#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

13/02/2011

O BNG non permitirá o tradicional “modus operandi” do PP no tema da incineradora

O actual Alcalde, Antonio Pérez, en vez de criticar aos veciños e veciñas, debería posicionarse claramente e esixir á Xunta transparencia nun tema tan grave.

Xinzo da Limia, 13 de febreiro de 2011. Logo da resposta pola prensa do actual alcalde do PP, Antonio Pérez, sobre a polémica incineradora, dende o BNG temos que manifestar o noso asombro e desconcerto polas manifestacións deste señor. Estamos moi acostumados ao “modus operandi” do Partido Popular neste tipo de cuestións: primeiro van soltando globos sonda para pulsar a reacción da xente, dicindo sen dicir, propoñendo sen propoñer, ata que chega o momento dos feitos consumados, cando xa non hai volta atrás. En Xinzo temos un caso ben recente: a Planta de Refugallos de Morgade, sen licenza, sen información aos veciños, en contra deles, que a día de hoxe segue sendo ilegal e que estando xa as máquinas realizando as obras non había constancia ningunha no Concello do que se estaba a facer. Antonio Pérez, daquela Concelleiro de Medio Ambiente e Deputado Provincial, tamén afirmaba non saber nada, e malia as denuncias e advertencias do BNG, non amosou o menor interese pola situación nin se preocupou de defender aos veciños afectados, converténdose nunha mera correa de transmisión das ordes que lle viñan ditadas dende “arriba”.

No caso da incineradora o Grupo Local do BNG de Xinzo non vai consentir o mesmo proceder, porque están a xogar co futuro de toda unha comarca, o simple feito de plantexar a candidatura da Limia para instalar unha incineradora destas características di moito da capacidade mental e de xestión dos dirixentes “populares”, a comezar polo presidente da Xunta do PP, Núñez Feijóo, ben coñecido nestas terras polas súas mentiras de campaña a respeito do tema da ZEPA, seguindo por un irresponsábel Presidente da Deputación, José Luis Baltar, metido a axente inmobiliario e rematando por un mediático e conciliador Alcalde, Antonio Pérez, que un día non sabe nada, ao seguinte parécelle boa idea e ao outro nin unha cousa nin a contraria.

Repetimos unha vez máis, o BNG rexeita rotundamente a proposta de ubicar no Polígono Empresarial de Xinzo, na Limia ou en Ourense a planta incineradora do sur de Galiza por irresponsábel, tramposa, agresiva e ameazante para o noso futuro e o dos nosos fillos. O PP de Feijóo, Baltar e Pérez deberían impulsar a instalación na nosa comarca de empresas respectuosas co medio, non contaminantes, fundamentalmente empresas agro-gandeiras, que permitiran tirar un valor engadido da nosa produción de pataca, cereal, etc. e creasen postos de traballo estábeis, sostíbeis e cualificados.

Dende o BNG estaremos a carón dos veciños e veciñas formando parte da Plataforma constituída o pasado venres, seguiremos utilizando todos os medios ao noso alcance para facerlle chegar á xente o alcance real desta instalación e apoiaremos calquera medida que impida esta desfeita, ao tempo que esixiremos ao actual alcalde “popular” un posicionamento claro de rexeitamento.

03/02/2011

O BNG advirte que a instalación dunha planta incineradora en Xinzo tería un grave impacto no sector da pataca

Amador Díaz explicou que o BNG vai iniciar unha campaña contra a ubicación desta planta na comarca da Limia, e presentará iniciativas nos concellos da comarca.

Ourense, 3 de febreiro de 2011. O senador do BNG e tamén responsábel da comarca de A Limia, Xosé Manuel Pérez Bouza, e o portavoz municipal no concello de Xinzo, Amador Díaz Penín, deixaron claro esta mañá nunha rolda de prensa a total oposición do BNG á que se instale en Xinzo unha planta incineradora de residuos sólidos. Pérez Bouza afirmou que “nos opoñemos á ubicación dunha planta destas características no polígono de Xinzo”.

Ninguén mercaría patacas producidas perto dunha planta incineradora

En primeiro lugar, terá un impacto moi negativo no principal sector económico da comarca que é o sector agrario, en concreto, a produción da pataca. Ninguén querería mercar patacas de A Limia que se cultivan ao redor unha planta incineradora, altamente contaminante”. Neste sentido, remarcou que a tendencia actual é a de mercar produtos ecolóxicos, “ninguén mercaría patacas producidas ao lado dunha planta de residuos”.

En segundo lugar, o senado do BNG considerou un “despropósito que a Xunta actual faga o mesmo que fixo Fraga no seu día coa planta de Cerceda. O argumento para xustificala é que é para tratar o lixo do sur de Galiza. Hai que lembrar que Ourense só produce o 2% do lixo, cando a meirande parte se produce en Vigo e na súa área metropolitana. Así que non ten sentido ubicar esta planta en Xinzo”.

Por último, Pérez Bouza deixou claro que o BNG non comparte ese modelo de tratamento de residuos sólidos, “xa que nós apostamos pola reciclaxe e a compostaxe de lixo”. Acusou ao PP de “tratar de converter Á Limia no vertedoiro de Galiza. Non entendemos a súa teima xa que en menos dun ano decidiu a instalación dunha planta de residuos da construción, e agora ten na carteira outra”. Demandou a Feijoo que antes da celebración das eleccións municipais aclare se vai ubicar a planta de residuos en Xinzo.

A Limia non debe converterse “no vertedoiro de Galiza”

O senador nacionalista afirmou que “o futuro da Limia non pasa polo de ser un vertedoiro, o seu futuro debe ir ligado a proxectos relacionados coa xeración de riqueza sen destruir o que temos”. Así, referiuse á necesidade de pechar o ciclo produtivo da pataca.

O portavoz municipal do BNG en Xinzo, Amador Díaz, explicou que o BNG vai iniciar unha campaña en contra das pretensións da Xunta, e “levaremos aos plenos dos concellos de A Limia, sobre todo ao de Xinzo, iniciativas para un pronunciamento en contra”. Ademáis, anunciou que se convocarán xuntanzas informativas cos veciños e recollida de sinaturas.

20/01/2011

BNG e PSdeG solicitan a celebración dun pleno para analizar e debater a situación do persoal

20110120-capa

Ambas formacións esixen a Antonio Pérez que explique as últimas contratacións realizadas en contra dun mandato expreso do Pleno.

Os portavoces municipais do BNG, Amador Díaz, e do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, rexistraron esta mañá no Concello unha petición conxunta de ambos grupos solicitando a celebración dun pleno extraordinario no cal analizar a situación do persoal laboral logo do recente anuncio de procesos de contratación para diversos postos temporais en contra das directrices do Plan de Saneamento Económico-Financeiro e incumprindo un mandato expreso do Pleno aprobado o pasado 4 de novembro de 2010, a iniciativa do BNG, que ordenaba a “conxelación inmediata de calquera nova contratación de persoal eventual”. Anuncios que levaron tamén aos representantes sindicais a alertar sobre a “inviabilidade” deste modelo nunha reunión cos grupos celebrada o pasado día 14 de xaneiro.

Unha RPT pendente de aprobación dende hai máis dun ano e un Plan de Saneamento que só se cumpre para subirlle os impostos aos veciños e veciñas

No «Plan de Ordenación de Recursos Humanos», rematado no ano 2009, propoñíase unha «Relación de Postos de Traballo (RPT)» como instrumento técnico a través do cal realizar a ordenación do persoal. Este Plan, valorado como imprescindíbel e urxente por todos os grupos municipais, permanece esquecido e pendente de aplicación. O mesmo ocorre coas recomendacións do «Plan de Saneamento Económico-Financeiro» aprobado o ano pasado ao abeiro do RDL 5/2009 que, nas súas Liñas Básicas de Actuación, recollía a “conxelación da oferta de emprego”, medida reiteradamente esquecida polos alcaldes do PP que, non obstante, non dubidan e aplicar as subas do IBI propostas no mesmo plan aferrándose a unha suposta “obrigatoriedade” de execución do mesmo.

Compromiso do BNG cos veciños e veciñas para que este problema non lastre o desenvolvemento futuro do noso Concello

Amador Díaz cualificaba a situación de “insostíbel” e anunciaba o compromiso do BNG para poñerlle remedio a partires do vindeiro mes de maio no caso de acadar a Alcaldía. Vimos denunciando dende hai anos o uso partidista que facía o anterior rexedor dos postos de traballo do Concello e o novo alcalde do PP, Antonio Pérez, leva camiño de empeorar a situación nun intento de apuntalar o seu aparato caciquil de cara ás vindeiras eleccións. Amador Díaz lamentaba que, coma sempre, “quen paga as consecuencias son os veciños e veciñas que ven como os seus impostos se van no capítulo de Persoal deixando cantidades ridículas para investimentos”.

Referencias:

30/12/2010

Amador Díaz denuncia que o PP malgastou os 300 mil euros recadados mediante “contribucións especiais” na Avd. de Ourense

20101230-capa

O candidato do BNG esixe a Antonio Pérez que dea a cara e explique que fixo a Alcaldía de Xinzo cos cartos dos veciños e veciñas.

O portavoz municipal e candidato a Alcaldía de Xinzo, Amador Díaz Penín, trala denuncia presentada na Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG por un grupo de veciños e veciñas, residentes e propietarios da marxe esquerda da Avenida de Ourense, debido ao deplorábel, desleixado e barrento estado desta zona urbana, certifica a inmediata necesidade de acometer o seu arranxo completo.

Despois de manter unha xuntanza coa veciñanza afectada e de comprobar in-situ o seu grande malestar, así como a situación de abandono que presenta este entorno totalmente deshumanizado, sen beirarrúas, sen infraestruturas básicas, sen drenaxe, sen ningún tipo de mobiliario urbano, Amador Díaz lamenta que “lonxe de ser a principal vía de entrada a Xinzo e conexión directa coa A-52, semelle máis ben o entorno dun poboado chabolista dunha periferia arrabaldeira”, polo que o BNG solicitará de inmediato que se materialicen os compromisos asumidos no seu día pola Alcaldía cos residentes desta céntrica arteria da vila de Xinzo.

Cobros e embargos irregulares que derivan nunha sentenza anulatoria

Neste sentido, Amador Díaz esixe ao actual alcalde do PP, Antonio Pérez, que “dea a cara e lle explique aos veciños e veciñas da Avd. de Ourense como funciona o Grupo de Goberno do PP e que fixo cos 300 mil euros cobrados mediante a imposición de contribucións especiais”, cifra resultante dos 483 euros por metro lineal de fachada que cada propietario tivo que ingresar obrigatoriamente nas arcas municipais para sufragar unhas eternas e inacabadas obras de acondicionamento e urbanización, “co agravante dunha recente sentenza do Tribunal Supremo que anula embargos e cobros pendentes aos veciños que se negaron a esta irregular operación”.

Estafa veciñal en toda regra propia dunha investigación da Fiscalía

Amador Díaz constata tras esta última denuncia veciñal o descarado e lucrativo “modus operandi” dos gobernos do PP de Xinzo, coa complicidade de Antonio Pérez, amparando esta estafa veciñal en toda regra máis propia dunha investigación de oficio da Fiscalía Anticorrupción que da sinatura dun convenio tipo, “malgastando miles de euros aportados polos petos dos propios veciños e veciñas que nunca chegaron a ver realizadas as promesas baleiras do anterior alcalde do PP”.

Referencias:

15/12/2010

Amador Díaz denuncia o estado lamentábel do entorno urbano da rúa Río Salas de Xinzo

20101215-capa

O responsábel político urxe ao novo alcalde unha solución inmediata á grave degradación que sofre esta céntrica área urbana.

O portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Amador Díaz, trala denuncia presentada a pasada semana na Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG de Xinzo por un grupo de residentes no entorno da rúa Río Salas ao respecto da lamentábel situación da zona, constata “a necesidade urxente de acometer o seu inmediato drenaxe, acondicionamento e urbanización completa”.

Despois de comprobar in-situ o desleixo e forte degradación que padece este entorno no que atinxe á total falla de deseño e articulación urbanística (a pesares de verse afectado por grandes investimentos como o novo Cuartel da Garda Civil, Centro de Día, etc.), ao estado de asolagamento e á aparición de focos de lixo incontrolado, incluído o abandono das podas efectuadas pola brigada municipal, o BNG solicita “que todas estas demandas veciñais sexan atendidas e se determine unha solución definitiva e con garantías”.

Falla de proxecto que dexenera en despilfarro

Neste sentido, denuncia que “a política do novo alcalde do PP artellada en exclusiva como tapadeira da recente e inxustificábel suba de dietas, taxas e impostos, está a derivar nunha preocupante xestión desenfreada de obra de maquillaxe urbano sen proxecto”, propiciando que áreas gravemente degradadas, como o entorno da rúa Río Salas, sexan abandonadas ao desleixo mentres que, pola contra, no Parque do Toural se enterre unha nova partida orzamentaria de 60 mil euros da Consellería de Presidencia destinada precisamente a recuperación de áreas urbanas degradadas, o que evidencia a total falla de proxecto global de cidade, a ausencia de rigor e prioridade na tramitación de convenios e o despilfarro continuado en tempo de forte crise sen un rendemento social e urbanístico axeitado.

Crecente malestar veciñal

Amador Díaz pon de manifesto tras esta última denuncia veciñal que “é palpable o crecente e forte malestar veciñal na vila de Xinzo debido ao proceder do novo alcalde, Antonio Pérez”, cando residentes de zonas como a Avenida de Portugal, a Avenida de Ourense e neste caso da rúa Río Salas, recorren e denuncian ante o BNG o que a alcaldía lles nega, simplemente, a atención e defensa dos intereses da veciñanza.

Referencias:

27/11/2010

A Asemblea do BNG elixe a Amador Díaz como candidato á Alcaldía do Concello de Xinzo nas vindeiras eleccións municipais de 2011

20101127-capa

A Asemblea Local do BNG de Xinzo, reunida este sábado, elixíu por unanimidade ao actual portavoz do Grupo Municipal, Amador Díaz Penín, como cabeza de lista e candidato á Alcaldía nas próximas eleccións municipais de maio de 2011.

Logo dun proceso aberto no que calquera militante puido optar a liderar a lista coa súa candidatura, a de Amador foi a única presentada e, logo de facer unha valoración do traballo realizado e da extraordinaria oportunidade que se presenta diante da actual situación de descomposición do goberno municipal, plantexou un esquema de traballo e un proxecto para liderar este concello a partires do mes de maio. O valoración dos e das militantes foi positiva pola laboura que se está a desenvolver e manifestaron o seu apoio incondicional ao candidato e a súa vontade de colaborar, ao tempo que lle pedían responsabilidade e traballo.

Amador Díaz agradeceu a confianza depositada nel pola Asemblea e ofreceu total dispoñibilidade e adicación ao proxecto común do BNG que, neste intre, el será o encargado de liderar. Tamén manifestou a súa vontade, contando coa colaboración das veciñas e veciños, de liderar o Goberno Municipal co obxectivo de traballar polo pobo e situar a Xinzo como capitalidade real da comarca da Limia.

25/11/2010

O BNG de Xinzo tentará deter por segunda vez as medidas regresivas e de incremento de taxas e impostos propostas polo goberno do PP

Aínda só pasaron vinte días dende o pleno ordinario celebrado a principios de mes, o primeiro tras o troco na Alcaldía e a remodelación do Grupo de Goberno do PP, e o novo alcalde, Antonio Pérez Rodríguez, volve ao ataque coa intención de aprobar medidas contra dos intereses dos cidadáns de Xinzo.

No pleno de mañá o Sr. Pérez teima en aprobar a suba do IBI xa rexeitada con anterioridade, para dar cumprimento a un ficticio plan de saneamento que, ao final, só consiste en incrementar a presión fiscal sobre os veciños sen ningún outro tipo de medidas encamiñadas a conter e reducir os gastos do Concello. Boa proba deste feito é a intención do minguado grupo de goberno “popular” de reverter os efectos da moción aprobada no pleno do 4 de novembro, a iniciativa do BNG, para reducir dietas e eliminar a fraudulenta adicación exclusiva da Concelleira de Deportes, medidas que, por si soas, supoñen un aforro duns 80 mil euros. Pois ben, o PP pretende sacar adiante a suba das dietas e aprobar de novo a escandalosa adicación exclusiva da súa concelleira, que cobraba por este cargo cando realmente exercía de traballadora do Concello no posto de monitora deportiva.

A maiores engádese nesta ocasión a revisión de tarifas de abastecemento de auga, saneamento e depuración para aplicarlle a suba do IPC. Neste senso dende o BNG propuxemos, en defensa dos intereses dos veciños e veciñas, a conxelación das mesmas xa que o ano pasado o IPC foi negativo (-1%) e as tarifas non se revisaron á baixa como correspondería e como nós reclamamos nunha moción presentada a finais de ano, co cal o máis acaido sería que este ano a suba do IPC (+2,1%) sexa asumida pola adxudicataria, que xa ingresou unha cantidade extra no exercicio anterior e que vai ingresar 137 mil euros como resultado do recoñecemento que lle pretende facer o goberno do PP dun teórico desfase pola non aplicación das tarifas aprobadas no 2008 ata o segundo trimestre do 2009, co cal ten sobradamente garantido o mantemento do equilibrio económico e financeiro da concesión.

En resumo, moito nos tememos que Antonio Pérez aínda non é plenamente consciente da nova situación política por el propiciada co asalto intempestivo á Alcaldía do pasado mes de outubro e, de non mediar ningunha circunstancia anómala, todas estas medidas contrarias aos intereses do pobo serán previsibelmente rexeitadas mañá polo pleno, co cal terá que baixarse da burra e pensar en gobernar contando cos veciños e veciñas.

07/11/2010

A oposición adopta as primeiras medidas de goberno no Concello pensando nos intereses das veciñas e dos veciños

20101107-capa

O pleno ordinario do pasado 4 de novembro, o primeiro que se celebraba tras o troco na Alcaldía e a remodelación do Grupo de Goberno do PP, serviu para certificar unha nova situación inédita no Concello de Xinzo. O paso ao grupo dos “non adscritos” do ex-concelleiro popular, Alfonso Patricio Nóvoa, deixaba ao novo alcalde sen o respaldo maioritario da corporación co cal se remataba coa tradicional práctica do “rodillo” á que nos tiña afeitos o PP, que serviu nestes anos para aprobar subas de impostos e taxas, adxudicacións de proxectos e servizos, vendas de patrimonio, etc. sempre en contra dos intereses dos cidadáns.

Esta nova situación de minoría, paradoxalmente, vai resultar altamente beneficiosa para as veciñas e veciños de Xinzo como xa se constatou neste pleno no que se bloqueou a suba do IBI proposta polo novo alcalde popular e se aprobou unha moción, a iniciativa do Grupo Municipal do BNG, para reducir dietas e eliminar a fraudulenta adicación exclusiva da Concelleira de Deportes, medidas que, por si soas, suporán un aforro duns 80 mil euros que poderán ser investidos en fins máis produtivos. Mención especial merece o mandato explícito ao novo alcalde de conxelar as contratacións de traballadores eventuais, practica común do PP, sobre todo en tempos pre-electorais, e especialmente prexudicial para as arcas municipais que nos ten levado á situación actual na que o Concello de Xinzo conta con preto de 140 empregados e adica o 62% do orzamento anual a gastos de persoal.

En resumo, as manobras políticas que levaron a Antonio Pérez á Alcaldía de Xinzo comezan a pasarlle factura como resultado lóxico do xeito forzado polo que accedeu ao posto, pasando por riba das opinións dos seus propios compañeiros e co rexeitamento explícito de boa parte da militancia do seu partido. A súa estadía na alcaldía prevese breve e os acontecementos deste pleno son o inicio dunha etapa que culminará o vindeiro mes de maio coa elección dun novo alcalde froito da decisión soberana dos cidadáns. Ata entón o BNG seguirá a traballar na presentación de propostas razoadas e construtivas que merezan o apoio da maioría da corporación e beneficien ás veciñas e veciños de Xinzo.

Referencias:

Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 ... 16 17 18 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,258 segundos | Powered by WordPress