#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

22/04/2013

O BNG desconfía dos motivos para a posta en marcha da ORA no núcleo da vila de Xinzo

20130422-capa

Se os verdadeiros obxectivos do PP fosen desconxestionar a circulación e gañar en seguridade hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo.

Xinzo da Limia, 22 de abril de 2013.Hoxe o grupo de Goberno do PP no Concello de Xinzo anunciaba a súa intención de aprobar unha Ordenanza Reguladora do Aparcamento (ORA) nas rúas céntricas da nosa vila sob os achaques de “desconxestionar a circulación e gañar en seguridade”, loxicamente estes son os argumentos de manual cos que o Alcalde, Sr. Pérez, tentará venderlle a moto aos veciños e veciñas de Xinzo mais que baten de fronte coa realidade xa que unha medida illada como esta consistente en cobrar por aparcar non vai contribuír a desconxestionar a circulación nin se vai gañar en seguridade.

Se esta fose a verdadeira preocupación do PP xa hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo que recollera todo o tráfico pesado que ven de Portugal, Os Blancos, Vilar de Santos, etc. e o conducira á autovía evitando pasar polo medio do pobo. Así mesmo o Sr. Pérez tería tomado medidas para a posta en valor do infrautilizado aparcadoiro soterrado da Praza Carlos Casares impulsando un acordo a tres bandas entre Concello, comerciantes e empresa concesionaria para bonificar o uso do mesmo aos clientes que merquen nos comercios de Xinzo.

Ao final no único no que se concretará esta nova medida, malia o desmentido do Sr. Pérez do seu “afán recadatorio”, será nunha nova fonte fixa de ingresos para o Concello polos conceptos do propio pago do aparcamento, así como das eventuais sancións que vaia a dar lugar o seu incumprimento.

15/04/2013

O BNG de Xinzo rexeita o copago nos comedores escolares que pretende impoñer a Xunta do PP

Levaremos ao próximo pleno unha moción rexeitando este novo copago e promoveremos accións informativas apoiando as mobilizacións de protesta das nais e pais afectados.

Xinzo da Limia, 12 de abril de 2013. O pasado 12 de marzo, o goberno do PP na Xunta de Galiza anunciaba a ampliación do copago do servizo de comedor escolar, un novo recorte no dereito á educación dos galegos e galegas. Con esta decisión o PP carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dun servizo necesario para garantir o Dereito á Educación.

Esta actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras, recortes nos orzamentos dos centros, recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade.

Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, ou cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.

O BNG de Xinzo levará ao próximo pleno unha moción rexeitando este novo copago e promoverá accións informativas apoiando as mobilizacións de protesta das nais e pais afectados por está decisión de Nuñez Feijóo que pretende facer caixa a conta da comida dos nenos e nenas dos centros públicos.

12/04/2013

O BNG demanda medidas urxentes para conter a vaga de roubos en granxas

O BNG de Xinzo demándalle ao Alcalde, Antonio Pérez, que se estude a adopción de medidas disuasorias mediante o deseño dun plan de seguridade conxunto que implique e coordine a todas as forzas e corpos de seguridade.

Xinzo da Limia, 12 de abril de 2013. Nos últimos meses vimos asistindo a unha vaga de roubos en granxas cun “modus operandi” idéntico que evidencia a existencia dun grupo organizado que está a operar na nosa comarca e nas zonas limítrofes de Portugal. Estes roubos sistemáticos, xa levamos catro na Limia, provocan un serio revés aos propietarios afectados con perdas que rondan os 15 mil euros de media e levan a preocupación aos veciños e veciñas pola impunidade coa que están a actuar os seus autores.

O Concello de Xinzo non acada o ratio de Policía Local recollido no Decreto 243/2008, de 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locais, que establece como “recomendábel” que o número total de membros acaden o 1,8 por cada 1.000 habitantes, deste xeito corresponderíannos 18 efectivos (agora temos 15). O Sr. Pérez Rodríguez debería cavilar seriamente en recortar en letrados e administrativos e incrementar a plantilla da policía ata o mínimo recollido na lexislación, deste xeito poderíase pensar na posibilidade de establecer quendas nocturnas de vixilancia do rural, que fica especialmente desprotexido.

Polo momento a inacción e a falta de dilixencia advertidas nas autoridades e administracións responsábeis están a provocar perdas millonarias nas granxas de vacún da nosa comarca, por isto, o Grupo Municipal do BNG de Xinzo demanda que se estude a adopción de medidas disuasorias mediante o deseño dun plan de seguridade conxunto co resto de concellos da Limia que implique e coordine a todas as forzas e corpos de seguridade locais, autonómicos e estatais con competencias no asunto.

06/03/2013

O BNG denuncia as arbitrariedades do PP na xestión da política de persoal e insta á Fiscalía a poñerlles fin

20130306-capa

O BNG de Xinzo fica a disposición das autoridades administrativas e xudiciais para aportar toda a documentación que obra no noso poder ao respecto das irregularidades en materia de persoal practicadas polo alcalde.

Xinzo da Limia, 6 de marzo de 2013. Historicamente a política de contratación de persoal dos gobernos do PP no Concello de Xinzo estivo orientada ao pago de favores máis que á xestión acaida dos servizos e recursos municipais, só así se entende o continuo medre de efectivos (de 93 en 2006 a 146 en 2012) ata chegarmos á situación actual na que o peso da partida de persoal acada un 60% do gasto ordinario anual.

Non obstante, para contextualizarmos a situación dos últimos tempos, xa baixo a xestión do actual alcalde, Antonio Pérez Rodríguez, non debemos perder de vista dous fitos importantes na súa aínda corta traxectoria política: un, a loita intestina polo control do partido a nivel local, na que contou co apoio entusiasta e decidido do Sr. Baltar, e o silenzo cómplice do seu predecesor, Isaac Vila, que lle cedeu a alcaldía a finais do 2010 a cambio dunhas contraprestacións que logo non se verificaron, e dous, a celebración das eleccións municipais de maio de 2011, nas que o Sr. Pérez non escatimou medios, procedementos nin promesas coa fin de conquistar o bastón de mando municipal.

Nestes dous anos longos de mandato do Sr. Pérez sucedéronse as actuacións desafortunadas en todos os eidos, mais sen dúbida o récord de despropósitos acadouse na xestión do persoal, cunha serie de medidas e decisións claramente orientadas a construír e consolidar o seu propio aparato caciquil a imaxe e semellanza dos seus mentores provinciais:

  • Provisión e posterior adxudicación da praza de letrada á filla de Prado Verdeal (após o escándalo acaecido cando toda a familia Verdeal apareceu censada na casa dunha veciña de Xinzo coa que non tiñan relación) mediante un concurso-oposición “á medida” cun tribunal político composto por unha recua de enchufados na Deputación, todos eles parentes de alcaldes ou ex-alcaldes do PP, capitaneados por Gerardo Pumar Pumar, quen fora durante anos secretario provincial da Delegación da Consellería de Medio Ambiente cando Agustín Prado Verdeal era o delegado.
  • Contratación sistemática de apoderados e interventores do PP como pago aos servizos prestados, ata unha ducia teñen entrado a traballar para o Concello nestes meses mediante contratos temporais, contravindo as directrices do goberno do Estado (Real Decreto-Lei 20/2011) e do propio Plan de Saneamento aprobado no 2009, que obrigan taxativamente á conxelación da oferta de emprego.
  • Contratación e prórroga de contratos a familiares e parentes do propio alcalde ou dos seus concelleiros.
  • Recorte de dereitos e salarios aos traballadores e traballadoras baixo a ameaza dun ERE, suspensión de artigos do actual convenio colectivo e denuncia do mesmo como paso previo para a negociación dun novo.
  • Aprobación a finais de 2012 dunhas inútiles e rimbombantes “Propostas de actuación prioritarias e inmediatas para a racionalización administrativa e regulación dos RR.HH municipais”, consistentes nunha “Proposta de estrutura administrativa e de postos municipal”, pseudo-RPT destinada a consolidar a estrutura existente, e unhas “Instrucións para a regularización da incorporación de persoal temporal”, documento co que o alcalde pretende dar un verniz procedemental ás súas contratacións e, ao tempo, derivar a responsabilidade á hora de realizalas nun órgano municipal mancomunado.
  • Nomeamento dun xubilado afín ao PP, Isidoro Sánchez Blanco, como persoal eventual de confianza e de asesoramento especial da Alcaldía sen percepción de retribucións, posto absolutamente inútil e prescindíbel concibido co único obxectivo de inserir na cadea de mando unha figura de control político dos traballadores e traballadoras municipais.
  • A derradeira gota, por agora, veu coa contratación o pasado 31 de decembro do nº12 do PP nas pasadas municipais, José Antonio Balbuena Iglesias, para a praza de peón de mantemento da canceira municipal.

Todas estas irregularidades e arbitrariedades, que veñen sendo denunciadas sistematicamente polo BNG a través dos cauces institucionais dentro dos órganos de representación política, ficaron plasmadas en sendas denuncias interpostas pola CIG, sindicato maioritario no Concello, diante da Subdelegación do Goberno, en novembro de 2012, e da Fiscalía de Ourense, en xaneiro deste ano. Así, chegados a esta situación, dende o BNG de Xinzo poñémonos a disposición das autoridades administrativas e xudiciais para aportar toda a documentación que obra no noso poder ao respecto, ao tempo que reclamamos que os diferentes órganos xurisdicionais poñan dunha vez coto a estás prácticas sistemáticas e obriguen ao alcalde a mudar de actitude e situar os intereses dos veciños e veciñas de Xinzo por riba dos seus particulares e do seu partido.

23/01/2013

O BNG alerta que a concesión mineira Faramontaos 5089 ‘vai para adiante’ ao entrar en fase de exposición pública o proxecto de explotación

Xinzo da Limia, 23 de xaneiro de 2013. O pasado xoves, 17 de xaneiro, apareceu publicado no DOG nº12 o anuncio de información pública do Proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración da concesión de explotación derivada do permiso de investigación Faramontaos, nº5089.1. Este anuncio deixa ben ás claras a intención da empresa de levar adiante a iniciativa malia oposición frontal dos veciños e veciñas dos pobos afectados, sintetizada mediante a recollida de varios centos de alegacións e plasmada nun acordo plenario unánime de rexeitamento aprobado o 19 de xullo de 2012.

Trátase dunha explotación mineira de feldespatos a ceo aberto mediante un sistema de dragado ata un máximo de 15m de profundidade e que prevé un investimento de 1,2M de euros para criar dez postos de traballo. A concesión estenderíase ao longo de 30 anos afectando en diferentes fases a un total de 400ha de terreo cultivábel nas inmediacións dos núcleos de San Pedro, Fiestras e Moreiras. Cómpre salientar que ao remate do aproveitamento estas parcelas serán irrecuperábeis para o seu uso agrícola xa que o proxecto de restauración contempla que queden en forma de lagoas. A planta de tratamento estará escasamente a 600m do pobo de San Pedro e funcionará as 24 horas do día en tres turnos de traballo atendida por dous operarios. As labouras de extracción da draga realizaranse a un único turno.

Para o Grupo Municipal do BNG estamos diante dunha cuestión de extrema gravidade ao afectar directamente a un piar básico da comarca como é o agro, dada a agresividade do proxecto, e que non se xustifica de ningún xeito no impacto na economía local, que será ridículo cando non absolutamente negativo. Por este motivo o BNG porá en marcha, a través da súa deputada no Parlamento de Galiza, Tareixa Paz, novas iniciativas encamiñadas a que as consellarías implicadas deneguen os permisos para esta explotación. Asemade instaremos ao Concello e aos veciños e veciñas afectados a persoarse no procedemento aberto de alegacións manifestando novamente a súa frontal oposición.

22/11/2012

O BNG empraza ao alcalde a corrixir a suba esaxerada nas taxas de saneamento e depuración

Estas dúas taxas soben un 31% para o ano 2013 mentres que a taxa de abastecemento de auga faino nun 5,57%, dous puntos por riba do IPC de setembro (+3,4%).

Xinzo da Limia, 22 de novembro de 2012. No pleno da semana pasada o grupo de goberno do Partido Popular no Concello de Xinzo aprobaba, en solitario, unha suba xeneralizada de taxas e impostos co achaque de repercutir o IPC de cara ao vindeiro exercicio.

Unha vez revisadas e comparadas coas taxas vixentes na actualidade obsérvase que, no caso da taxa polo servizo de rede de sumidoiros e pola prestación do servizo de tratamento e depuración de augas residuais (ordenanza fiscal nº7), a suba aplicada é escandalosamente superior ao IPC, de feito, case dez veces máis. En concreto, no capítulo I: Servizo de rede de sumidoiros, pasa de 0,154502€/m3 a 0,203149€/m3 (+31,49%), mentres que no capítulo II: Servizo de tratamento e depuración de augas residuais, pasa dos actuais 0,241€/m3 a 0,316342€/m3 (+31,26%). De manterse a suba nestes termos a empresa concesionaria do servizo podería beneficiarse duns ingresos “extra” estimados en 160 mil euros anuais como consecuencia do exceso de tarificación con respecto ao que correspondería coa suba do IPC contemplada legalmente no contrato de adxudicación.

Por outra banda a taxa pola subministración de auga a domicilio (ordenanza fiscal nº9) sobe significativamente por riba do IPC pasando por exemplo a tarifa ata 30m3 de consumo trimestral de 0,200834€/m3 a 0,212024€/m3 (+5,57%). O resto de tramos tamén experimentan a referida suba do 5,57%.

O BNG de Xinzo votou en contra desta suba de taxas e impostos no actual contexto de crise económica e emprazamos ao alcalde, Antonio Pérez, a que dea marcha atrás e corrixa a situación. De non tomarse medidas de xeito inmediato presentaremos unha alegación para obrigar ao PP a rectificar, xa que esta suba é absolutamente desproporcionada e inxustificada, máxime tendo en conta que os veciños e veciñas de Xinzo xa viñan pagando polos servizos de abastecemento, saneamento e depuración unha das tarifas máis caras de toda Galiza.

11/10/2012

O BNG esixe ao alcalde solucións para a grave situación urbanística da zona do Bouzo

O Sr. Pérez instalouse nunha actitude suicida, instigando á confrontación e á denuncia e ignorando a extrema gravidade dunha posíbel reacción en cadea.

Xinzo da Limia, 11 de outubro de 2012. No día de onte levouse a efecto a demolición da terceira vivenda na zona do Bouzo en cumprimento de ordes de derrubo firmes ditadas como consecuencia da incoación de expedientes urbanísticos.

Desgraciadamente a cousa non vai parar aquí xa que entramos nunha dinámica perniciosa de enfrontamentos entre veciños e denuncias cruzadas que, inevitabelmente, acarreirarán máis derrubes nos vindeiros meses. Fronte a isto a actitude do Sr. Alcalde, Antonio Pérez, non é a máis acaida para enfrontar o grave problema ao crear un clima de inestabilidade e enfrontamento cando se promove, alenta e tutela a creación dun asociacionismo veciñal parcial e interesado, cunha falla total de compromiso real por unha solución desde o mesmo momento inicial en que se detecta o problema. No canto disto, o Sr. Pérez instalouse nunha actitude suicida, instigando á confrontación e á denuncia e ignorando a extrema gravidade dunha posíbel reacción en cadea que xa se está a dar, coas consecuencias dun desolador panorama de sentencias condenatorias, con derrubes masivos, crispación e fractura social da convivencia.

O que está a acontecer é consecuencia directa e dolorosa da política urbanística tradicional do PP, do “ti vai facendo que non pasa nada”, xa que este non é un caso illado senón que en Xinzo estase a dar unha auténtica situación endémica neste eido que afecta a máis de 20 rúas perimetrais consolidadas fóra do ordenamento. Por isto, dende o Grupo Municipal do BNG de Xinzo esiximos, en primeiro lugar, un cambio nas formas do Sr. Pérez, menos prepotencia e unha actitude máis dialogante. E, en segundo lugar, abordar o problema globalmente analizando todas as opcións reais e viabeis de solución.

10/08/2012

O BNG denuncia o escándalo que supón a adxudicación “a dedo” da praza de avogada do Concello á filla de Prado Verdeal

Darlle o cualificativo de “técnico” a unha pantomima de tribunal composto por unha recua de enchufados na Deputación resulta un insulto á intelixencia dos veciños de Xinzo.

Xinzo da Limia, 10 de agosto de 2012. No BOP nº181, do 8 de agosto, aparece a resolución da adxudicación da praza de “letrada do concello” a Dna. María del Carmen Prado López. Chegamos así ao desenlace dun proceso que arrincou en vésperas das eleccións municipais de maio de 2011 cando o BNG denunciou a fraude e manipulación do censo electoral e que acadou a súa apoteose no caso do ex-delegado de Medio Ambiente, Agustín Prado Verdeal (pai da nova letrada), quen “apareceu” censado con outros catro familiares na casa dun veciño de Xinzo co que non tiña relación ningunha.

Estamos diante dun proceso escandaloso e que, unha vez máis, confirma a caradura e falla absoluta de vergoña e de escrúpulos de todos os implicados. Un concurso-oposición amañado dende o principio á medida da “gañadora” cun “tribunal político” composto por unha recua de enchufados na Deputación, todos eles parentes en diversos grados de alcaldes ou ex-alcaldes do PP, comandados polo xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo. Darlle o cualificativo de “técnico” a esta pantomima de tribunal resulta un insulto á intelixencia do resto de candidatos, que de boa fe se teñen presentado ao concurso, e a todas as veciñas e veciños de Xinzo.

Resulta paradoxal que o Sr. Pérez, en pleno proceso de recorte de salarios e dereitos aos traballadores e traballadoras do Concello, non teña mellor ocorrencia que engadir unha nova lousa en forma de praza de funcionario ao xa avultado capítulo de gastos de persoal, incumprindo descaradamente os compromisos adquiridos no famoso ‘Plan de Saneamento’, aprobado no ano 2009, e mais no Real Decreto-Lei 20/2011, do Sr. Rajoy, que recollen explicitamente a conxelación da oferta de emprego en todas as administracións para o exercicio 2012.

Agora, as sospeitas e as denuncias do intercambio mutuo de favores entre Prado Verdeal e o actual alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, quedan plenamente confirmadas. Coma sempre serán os veciños e veciñas os que paguen dos seus petos as débedas persoais que o Sr. Pérez foi contraendo con todos os que no seu día lle “botaron unha man” para acceder á alcaldía.

Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 ... 16 17 18 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,254 segundos | Powered by WordPress