#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

01/11/2010

O BNG pede nas súas emendas aos orzamentos do estado 2011, 3.640.000 euros máis para a comarca de A Limia-Allariz-Maceda

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, explicou as emendas que o BNG presentou aos Orzamentos Xerais do Estado 2011 para mellorar as partidas para a comarca de A Limia-Allariz-Maceda.

O senador nacionalista destaca a “crítica avaliación que o  BNG fai dos Orzamentos Xerais do Estado porque van dar cobertura a políticas anti-sociais e regresivas como a conxelación das pensións, as rebaixas nos salarios dos funcionarios, unha reforma laboral en contra dos dereitos dos traballadores e un considerábel recurte nos investimentos públicos”.

As propostas do BNG para A Limia-Allariz-Maceda

O propósito do BNG, salienta, coa súa presentación de máis de 240 emendas é mellorar as contas do Estado en secións como os investimentos territorializados co obxecto de mellorar as partidas para comarcas como Allariz-A Limia”.

Pérez Bouza explicou que presentamos “seis emendas para esta comarca que suman un total de 3.640.000 euros” e que atinxen a ámbitos como o agrario, medioambiental, o das infraestruturas, cultural e que son as seguintes:

  • Convenio co Concello de Maceda para a humanización da Rúa Principal e da Praza Benigno Álvarez no casco histórico. 400.000 euros
  • Plan de Regadío na Comarca de A Limia. 1.040.000 euros
  • Plan de limpieza e acondicionamiento das canles de desaugue da antiga Lagoa de Antela. 600.000 euros
  • Mellora da circulación e da seguridade vial no acceso a A-52 desde a N-525 e desde esta a estrada OU-531, a través da Pista Zepetal. 500.000 euros.
  • Convenio co Concello de Allariz, para execución da 3ª fase do Museo da Historia Mediaval de Galiza. 600.000 euros.
  • Humanización e mellora dos servicios básicos no casco histórico de Vilar de Santos. 500.000 euros.
12/10/2010

Valoración do BNG dos sucesos acontecidos no relevo na Alcaldía artellado polo grupo do PP de costas ás veciñas e veciños de Xinzo

20101012-capa

O sucedido nestes dous días do mes de outubro será lembrado como un dos acontecementos máis escuros e vergoñentos da historia institucional recente do noso concello. A “Operación Chavelleiro”, deseñada e executada por unha camarilla de despacho, de costas aos veciños e veciñas de Xinzo, evidencia a “calidade democrática” dun partido que pon os intereses persoais dun individuo coa suficiente ambición de poder e falla de escrúpulos para facer presión onde máis lle poida mancar aos dirixentes locais e provinciais do seu partido, por riba da opinión maioritaria dos seus propios militantes e do sentir de todo un pobo.

Os veciños e veciñas de Xinzo asistimos abraiados dende hai uns meses aos diferentes capítulos deste culebrón: primeiro cos amagos de ruptura do grupo de goberno, as reunións a tres bandas na Deputación, o paripé de Congreso local no que se elixiu ao candidato “popular” e posteriormente presidente do partido, ás recollidas apresuradas de sinaturas financiadas polo candidato para simular un “apoio” que servira de tapadeira ao rexeitamento interno que provocaba no seo do propio PP, aos enfrontamentos persoais entre compañeiros de goberno e agora, logo de insistentes rumores nas últimas semanas sempre desmentidos polo propio Isaac Vila, á culminación do proceso co asalto por sorpresa á Alcaldía coa complicidade do ex-alcalde e aproveitando a ausencia do concelleiro díscolo que reiteradamente tiña anunciado que non apoiaría ao novo caudillo local imposto polo clan baltariano.

No pleno do día 9 de outubro, o Sr. Vila saía por segunda vez pola porta de atrás, dando por rematada unha estancia na Alcaldía de máis de vintecinco anos. Foi un pleno de trámite, no que nin se tivo a mínima cortesía de darlle voz á oposición para que puidera adicarlle unhas verbas de despedida ao alcalde saínte. O discurso de Isaac, anodino e falto de convicción, serviu para relatar unha serie de teóricos logros que permitiron a Xinzo avances titánicos para situarse onde hoxe está, exactamente á mesma altura en dotacións e servizos que case todos os concellos de menor entidade da provincia e varios chanzos por baixo dos tres ou catro do noso mesmo nivel.

O luns, 11 de outubro, data sinalada para a elección do sucesor, cabía a posibilidade matemática de que o plan entretecido polo binomio Chavelleiro-Baltar saíse mal, mais o único integrante do grupo mixto logo se encargou de despexar dúbidas facendo súas as teses “populares” nun discurso que nin o propio Pérez nos seus mellores soños houbera enfiado tan atinadamente para os seus intereses, como ao remate se encargaron de ratificar os da bancada popular coa sonora ovación que lle dispensaron. A partires de aí sucedeu o que tiña que suceder, o coherente, o que só o voluntarismo popular que se rebelaba contra a operación artellada para torcer a vontade dos cidadáns de Xinzo podía negarse a aceptar. Os dous grupos da oposición presentaron ao seu propio candidato logo de que cada un dos precedentes na lista do PP renunciase con diferentes achaques, mais ou menos críbeis, ata chegar ao número 5 no que figuraba o auto-designado para a sucesión.

A votación serviu para selar a descomposición do grupo de goberno do PP, con Isaac Vila exiliado na capital do reino, o tenente de alcalde Daniel Blanco pre-xubilado das súas atribucións, Yolanda Díaz de figurante no seu papel de Parlamentaria, Alfonso Patricio cun pé no grupo mixto, Xiana Carrera posicionándose de cara á nova situación coa intención de afortalarse no posto de monitora deportiva que xustifica a xenerosa adicación exclusiva que cobra do Concello e Antonio Fernández Veiga de convidado de pedra superado polos acontecementos. O único apoio inesperado e inquebrantábel ao novo mandatario veu nesta ocasión dende o grupo mixto na figura de Manuel Cabas, ao que o propio Pérez cualificou de “admirábel” e non descartaba ofrecerlle unha concellaría.

Na súa alocución despois da toma de posesión, hipocritamente victimista, baleira e inzada de tópicos desgastados nos que nin el mesmo acredita, Antonio Pérez Rodríguez facía un chamamento de “responsabilidade” á oposición para que “non crispara” e fixera política “nos foros axeitados”, un discurso moi chocante e pavero na boca dun señor totalmente deslexitimado, que accede ao posto de Alcalde por escuras e arteiras manobras de despacho poñendo en xaque ao partido no que milita dende hai escaso tempo logo de integrarse, previa negociación de cargos e prebendas, dende as filas de outra formación política na que se albiscaban moitas menos oportunidades reais de “tocar poder”.

Os cidadáns de Xinzo teñen a percepción de que Antonio Pérez foi un mal Concelleiro e vaticinan que será un mal Alcalde nestes escasos sete meses que restan ata as eleccións. Á fronte dun grupo desfeito, sen capacidade para gobernar, sen ideas, desmotivado, aproveitará o tempo para ir apuntalando o seu aparato caciquil empregando para ilo os resortes institucionais que a Alcaldía pon ao seu alcance. Dende o BNG seguiremos a traballar por defender os intereses das veciñas e veciños, a nosa planificación non vai mudar e o vindeiro mes de maio estaremos en disposición de presentarnos diante dos cidadáns de Xinzo cos deberes feitos e cunha proposta de candidato a alcaldía e de goberno clara, ilusionante e diametralmente oposta á oferta triste, grisácea dun PP que instrumentaliza as institucións de todos para o seu propio beneficio sen pensar nunca nos intereses do pobo.

08/10/2010

Amador solicita un informe da Secretaría onde se xustifique a urxencia e legalidade dos vindeiros plenos extraordinarios

O portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz, vén de presentar un escrito do BNG onde se solicita un informe da Secretaría do Concello que xustifique tanto a urxencia da sesión plenaria do sábado 9 de outubro como a legalidade da convocatoria da sesión plenaria do luns 11 sen ter coñecemento do desenrolo e resultado da dimisión de Isaac Vila, condición indispensable para a celebración do pleno do luns de investidura.

Contradición manifesta
Amador Díaz pon de manifesto que a convocatoria simultánea de dúas sesións plenarias sen coñecer o desenrolo e resultado da primeira é unha contradición manifesta na que está a incorrer o PP, “moi preocupado en lexitimar a toda costa a Antonio Pérez como alcalde cando nin os seus o queren” dado que o resultado do pleno do sábado é condición determinante para a celebración do seguinte pleno do luns.

Deriva ditatorial do PP
Neste sentido, Amador Díaz denuncia que este xeito do PP de entender a política local encamiñada a converter Xinzo exclusivamente no epicentro do seu interese partidista, “saltando as normas do Réxime Local, ocultando a información ata ós seus, pisando dereitos básicos da democracia e abandonando o interese xeral da veciñanza é a proba da deriva ditatorial do PP a consecuencia do desgoberno total e a caníbal descomposición sucesoria na que están metidos”.

05/10/2010

O PP impide as obras de modernización do regadío da Limia e a súa reactivación económica como reclamaba o BNG

O BNG, a través da portavoz de agricultura, Tereixa Paz, defendeu hoxe en sede parlamentar, unha proposición non de lei para a modernización de regadíos da Limia e a posible afectación da declaración de Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) ao proxecto, iniciativa que  foi rexeitada polo Partido Popular.

A falta de partidas  nos orzamentos do PP frea as obras de regadío

Na súa intervención, a deputada nacionalista salientou o “considerable retraso” na verificación dos trámites  deste proxecto e explicou que as obras para iniciar a modernización dos regadíos da Limia tropezaron, ao longo do tempo, con obstáculos como: o desacordo dos regantes na súa cuantía, por consideralas  desmesuradas, a falta de consignación nos orzamentos da Xunta para o ano 2010, ausencia de consignación nos orzamentos do Estado para o 2011 ou o retraso do Executivo galego na sinatura do convenio con SEIASA del Norte, empresa competente na execución destas infraestruturas.

Para Paz, ademais dos motivos que están a frear as obras, hai que sumar a aprobación do Decreto polo que se establece a Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) na Limia que está a crear grande incerteza nas comunidades de regantes.

O Goberno do  PP mantén unha actitude inmobilista

A parlamentaria nacionalista reclamou un “cambio de actitude” do Goberno galego, por ser –na súa opinión- “o maior valedor das comunidades de regantes ante a empresa pública SEIASA que debe dar resposta ás demandas e necesidades dos produtores”.

Paz reiterou a importancia da comarca da Limia na produción de pataca e cereal, como elemento fundamental para o seu desenvolvemento económico e asegurou que “a Xunta e o Estado adían as obras para o regadío nesta comarca agrícola, converténdoa nunha das primeiras vítimas da austeridade”.

Afección da ZEPA no proxecto de modernización

Neste sentido preguntou como afecta a declaración de ZEPA á execución das obras de modernización d0 regadí0 da Limia e como se vai garantir ás comunidades de regantes que non existe ningún obstáculo para a modernización do regadío nas comunidades de Lamas Ganade, Alta Limia, Corno do Monte e San Lourenzo de Sabucedo.

Pola súa parte a portavoz do g.p do Partido Popular, Yolanda Díaz Lugilde, respondeu que existe un plan de modernización de regadíos 2007-2013  e que na actualidade, xa se ten avanzado na sinatura do convenio marco con SEIASA pero para a deputada do BNG, “o PP non aportar datos sobre o devandito avance”  e culpabiliza  ao Goberno do Estado de entorpecer o proxecto.

O financiamento das obras é compartido

Paz retrucou á portavoz do PP que “o financiamento, segundo o convenio marco de regadíos, correspóndelle o 10% aos regantes,  o 41% ao Estado, a través de SEIASA del Norte, o 27% dos  fondos FEADER e o 22% de fondos propios da Xunta” e reiterou que nos orzamentos do ano 2010 non existía a consignación correspondente ao 22 % que ten que achegar a Xunta, polo tanto -dixo- “non segan botándolle a culpa aos demais para zafarse dos problemas”.

Finalmente, Tereixa Paz  pediulle ao Partido Popular que abandonara a súa “actitude de pasotismo e neglixencia” para poder iniciar as obras  partindo de  dúas premisas: a Xunta debe asinar, sen dilación, o convenio marco e encetar as obras neste período de sesións e garantir que a declaración de ZEPA non implique ningunha nova tramitación administrativa nin impedimento para executar os proxectos de regadío tal e como foron concibidos.

Referencias:

28/09/2010

Amador Díaz denuncia a descomposición caníbal do Goberno do PP de Xinzo trala negación da planta de lamas fecais

20100928-capa

O portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz, denuncia que a negativa e descoñecemento do alcalde “evidencia a descomposición caníbal do goberno de Xinzo e o total abandono do interese xeral da xente”.

Despóis de sair publicada a súa adxudicación definitiva no B.O.P. 21 de setembro de 2010, trala posta a disposición dos terreos e despois de rexistrar a semana pasada un escrito do BNG solicitando información a cerca da ubicación concreta da Planta de Tratamento de Lamas Fecais, “ou minten ou están a outra cousa fora da realidade e o interese veciñal”.

Desconfianza veciñal

Amador Díaz pon de manifesto que dita planta “tratará os lodos que se producen nas fosas sépticas da meirande parte da provincia de Ourense cando o goberno do PP deixou sen saneamento a vinte pobos do rural e máis de vinte rúas perimetrais urbanas de Xinzo e nin foi quen de pedirlle a concesionaria Aquagest que extendera as redes de saneamento a cambio do contrato de concesión exclusiva que se lle deu ata o 2046”. Ademais, critica a falla de total de transparencia e de información aos veciños por parte do concello, o mesmo que no caso da Planta Provincial de Refugallos de Morgade, onde nin tan sequera puideron presentar alegacións en tempo e forma.

Preocupación pola deriva do PP

Neste sentido, denuncia que estas políticas do PP encamiñadas a converter a Xinzo nun vertedoiro, “negando a existencia de proxectos publicados no B.O.P., ocultando a información, pisando dereitos básicos e os intereses da xente, é un síntoma claro da deriva do PP cara o desgoberno total, froito dunha descomposición sucesoria caníbal que despreza e abandona aos veciños e veciñas de Xinzo fronte a conveniencias persoais e partidistas”.

Documentos:

27/09/2010

Pérez Bouza e Amador Díaz denuncian que o PP quer converter a Xinzo no vertedoiro de Ourense

20100927-capa

O responsábel comarcal de A Limia e senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, e o portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz, fixeron unha rolda de prensa esta mañá en Ourense para denunciar que “o PP pretende converter a Xinzo de Limia no vertedoiro da provincia de Ourense”.

Ambos referíanse á intención do concello de Xinzo, gobernado polo PP, de ubicar alí unha planta de ámbito provincial de tratamento de residuos fecais. Os dous responsábeis políticos explicaron que xa “estableceron na aldea de Morgade, unha planta de tratamento de residuos procedentes da construcción, e agora, teñen a intención de situar na propia vila de Xinzo unha planta de tratamento de lamas fecais”.

Malestar veciñal

Puxeron de manifesto que dita planta “trataría un tercio dos lodos que se producen nas fosas sépticas da provincia de Ourense”. Neste sentido, fixeron un chamamento ao PP para que cambie as súas políticas e no canto de converter a Xinzo nun vertedoiro “realicen investimentos que traian riqueza, dinamismo económico e postos de traballo á  vila”.

Ademáis, critican a falla de transparencia e de información aos veciños por parte do concello, o que “está a provocar desconfianza e preocupación na cidadanía polo temor ás consecuencias que a planta poida provocar: os cheiros, os ruidos, a circulación de  tráfico rodado, entre outras”.

Nesta cuestión, enfatizaron a grande cantidade de queixas que a Oficina de Información ao Cidadán do BNG está a receber pola ubicación futura da mencionada planta. Lembran os dous responsábeis políticos que xa cando se estableceu a planta de Morgade, o concello se saltou todo tipo de información aos veciños.

Esta é a razón pola que o BNG de Xinzo de Limia decidiu presentar unha pergunta ao concello demandando transparencia e información, sobre todo no que atinxe ao lugar onde se vai ubicar.

En Xinzo “pagamos as taxas máis altas por depuración de augas”

Outras das cuestións que subliñaron é a privatización do servizo de depuración de augas que levou a cabo o Grupo de Goberno do PP, posto que lle concedeu a xestión á empresa Aquagest até o ano 2046. No contrato asinado esta empresa comprometíase a facer a conexión para a depuración das augas a todos aqueles veciños que carecen do servizo. “En Xinzo pagamos as taxas máis altas por depuración de augas non só de Ourense senón de Galiza” máis a empresa citada aínda non cumpriu o acordado e “moito nos tememos que non o fagan”, advertiron.

Referencias:

19/09/2010

O Concelleiro Portavoz do BNG de Xinzo reúnese cos veciños da Avenida de Portugal ante o seu malestar

20100919-capa

Tralo malestar detectado na veciñanza da Avenida de Portugal através dunha queixa rexistrada formalmente esta semana na Oficina de Atención ao Cidadán do BNG de Xinzo, o Concelleiro Portavoz do BNG, Amador Díaz Penín, reuniuse de xeito urxente este domingo pola mañá cos veciños afectados polas obras de urbanización que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a executar nesta importante rúa da vila que mistura titularidade municipal, autonómica e carácter transnacional.

Despois de constatar sobre o terreo tanto as queixas e demandas veciñais relativas ó desastroso desenrolo das obras na conexión da Estrada de Portugal coa N-525, como no que atinxe á aparición, desleixo e permanencia de amplas zonas residuais de maleza sen urbanizar, como a non eliminación de voluminosos cepellóns despois das talas realizadas, así como no relativo ao progresivo estreitamento do firme rodado a consecuencia destas zonas baleiras, e en previsión dun resultado estético e funcional pésimo que non se axusta en absoluto ás expectativas dunha inversión total que ronda ós dous millóns de euros, o Grupo Municipal do BNG solicitará ao Alcalde e mailo Grupo de Goberno que as demandas veciñais sexan atendidas de inmediato e se restableza a solvencia estética e funcional dunha obra desta envergadura, tan necesaria e tan ansiada pola veciñanza.

Referencias:

15/09/2010

O BNG de Xinzo reclama arranxos urxentes no equipamento e servizos da Galescola

20100915-capa

O BNG de Xinzo ven de recibir na súa Oficina de Apoio ao Cidadán numerosas queixas de nais e pais a respecto das importantes carencias dotacionais que presenta a Galescola: non dispón de sistema de climatización, o cal fai que a temperatura interior nestes meses do vrao suba ata límites insoportábeis, o patio interior no que xogan as crianzas atópase nun estado de abandono e desleixo preocupante, non conta con árbores que proxecten sombra, o chan é de area, sen protección de ningún tipo como céspede, herba ou corcho, e non hai ningunha barreira perimetral que impida a visión desde o exterior dos nenos, que fican así expostos na súa imaxe e intimidade. Algunhas destas cuestións xa se comezaron a abordar polo Concello estes días, mais as medidas adoptadas son insuficientes e pouco axeitadas.

Por outra banda, foron constatadas graves deficiencias no que atinxe á periódica hixiene e desinfección de colchonetas e equipamento de xogo ao longo dos últimos meses e o persoal docente e coidador é quen está a asumir a devandita tarefa ante as carencias detectadas no persoal de servizos xerais.

Así mesmo, como xa denunciamos hai uns días, o curso 2010-2011 arrancou cunha alarmante carencia de persoal o cal provocará que a calidade da atención aos nenos e nenas se vexa notabelmente mermada xa que as coidadoras e coidadores, por máis empeño e adicación que lle poñan, non serán quen de ofrecer a atención personalizada que os cativos de entre 0 e 3 anos requiren.

Tendo en conta que a Galescola é un equipamento con gran demanda de uso en Xinzo resulta necesario garantir as condicións de habitabilidade, un entorno axeitado que protexa a seguridade e a saúde dos cativos e unha dotación de persoal acorde coa demanda por isto o Grupo Municipal do BNG ven de rexistrar unha moción no Concello para que se solucionen estas deficiencias o antes posíbel.

Desde o BNG agardamos un mínimo de sensibilidade por parte dos responsábeis municipais e esiximos ao Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que habilite as partidas orzamentarias correspondentes xa que, se a Xunta do PP gasta os nosos cartos en mudar innecesariamente e por capricho uns cartaces, en propaganda desinformativa e en atacar ao noso idioma non vemos ningunha escusa para que tamén se poidan adicar a protexer e mellorar a seguridade e a saúde das nosas cativas e cativos.

Referencias:

Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 ... 16 17 18 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

209 queries - 0,256 segundos | Powered by WordPress