#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

05/06/2005

Galiza ’05: Calendario de actos electorais

axenda

A seguir tedes a programación dos mitíns previstos nos pobos do concello. Serán no sitio de costume en cada lugar e á hora anunciada nos cartazes distribuidos con anterioridade.

  • Mércores, 8: Trandeiras – Pena – Morgade – Baronzás
  • Venres, 10: Pidre – Ganade – Lamas
  • Domingo, 12: Piñeira – Solveira – Porto Alto
  • Venres, 17: Fiestras – San Pedro – Laroá

Falarán:

Ramiro Rodríguez Suárez – Concelleiro
Amador Díaz Penín – Responsable Local

Mitin central en Xinzo

O mitin central no concello de Xinzo será o Martes 14 ás 21:00h no salón de actos da Casa da Cultura.

Intervirán:

Xosé Antón Xardón – Alcalde de Vilar de Santos
Tareixa Paz – Candidata ao Parlamento de Galiza
Iago Tabarés – Candidato ao Parlamento de Galiza. Número 1 por Ourense

Presentará o acto:

Xosé Lois “O Carrabouxo”

 Filed under: Axenda
24/05/2005

Novo préstamo de 485 mil euros

No pleno extraordinario celebrado a tarde do luns, 23 de maio, foi aprobada, cos votos favorábeis do PP unha operación de préstamo por un importe de 485.000 euros. Estes cartos xa estaban recollidos nos orzamentos deste ano e irán destiñados a financiar as obras nas piscinas, a gardería a rúa da Sé e Sta. Mariña e o Parque de Bombeiros.

O principal argumento do alcalde á hora de xustificar este préstamo está na inevitabilidade de acudir ao mesmo para poder executar as obras, que doutro xeito non poderían ser abordadas.

Nós votamos en contra desta operación porque incrementa a xa abultada débeda do Concello, siñifica a constatación palpable do incumprimento (máis unha vez) das promesas electorais do PP, tenta salvar a cara deste goberno para chegar ao final do mandato e deixa un novo problema que teremos que afrontar os que veñamos detrás.

 Filed under: Ao día,Grupo Municipal
02/05/2005

Xuntanza e Mitin de precampaña en Xinzo

axendaquin

Contaremos coa presenza de Anxo Quintana e Iago Tabarés

Este domingo 8 de maio, o noso candidato á Presidencia da Xunta de Galiza e o cabeza de lista pola provincia de Ourense visitarán a nosa vila para celebrar un acto enmarcado na precampaña electoral das vindeiras elecións autonómicas do 19 de xuño.

Ás 17:00h terá lugar un encontro no Hotel Xinzo con representantes dos principais sectores económicos e sociais da comarca. A continuación, ás 18:00h na Casa da Cultura haberá un Mitín de precampaña que será presentado pola Responsable Local de Galiza Nova, Aida Vázquez.

 Filed under: Axenda
07/04/2005

Valoración sobre o arranxo da Alameda do Toural

Alameda do Toural

Diante do malestar xeralizado entre os veciños de Xinzo polo desenrolo das obras de acondicionamento da Alameda do Toural pola Escola-Taller concedida a este efecto, e cuxos traballos están próximos a finalizar, dende o BNG de Xinzo compartimos esta valoración negativa co resto de grupos municipais e cos veciños en xeral.

Na última reunión da Comisión informativa de obras acordáronse medidas encamiñadas a conquerir que estas obras se rematen do mellor xeito posible e a paliar, na medida do posible, a desfeita.

Dende o BNG facemos votos para que o grupo de governo as realice na práctica e así adecuar este espazo aos obxectivos que se plantexaban inicialmente e mitigar o descontento veciñal.

 Filed under: Ao día,Grupo Municipal

Rede de saneamento

Hoxe en Comisión informativa técnicos de Aquagest e Norcontrol deron conta dos motivos dunha modificación aparentemente tan substancial como a que expliquei no anterior post.

O representante de Aquagest defendeu a validez do proxecto redactado inicialmente poñendo en claro un concepto que pasara desapercibido. Ese proxecto (que custou 10 millóns de pts.) era un Plan Director, que analizaba a situación existente e, baseandose nun modelo matemático, propoñía unha solución.

Cando se pensou en materializar esa obra a Xunta encomendoulle a redacción do Proxecto de Execución a Norcontrol. Neste caso os técnicos de Norcontrol tomaron como punto de partida o estudo recollido no Plan Director de Aquagest, mais optaron por outra solución diferente.

Tecnicamente a explicación parece incontestable: o Plan Director requería dun desenrolo, independentemente de a quen lle fora encargado, e neste caso Norcontrol optou por unha solución máis ambiciosa e máis cara.

En calquera caso quedaron algunhas dúbidas no ar:

  1. Por que os políticos locais tiveron/tivemos sempre a idea de que o traballo de Aquagest constituía, en si mesmo, un documento final en canto á solución a aplicar e máis ó seu custo?
  2. Por que se chega a solucións finais tan diferentes partindo dos mesmos datos e aplicando os mesmos criterios?

Finalmente dicir que, dun xeito ou doutro, o interesante é que se realice esta obra e, unha vez rematada esta primeira fase se vaian abordando as sucesivas.

 Filed under: Ao día,Grupo Municipal
17/03/2005

Pleno ordinario marzo 2005

O tema principal deste pleno foi o da rede de saneamento. Aprobouse a conformidade para o proxecto das obras da nova rede de colectores. Lamentouse que o anterior proxecto, redactado por Aquagest, fora rexeitado por Augas de Galiza cando costou 10 millóns de pesetas.

Co novo proxecto os custos da instalación dispáranse o que fai que este ano só se vaia abordar un tramo de 1,5km, que custará 2 millóns de euros, e que non abrangue as zonas máis conflictivas da vila.

Nós solicitamos do alcalde un compromiso de que esta obra non ía afectar ás tarifas que actualmente se cobran por este servizo e el comprometeuse a que así fora.

Outros asuntos tratados foron:

  • Aceptar a cesión por parte de Xestur dunha parcela (a nº3) no Parque Empresarial.
  • Ceder á Mancomunidade unha parte desta mesma parcela para a instalación do ‘Ponto Limpo’: aquí criticamos a falla de criterio e a mala xestión do Concello xa que se tentou instalar este servizo noutros sitios e sempre se atoparon co rexeitamento veciñal.
  • Alugar a Telefónica un terreo no recinto da EDAR para que traslade alí a antena que ten na R/ Ladeira: disto depende a construcción da Gardería, outro exemplo de infraestructura que se retrasa no tempo.
  • Cambiouse a calificación dos terreos ó lado do Concello para posibilitar a construcción do aparcadoiro: dende o grupo de goberno recoñeceuse a pouca viabilidade desta posible obra pola falta de interese da iniciativa privada.
  • Aprobouse solicitar da Consellería de Asuntos Sociais financiamento dentro do ‘Plano Concertado 2005′ para diversos programas que inclúen a construcción dun Centro de Día, dotacións e persoal.
  • Acordouse a adhesión ó convenio entre a SGAE e a FEMP para abaratar os custos das liquidacións dos dereitos de autor.
  • Aprobouse unha moción do PSdeG sobro do ‘Día Internacional da Muller Traballadora’.
 Filed under: Ao día,Grupo Municipal
25/02/2005

Anxo Quintana visita Xinzo para a presentación do LETHES 6

Puntualmente concorre á súa cita anual esta publicación editada polo Centro de Cultura Popular do Limia

Hoxe tivo lugar a presentación pública do número 6 dos Cadernos Culturais do Limia.

Neste acto, no cal se lembrou a figura do recentemente desaparecido poeta limiao Antón Tovar, déronse cita numerosos persoeiros da vida cultural e política, entre eles o noso Voceiro Nacional, Anxo Quintana, quen acudíu expresamente para esta presentación.

Dende o BNG de Xinzo saudamos o éxito deste proxecto e animamos ós seus promotores a que sigan a traballar a prol da difusión da nosa cultura e da conservación das nosas tradicións.

 Filed under: En destaque
10/02/2005

Acto público sobre o Tratado Constitucional

O 18 de febreiro ás 20:30 horas celebraremos no Hotel Xinzo una acto público informativo acerca da nosa visión do Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa que se vota en referendo o vindeiro domingo día 20.

Intervirá Francisco García, quen debullará polo miúdo e argumentará os motivos polos cales este tratado non é aceptable dende un punto de vista galego e nacionalista.

A presentación do acto correrá a cargo do noso concelleiro Ramiro Rodríguez.

 Filed under: Axenda
Páxinas: Anterior 1 2 3 ... 29 30 31 32 33 34 35 36 37 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

205 queries - 0,191 segundos | Powered by WordPress