No Pleno de mañá xoves o Alcalde, Isaac Vila, e o grupo de goberno do PP pretenden aprobar un incremento nas retribucións para altos cargos que pasarían de 90€ a 150€ (300€ no caso do Tenente de Alcalde) por asistencia a órgano colexiado (xuntas, comisións e plenos). Isto, na práctica, supón a asignación dun “soldo mensual encuberto” para os concelleiros que integran a Xunta de Goberno Local. Segundo os noso cálculos, baseados no número de reunións que se celebran mensualmente, suporá para os veciños e veciñas de Xinzo un desembolso mensual de 3.750€, dos cales 1.500€ corresponderán ao Tenente de Alcalde e 750€ a cada un do resto de concelleiros integrantes da Xunta de Goberno. A estas cuantías hai que sumar as asistencias a Comisións Informativas, Plenos e Xuntas de Portavoces que poden supoñer uns 200€ mensuais adicionais de media.
Nota: Na comunicación orixinal que se distribuiu por email figuraba que o anterior importe que se cobraba por asistencia a órgano corporativo era de 60€ cando en realidade son 90€. Lamentamos e pedimos disculpas por este erro que xa foi corrixido no documento que acompaña a esta entrada.
Referencias:

Fotos no flickr
O BNG de Xinzo considera incríbel e irresponsábel que se invistan os recursos dos cidadáns en construír infraestruturas ás que logo non se lle tira partido e quedan abandonadas ata que as queixas dos veciños ou un momento de lucidez dalgún responsable municipal as rescatan do esquecemento.
Este é o caso da depuradora de Parada de Ribeira que denunciaba hai uns días a asociación de veciños ‘Muíño da Lama’. Despois de dous anos da súa instalación aínda non está operativa a día de hoxe, dándose ademais a circunstancia agravante de que a fosa séptica existente fai moitos meses que rebasou a súa capacidade, verquendo residuos que provocan o asolagamento e contaminación dos camiños e regatos circundantes co risco que isto conleva para a saúde dos veciños. Estes feitos foron postos en coñecemento dos responsábeis do Concello no verán do 2007 sen que tomaran ningunha medida encamiñada a corrixir esta grave situación medioambiental.
Dende o BNG reclamamos do Alcalde e do Concelleiro de Medio Ambiente que non falen de ‘oídas’, deixen de ‘pasarse a pelota’ entre eles e adopten solucións inmediatas para este problema. Animamos ao señor Vila a que patee o concello a pé de rúa e faga unha avaliación da calidade dos servizos básicos aos que, se supón, teñen dereito as veciñas e veciños a estas alturas do século XXI.
Referencias:
No día de hoxe tivemos coñecemento de que o servizo de ascensor para minusválidos do Colexio Rosalía de Castro de Xinzo corre risco de desaparecer xa que o Concello, que é o encargado de sufragar os gastos de mantemento anual do mesmo, leva sen aboar as cuotas correspondentes do contrato coa empresa responsable (Zardoya Otis, S.A.) todo o ano 2007 e o que vai de 2008. A empresa xa comunicou desde a súa central en Madrid que, se o Concello non se pon ao día nos pagos pendentes, deixarán de atender ao seu mantemento e terán que dar traslado a Industria para que proceda a precintar o aparato.
No Consello Escolar existe inquietude e dirixíronse ao Concello ao respecto, xa que deste ascensor se benefician varios alumnos minusválidos, e tamén aqueles que teñen algunha lesión, co cal o feito de suprimilo impediríalles, ou no mellor dos casos dificultaríalles, asistir ás clases.
Descoñecemos se se trata dun simple problema administrativo ou é que a pésima situación económica do Concello tocou fondo e xa non se poden nin atender os servizos máis básicos. En calquera caso dende o BNG de Xinzo amosamos a nosa preocupación pola situación e emprazamos ao noso rexedor, Isaac Vila, a que solucione o problema o máis axiña posible para que as nenas e nenos non sufran as consecuencias.
Referencias:

Ver todas as fotos no flickr
O pasado venres, 29 de febreiro, unha empresa particular que, segundo as nosas informacións, actuou seguindo instrucións do Concello, invadiu unha propiedade particular e arrincou de raíz varios carballos de considerable envergadura e máis de 30 anos de idade. A motivación, ao parecer, foi que estas árbores secaban unha fonte próxima, o cal carece absolutamente de fundamento xa que, de todo o mundo é sabido que os carballos estenden o seu sistema radicular en superficie e este en ningún caso afecta á capa freática xa que está nun nivel inferior ao das raíces das árbores.
A secuencia cronolóxica dos feitos é a seguinte:
- Na semana pasada o PP celebrou un acto electoral no pobo de Faramontaos no que dous veciños lle solicitaron arrincar as árbores próximas á “Fonte da Pía” argumentando que eran as causantes de que esta non tivera auga.
- Sen ningún tipo de informe técnico, sen solicitar o preceptivo permiso dos propietarios e invadindo propiedade privada consumouse un atentado ecolóxico de consecuencias irreparables.
- Estes feitos poñen de manifesto, unha vez máis, o xeito de actuar do noso alcalde, Isaac Vila, e do Partido Popular quen, por conseguir media ducia de votos non dubidan en estragar irreparablemente o noso medio natural, brincando por riba dos máis básicos dereitos individuais dos cidadáns e dos trámites legais e administrativos elementais.
- Dende o BNG de Xinzo da Limia valoramos os feitos acontecidos como de máxima gravidade e xa diriximos un escrito ao Concello solicitando toda a información sobre o particular. Ademais esixiremos responsabilidades políticas inmediatas, independentemente das consecuencias que pola vía civil ou penal se poidan derivar das denuncias que o propietario afectado presentou diante das autoridades competentes.
Referencias:
No día de hoxe, co plante e protesta dos feirantes diante do Concello, tivemos a ocasión de vivir unha consecuencia directa do xeito de gobernar do alcalde Isaac Vila e do PP.
- A taxa que provocou a protesta é a de “Ocupación de terreos de uso público con postos de venda, barracas, espectáculos e outros análogos” que na “Tarifa C: Postos asignados na feira quincenal” pasou de 0,90 a 2,00€/m2·día, o cal representa unha suba dun 122%.
- No 2006 o Concello ingresou por esta taxa 38mil euros que, coa aplicación da nova tarifa, aumentarán previsíbelmente a máis de 80mil neste ano. Globalmente a suba de taxas e impostos suporá un incremento nos ingresos municipais duns 300mil euros anuais, o cal servirá para financiar a errática e caótica política de contratacións de Isaac Vila, mais non repercutirá na mellora apreciable da cantidade nin da calidade dos servizos prestados aos veciños.
- O BNG xa denunciou no mes de outubro o xeito en que foron aprobadas estas subas de taxas e impostos: sen un estudo serio, sen información aos veciños e sen contar coa oposición.
- Hoxe explotou o tema dos feirantes, mais a medida que os veciños e veciñas de Xinzo comecen a padecer outras subas (Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, Matrículas do Conservatorio e da Escola de Gaitas, Axuda no Fogar, etc.) e sexan conscientes do incremento da presión fiscal impulsada polo PP, o malestar e as protestas estenderanse a outros colectivos.
Diante do malestar e da inquietude existentes entre os veciños e veciñas de Xinzo polos erros na emisión dos recibos da recadación do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI), dende o BNG valoramos na súa xusta medida as desculpas ofrecidas polo alcalde Isaac Vila, mais coidamos que non son suficientes e por iso reclamamos a adopción dende o Concello de iniciativas prácticas orientadas a solucionar o problema. Estas medidas están recollidas nun escrito presentado no día de hoxe no Rexistro do Concello, que é continuación do que xa presentamos o pasado venres 4 de xaneiro interesándonos polo tema.
As nosas peticións son as seguintes:
- Convocatoria urxente da Comisión informativa de Economía e Facenda, Especial de Contas e de Persoal coa finalidade de avaliar a situación actual e as solucións que se están a adoptar dende o Concello, co pedimento expreso de que na citada reunión estea presente un representante da empresa que xestiona os cobros para dar as explicacións oportunas.
- Reiterar o pedimento que faciamos no noso escrito anterior (4-1-2008) de transparencia e información aos veciños por todos os cauces dispoñíbeis.
- Habilitar un Punto de Atención personalizada para atender a todos os veciños e veciñas que se acheguen a solicitar información sobre o tema.
- Paralizar cautelarmente o cobro e revisar “de oficio” os recibos xa emitidos, ben sexa polo propio Concello ou a través da empresa que xestiona o servizo, para subsanar todos os erros existentes sinagardar a que sexan os propios veciños os que plantexen a súa reclamación.
Referencias:
Á vista das variacións de crédito destinadas a financiar o sobrecusto en persoal -aprobadas onte polo Alcalde, Isaac Vila, e o goberno do PP- o Bloque Nacionalista Galego de Xinzo lamenta a inexistente dirección política, a falla de ideas e proxectos, a mala xestión, a ausencia de previsión e a nula planificación que sofre o noso Concello.
- O Concello de Xinzo conta cunha plantilla de persoal totalmente sobredimensionada e o número de traballadores medra sen parar xa que pasou dunha cifra de 91 a inicios do ano 2006 a 133 no comezo do 2007. Isto supón un incremento dun 46%, máis de 40 incorporacións nun único ano.
- No ano 2006 o crédito definitivo consignado na partida de gastos de persoal ascendeu a 2,91 millóns de euros e representou un 35,4% sobre o total de gastos previstos. No 2007, despois destas modificacións de crédito, a partida definitiva chegará a 3,3 millóns e, previsiblemente, superará amplamente o 40% do orzamento. Nun único ano verase incrementada en máis de 400 mil euros, é dicir, nun 14,5%.
- Para financiar estas variacións de crédito unha vez máis as partidas que sofren as baixas son fundamentalmente as destinadas a obras, o cal producirá efectos negativos sobre a calidade de vida dos cidadáns e deixará en suspenso moitos pequenos traballos reclamados polos veciños. Un dos damnificados con nome propio será o Museo Galego do Entroido, sistematicamente esquecido dende que Isaac Vila retomou a xestión municipal no 2003.
- Deixando a un lado cifras globais e porcentaxes, hai un dato que proporciona unha idea máis próxima do custo que soporta o Concello cos seus traballadores: cada veciño aportou do seu peto 291€ o ano pasado para gastos de persoal e este ano deberá desembolsar máis de 330€.
Referencias:
O pleno de hoxe xoves, 25 de outubro, estaba adicado case exclusivamente a revisar as taxas, impostos e ordenanzas que regulan diferentes servizos prestados polo Concello aos veciños de Xinzo. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo optou por abandonar o Plenario sen entrar a debater os puntos da orde do día referidos a estas modificacións polos seguintes motivos:
- Dende o anterior pleno ordinario transcurriron dous meses e as comisións informativas para tratar estes temas convocáronse este pasado luns, 22 de outubro. Durante o transcurso das citadas comisións os representantes dos grupos fomos simplemente informados das modificacións.
- A documentación completa referida a estas modificacións foinos entregada o martes, 23 de outubro. Ésta consistía nunha serie de documentos que totalizaban máis de seiscentas páxinas que debiamos revisar e analizar en menos de 48 horas para poder adoptar unha postura minimamente contrastada e razoada no transcurso do Pleno.
- Tendo en conta que a magnitude da revisión é dunha importancia considerable, xa que vai afectar a todos os veciños e veciñas de Xinzo, non entendemos a premura nos prazos que nos fixeron totalmente imposible poder estudar a documentación coa profundidade e seriedade necesarias, máxime se temos en conta, como dixemos no punto 1, que pasaron dous meses dende a anterior reunión ordinaria. Esta falla material de tempo tamén nos impediu poder presentar emendas, correccións ou aportacións que enriquecerían os textos definitivos.
- Diante destas circunstancias propuxemos no pleno que os puntos referidos ás revisións de taxas, impostos e ordenanzas foran retirados da orde do día para poder ser analizados co tempo necesario e debatidos no próximo pleno. Esta petición non foi tida en consideración polo Sr. Alcalde, Isaac Vila, que considerou que xa estabamos suficientemente informados ao respecto.
- En vista desta actitude o Grupo Municipal do BNG abandonou o Pleno, sen entrar a debatir o fondo da cuestión, por dous motivos fundamentais: a convicción de non poder adoptar unha postura razoada sobre as cuestións plantexadas; e como medida de protesta para amosar o noso descontento e desacordo sobre como se desenvolveu este proceso en concreto e, en xeral, polo xeito despótico e pouco transparente de conducir o Concello que historicamente amosa o Alcalde Isaac Vila Rodríguez.
Referencias: