:

Páxinas: 1 2 3 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,190 segundos | Powered by WordPress