#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

28/04/2011

Programa de Goberno: 15 ideas forza para o futuro de Xinzo

20110428-capa

  1. Creación dun Servizo Municipal de Transporte Público.
  2. Recuperación integral do Mosteiro de Trandeiras.
  3. Remate e posta en funcionamento do Museo Galego do Entroido. Creación do Museo da Cultura Castrexa e da Romanización para a proxección da vila como xacemento arqueolóxico global.
  4. Redefinición e impulso do Proxecto Sectorial de ampliación do Polígono Industrial.
  5. Construción da Circunvalación Sur e elaboración dun Plan de Humanización da N525 e do núcleo histórico de Xinzo, con especial atención ao Barrio de Abaixo.
  6. Posta en marcha da Oficina Municipal de Promoción Económica.
  7. Revisión e actualización do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
  8. Elaboración dun Plan de viabilidade económica do concello que elimine gastos innecesarios e procure un incremento dos recursos orientados ao investimento.
  9. Construción dunha Cidade Deportiva encamiñada a fomentar o deporte de base e as Escolas Deportivas.
  10. Plan de Mellora das infraestruturas rurais con especial atención ás pistas de concentración, regadíos, depuradoras e fontes.
  11. Ampliación da Escola Infantil.
  12. Declaración do Río Limia como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e posta en marcha dun plan de recuperación integral da súa conca.
  13. Consolidación do Parque do Toural e creación dun Corredor Ambiental Toural-Río Limia.
  14. Creación dunha Residencia Xeriátrica Pública de carácter comarcal. Reactivación do Servizo municipal de comedor sobre rodas, mellora e incremento dos programas de Axuda no fogar.
  15. Creación da Casa da Muller.
 Filed under: En destaque
27/04/2011

Acto sectorial do BNG en Xinzo da Limia

Este mércores, 27 de abril, celebraremos un Acto sectorial do BNG en Xinzo da Limia coa presenza do Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez.

Axenda:

  • 11:00h, Estación Autobuses, Rolda de Prensa: Anuncio das principais medidas do Programa de Goberno do BNG de Xinzo relacionadas co sector comercio-servizos, como creación da Rede de Transporte Municipal, Circunvalación Sur e Humanización integral das avenidas da N-525.
  • 12:00h, Hotel Xinzo, Encontro Sectorial: Xuntanza informal cos principais axentes do eido comercial, empresarial e económico da vila.
  • 13:30h-14:00h, Xantar na Feira cos membros da candidatura, militantes, simpatizantes e público en xeral que desexe asistir.
 Filed under: Axenda
17/04/2011

Candidatura do BNG para as municipais do 22 de maio de 2011

20110417-capa

Candidatura do BNG ao Concello de Xinzo da Limia para as municipais do 22 de maio de 2011.

  1. Amador Díaz Penín. Técnico Agrícola. Empresario do Sector Servizos e Agropecuario.
  2. Manuel Pérez Campos. Estudos Empresariais. Xestor e Asesor de empresas.
  3. Lucía Nóvoa Joga. Licenciada en Psicopedagoxía. Educadora. Dinamizadora Sociocultural.
  4. Ramiro Rodríguez Suárez. Enxeñeiro Técnico Industrial. Informático. Músico.
  5. María do Carmen Cid Bolaño. Empresaria do Sector Agropecuario.
  6. Xosé-Lois Carreira López. Licenciado en Belas Artes. Artista plástico.
  7. Olga Opazo Otero. Axente Inmobiliario. Corredor de Seguros. Empresaria.
  8. Manuel Seoane Feijoó. Arquitecto. Director do Centro da Cultura Popular da Limia.
  9. Edelmiro Martínez Cerredelo. Licenciado en Xeografía e Historia. Historiador.
  10. María do Carmen Campos Feijoó. Funcionaria de Correos.
  11. Xosé Manuel Nieto Rodríguez. Diplomado en Maxisterio. Estudos Perito Agrícola.
  12. Xosé Manuel Cid Fernández. Catedrático de Ciencias da Educación.
  13. Alba María Feixóo López. Estudante de Dereito e Criminoloxía. Grao Medio de Piano.
  14. Marcos Camino Campos. Técnico de Automoción. Dinamizador Sociocultural.
  15. Ana Barxa Cid. Estudante de Arquitectura.
  16. Francisco Joga Camino. Técnico de Hostelería.
  17. Rosa Belén María Martínez. Administrativa.

SUPLENTES

  1. Manuel Conde Gómez. Funcionario do I.N.S.S.
  2. María Losada Cuquejo. Estudante de Bioloxía.
  3. Xosé Lois Castro Casas. Agricultor. Gandeiro.
  4. Juan Manuel Gómez Dorrio. Técnico Forestal.
  5. Eva Márquez Fernández. Arquitecto Técnico. Técnico en Prevención de Riscos Laborais.
  6. Rui Atanes Camilo. Técnico do Sector Transporte.
  7. Sheila Fernández Conde. Estudante.
  8. Francisco Javier Melio Martínez. Técnico de Mecánica Agraria.
  9. Víctor Rodríguez Avilés. Estudante de Filoloxía Galega. Músico.
  10. Rosa Gómez Rodríguez. Pensionista.
 Filed under: En destaque
15/04/2011

O BNG presenta a lista para as eleccións municipais do 22M

20110415-capa

Mañá, sábado 16, ás 20:00h, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Xinzo, o BNG presentará a lista coa que concorrerá as vindeiras eleccións municipais do 22 de maio.

No acto intervirán:
* Alba Mª Feixóo – Responsábel Local de Galiza Nova
* Lucía Nóvoa – Candidata nº3
* Francisco García – Alcalde de Allariz
* Xosé Manuel Pérez – Senador
* Amador Díaz – Candidato á Alcaldía

O cabeza de lista e candidato á Alcaldía, Amador Díaz, xunto co resto do equipo que o acompaña neste proxecto, convídante a coñecer as ideas que o BNG, coa túa FORZA, ten pensados para construírmos entre todos e todas o FUTURO do noso concello.

Acode, o teu apoio é IMPORTANTE!

 Filed under: Axenda,En destaque
02/04/2011

O BNG denuncia un clarísimo intento de alterar os resultados electorais mediante a manipulación do censo

20110402-capa

Unha atenta análise da evolución do censo de Xinzo nos últimos meses é suficiente para alertar ata ao máis incauto observador, mais sen outra proba documental a idea dunha posíbel manipulación intencionada non pasaría de ser unha razoábel sospeita. Por isto, a casualidade que fixo que, nesta ocasión contemos con probas tanxíbeis deste intento de manipulación fai que a denuncia do BNG sexa máis difícil de rebatir, o cal nos animou a chegar ata o final para darlle luz a esta suxa manobra do “candidato popular” e poñer toda a información nas mans da Fiscalía de Ourense. A continuación explicaremos o caso polo miúdo.

Nesta táboa pódese observar a evolución do Censo do Concello de Xinzo no último ano:

01-01-2010 01-12-2010 01-01-2011 01-02-2011
XINZO DA LIMIA 8.175 8.136 8.258 8.253
Fonte: Oficina do Censo Electoral

Nos once primeiros meses do ano 2010, prodúcense variacións mensuais no censo electoral que fan que pase dos 8.175 electores con dereito a voto a día 01/01/2010, aos 8.136 a día 01/12/2010, é dicir, de xaneiro a decembro, houbo un descenso de 39 electores con dereito a voto. Nestes once meses os movementos mensuais do censo en ningún caso superaron un diferencial positivo ou negativo, con respecto ao mes anterior, superior a 15. En contra desta tendencia, no último mes de 2010 prodúcense movementos no Censo Electoral do Concello de Xinzo da Limia que fan que pase dos 8.136 electores censados a día 01/12/2010 aos 8.258 electores a día 01/01/2011, o que supón un incremento de 122 cidadáns con dereito a voto.

Compre lembrar que o mes de decembro de 2010 era, en principio, o último mes para que os electores poideran darse de alta no censo electoral do concello no que desexaran exercer o seu dereito a voto nas eleccións municipais do vindeiro 22 de maio. Aínda que posteriormente este plazo ampliouse ao mes de xaneiro de 2011, cos datos recollidos no cadro adxunto, vese claramente que unha vez conseguido o obxectivo de incrementar de xeito artificial o censo electoral, no mes de xaneiro, este volve á tendencia habitual de descenso dos últimos 11 meses do ano 2010, apreciándose así mesmo un diferencial razonable de 5 con respecto ao mes anterior.

En definitiva, apreciase claramente a vontade do actual Alcalde de Xinzo, de incrementar de xeito presuntamente ilegal o censo electoral co obxectivo de manipular o resultado das vindeiras eleccións municipais.

Esta manipulación houbera sido máis dificilmente demostrábel de non darse a afortunada circunstancia de que as tarxetas censuais de cinco destes “novos veciños” foron caer nas mans dun sorprendido cidadán de Xinzo que non sospeitaba que estaban a convivir con el no seu domicilio. Este veciño, que axiña recoñeceu entre os seus pantasmais inquilinos a un ex-alto cargo de Fraga, Agustín Prado Verdeal, puxo inmediatamente os feitos en coñecemento do BNG consciente de que destapaba un clarísimo intento de alterar o resultado das vindeiras eleccións non por habitual e case tradicional dentro das prácticas “populares” menos grave e antidemocrático.

 Filed under: En destaque
01/04/2011

O troco de Alcalde non corrixe a deriva na xestión económica do Concello

No pleno ordinario do martes pasado o centro do debate xirou arredor de temas económicos xa que o actual alcalde, Antonio Pérez, presentaba á consideración dos grupos municipais os seus primeiros orzamentos. A nosa valoración inicial é que neste punto non se advirte ningún troco nin novidade: os orzamentos son os mesmos de todos os anos, aos que xa nos tiña afeitos Isaac Vila, uns orzamentos que hipotecan o presente e o futuro de Xinzo.

Orzamentos 2011

Este ano a cifra total ascende a 6.770.000€ e, coma sempre, o capítulo de persoal lévase a meirande parte dos cartos, en total 4 millóns de euros (60%), coa novidade de que se crea unha nova praza de LETRADO para representar ao Concello nos innumerabeis pleitos nos que está metido, praza que non aparece na famosa RPT (Relación de Postos de Traballo). Novamente o noso Alcalde da mostras da súa clarividencia xa que os técnicos da Universidade de Santiago que analizaron as necesidades do Concello non consideraron que precisase un abogado pero o señor Pérez, en escasos meses que leva no cargo detectou esta falta.

Os gastos correntes mantéñense nunha cifra similar á do ano pasado, levándose outro millón e medio de euros que sumados ao capítulo de persoal configuran o 83% do orzamento, deixando escasa marxe de manobra para actuacións produtivas.

Outra constante nos últimos anos era o aumento da carga impositiva sobre os veciños e veciñas de Xinzo e estes orzamentos non ían ser menos, prevese un incremento na recadación de impostos directos, indirectos e taxas para chegar a unha cifra de 4.160.000 euros. Desde que o PP retomou a alcaldía DUPLICOU a recadación deixando nun simple chiste ou nunha broma de mal gusto as cacarexadas promesas “populares” de redución de impostos.

O capítulo de investimentos, como consecuencia do explicado, resulta anecdótico ao representar un ridículo 7% do total do gasto, e aínda veremos o que se executa realmente porque a partida máis elevada (122 mil euros) é para unha futura ampliación da Galescola para a que, segundo recoñeceu o propio Sr. Pérez, non existe convenio asinado. O outro único investimento destacábel é o do Campo da Moreira xa que o resto de obras non pasan de ser meros arranxos sobre infraestruturas xa existentes.

Plan de Saneamento

Na orde do día deuse conta tamén da avaliación do cumprimento no exercicio 2010 do “Plan de Saneamento Económico-Financeiro”, que resultou informado DESFAVORÁBELMENTE pola Interventora municipal xa que se produciu un aforro neto negativo de -558 mil euros. O Alcalde, pouco interesado en falar do tema, pasou de puntillas sobre este punto e como non había lugar a votación nin sequera permitiu que se debatera o asunto. Non obstante dende o BNG temos que repetir o que levamos dicindo dende que se aprobou este plan hai dous anos: para o único que serve o Plan de Saneamento é para subirlle os impostos aos veciños e veciñas de Xinzo, xa que é o único punto que se aplica do mesmo, o resto de recomendacións (aforro de gastos correntes, redución de persoal, etc.) son fume en mans dun xestor inútil e incompetente.

Incineradora

A iniciativa conxunta de BNG e PSG-PSOE presentouse unha moción para rexeitar a posibilidade de instalar a incineradora que promove a Xunta do PP para queimar todo o lixo do sur de Galiza na Limia. O alcalde, Antonio Pérez, cos votos do seu grupo, desestimou a urxencia deste tema non sen antes asegurar que el tamén estaba en contra. Este feito non deixa de resultar un pouco paradóxico pois se tan en contra está… que problema tería en votar a favor da moción? Ademáis debemos dicir que está en contra… agora… xa que o 3 de febreiro deste ano estaba encantado coa posibilidade de que viñera a incineradora para Xinzo. Antonio Pérez tamén aproveitou para tildar de “electoralista” á Plataforma Veciñal que promoveu o movemento de rexeitamento a esta planta, esquecendo que os que prenderon a mecha foron el mesmo e o seu partido ao facer o anuncio de que esta incineradora podería vir para Xinzo contando “vender” os hipotéticos postos de traballo que optimistamente cifraban en cincocentos.

Lei de Augas de Galiza

O noso grupo presentou outra moción para solicitar da Xunta do PP a retirada da Lei de Augas de Galiza aprobada en outubro de 2010 e que, curiosamente, non terá efectos ata pasadas as eleccións municipais. Esta lei vai ser altamente prexudicial porque é unha lei exclusivamente recadadora. O PP aprobou esta lei para recadar máis cartos. Pagaremos pola auga da traída e dos pozos, mesmo pola auga da chuvia e a Xunta non mellorará a calidade da nosa auga e non se fará cargo do mantemento das traídas e pozos particulares. En Xinzo xa pagamos a auga máis cara de Galiza e con esta lei, lonxe de cumprirse a promesa do ex-alcalde Sr. Vila de que se gañaba o PP a Xunta baixaría o recibo da auga, todo o contrario, vai subir co cal se demostra unha vez máis que as promesas de Feijóo, Vila, Pérez, etc. son sinxelamente MENTIRAS.

Museo do Entroido

Outra moción de urxencia do PSG-PSOE reivindicaba a reactivación das obras do Museo Galego do Entroido. Neste punto o Sr. Pérez volveu dar mostras de non enterarse da “movida” xa que, por enésima vez, recurriu ao mito da suposta discriminación sufrida por Xinzo durante a etapa de Goberno Bipartito na Xunta, esquecendo, non sabemos se por malicia ou por ignorancia, que durante ese tempo o Concello non presentou ningún proxecto referido ao Museo para ser valorado polos responsábeis de Cultura dese goberno e esquecendo, tamén, que o “goberno amigo” do Sr. Feijóo leva xa dous anos en Santiago e aínda non mandou un peso para esta iniciativa, mais ben todo o contrario, o Sr. Rey Pichel, Director Xeral de Patrimonio Cultural, non tiña moito coñecemento do tema e, en todo caso, o de museo “galego” parecíalle un pouco excesivo.

Embarcadoiro do Limia

A instancias do BNG, Antonio Pérez explicou en que consistía o proxecto do embarcadoiro, laiándose da bricadeira que se facía popularmente coa idea e atribuindo a mesma ao descoñecemento real da actuación. Segundo aclarou o obxectivo é facer un pantalán, unha pasarela e unha caseta de madeira cun orzamento duns 200 mil euros que aporta Portos de Galiza. Non obstante a obra require do permiso da Confederación Hidrográfica, que xa remitiu un escrito poñendo en coñecemento do Sr. Pérez toda a documentación que precisa para obter o mesmo.

En resumo, o único que se notou co cambio de alcalde foi un cambio nos modos, o Sr. Pérez confunde contundencia con agresividade, liderazgo con imposición e xestión con chanchullos e componendas. O sucedido neste pleno é unha boa proba: continuidade nos orzamentos e na política de persoal, esquecemento deliverado do que non convén debater, tersiverxación interesada da realidade e reinterpretación teimuda da historia, desmontábel cun simple repaso das hemerotecas.

29/03/2011

Pleno ordinario 29.3.2011

Hoxe, martes, 29 de marzo, ás 18:00h, celebrase o Pleno ordinario do Concello de Xinzo segundo a orde do día que acompañamos (ver pdf adxunto).

Como puntos máis salientabeis a tratar destacamos:

* Aprobación do Orzamento 2011 do Concello de Xinzo.
* Avaliación de cumprimento do Plan de Saneamento económico-financeiro.
* Inicio do proceso de adxudicación da xestión da Piscina Climatizada.

Dentro do apartado de mocións urxentes presentaremos unha moción conxunta co Grupo Socialista ao respecto do proxecto da Xunta para a instalación da incineradora do sur de Galiza e outra moción en solitario referente á Lei de Augas de Galiza.

No turno de preguntas pediremos explicacións sobre o anuncio do proxecto do embarcadoiro no río Limia e sobre diversos asuntos da actualidade municipal.

21/03/2011

Amador Díaz esíxelle ao alcalde que explique o proxecto do embarcadoiro

20110321-capa

Nunha rolda de prensa celebrada hoxe na que compareceron Amador Díaz, candidato á Alcaldía de Xinzo, Xosé Manuel Pérez, Senador, e Tereixa Paz, Deputada no Parlamento de Galiza, o BNG explicou que ven de presentar hai uns días unha iniciativa municipal para que o actual alcalde do PP, Antonio Pérez, explique no vindeiro Pleno a natureza do proxecto e do convenio asinados hai un mes co representante de Portos de Galiza, dependente da Consellaría do Mar, para a construción dun embarcadoiro deportivo no Río Limia por un importe de 200.000 euros.

Logo de varias semanas dende o insólito anuncio, que coincidiu no tempo co “globo sonda” da incineradora, non voltamos a ter noticias, nin se fixo ningunha aclaración ao respeito, malia a expectación que levantou a noticia entre os veciños e veciñas de Xinzo que agardan novas informacións que aclaren o alcance das obras e a súa viabilidade. Este silenzo fainos sospeitar que se trate dunha nova ocurrencia pre-electoral do noso alcalde coa que desviar a atención sobre os seus bandazos ao respeito da polémica incineradora que o PP proxecta instalar no sur de Galiza e sobre a cal a Xunta de Feijóo aínda non deu a coñecer a ubicación.

Novamente estamos diante dun proxecto-ocorrencia do PP, que malgasta os cartos dos galegos e galegas en obras faraónicas e inútis mentres as necesidades reais fican adiadas e esquecidas nun caixón, neste senso Amador reclamou que o que debería facer o alcalde é negociar coa Confederación Hidrográfica a limpeza do río, que precisa dunha intervención importante, realista e axeitada ás necesidades dos veciños, que garanta unha caudal mínimo todo o ano xa que, na actualidade, é un feito ben coñecido que o río baixa seco practicamente seis meses.

Páxinas: Anterior 1 2 3 ... 6 7 8 9 10 ... 35 36 37 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

205 queries - 0,246 segundos | Powered by WordPress