#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

01/08/2012

O BNG denuncia que a excesiva demora no arranxo da Avenida de Portugal está a causar un prexuízo irreparábel na hostalaría e no comercio local

As obras de mellora da OU-304, Avenida de Portugal, que se veñen executando no último ano ao longo desta travesía urbana de 1,5 km, están a causar un serio prexuízo no volume de negocio dun sector xa moi castigado pola crise como é a hostalaría e o comercio local, con perdas engadidas agora de ata o 50% debido ós preceptivos rodeos de tráfico que estas obras obrigan a practicar.

Despois de máis dun ano de traballos cun investimento total de 3,5 millóns de euros, incluída a modificación do proxecto inicial tralo inexplicable esquecemento da ampliación das pontes sobre os ríos Limia e Faramontaos, a culminación definitiva tópase moi demorada e sen visos dunha pronta materialización o que asemade fai prever que se converterá nunha seria eiva loxística tamén para o sector da agricultura da Comarca da Limia co inminente comezo da campaña do cereal e da pataca, xa que a Avenida de Portugal é unha das principais vías de conexión entre as zonas de produción e os intermediarios almacenistas.

Por todo elo e dado que se trata dunha infraestrutura urbana moi demandada e agardada pola veciñanza nos últimos 15 anos que está a padecer unha demora excesiva e inxustificada, dado tamén que se están a investir 3,5 millóns de euros, e dado que finalmente será executada sen beirarrúas, sen o mobiliario urbano básico, sen cabreado eléctrico soterrado e creando asemade numerosos problemas cos niveis e cotas da rede de saneamento que obriga xa hoxe a unha ducia de vivendas unifamiliares a instalar pola súa conta e prexuízo sistemas de bombeo das augas fecais, o BNG solicitará non só a máxima dilixencia da alcaldía de Xinzo da Limia, senón que tamén no Parlamento de Galicia e a través da súa deputada Tareixa Paz porá en marcha as iniciativas parlamentares acaídas que determinen se a materialización final destas obras se corresponde fielmente co alí proxectado e certificado.

05/01/2012

O BNG urxe unha solución para as deficiencias nas instalacións do Conservatorio

O BNG lamenta comprobar como, unha vez máis, a deixadez e a desidia do PP impiden ofrecer un servizo de calidade, neste caso o Conservatorio de Música.

Xinzo da Limia, 5 de xaneiro de 2012. O goberno do PP no Concello de Xinzo incluíu dentro das afamadas obras do PLAN E o novo edificio do Conservatorio. Gastáronse 600.000€ en facer un edificio ubicado, ao noso entender, nun sitio totalmente inadecuado para o seu destino e que provocou múltiples queixas e enfrontamentos entre o Concello e os veciños afectados.

En todo caso o edificio foi rematado mais, na actualidade aínda carece ou son deficientes os seguintes servizos: non funciona o sistema de calefacción, o subministro eléctrico é precario, non ten fotocopiadora, non se dispón de acceso a Internet, etc. Todo isto provoca que os rapaces e rapazas queden sen luz en numerosas ocasións, teñan que ir a clases moi ben abrigados e con mantas, para facer fotocopias teñan que acudir á Biblioteca, non poidan acceder facilmente a ningún tipo de recurso ou información na rede, etc.

O BNG entende agora perfectamente por que no “Concerto do Nadal”, celebrado polas alumnas e alumnos do Conservatorio, tan só estivo presente o Concelleiro de Educación. Unha vez máis o Alcalde, Antonio Pérez, prefire non dar a cara perante os problemas que ten o Concello e delega a súa representación, reservándose el mesmo para mellores ocasións.

O BNG quere lembrarlle ao Sr. Pérez que, dende o punto de vista académico, temos un dos mellores Conservatorios non só da provincia senón de toda Galiza. Os e as músicos que saen do mesmo teñen demostrada a súa valía nas diferentes agrupacións existentes na comarca. Por iso, para rematar coas deficiencias detectadas, o Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha moción na que se lle pide ao actual goberno do PP que, de xeito inmediato, proceda a subsanar estas carencias, dotando ao edificio do Conservatorio de todos os recursos materiais necesarios para cumprir a súa misión nunhas condicións axeitadas.

30/12/2010

Amador Díaz denuncia que o PP malgastou os 300 mil euros recadados mediante “contribucións especiais” na Avd. de Ourense

20101230-capa

O candidato do BNG esixe a Antonio Pérez que dea a cara e explique que fixo a Alcaldía de Xinzo cos cartos dos veciños e veciñas.

O portavoz municipal e candidato a Alcaldía de Xinzo, Amador Díaz Penín, trala denuncia presentada na Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG por un grupo de veciños e veciñas, residentes e propietarios da marxe esquerda da Avenida de Ourense, debido ao deplorábel, desleixado e barrento estado desta zona urbana, certifica a inmediata necesidade de acometer o seu arranxo completo.

Despois de manter unha xuntanza coa veciñanza afectada e de comprobar in-situ o seu grande malestar, así como a situación de abandono que presenta este entorno totalmente deshumanizado, sen beirarrúas, sen infraestruturas básicas, sen drenaxe, sen ningún tipo de mobiliario urbano, Amador Díaz lamenta que “lonxe de ser a principal vía de entrada a Xinzo e conexión directa coa A-52, semelle máis ben o entorno dun poboado chabolista dunha periferia arrabaldeira”, polo que o BNG solicitará de inmediato que se materialicen os compromisos asumidos no seu día pola Alcaldía cos residentes desta céntrica arteria da vila de Xinzo.

Cobros e embargos irregulares que derivan nunha sentenza anulatoria

Neste sentido, Amador Díaz esixe ao actual alcalde do PP, Antonio Pérez, que “dea a cara e lle explique aos veciños e veciñas da Avd. de Ourense como funciona o Grupo de Goberno do PP e que fixo cos 300 mil euros cobrados mediante a imposición de contribucións especiais”, cifra resultante dos 483 euros por metro lineal de fachada que cada propietario tivo que ingresar obrigatoriamente nas arcas municipais para sufragar unhas eternas e inacabadas obras de acondicionamento e urbanización, “co agravante dunha recente sentenza do Tribunal Supremo que anula embargos e cobros pendentes aos veciños que se negaron a esta irregular operación”.

Estafa veciñal en toda regra propia dunha investigación da Fiscalía

Amador Díaz constata tras esta última denuncia veciñal o descarado e lucrativo “modus operandi” dos gobernos do PP de Xinzo, coa complicidade de Antonio Pérez, amparando esta estafa veciñal en toda regra máis propia dunha investigación de oficio da Fiscalía Anticorrupción que da sinatura dun convenio tipo, “malgastando miles de euros aportados polos petos dos propios veciños e veciñas que nunca chegaron a ver realizadas as promesas baleiras do anterior alcalde do PP”.

Referencias:

15/12/2010

Amador Díaz denuncia o estado lamentábel do entorno urbano da rúa Río Salas de Xinzo

20101215-capa

O responsábel político urxe ao novo alcalde unha solución inmediata á grave degradación que sofre esta céntrica área urbana.

O portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Amador Díaz, trala denuncia presentada a pasada semana na Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG de Xinzo por un grupo de residentes no entorno da rúa Río Salas ao respecto da lamentábel situación da zona, constata “a necesidade urxente de acometer o seu inmediato drenaxe, acondicionamento e urbanización completa”.

Despois de comprobar in-situ o desleixo e forte degradación que padece este entorno no que atinxe á total falla de deseño e articulación urbanística (a pesares de verse afectado por grandes investimentos como o novo Cuartel da Garda Civil, Centro de Día, etc.), ao estado de asolagamento e á aparición de focos de lixo incontrolado, incluído o abandono das podas efectuadas pola brigada municipal, o BNG solicita “que todas estas demandas veciñais sexan atendidas e se determine unha solución definitiva e con garantías”.

Falla de proxecto que dexenera en despilfarro

Neste sentido, denuncia que “a política do novo alcalde do PP artellada en exclusiva como tapadeira da recente e inxustificábel suba de dietas, taxas e impostos, está a derivar nunha preocupante xestión desenfreada de obra de maquillaxe urbano sen proxecto”, propiciando que áreas gravemente degradadas, como o entorno da rúa Río Salas, sexan abandonadas ao desleixo mentres que, pola contra, no Parque do Toural se enterre unha nova partida orzamentaria de 60 mil euros da Consellería de Presidencia destinada precisamente a recuperación de áreas urbanas degradadas, o que evidencia a total falla de proxecto global de cidade, a ausencia de rigor e prioridade na tramitación de convenios e o despilfarro continuado en tempo de forte crise sen un rendemento social e urbanístico axeitado.

Crecente malestar veciñal

Amador Díaz pon de manifesto tras esta última denuncia veciñal que “é palpable o crecente e forte malestar veciñal na vila de Xinzo debido ao proceder do novo alcalde, Antonio Pérez”, cando residentes de zonas como a Avenida de Portugal, a Avenida de Ourense e neste caso da rúa Río Salas, recorren e denuncian ante o BNG o que a alcaldía lles nega, simplemente, a atención e defensa dos intereses da veciñanza.

Referencias:

19/09/2010

O Concelleiro Portavoz do BNG de Xinzo reúnese cos veciños da Avenida de Portugal ante o seu malestar

20100919-capa

Tralo malestar detectado na veciñanza da Avenida de Portugal através dunha queixa rexistrada formalmente esta semana na Oficina de Atención ao Cidadán do BNG de Xinzo, o Concelleiro Portavoz do BNG, Amador Díaz Penín, reuniuse de xeito urxente este domingo pola mañá cos veciños afectados polas obras de urbanización que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a executar nesta importante rúa da vila que mistura titularidade municipal, autonómica e carácter transnacional.

Despois de constatar sobre o terreo tanto as queixas e demandas veciñais relativas ó desastroso desenrolo das obras na conexión da Estrada de Portugal coa N-525, como no que atinxe á aparición, desleixo e permanencia de amplas zonas residuais de maleza sen urbanizar, como a non eliminación de voluminosos cepellóns despois das talas realizadas, así como no relativo ao progresivo estreitamento do firme rodado a consecuencia destas zonas baleiras, e en previsión dun resultado estético e funcional pésimo que non se axusta en absoluto ás expectativas dunha inversión total que ronda ós dous millóns de euros, o Grupo Municipal do BNG solicitará ao Alcalde e mailo Grupo de Goberno que as demandas veciñais sexan atendidas de inmediato e se restableza a solvencia estética e funcional dunha obra desta envergadura, tan necesaria e tan ansiada pola veciñanza.

Referencias:

15/09/2010

O BNG de Xinzo reclama arranxos urxentes no equipamento e servizos da Galescola

20100915-capa

O BNG de Xinzo ven de recibir na súa Oficina de Apoio ao Cidadán numerosas queixas de nais e pais a respecto das importantes carencias dotacionais que presenta a Galescola: non dispón de sistema de climatización, o cal fai que a temperatura interior nestes meses do vrao suba ata límites insoportábeis, o patio interior no que xogan as crianzas atópase nun estado de abandono e desleixo preocupante, non conta con árbores que proxecten sombra, o chan é de area, sen protección de ningún tipo como céspede, herba ou corcho, e non hai ningunha barreira perimetral que impida a visión desde o exterior dos nenos, que fican así expostos na súa imaxe e intimidade. Algunhas destas cuestións xa se comezaron a abordar polo Concello estes días, mais as medidas adoptadas son insuficientes e pouco axeitadas.

Por outra banda, foron constatadas graves deficiencias no que atinxe á periódica hixiene e desinfección de colchonetas e equipamento de xogo ao longo dos últimos meses e o persoal docente e coidador é quen está a asumir a devandita tarefa ante as carencias detectadas no persoal de servizos xerais.

Así mesmo, como xa denunciamos hai uns días, o curso 2010-2011 arrancou cunha alarmante carencia de persoal o cal provocará que a calidade da atención aos nenos e nenas se vexa notabelmente mermada xa que as coidadoras e coidadores, por máis empeño e adicación que lle poñan, non serán quen de ofrecer a atención personalizada que os cativos de entre 0 e 3 anos requiren.

Tendo en conta que a Galescola é un equipamento con gran demanda de uso en Xinzo resulta necesario garantir as condicións de habitabilidade, un entorno axeitado que protexa a seguridade e a saúde dos cativos e unha dotación de persoal acorde coa demanda por isto o Grupo Municipal do BNG ven de rexistrar unha moción no Concello para que se solucionen estas deficiencias o antes posíbel.

Desde o BNG agardamos un mínimo de sensibilidade por parte dos responsábeis municipais e esiximos ao Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que habilite as partidas orzamentarias correspondentes xa que, se a Xunta do PP gasta os nosos cartos en mudar innecesariamente e por capricho uns cartaces, en propaganda desinformativa e en atacar ao noso idioma non vemos ningunha escusa para que tamén se poidan adicar a protexer e mellorar a seguridade e a saúde das nosas cativas e cativos.

Referencias:

13/08/2010

O BNG denuncia que a báscula pública de Xinzo non serve nin para pesar a incompetencia do Concelleiro do Medio Rural

20100813-capa

En plena campaña de colleita do cereal, numerosos agricultores veñen de denunciar diante do Grupo Municipal do BNG de Xinzo que cada pesada dun tráiler deste produto na báscula pública instalada polo Concello na Rúa Rosalía de Castro está a suporlles unhas perdas directas de máis de 500€ debido aos erros derivados do mal funcionamento e calibrado da mesma. Os problemas deste servizo non son novos xa que o ano pasado a báscula estivo inutilizada varias semanas pola falla dun reposto necesario para arranxar unha avaría no dispositivo de emisión dos tickets de pesado.

Ás múltiples dificultades que está a atravesar o sector do agro limiao, tanto no que atinxe aos baixos prezos e á desestruturación dos mercados como ás cuantiosas perdas sufridas este inverno tras o devastador temporal ‘Xynthia’ que practicamente inviabilizou as colleitas, engadíuselle hai uns días a posibilidade de perder as subvencións habilitadas polo Estado no contexto da declaración de Zona Catastrófica debido á neglixencia administrativa do Concello, baixo o mandato do Grupo de Goberno do PP, e agora hai que sumar esta nova eiva resultado da despreocupación do Concelleiro responsábel.

O BNG lamenta que sexan de novo as veciñas e veciños de Xinzo, neste caso os agricultores, os que paguen directamente a probada e reiterada incompetencia do Concelleiro do Medio Rural, Antonio Pérez Rodríguez, polo que solicita que de xeito urxente a báscula sexa revisada e verificada para atallar o problema canto antes, ao tempo que alerta aos potenciais usuarios desta disfunción para que opten temporalmente por outras alternativas de pesado.

Referencias:

16/07/2010

O BNG de Xinzo denuncia a lamentábel imaxe que imos ofrecer aos visitantes nas Festas polo estado de abandono que sofre A Moreira

20100716-capa

Na véspera da celebración das festas patronais na honra da Santa Mariña o BNG de Xinzo denuncia e lamenta a paupérrima imaxe que imos ofrecer, se ninguén o remedia, aos que nestes días se acheguen ata as instalación deportivas da Moreira a participar ou desfrutar das competicións deportivas incluídas dentro do programa de actos, nomeadamente o partido de veteranos do Celta que se vai celebrar o sábado.

O entorno da Moreira funciona dende hai anos como vertedoiro improvisado de refugallos de obra e restos de maleza e podas de árbores sen que dende o Concello se tome ningunha medida para corrixir esta situación. Cunha Concelleira de Deportes que cobra unha adicación exclusiva e con varios compañeiros do grupo de goberno pelexándose por saír na foto das obras é incomprensíbel o abandono que sofre un complexo deportivo destas características auténtico emblema futbolístico da Limia.

Como xa denunciamos no último pleno, no que se debateron os orzamentos, o desleixo e a falla de interese xeneralizados do Grupo de Goberno do PP é escandaloso e A Moreira é un dos exemplos máis gráficos. O alcalde, Isaac Vila, logo de anunciar o seu retiro deixa decorrer o tempo nunha actitude contemporizadora e debulla os días que lle faltan para a merecida xubilación, mentres, os seus concelleiros, andan máis preocupados nas súas liortas particulares por ver quen se queda cos despoxos do partido e en posicionarse para afrontar a nova etapa que en resolver os problemas das veciñas e veciños de Xinzo.

Referencias:

Páxinas: 1 2 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,242 segundos | Powered by WordPress