#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

04/09/2009

O BNG de Xinzo reclama que a Xunta faga públicos xa os termos da súa proposta de ZEPA ‘A Limia’ e convoque unha mesa de negociación cos sectores implicados

20090904-capa

As declaracións realizadas a pasada cuarta-feira (mércores) polo director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza, Ricardo García-Borregón, no senso de que a declaración da ZEPA “non afectará aos usos agrarios tradicionais” carecen da máis elemental credibilidade ao seren efectuadas polo representante dun goberno do mesmo Partido Popular que hai escasamente dous anos arremetía contra unha proposta similar feita polo daquela goberno bipartito e defendida nos mesmos termos.

A masiva resposta social interesadamente promovida e liderada entón polo PP dun xeito irresponsábel non admitía matices nin explicacións: esixían a retirada incondicional da declaración de ZEPA polos “perxuicios que ocasionaría na economía da comarca”. Neste, como noutros moitos temas, ao Presidente Núñez Feijóo faltoulle tempo para mudar de opinión e pasar a defender exactamente o contrario do que plantexaba cando estaba na oposición.

No BNG, pola contra, podemos presumir de coherencia e de defendermos os mesmos argumentos hai dous anos e na actualidade. A nosa preocupación fundamental son os labregos e labregas da Limia e a continuidade e viabilidade das súas explotacións. Con este obxectivo non nos opoñemos a ningunha figura de protección medio-ambiental sempre que se garanta a anterior premisa.

En vez de reunirse cos comisarios políticos do seu partido para iluminalos sobre as bondades recén descubertas da ZEPA, o Sr. García-Borregón debería convocar aos sectores afectados pola declaración e explicarlles a proposta de ZEPA ‘A Limia’ que foi remitida a Bruxelas, ao tempo que negocia con eles as condicións en que vai ser aprobada. Nomeadamente, para podermos falar e traballar sobre bases concretas, no BNG esiximos coñecer xa a zonificación e o Plan de Xestión que vai regulala.

Por isto, como xa anunciamos na segunda-feira (luns), o Grupo Municipal do BNG de Xinzo ven de presentar unha moción para debater en Pleno esixíndolle á Consellaría do Medio Rural que faga públicos os termos da súa proposta de ZEPA e que se convoque unha mesa de negociación con todos os implicados para chegar a unha solución dialogada. Non dubidamos que será aceptada e apoiada sen reservas polo noso Alcalde, Isaac Vila, que hai un ano encabezaba todas as protestas e non descartaba, chegado o caso, a posibilidade de subirse a un tractor e presentarse en Santiago.

Referencias:

31/08/2009

Posicionamento do BNG de Xinzo diante da nova proposta de declaración da ZEPA ‘A Limia’ polo goberno do PP

20090831-capa

Os anuncios do noso Alcalde, Isaac Vila, e da Xunta de Feijóo ao respeito da nova proposta de ZEPA que presentaron diante da UE provocaron a preocupación dos labregos da comarca alarmados pola posibilidade de que o seu medio de vida se vexa condicionado. Por isto, o BNG de Xinzo manifesta:

  • Como ven sendo habitual, o Partido Popular mantén un discurso na oposición e outro diametralmente oposto cando chega a responsabilidades de goberno e este caso non ía ser unha excepción. Aínda lembramos na Limia a postura radical de oposición á ZEPA liderada polo PP. Esta hipocrisía confirma as nosas teses de entón cando afirmabamos que os “populares” se mobilizaban por un cálculo puramente partidista e que, o que menos lle importaban eran os intereses dos agricultores. O tempo ven a darnos a razón, agora é o propio PP o que, despois dunha maquillaxe, vai declarar a ZEPA axiña, correndo e sen contar para nada cos afectados.
  • O BNG, pola contra, pode presumir de coherencia e de defendermos os mesmos plantexamentos dende o goberno e dende a oposición. É un feito empírico que mentres nós formabamos parte do Goberno da Xunta non se declarou ningunha ZEPA na Limia. Pola contra, dende a Consellaría do Medio Rural botamos a andar actuacións concretas apostando polo futuro do sector agrogandeiro: modernización das explotacións, axudas para a incorporación de xoves agricultores, impulso dos plans de Regadío, o Banco de Terras, o Plan Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural, a declaración de Zona de Especial Interese Agrario, etc.
  • Reclamamos que a posíbel declaración da ZEPA sexa consensuada previamente mediante o diálogo con todos os actores afectados. A nosa preocupación fundamental son os labregos e labregas da Limia e a continuidade e viabilidade das súas explotacións, e estamos en contra de mudar unha economía produtiva por outra subvencionada. Con este obxectivo non nos opoñemos a ningunha figura de protección medio-ambiental sempre que se garanta a anterior premisa, por iso esiximos coñecer o Plan de Xestión da ZEPA antes de que sexa aprobada.
  • Estamos convencidos de que a actividade agrícola e a conservación do entorno son compatíbeis, por iso rexeitamos que poidan ser enfrontadas e apostamos por un desenvolvemento sostible e respectuoso co medio natural. Defender a agricultura e aos agricultores é defender tamén ás aves e a convivencia de ambos é posíbel, como de feito se demostra xa na actualidade.

Referencias:

 Filed under: En destaque
22/05/2009

O Concello de Xinzo “celebra” o Día Mundial da Biodiversidade coa tala indiscriminada dunha árbore senlleira

20090522-capa

O Grupo Local do BNG de Xinzo denuncia que no Día Mundial da Biodiversidade (22 de maio) o Grupo de Goberno do PP no Concello de Xinzo permitiu a tala indiscriminada dunha especie senlleira e moi singular. A árbore estaba situada por fóra do arcén da estrada Xinzo-Bande, á altura do cruce que delimita a área das Piscinas Municipais, e non ocasionaba ningún tipo de problema, nin circulatorio nin peonil, polo que resultan incomprensíbeis as causas e motivacións que derivaron no seu exterminio. Trátase, sen dúbida, da tala irracional dun exemplar de álamo común (Populus Deltoides) de dimensións considerábeis cunha torada de diámetro de 100cm e altura de 15m, especie presente en todo o entorno do Río Limia.

Para o Grupo Local do BNG este tipo de feito non ten cualificativo e demostra a ilegalidade na que levan instaladas 30 anos as políticas medioambientais do PP municipal, xa que por dúas bandas:

  1. Incumpre obsesivamente a normativa específica do PXOM relativa a protección de toda especie arbórea de máis de 25 anos (este álamo pasaba dos 50).
  2. Actúa co mesmo “modus operandi” de sempre, con moitísima rapidez e sen capacidade de reacción para frear a desfeita. A tala prodúxose onte e hoxe, ás 8:30 da mañá, xa estaba todo limpo.

Por todo ilo, na vindeira semana o BNG presentará un escrito no Concello solicitando información sobre a tramitación do permiso municipal á empresa ou institución que levou a cabo a desfeita e reclamando responsabilidades directas e explicación do alcalde. Ao mesmo tempo, denunciamos a política de desfeita medioambiental reiterada do goberno do PP (lembrar os arrincados de tullas no mesmo entorno en 2007) e facemos un chamamento ao resto dos grupos da oposición e á cidadanía en xeral para que non queden de brazos cruzados e non toleren este tipo de actuacións totalmente anormais e fóra do sentido común.

Relacionadas:

Referencias:

01/05/2009

O Alcalde esgota a derradeira oportunidade para corrixir a desfeita do canon de saneamento

20090501-cartaz

As declaracións feitas a bombo e platillo durante a pasada campaña electoral polo noso Alcalde, Isaac Vila, anunciando que baixaría o canon de Saneamento e Depuración “se o PP gañaba as eleccións, xa que así a Xunta financiaría as obras que motivaron esa nova taxa” publicamente reiteradas despois da cita coas urnas, vanse quedar, como tantas outras promesas do noso rexedor ao longo da súa dilatada vida política, en palabras que leva o vento.

No pleno deste xoves, 30 de abril, foi rexeitada pola maioría do PP a alegación que presentara o Bloque Nacionalista Galego á ordenanza que estableceu estas tarifas en decembro pasado, co cal se esvaecerá a derradeira oportunidade para corrixir esta desfeita e as veciñas e veciños de Xinzo comezarán a sentir os efectos da suba nos seus vindeiros recibos nun 27% para os cidadáns da vila e en máis dun 120% para os do rural. En conxunto a concesionaria, Aquagest, ten garantidos uns ingresos mínimos anuais de máis de 900 mil euros durante os 30 anos que durará o contrato.

O Partido Popular co alcalde, Isaac Vila, á fronte, demostrando un total desapego polos intereses municipais e facendo oídos xordos ás máis de dúas mil sinaturas recollidas polo noso grupo, van facer que a xestión do servizo de mantemento das depuradoras e da rede de sumidoiros, xunto coa rede de abastecemento, estean en mans dunha única empresa privada, hipotecando a xestión de todas as vindeiras corporacións e asegurando á concesionaria un volume de facturación garantido de máis de 34 millóns de euros de hoxe, que terán que saír dos petos de todos os veciños e veciñas de Xinzo. Todo isto mediante unha ampliación de contrato de dubidosa legalidade, sen un estudo rigoroso e sen abrir a posibilidade de que outras empresas fixeran ofertas máis competitivas.

Esgotada a opción da alegación no BNG non descartamos de momento ningunha outra medida e seguiremos a traballar para que o alcalde cumpra a súa promesa de rebaixar as tarifas, rebaixa que como xa anunciamos no seu momento tampouco vai poder ser moi significativa (máximo 1,21€/mes) xa que a consolidación da adxudicación a Aquagest nas condicións actuais limita gravemente as posibilidades de intervención do Concello.

Relacionadas:

Referencias:

03/04/2009

O BNG advirte do risco que existe debido a un derrube parcial na marxe dereita do Limia e insta ao Alcalde a que extreme a cautela nas actuacións que afecten ao río

20090403-cartaz

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Xinzo alerta do alto risco que existe para a cidadanía debido ao derrube parcial da mouta que compón a marxe dereita do Limia na proximidade da presa, na pista asfaltada a continuación da Avenida do Río Limia, augas abaixo da Ponte do Mato e a escasos 150 metros do Parque do Toural. A esta altura preséntase unha fenda nun tramo de máis de cinco metros con perda de material de contención, quedando mesmo ao ar a estrutura de formigón dun colector do servizo de augas. O socalco na ribeira é moi preocupante dado que está a xerar un corte vertical de considerábeis proporcións, con aparencia desleixada, e a tan só centímetros do firme asfáltico dunha pista con moito tráfico rodado e de viandantes.

É por ilo que o BNG ven de rexistrar un escrito no Concello poñendo o feito en coñecemento do Grupo de Goberno e instando de urxencia a súa sinalización e valado para crear canto antes un perímetro de seguridade que evite posíbeis accidentes, ao tempo que reclamamos se proceda á realización dos traballos necesarios para o arranxo e volta á normalidade da zona. É preocupante que ata o de agora non se tomara ningunha medida, aló menos preventiva ou de sinalización, síntoma evidente da desidia e falla de interese non só no que atinxe á protección e conservación do río sometido xa a forte degradación, senón o que é máis grave, no referido á seguridade cidadá.

Por outra banda, o BNG celebra que Isaac Vila, despois de 30 anos ocupando a alcaldía, teña en consideración a urxencia de levar a cabo a súa primeira actuación nas ribeiras do tramo urbano do Río Limia, prevista con cargo ao Fondo Estatal de Investimento. Aínda que dada a transcendencia natural e cultural do Limia, e sobre todo dada a súa grave e continuada degradación, a construción dun Paseo Fluvial de formigón, zahorra e farolas diste moito de ser a medida técnica seria e ambiciosa que garanta tanto a debida protección medioambiental como unha axeitada recuperación e posta en valor do noso río.

Por isto o BNG esixe do Grupo de Goberno do PP no concello de Xinzo que extreme a cautela nas actuacións que afecten ao Río Limia, instando tamén a velar pola súa protección e posta en valor evitando que intervencións pouco acaidas se convertan nunha nova fonte de progresivo deterioro.

Referencias:

07/08/2008

O BNG reclama solucións para os restos da poda estacional das árbores da Estrada de Celanova

Fotos no flickr

Diante das reiteradas peticións e manifestacións de malestar chegadas ao Grupo Local do BNG de veciños e usuarios relativas ao estado de abandono e acumulación da maleza resultante da poda estacional das árbores que delimitan a Estrada de Celanova, vimos de rexistrar un escrito no Concello denunciando o problema e reclamando que se tomen medidas ao respecto dado o perigo de accidente que supoñen, tanto para os viandantes como para o tráfico rodado, e o grave risco de incendio que conleva este abandono masivo e reiterado de maleza seca a carón dunha vía co tráfico da Estrada de Celanova.

Relacionadas:

Referencias:

30/08/2007

ZEPA, mentiras e aproveitamentos políticos

20070830-zepa.jpg

En vista da desinformación existente e tras constatar o aproveitamento interesado que o PP está a facer da proposta de declaración por parte da Consellería de Medio Ambiente de 10,383Ha na comarca da Limia como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), dende o BNG de Xinzo de Limia queremos aclarar os seguintes puntos:

  1. O antecedente inmediato desta declaración podémolo situar no ano 98 cando se realiza un estudo (IBA 008 - A Limia) por parte dunha entidade privada (SEO/BirdLife) que non é supervisado nin contrastado pola Administración Autonómica do Partido Popular. Este é o estudo que agora serve de base para a definición da ZEPA – A Limia.
  2. O BNG ten unha historia demostrable e ben coñecida de moitos anos na defensa dos agricultores e gandeiros, particularmente na comarca da Limia, e así vai seguir sendo no futuro, polo cal non imos admitir leccións neste eido dun recén chegado a esta defensa como é o PP, que cando tivo ocasión de levar á práctica o seu compromiso co sector e apostar polo seu futuro non o fixo e agora se move por un interese puramente partidista.
  3. Como consecuencia do dito no punto anterior podemos afirmar que o BNG se constitúe como o garante do futuro da nosa comarca e dos seus principais sectores produtivos e así o ven demostrando dende o goberno da Xunta a través da Consellería do Medio Rural con actuacións concretas xa en marcha: aposta pola modernización das explotacións, axudas para a incorporación de xoves agricultores, impulso dos plans de Regadío,… e con proxectos de futuro como o Banco de Terras que está a piques de ser presentado.
  4. Dende o BNG de Xinzo consideramos que o proxecto de declaración da ZEPA, tal e como está plantexado na actualidade, debe ser retirado e redeseñado dende o principio contando coa colaboración e consenso de tódolos sectores implicados e xustificando todas e cada unha das actuacións e decisións con criterios técnicos obxectivos avalados mediante informes científicos independentes e contrastables.
  5. Defendemos que ecoloxía e agricultura non deben estar enfrontadas e apostamos por un desenvolvemento sostible e respectuoso co Medio Natural. Neste senso o propio proxecto de decreto recoñece textualmente: “A comarca da Limia, que outrora se configuraba como un humidal sobresaliente cunha gran diversidade de aves acuáticas, na actualidade –e incluso no momento de elaborar o Inventario IBA 98- presenta un alto carácter agrícola, o que se traduce na presenza dunha comunidade de aves vinculada aos terreos e actividades agrícolas”, do cal se deduce que defender a agricultura e aos agricultores é defender tamén ás aves e pensamos que a convivencia de ambos é posible como, de feito, se demostra xa na actualidade.
27/06/2007

O BNG reclama a limpeza do Río Raposo tras a poda das árbores da súa beira realizada por operarios do Concello

foto-raposo

No día de hoxe apresentamos un escrito diante do Concello, Consellería de Medio Ambiente e Confederación Hidrográfica reclamando a limpeza do Río Raposo, á altura de Lamas, das ponlas que empregados do propio Concello deixaron “esquecidas” despois da poda efectuada ás árbores das súas beiras.

Como se pode ver na foto éstas obstrúen case completamente a visión deste regato afluente do Limia.

Referencias:

 Filed under: Ao día,Grupo Municipal
Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,269 segundos | Powered by WordPress