#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

16/03/2010

O BNG denuncia a irresponsabilidade do PP nas labouras de desratización da vila

20100316-capa

O goberno trapalleiro do PP presidido, de momento, por Isaac Vila segue a dar paus de cego na súa xestión e, logo de estragar un dos mellores espazos verdes do pobo (outro máis), agora sorpréndenos pola súa deixadez e irresponsabilidade á hora de supervisar os medios empregados para controlar a proliferación de roedores no núcleo da vila.

O método consistente na dispersión de cebos envelenados colocados no extremo du arame, estratéxicamente ubicados nos sumidoiros, amosa unha inconcebíbel falla de senso común que pon en perigo a calqueira neno que sin sospeitar o que é, tire do gancho porque lle chame a atención iso que se ve aí. É unha mostra máis do goberno chapuceiro que temos neste concello que, en vez de contratar a unha empresa especializada, manda a uns operarios municipais que non saben disto a colocar o cebo sin máis, denunciou Amador.

Definitivamente o PP suspende en conciencia e xestión ambiental e o concelleiro responsábel deste departamento, Antonio Pérez Rodríguez, conságrase diante da veciñanza como un dos máis nocivos, inútiles e incompetentes que tivemos que padecer nos gobermos “populares” de todos os tempos.

Referencias:

 Filed under: En destaque
25/11/2009

O BNG de Xinzo lamenta profundamente a tala masiva e indiscriminada das árbores da Avd. de Portugal

20091125-capa

As obras de execución do ansiado proxecto de ampliación, urbanización e mellora da Avenida de Portugal de Xinzo, proxecto a cargo da Consellaría do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza, e dilatado máis de 15 anos, non comezan de xeito ordenado, racional e satisfactorio para o interese colectivo.

O Grupo Local do BNG lamenta profundamente que a hora de iniciar unhas obras tan necesarias e agardas o Concello optase por permitir finalmente a tala masiva e indiscriminada de todas as especies arbóreas que delimitan ambas marxes dos 1,5 quilómetros de travesía a arranxar. Esta decisión de talar todas os árbores contradice e incumpre o proxecto de execución aprobado xa fai un ano en pleno, por unanimidade de todos os grupos da Corporación, ao tempo que choca frontalmente coa vontade inicial da proposta de máximo respecto polas especies de gran porte e senlleiras e da aplicación de talas só no caso de inevitábel imperativo técnico ou pola proximidade excesiva aos inmóbeis da veciñanza.

O BNG puido comprobar estes días que as talas efectuadas non só non se axustan á memoria do proxecto, no referente a executarse con todas as garantías ambientais e como medida sumaria e imprescindíbel por imperativo técnico, senón que ademais vulnera a protección mesma que fixa o PXOM (prohibe talar especies de máis de 25 anos) ao efectuarse de xeito indiscriminado, masivo e continuo.

Ante esta lamentábel situación o Grupo Local do BNG solicitará unha aclaración da Presidencia e da Concellaría de Medioambiente e Urbanismo do Concello de Xinzo acerca das causas que están a motivar unhas talas desta envergadura.

Referencias:

24/11/2009

A Xunta do PP declara a ZEPA na Limia unilateralmente, por imposición e sen negociación

20091124-capa

O PP aprobou hoxe o Decreto polo que se declara a ZEPA na Limia. O mentiroso de Feijóo, que prometera en campaña que non habería zepa, logo de reunirse consigo mesmo e cos alcaldes do PP na Limia e consensuar entre todos o mellor xeito de facerlle tragar a pílula de tamaño muiñeiril aos veciños e veciñas da comarca, ven de impoñer unilateralmente, sen consenso, sen información, sen transparencia, sen diálogo e sen negociación unha ZEPA para A Limia. A mesma ZEPA que con vehemencia combatiu o noso alcalde, Isaac Vila, que hai un ano profetizaba a “ruina para o comercio, a agricultura e todo”, a mesma ZEPA que rexeitaba o desaparecido líder de XX.AA e cabecilla da plataforma “ZEPA NON”, Francisco Bello, a mesma ZEPA á que presentaron máis de 6000 alegacións baixo a batuta do cacique provincial do PP, José Manuel Baltar, logo rexeitadas polo cacique nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, a mesma ZEPA só que con 5000 hectáreas máis que no proxecto orixinal do “bipartito”.

No BNG seguiremos a denunciar as mentiras do PP, empezando por Feijóo e rematando por Isaac Vila, e traballaremos para que esta declaración non a sufra o tecido económico e productivo da nosa comarca.

Referencias:

 Filed under: En destaque
19/11/2009

O BNG négase a volver a participar nunha votación co PP sobre acordos para a Limia ante a vulneración histórica que o goberno fixo do acordo unánime sobre a ZEPA

A deputada do G.P. do BNG, Tereixa Paz, anunciou hoxe no Parlamento que non vai volver participar en ningunha votación co PP sobre acordos para a Limia dado o valor que o grupo popular dá aos ditos acordos “e por se tratar dun grupo que permite que o Goberno devalúe o traballo de impulso da Cámara como nunca acontecera na historia do Parlamento”.

Paz Franco pronunciouse deste xeito durante o debate en comisión dunha iniciativa socialista sobre a ZEPA, que foi emendada polos populares, por considerar a actitude destes últimos de puro “cinismo”, xa que hai menos dun mes aprobouse por unanimidade nesa mesma comisión unha proposición non de lei do BNG que o goberno se pasou “polo arco do triunfo” coa aprobación no Consello da Xunta do decreto da ZEPA sen ter en conta o aprobado na Cámara.

Para a deputada nacionalista, “hai que ter a cara moi de cemento” para vir a defender agora no Parlamento unha emenda que contradí totalmente o aprobado hai catro semanas e logo da campaña que os populares fixeron na anterior lexislatura e en pleno proceso electoral, repartindo uns folletos co lema ZEPA NON, nos que alarmaban con perdas de 300 millóns de euros e 22.000 galegos que se ían ver afectados.

Segundo a parlamentar, boa proba do “papelón” que están protagonizando os populares con este asunto é que ningún dos deputados ourensanos do PP apareceu pola comisión, de tal xeito que foi Daniel Varela o responsábel de defender a emenda, demostrando, segundo Paz, que non leu o decreto que aprobou o executivo.

A deputada lembrou que o propio Feijóo, no mitin en Xinzo, comprometérase a que se el gobernaba non ía haber decreto da ZEPA e non só o houbo, senón que ademais se fixo sen a interlocución previa co sector, tal e como reclamaba a iniciativa parlamentar aprobada, nin protexendo a actividade agrogandeira, concluiu.

Referencias:

15/11/2009

A declaración da ZEPA na Limia colle ao BNG impartindo unhas charlas informativas sobre a mesma

20091114-capa

O pasado xoves 12 de novembro o BNG de Xinzo comezou unha serie de reunións informativas por distintos núcleos do rural. A deputada Tereixa Paz, xunto co senador Xosé Manuel Pérez e mailo concelleiro Amador Díaz foron degrañando a situación da ZEPA e dos Plans de Regadío, así como as iniciativas que se estaban a dar, tanto por parte da Xunta como pola banda deste grupo parlamentar, no canto de consolidar a base legal necesaria para garantir que unha hipotética declaración de ZEPA na Limia non interferise nin no desenrolo da peculiar, mecanizada e intensa actividade agraria desta comarca, nin na futura posta en marcha de infraestruturas agrarias estratéxicas como os Plans de Regadíos.

Neste senso, cabe engadir, que todos concluíron que se houbera que facer un “test de fiabilidade” ao PP ao respeito da ZEPA o resultado sería un suspenso en toda regra, por tres cuestións fundamentais:

  1. Por incumprimento do acordo parlamentar unánime do 23 de outubro.
  2. Por aprobar un Decreto de costas á cidadanía da Limia e de costas tamén aos intereses produtivos desta comarca estratéxica.
  3. Por traizoar mesmo as promesas feitas durante a pasada campaña electoral onde no mitin central do PP de Xinzo o mesmo Feijoó proclamou que se era presidente, ZEPA NON.

Queda de manifesto, por tanto, a “total incoherencia” do Partido Popular sobre este asunto, pois hai dous anos estaba totalmente en contra do decreto, “azuzaban” aos afectados para que se opuxeran ao mesmo e incluso repartían folletos co lema “ZEPA NON” e agora aproban a norma tal cal a de 2007 en Consello da Xunta, o que vai supor, “segundo constaba no folleto”, que 22.000 galegos se vexan afectados e unhas perdas de 300 millóns de euros, por “irresponsabilidade e total incoherencia”.

O BNG reitera o seu compromiso de seguir a traballar para evitar que esta declaración hipoteque o futuro produtivo do sector agrario na Limia e ofrece todo o seu apoio á cidadanía animándoa a defender os intereses da súa comarca.

Referencias:

 Filed under: Sala de imprensa
12/11/2009

O BNG edita un trítico sobre a ZEPA e realizará charlas informativas no rural

Para informar ás veciñas e veciños das últimas novidades sobre o longo proceso de declaración da ZEPA na Limia e descobrir as mentiras, incoherencias, terxiversacións e manipulacións do Partido Popular, editamos este trítico que será distribuido nas charlas que celebraremos en diversos núcleos do rural do noso concello. Nel recóllese, resumido, o posicionamento do BNG sobre a declaración da ZEPA así como unha cronoloxía que permite comprobar o descarado cambio de discurso do PP  en todo o referente a este tema dende que comezou hai dous anos, virando do “ZEPA NON” de cando estaba na oposición ao “ZEPA SI” agora que (des)goberna a Xunta.

O BNG pedirá o amparo da Cámara ante a vulneración que fixo o goberno de Feijóo do acordo unánime do Parlamento sobre o decreto da ZEPA

20091112-capa-zepa-non

O portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, e a voceira de Medio Rural, Tereixa Paz, anunciaron hoxe que se dirixirán á Mesa da Cámara para pedir amparo pola vulneración que este goberno fai dos acordos acadados no Parlamento, nomeadamente o que se adoptou por unanimidade o 23 do pasado mes de outubro ao respeito do decreto da Zepa. Tereixa Paz asegurou que se trata dun ataque “sen parangón” ao traballo parlamentar e pon de manifesto que o grao de fiabilidade do PP xa non só cae en picado senón que a partir de agora “xa non podemos nin acreditar nas iniciativas que apoian nesta Cámara”. Neste sentido, engadiu que se houbera que facer un “test de fiabilidade” ao PP o resultado sería un suspenso en toda regla, por tres cuestións fundamentais: incumprimento do acordo, aprobar un decreto de costas ao Parlamento e á cidadanía da Limia e de costas tamén aos intereses produtivos.

Para Paz, queda de manifesto, por tanto, a “total incoherencia” do Partido popular sobre este asunto, pois hai dous anos estaba totalmente en contra do decreto, “azuzaban” aos afectados para que se opuxeran ao mesmo e incluso repartían folletos co lema “ZEPA NON” e agora aproban a norma tal cal en Consello da Xunta, o que vai supor, “segundo constaba no folleto”, que 22.000 galegos se vexan afectados e unhas perdas de 300 Millóns de euros. “Irresponsabilidade e total incoherencia”, reiterou a deputada. A parlamentar nacionalista lembrou que o acordo acadado no Parlamento non era de difícil cumprimento senón moi concreto e taxativo, pois establecía que antes de adoptar calquera decisión, o goberno da Xunta reanudaría o diálogo cos afectados e a creazón da Zepa cumpriría unha serie de condicións para compatibilizar o respeto ao hábitat das aves co mantemento das actividades agrarias, tal e como sempre demandou o BNG e polo que seguirán traballando.

Pola súa parte, Carlos Aymerich sumou esta “nova falta de respecto” de Núñez Feijóo e o PP ao Parlamento ás “mentiras” nos debates plenarios que caracterizan a este goberno, ás tramitacións de proxectos de lei polo trámite de urxencia, cando a única presa que as xustifica, na súa opinión, son as “urxencias do PP e dos seus amigos” -como o caso do eólico e a lei de pesca-, ou aos vetos ao debate de determinadas Iniciativas Lexislativas Populares. Aymerich preguntouse, ante este cúmulo de exemplos, onde está a rexeneración democrática prometida por Núñez Feijóo, “non sei se queda para outra vida, en calquera caso si para outra lexislatura”, concluiu.

Referencias:

11/09/2009

O BNG de Xinzo esíxelle ao PP que non impoña a ZEPA sen negociar e sen consultar antes aos limiaos

Para o BNG a pretensión do Partido Popular de declarar unha ZEPA na Limia pode traer máis prexuízos ca beneficios se non se fai pola vía do diálogo sosegado, contando coa aceptación e colaboración activa dos sectores directamente afectados e coa conivencia de toda a poboación en xeral. Non debemos esquecer que a finalidade última da “Directiva Aves” da Unión Europea é protexer aos paxaros, non declarar hectáreas sen máis, por iso alertabamos na moción presentada a semana pasada da importancia de coñecer a distribución xeográfica e o Plan de Xestión da ZEPA para podermos facer unha valoración da mesma e como paso previo á convocatoria dunha mesa de negociación na que tiveran representación todos os colectivos da comarca implicados.

Por outra banda, se a Xunta de Galiza do PP mantivese un mínimo de coherencia e de continuidade na doutrina que irresponsabelmente abrazou durante o comezo desta lexislatura, a novidosa ferramenta político-administrativa experimentada pola Consellaría de Educación na súa “Consulta sobre o Galego no Ensino” (que nós rexeitamos por chapuceira, oportunista, falaz e tramposa) poderiamos agardar que fose aplicada a outras áreas de goberno e outras materias. Por isto, no BNG de Xinzo consideramos que non debería estrañar e ata sería lóxico reclamarlle á Consellaría do Medio Rural que artellase un procedemento similar, en forma de consulta a todos os cidadáns dos concellos afectados, para coñecer a súa opinión ao respeito da ZEPA, realizada nesta ocasión cos requisitos mínimos de transparencia e control que garantan uns resultados fiabeis.

Non dubidamos da boa acollida da nosa suxestión por parte do Sr. Feijóo ao brindarlle unha oportunidade de perfeccionar o mecanismo da “consulta”, solventando certas carencias formais e conceptuais que se teñen revelado na primeira experiencia práctica, e ao permitirlle afianzar o seu recén adquirido compromiso coa liberdade dos cidadáns como líder dun goberno que fuxe, coma do lume, das imposicións.

Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,247 segundos | Powered by WordPress