#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

24/05/2013

O final lóxico do NON á mina de feldespatos atrasarase por unha reorganización administrativa do PP

O BNG está xunto ás veciñas e veciños apoiando a “tractorada” de mañá xa que, ao tratarse dunha decisión política do goberno do PP, nada está aínda pechado definitivamente.

Xinzo da Limia, 24 de maio de 2013. O pasado día 15 de maio entrou en vigor a ORDE do 24 de abril de 2013 sobre delegación de competencias en materia de planificación e ordenación mineira da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas nas Xefaturas Territoriais da Consellería de Economía e Industria, isto vai supor un novo atraso dun mes, como mínimo, na resolución definitiva do expediente da mina de feldespatos e engade novas incertidumes ao proceso.

Hoxe remataba o prazo de alegación aos informes ditados polas consellarías ao respecto do expediente da mina de feldespatos, varios dos cales eran favorábeis ao proxecto. Nembargantes os informes emitidos por Medio Rural e pola CHM-S danlle a razón aos veciños ao considerar o impacto na actividade agro-gandeira como moi negativo e a afectación sobre o réxime de augas da zona como infra-valorada na documentación presentada por Minercer. Estes eran dous eixos principais das teses defendidas polo BNG co cal, na nosa opinión, a consecuencia dos mesmos a única decisión lóxica sería a de rexeitar o proxecto.

Neste contexto a presión veciñal organizada en torno á Plataforma Corno do Monte revelouse como fundamental á hora de configurar o resultado final, polo cal a mobilización convocada para mañá resulta plenamente vixente e dende o BNG estaremos xunto ás veciñas e veciños apoiándoa xa que, ao tratarse dunha decisión política do goberno do PP e malia as declaracións aos medios, nada estará pechado definitivamente mentres non apareza publicado no DOG.

A ameaza persiste mentres non se cambie a lei

Máis aló do caso concreto dos feldespatos imos seguir vixiantes diante da ofensiva mineira da Xunta do PP. Neste senso é preocupante a actual tramitación do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza (PSAEG) impulsado pola Cámara Mineira e que non deixa nin un só metro cadrado do país a salvo da ameaza dun posíbel aproveitamento mineiro.

Dende o BNG seguiremos a reclamar a declaración dunha figura de protección para a Limia que nos blinde definitivamente contra este tipo de explotacións xa que nada impide que Minercer volte ao ataque nun futuro próximo cunha lexislación máis favorábel, nin que novos proxectos, como o LUIS-4943 que denunciamos hai uns días, ou outros poidan botar a andar en calquera intre.

15/05/2013

Un novo proxecto mineiro de explotación dunha canteira de granito bota a andar en Xinzo

20130515-capa

O BNG insta á Xunta de Galiza e máis ao Concello de Xinzo a que aclaren se autorizaron esta investigación e extracción de catas realizadas hai uns meses con nocturnidade para non levantar receos nos veciños e veciñas dos pobos máis próximos.

Xinzo da Limia, 15 de maio de 2013. A aposta decidida da Xunta do PP por vender o país por parcelas podería abrir novas frontes na comarca da Limia, afectada pola coñecida mina de feldespato que tanto rexeite social está a xerar, xa que o BNG de Xinzo ven de ser alertado da realización de catas nas proximidades dos pobos de Faramontaos e Seoane de Oleiros, no sitio coñecido como ‘A Ribeira’.

Estas catas puideron ser constatadas sobre o terreo e correspóndense co permiso de investigación do dereito mineiro LUIS 4943 que caducou a finais do 2011. Nembargantes veciños da zona afirman que as catas se realizaron a principios deste ano e que os traballos se facían de noite, supostamente coa intención de pasar desapercibidos e non levantar receos nos veciños e veciñas dos pobos máis próximos.

O dereito mineiro OU/C/04943 LUIS abarca unha extensión de 12 cuadrículas mineiras, atópase ubicado no triángulo entre Faramontaos, Novás e Seoane de Oleiros e o recurso dispoñíbel na zona é o granito ornamental que sería explotado mediante unha canteira a ceo aberto.

Dende o BNG pedimos á Xunta de Galiza e máis ao Concello de Xinzo que aclaren se autorizaron esta investigación e extracción de catas sobre o terreo sen comunicación algunha á veciñanza nin interesados, así mesmo solicitamos a paralización inmediata deste novo expediente mineiro.

Ameaza global coa complicidade da Xunta do PP

Esta nova pon de manifesto que a ameaza dos proxectos mineiros é global diante da ofensiva da Xunta do PP (sintetizada no lema “Galiza é unha mina”) de apostar por este tipo de explotacións propias dos países cunha economía colonizada por potencias estranxeiras.

Apoio ás mobilizacións e protestas dos veciños e veciñas contra a mina de feldespato

Diante desta ameza global a resposta dos cidadáns debe ser unánime, por iso, o BNG apoia a tractorada convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte para o vindeiro sábado, 25 de maio, e anima a todos os veciños e veciñas de Xinzo a sumarse á protesta como único xeito de paralizar un proxecto que xa conta con todas as bendicións da Xunta do PP, como se constata nos informes emitidos polas diferentes consellarías.

04/05/2013

O BNG demanda unha actuación clara do PP en contra dos proxectos mineiros que afectan á provincia de Ourense

20130504-capa

O BNG vai levar esta cuestión, que está a preocupar a milleiros de cidadáns e cidadás aos distintos ámbitos institucionais. Dentro desas iniciativas, queremos anunciar que unha delegación de representantes das distintas plataformas acudirá a Bruxelas, convidados pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Xinzo da Limia, 4 de maio de 2013.Na reunión de traballo mantida polo BNG en Xinzo, con cargos institucionais da comarca da Limia, para abordar as últimas novas en relación coa situación dos distintos proxectos mineiros que afectan á nosa provincia, e singularmente co da mina de feldespatos da Limia queremos manifestar:

  1. O BNG amosa o seu apoio rotundo ás xustas reivindicacións e demandas dos veciños e veciñas dos concellos afectados, e en consecuencia ás plataformas que están a canalizar este gran descontento social.
  2. Fronte á política de confusión practicada polos responsábeis do Partido Popular na Xunta de Galiza demandamos clareza e concisión, e pedímoslle ao presidente Feijoo que publicamente diga se está pola defensa dos intereses dos veciños e veciñas e polo tanto das economías de comarcas cunha clara vocación agro-gandeira, ou está a favor dos intereses de empresas, foráneas nalgún caso, que non só non aportan ningún valor engadido, se non que son claramente incompatibles co desenvolvemento económico e sustentable, e coa economía produtiva.
  3. O BNG vai levar esta cuestión, que está a preocupar a milleiros de cidadáns e cidadás aos distintos ámbitos institucionais, Parlamento Europeo, Parlamento Galego, deputación e concellos para pedir que os grupos políticos se posicionen con clareza en contra dos distintos proxectos. Dentro desas iniciativas, queremos anunciar que unha delegación de representantes das distintas plataformas acudirá a Bruxelas, convidados pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, para facer patente e expresar o seu rexeitamento a uns proxectos claramente lesivos para as comarcas de Ourense, e en consecuencia para os seus veciños e veciñas.
28/02/2013

Pleno ordinario 28-2-2013

Hoxe, quinta-feira (xoves), 28 de febreiro, ás 11:00h celebrouse o pleno ordinario segundo a orde do día que se acompaña.

Como tema máis reseñábel, e único con contido real na orde do día, destacamos a aprobación da redución de salario do 15,11% do persoal laboral do Concello en cumprimento do Plan de Axuste aprobado polo PP en marzo do ano pasado e do acordo plenario de 5.9.2012. Neste punto denunciamos a incoherente e errática política de persoal do grupo de goberno así como o seu nulo rigor técnico ao asinar unha proposta de redución inviábel legalmente, co cal ao final reducirase a todos os traballadores ese 15%, incluíndo as cotizacións á Seguridade Social.

No tempo das moción de urxencia aprobouse por unanimidade unha proposta do BNG na que se insta á Xunta de Galiza a declarar a Limia como Zona de Actuación Agraria Prioritaria, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, o que dotará á nosa comarca dunha maior protección fronte a proxectos como o da mina de feldespatos.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
20/02/2013

O BNG presenta as súas alegacións ao proxecto mineiro dos feldespatos

20130220-capa

No día de hoxe vimos de rexistrar diante da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, as nosas alegacións ao proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración da concesión de explotación derivada de permiso de investigación Faramontaos, número 5089.1. Os eixos fundamentais sobre os que se xiran os nosos argumentos para opoñernos a esta explotación son de sobra coñecidos e resúmense nos seguintes puntos:

  • Incompatibilidade manifesta coa actividade agro-gandeira que se verifica actualmente na zona e co desenvolvemento do proxecto de regadío comprometido pola Xunta de Galiza.
  • O proxecto producirá un incuestionábel impacto na actividade agrícola tradicional, socavando o medio de subsistencia de numerosas familias xa que a afectación non se circunscribe só ás 396 hectáreas de terreo obxecto directo da explotación, se non que as parcelas circundantes serán tamén afectadas na súa capacidade produtiva.
  • Os beneficios directos/indirectos para as poboacións máis cercanas e directamente afectadas son nulos en termos de creación de postos de traballo ou desenvolvemento de industria ou servizos auxiliares.
  • A rendibilidade económica da empresa tamén é moi cuestionábel xa que se confía nunha hipotética futura recuperación do sector da construción cada vez máis lonxana e improbábel co cal podemos asistir á volta duns anos a un novo “morto” medioambiental de proporcións similares ás do que xa sufrimos no concello de Sarreaus nunha explotación de características idénticas á plantexada.
  • As afectacións aos acuíferos circundantes e ao réxime de augas na zona, así como os impactos producidos polo po en suspensión, ruídos, circulación de maquinaria pesada polas pistas de concentración, transporte do material extractivo ata a planta de tratamento, almacenamento e depósito, etc. están claramente infra-valorados no documento ambiental.
  • No Plan de Restauración prevese que unha vez rematada a fase de explotación as parcelas afectadas quedarán a xeito de lagoas e só se contempla unha actuación nas beiras para suavizar os taludes. Esta solución impedirá o uso futuro dos terreos para a actividade agrícola e provocará un troco radical na morfoloxía da zona.

Agardamos que as alegacións presentadas polos veciños e veciñas afectados, agricultores, etc. sexan tidos en conta e se deneguen os permisos necesarios para que a explotación sexa realidade.

 Filed under: En destaque
23/01/2013

O BNG alerta que a concesión mineira Faramontaos 5089 ‘vai para adiante’ ao entrar en fase de exposición pública o proxecto de explotación

Xinzo da Limia, 23 de xaneiro de 2013. O pasado xoves, 17 de xaneiro, apareceu publicado no DOG nº12 o anuncio de información pública do Proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración da concesión de explotación derivada do permiso de investigación Faramontaos, nº5089.1. Este anuncio deixa ben ás claras a intención da empresa de levar adiante a iniciativa malia oposición frontal dos veciños e veciñas dos pobos afectados, sintetizada mediante a recollida de varios centos de alegacións e plasmada nun acordo plenario unánime de rexeitamento aprobado o 19 de xullo de 2012.

Trátase dunha explotación mineira de feldespatos a ceo aberto mediante un sistema de dragado ata un máximo de 15m de profundidade e que prevé un investimento de 1,2M de euros para criar dez postos de traballo. A concesión estenderíase ao longo de 30 anos afectando en diferentes fases a un total de 400ha de terreo cultivábel nas inmediacións dos núcleos de San Pedro, Fiestras e Moreiras. Cómpre salientar que ao remate do aproveitamento estas parcelas serán irrecuperábeis para o seu uso agrícola xa que o proxecto de restauración contempla que queden en forma de lagoas. A planta de tratamento estará escasamente a 600m do pobo de San Pedro e funcionará as 24 horas do día en tres turnos de traballo atendida por dous operarios. As labouras de extracción da draga realizaranse a un único turno.

Para o Grupo Municipal do BNG estamos diante dunha cuestión de extrema gravidade ao afectar directamente a un piar básico da comarca como é o agro, dada a agresividade do proxecto, e que non se xustifica de ningún xeito no impacto na economía local, que será ridículo cando non absolutamente negativo. Por este motivo o BNG porá en marcha, a través da súa deputada no Parlamento de Galiza, Tareixa Paz, novas iniciativas encamiñadas a que as consellarías implicadas deneguen os permisos para esta explotación. Asemade instaremos ao Concello e aos veciños e veciñas afectados a persoarse no procedemento aberto de alegacións manifestando novamente a súa frontal oposición.

08/03/2012

Pleno ordinario 8-3-2012

Hoxe, quinta-feira (xoves), 8 de marzo (Día da Muller Traballadora), ás 11:00h celébrase o pleno ordinario segundo a orde do día que se acompaña.

Destacamos a aprobación, a iniciativa do BNG, dunha moción instando á execución do regadío así como a adopción de diferentes medidas encamiñadas á mellora e potenciación do sector da pataca.

18/01/2012

O BNG reclama medidas estruturais para darlle estabilidade ao sector agro-gandeiro da Limia

A produción de pataca na Limia é unha actividade estratéxica e fundamental, non só para esta comarca, senón tamén para o conxunto da provincia de Ourense. Neste momento está a sufrir unha situación de crise, por iso, desde o Grupo Municipal do BNG, cremos que é imprescindíbel que exista un apoio e aposta das administracións públicas e poderes políticos para paliar a súa situación estrutural, e non só as situacións de crise que ciclicamente se veñen producindo, sendo preciso, ao noso entender, mudar o sentido da política que o actual goberno da Xunta está a acometer.

O da pataca é un sector que sempre se caracterizou pola inestabilidade dos prezos que perciben os labregos e labregas, anos nos que os prezos se equilibran cos gastos e a remuneración do traballo, altérnanse con campañas, como a actual, nas que os ingresos das explotacións non chegan nin para cubrir os custos de produción. Por outra banda, a falla dunha regulación das marxes comerciais crea unha concentración do valor económico da pataca na distribución fronte á produción e elaboración. Neste senso, defendemos que a Administración debería acometer e apostar por medidas de apoio aos labregos e labregas para a comercialización directa e mesmo apoiar á industria de transformación propia, ao igual que fixo o BNG no Goberno Galego en setembro de 2008, cando asinou o contrato homologado no marco da Mesa da Pataca, contrato que tiña como finalidade regular os prezos e que podía axudar ao sector de ter tido continuidade en 2009, medida que acompasou con outras como o Plan de melloras e axudas a novas incorporacións á actividade agraria, que propiciou a incorporación de moitos mozos e mozas ao sector agro-gandeiro contribuíndo a posibilitar a substitución xeracional e atenuar o despoboamento das áreas rurais.

Na actualidade existen contratos privados entre os almacenistas e os produtores e produtoras os cales non ofrecen garantías de ningún tipo para estes últimos, xa que dependen de como vaia a campaña. A industria aplica descontos ou fai calibrados das patacas en función dos seus intereses. No sector da pataca é evidente a dinámica de baixada de prezos, así como as tentativas das grandes empresas do sector para controlar totalmente o mercado, marcando prezos por debaixo dos custes de produción.

Atopámonos diante dun sector que carece de Organización Común de Mercado (OCM), polo que non existe ningún tipo de regulamento nin tampouco axudas de apoio ao mesmo. Faise pois indispensábel adoptar medidas correctoras, tanto do sector como dos mercados, para garantir unhas rendas dignas aos labregos e labregas, e para frear a especulación e as oscilacións de prezos ás que se ve sometido.

Páxinas: 1 2 3 4 5 6 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,200 segundos | Powered by WordPress