#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

08/07/2011

Pleno extraordinario 8.7.2011

20110708-capa

Hoxe, venres, 8 de xullo, ás 17:00h celébrase o primeiro pleno tras a constitución da nova corporación segundo a orde do día que se acompaña (ver pdf adxunto). Trátase do pleno organizativo no que se determinará a distribución de competencias, etc.

Neste pleno quedará formalizada a constitución do noso Grupo Municipal integrado polos compañeiros Amador e Manuel, e pola compañeira Lucía. Moita sorte aos tres!!!

 Filed under: Axenda,Grupo Municipal
07/07/2011

O BNG advirte que o goberno do PP vai resultar inoperativo e gravoso para Xinzo

O Alcalde, Antonio Pérez, crea unha “concellaría virtual” para xustificar a xenerosa adicación exclusiva que Montserrat Lama vai cobrar a conta dos veciños e veciñas.

Xinzo da Limia, 7 de xullo de 2011. Este venres, ao límite do prazo legal estipulado, celébrase o pleno organizativo do Concello de Xinzo. O alcalde, Antonio Pérez, artellou un goberno repartido en oito áreas (fronte ás seis da etapa anterior) que vai resultar inoperativo e gravoso para os cidadáns de Xinzo. Inoperativo porque hai áreas nas que se solapan as competencias, o cal propiciará as liortas internas como xa sucedeu no pasado, e gravoso porque este aumento artificioso de áreas vai levar aparellado un incremento dos gastos da operativa municipal.

Dende o BNG lamentamos que o “manual de estilo da austeridá de Feijóo” non chegara a tempo ás mans do noso alcalde, quen non rebaixa o importe das dietas por asistencia a órganos corporativos como reiteradamente veu reclamando o noso grupo no anterior mandato. A redución das dietas permitiría amortecer o impacto que supón o aumento do número de concelleiros electos, mais con esta medida aos “populares” non lle sairían as contas.

Por outra banda, a proposta de celebrar os plenos ordinarios ás 11:00h, cando tradicionalmente se viñan celebrando de tarde, tampouco permite albiscar moi boas intencións do Sr. Pérez ao respecto de facilitar a asistencia dos cidadáns aos mesmos.

Neste mandato a adicación exclusiva cambia de dona pasando a ser disfrutada pola concelleira do PP Montserrat Lama, á que se lle crea unha “concellaría virtual”, baleira de contido, para poder xustificar nominalmente o xeneroso soldo que vai a percibir a conta das veciñas e veciños de Xinzo. E o caso é que traballo na área de Persoal non lle ía faltar se puidera e quixera facelo, especialmente se temos en conta que a reorganización e racionalización da plantilla do Concello é prioritaria cunha RPT pendente de aplicación dende hai tres anos.

Desvío de fondos da Galescola para pagar as festas da Santa Mariña

Claro exemplo da incompetencia do recén estreado goberno está na primeira medida “operativa” que traen ao plenario, consistente na transferencia de 50.000€ de investimento na Galescola de Xinzo que se van empregar para financiar as festas da Santa Mariña. Por unha banda detráense cartos destinados a obras de mellora necesarias para a calidade deste servizo, e insistentemente demandadas polos pais e nais, e empréganse en pagar os festexos patronais, o cal tamén deixa en evidencia a imprevisión do PP que, cando aprobou os orzamentos hai uns meses, non sabía que as festas se celebran todos os anos no mes de xullo.

01/07/2011

O Goberno resposta a Pérez Bouza que o Concello de Xinzo non aportou a documentación técnica requerida para o proxecto náutico no Limia e dubida da súa viabilidade

Pérez Bouza perguntaba ao Goberno por este proxecto do concello e Portos de Galicia nun ámbito que é competencia da Confederación Hidrográfica e salientaba a sequedade do cauce do río durante varios meses ao ano

Madrid, 1 de xullo de 2011. O Goberno vén de respostar ás perguntas formuladas polo senado do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, respeito ao proxecto do concello de Xinzo e de Portos de Galicia de construir un parque náutico no río Limia en Xinzo.

O senador do BNG dirixíase ao Goberno para perguntarlle polo proxecto de Parque Naútico no río Limia ao seu paso polo concello de Xinzo. Quería saber se a entidade pública Portos de Galiza ou o concello de Xinzo, soliciaron ante a Confederación Hidrográfica algún tipo de permiso para realizar este proxecto.

Ademáis, Pérez Bouza formulaba outro tipo de perguntas como se este plan se someteu á consideración da Confederación e se era viábel desde o punto de vista medio ambiental e social “construir un parque náutico no cauce dun río que permanece completamente seco durante varios meses ao ano”.

Neste sentido, o Goberno indica que o 22 de febreiro deste ano recibiu a solicitude do concello de Xinzo de Limia para a autorización do denominado “proxecto náutico fluvial no río Limia”, redactado polo ente público Portos de Galicia.

Informa o Goberno ao BNG que a documentación técnica aportada “resultou insuficiente” e que requeríu ao peticionario a documentación que falta. Iso sí o Executivo amosa as súas dúbidas sobre o proxecto ao sinalar que “si é certo que o réxime de caudais estivais do río Limia pode suscitar dúbidas respeito á súa execución”.

E precisamente, engade, “un dos obxectivos de ter requerido a documentación técnica é a de ter os elementos suficientes para poder avaliar se procede ou non esas actuacións en dominio público hidráulico”.

Un proxecto “insólito”

O senador do BNG lembraba na súa iniciativa parlamentar que hai pouco Portos de Galiza comprometeuse con concello de Xinzo a financiar a construción deste parque náutico, “á marxe do insólito da decisión é a primeira vez que Portos de Galiza anuncia que vai facer un investimento fóra do seu ámbito de actuación”. Considera o parlamentar nacionalista que a actuación anunciada non parece a máis axeitada debido á sequedade do río.

 Filed under: Sala de imprensa
21/06/2011

O BNG valora moi positivamente o rexeite da veciñanza de Gudín á instalación da incineradora

Amador Díaz esixe ao alcalde, Antonio Pérez, que dea a cara e ratifique agora a súa postura ao respecto da incineradora do sur na Limia.

Xinzo da Limia, 21 de xuño de 2011. O portavoz municipal do BNG de Xinzo, Amador Díaz, celebra moi positivamente a contundente negativa dos comuneiros do monte e da veciñanza de Gudín á instalación da Incineradora do Sur de Galiza na zona coñecida como “A Touza”, ao tempo que tamén esixirá na vindeira sesión plenaria a ratificación oficial do alcalde do PP, Antonio Pérez, na súa postura ao respecto da instalación dunha incineradora na Comarca da Limia.

Explicacións inmediatas pola iniciativa da Asemblea de Comuneiros

Neste sentido, Amador Díaz pedirá tamén explicacións inmediatas ao Sr. Pérez ao respecto da autoría da iniciativa de convocar esta asemblea de comuneiros do monte de Gudín para a posible instalación da Incineradora do Sur, advertíndolle que no suposto de que o promotor desta iniciativa fose tanto o alcalde como derivado da súa incoacción, e dado que estaría mentindo e incumprindo de xeito flagrante tanto o seu compromiso electoral coa veciñanza de Xinzo, así como os acordos plenarios municipais e provinciais tomados co total rexeitamento á situación desta instalación na comarca da Limia, pediremos a súa demisión irrevogábel e sen paliativos.

Malestar e alarma veciñal polo nocivo impacto ambiental da incineradora

Amador Díaz sospeita que, tanto o alcalde Antonio Pérez como o Presidente da Deputación, seguirán xogando á ruleta rusa co noso concello e comarca barallando novos emprazamentos para a incineradora dos 250 millóns de euros, como poden ser Sarreaus ou Xunqueira de Ambía, cando demostraron despois do caso de Gudín que non se pode facer unha escolla máis lesiva nun dos puntos de maior altitude do concello e que tamén ten o embalse que abastece de auga potábel a boa parte de Xinzo, o que cunha incineradora automaticamente convertería a Gudín nun auténtico reemisor de cancro e enfermidades, xa que segundo a propia O.M.S. estas instalacións duplican o risco de cancro infantil no radio inmediato de cinco quilómetros, ademais das múltiples patoloxías oncolóxicas asociadas a unha exposición prolongada ás súas emisións.

11/06/2011

Malas expectativas para os veciños e veciñas de Xinzo

20110611-capa

Na toma de posesión do novo alcalde viviuse un feito insólito e bochornoso na historia democrática do Concello de Xinzo. Logo de ser nomeado, o candidato do PP, Antonio Pérez, dirixiu un patético discurso aos congregados na sala no que non anunciou nin unha sola medida de goberno, nin deu a máis lixeira pincelada de por onde ten pensado que discorra a vida municipal nos vindeiros catro anos. Mais ben ao contrario, Antonio Pérez, un señor sen proxecto, movido pola súa mala conciencia e facendo bo o dito latino do “excusatio non petita, acusatio manifesta” o único que aproveitou foi para atacar á oposición e tentar xustificar as súas propias carencias democráticas internas como cabeza de lista dunha candidatura devaluada, de terceira división, cun partido roto en anacos como así o atestigua a propia composición da nova corporación.

No BNG, como líderes da oposición, faremos unha laboura intensa encamiñada a defender aos veciños e veciñas de Xinzo, non aos censados de última hora que logo de apoiar ao candidato popular marcharán de novo para os seus concellos e vixiaremos moi de preto as accións do goberno para denunciar as desfeitas, que seguramente se van producir, e tentar paliar na medida das nosas posibilidades as consecuencias das mesmas, como fixemos nos pasados catro anos.

10/06/2011

Pleno constitutivo novo Concello 2011-2015

Mañá, sábado, 11 de xunho, ás 12:00h, celebrase o Pleno constitutivo do novo Concello para o mandato 2011-2015.

No mesmo os nosos compañeiros Amador, Manuel e Lucía tomarán posesión e producirase a elección do alcalde. Se podes achégate para apoialos no inicio deste novo período no cal o Grupo Municipal do BNG liderará a oposición ao goberno continuista dos de sempre.

 Filed under: Axenda,Grupo Municipal
16/05/2011

O BNG denuncia que Baltar quere mercar con diñeiro negro os votos dos cidadáns de Morgade

20110516-capa

O candidato do PP, Antonio Pérez, e o Presidente da Deputación, Baltar Pumar, tentan mercar aos veciños e veciñas de Morgade con 3000 euros en metálico.

Xinzo da Limia, 16 de maio de 2011. As artimañas, manobras suxas e chanchullos varios que estamos a ver durante esta campaña electoral no concello de Xinzo superan con creces todo o que viña sendo tradicional no PP. Ás coñecidas prácticas de compra individual de vontades con promesas de postos de traballo, ás ameazas a empresarios da vila con quedarse fóra do “pastel” se non se postulan abertamente a prol do candidato “popular”, e outras, engadiuse nos últimos días unha nova e insólita “técnica” impropia dunha sociedade democrática e que deixa ben ás claras a catadura moral destes individuos que aspiran a ocupar, que non gobernar, respectivamente Concello e Deputación. Este domingo a “caravana popular” estivo a pasear a Baltar, o vello, por varios pobos do concello de Xinzo nos que “aproveitou” para ameazar aos veciños e veciñas asegurando que, se gañaba Amador a alcaldía, tería pechadas as portas da Deputación. Mais a guinda púxoa no pobo de Morgade onde un veciño, logo de escoitar pacientemente a perorata de medidas baleiras e promesas que nunca pensan cumprir tanto de Baltar coma de Chavelleiro, lembroulle ao Presidente en funcións que todo iso estaba moi ben, mais levaban reclamando un equipo de aire acondicionado para o local social do pobo dende había anos, que xa llo prometeran varias veces e que aínda estaban a agardar por el. Diante deste “desplante” un arroutado Baltar, logo de proclamar que “a el ningún pedáneo o deixaba quedar mal”, dirixiuse resoltamente cara o maleteiro do seu Audi e tirouse de fato de billetes que foi poñendo un sobre outro por riba da mesa ata completar 3000 eurazos “del ala”, diante do pasmo dos presentes que ollaban entre sorprendidos e divertidos a operación preguntándose se acababan de asistir a un mitín do PP ou ao reparto dunha pedrea dos nenos de San Ildefonso. A dúbida que se lles plantexa agora aos veciños é a quen apoñerlle este diñeiro recibido “en negro”, se a unha subvención da Deputación ou a unha “donación particular” do propio Baltar Pumar.

A desesperación coa que os “populares” están a encarar a recta final desta campaña evidencia que ven máis preto ca nunca a perda respectivamente do Concello de Xinzo e da Deputación e calquera cousa vale con tal de seguir chuchando do erario público para manter o seu decimonónico aparato caciquil.

Desde o BNG tamén emprazamos ao Presidente da Xunta do PP, Núñez Feijoo, o home austero, a que avale este proceder dos seus correlixionarios ourensáns que cubican maleteiros de Audi con billetes de cincuenta euros e explique se esta é unha práctica habitual do seu partido en toda Galiza ou só se aplica no noso concello.

Manipulación do censo

Amador Díaz ven de recibir novas tarxetas censuais de “veciños pantasma” que conviven en domicilios de Xinzo sen coñecemento dos seus propietarios e moradores habituais. As mesmas serán remitidas á Fiscalía para continuar co procedemento iniciado hai uns días a instancia do BNG.

05/05/2011

O BNG non permitirá que o candidato do PP pague favores persoais cos cartos dos veciños e veciñas de Xinzo

20110505-capa

Antonio Pérez sáltase toda a legalidade vixente para consolidar nas súas prazas aos afíns que o apoiaron nas loitas polo poder dentro do PP local.

Xinzo da Limia, 5 de maio de 2011. Logo de que nas últimas datas viñeramos de recibir comunicacións de diferentes fontes alertándonos das prácticas fraudulentas, cando non claramente ilegais, que se estaban a levar por mandato directo e explícito do actual Alcalde e candidato do PP, Antonio Pérez, a gota que colmou o vaso e fixo saltar todas as alarmas foi un comentario publicado nunha web adicada a seguir a política municipal que nos merece a máis absoluta credibilidade porque só corrobora as informacións que xa coñeciamos:

“Soy una funcionaria del Ayuntamiento de Xinzo. Disculpad que no me exprese en gallego ya que mi dominio de éste es muy limitado. Puedo decir que dentro del cuadro laboral funcionario del concello tengo bastante antigüedad, sino la más antigua. Para sacar mi plaza de funcionaria tuve que pasar unha convocatoria pública con varias pruebas y concurso de méritos. Cosa que hoy no existe. Lo que el señor Antonio Pérez está haciendo a día de hoy en el ayuntamiento de Xinzo no tiene nombre. Está contratando a personas en fraude de ley, contra toda reglamentación de magistratura de trabajo, prorrogando contratos eventuales que superan tiempo permitido y, repito, en flagrante fraude de ley, contratos que al ser prorrogados adjudican al trabajador automaticamente la condición de funcionario sin ningún concurso ni oposición pública, simplemente a dedo. El último caso, según me comentan en el café de esta mañana compañeros del ayuntamiento es el de la señora de ****, de baja por maternidad y desde estos días nueva funcionaria del ayuntamiento. Esto no puede ser, no hay derecho y quiero denunciarlo en vuestro foro para que todo Xinzo sepa porque se dedican a la política estas personas” http://ir.gl/b2ff58

Os nosos peores temores estanse a confirmar e a xestión en materia de persoal, ao igual que en adxudicación de obra pública, do Sr. Pérez, non pensa nos intereses das veciñas e veciños de Xinzo se non que están claramente orientadas a pagar favores persoais e garantir lealdades de cara ás vindeiras eleccións do 22 de maio. Agora entendemos o interese do Sr. Pérez en contratar un avogado para a plantilla funcionarial do Concello, así mata dous paxaros dun tiro, crea unha nova praza para enchufar a algún achegado e de paso prepárase para un previsíbel incremento da conflitividade xudicial provocado pola súa neglixente actuación.

De pouco valeu o Pleno extraordinario celebrado no pasado mes de febreiro no que se solicitaba un cambio de rumbo na política de persoal. Antonio Pérez está a facer bo ao anterior alcalde e, se non se lle paran os pés nas urnas, leva camiño de converter ao noso Concello nunha Deputación II aplicando as políticas caciquís e de enchufismo do seu mentor político, o Sr. Baltar, a costa dos veciños e veciñas de Xinzo.

Como primeira medida o Grupo Municipal do BNG ven de rexistrar un escrito solicitando acceso a toda a información referente ás contratacións dos últimos meses para valorar as seguintes iniciativas a tomar.

Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 ... 35 36 37 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

205 queries - 0,241 segundos | Powered by WordPress