#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

10/10/2014

Asemblea Aberta

A3-cartaz

 Filed under: Axenda,En destaque
25/11/2013

A oposición convoca un pleno para que o alcalde explique as acusacións de “desviación de poder e indicios de prevaricación”

SAMSUNG

Todos os grupos da oposición forzan ao alcalde, Antonio Pérez, a que explique as sentenzas condenatorias polas contratacións realizadas no 2012.

Xinzo da Limia, 25 de novembro de 2013. Os grupos políticos que integran a oposición no Concello de Xinzo (BNG, PSdeG-PSOE, APGA, AIDAL e ANOVA) rexistraron esta mañá unha petición conxunta solicitando a celebración dun pleno extraordinario para que o alcalde, Antonio Pérez, dea conta e explique a todas as veciñas e veciños de Xinzo a súa situación xurídico-procesal logo das sentencias emitidas polos Xulgados do Contencioso-Administrativo nº1 e nº2 de Ourense a raíz das denuncias da Avogacía do Estado polas contratacións de persoal laboral temporal feitas polo Sr. Pérez, ignorando os informes preceptivos de Secretaría e Intervención, sen os correspondentes procesos de selección e contravindo o RDL 20/2011.

Nestas sentenzas, coñecidas os pasados días 12 e 13 de novembro, os maxistrados proceden á anulación das contratacións e cualifican a actuación do Sr. Pérez como de “desviación de poder e indicios de prevaricación”, “conduta irregular e constante realizada con plena consciencia da súa ilicitude por manter en nómina a determinadas persoas con contratos temporais, pese aos reparos do secretario e do interventor” e de “incumprimento groseiro e consciente por parte do mandatario que podería ser constitutivo dun delito de prevaricación”. Ao tempo, ordenan (unha vez a sentenza sexa firme) a remisión do expediente ao Xulgado de Primeira Instancia de Xinzo para que proceda a investigar as responsabilidades penais que se puideran derivar por parte de Sr. Pérez.

Dada a gravidade das acusacións e as abondosas testemuñas e documentación administrativa que as avalan, a partires deste intre a situación do Sr. Pérez só pode evolucionar a peor, polo que a única saída lóxica pasa pola súa dimisión inmediata e irrevogábel. O Concello de Xinzo non pode estar gobernado por unha persoa que incumpre sistemática e conscientemente a normativa en materia de contratación e os veciños e veciñas non se poden permitir un alcalde e un goberno municipal á deriva e baixo sospeita permanente.

19/09/2012

Campaña de apoio ao comercio local de Xinzo

Nesta quinta feira (xoves), 20 de setembro, encetamos unha campaña de apoio ao comercio local cun acto de presentación na Rúa Constitución de Xinzo (Calzados Campero) ás 12:00h.

Intervirán:

Tereixa Paz. Cabeza de lista da candidatura do BNG por Ourense ao Parlamento de Galiza.
Alfredo Suárez Canal. Candidato ao Parlamento.
Ramiro Rodríguez. Portavoz municipal e Candidato ao Parlamento.

 Filed under: Axenda
10/07/2012

O BNG convida aos veciños e veciñas de Xinzo ao acto previo ao Día da Patria 2012 baixo o lema “Rescata os teus dereitos”

O BNG desenvolve unha campaña de actos informativos por todo o país nos que pretende trasladar á cidadanía a necesidade de rescatar os dereitos nacionais e os dereitos sociais.

Xinzo da Limia, 10 de xullo de 2012. Baixo o lema “Rescata os teus dereitos” o BNG organiza mañá, cuarta-feira (mércores), 11 de xullo, ás 20:30h, na Praza de San Roque de Xinzo, un acto político-festivo enmarcado na celebración do Día da Patria 2012.

Neste acto intervirán o Portavoz municipal, Ramiro Rodríguez e o Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

Rescatar os nosos dereitos nacionais e sociais

O BNG chama a un Día da Patria Galega 2012 masivo para dicirmos alto e claro que o que hai que rescatar non é a banca privada, senón os nosos dereitos. Os dereitos nacionais e os dereitos sociais. Por iso o lema escollido polo BNG para a campaña do Día da Patria Galega 2012 é precisamente Rescata os teus Dereitos. En Bloque Podemos! O BNG ten programado unha intensísima campaña preparatoria do Día da Patria Galega 2012 con infinidade de actos -macro e micro- ao longo e ancho do país.

Primeira intervención pública do novo Portavoz Municipal do BNG

Esta é a primeira ocasión na que o novo portavoz municipal do BNG terá a oportunidade de dirixirse aos veciños e veciñas logo de que a intolerancia e falla de flexibilidade do actual alcalde do PP, incumprindo flagrantemente a lei e o Regulamento do Concello que el mesmo aprobou hai un ano, impediran que puidera falar no pleno municipal de hai dúas semanas no que tomou posesión.

 Filed under: Axenda,Sala de imprensa
27/06/2012

O BNG presenta un grupo municipal renovado que garante a continuidade do traballo a prol dos veciños e veciñas de Xinzo

O BNG completa a renovación do grupo municipal coa incorporación de Ramiro Rodríguez e Xosé-Lois Carreira en substitución dos compañeiros que renunciaron ás súas actas.

Xinzo da Limia, 27 de xuño de 2012. Logo da renuncia ás súas actas de concelleiros dos compañeiros Amador Díaz e Lucía Nóvoa, materializada no último plenario municipal, os seus substitutos serán Ramiro Rodríguez Suárez, que así mesmo será o novo portavoz municipal, e Xosé-Lois Carreira López.

Ramiro Rodríguez foi concelleiro dende o 2004 ata o ano pasado e no período 2004-2007 xa se encargou da portavocía. Nas eleccións do 2011 figuraba no número catro da lista do BNG.

Xosé-Lois Carreira ocupaba o posto seis da lista e, aínda que esta será a súa primeira experiencia nun cargo de representación, conta cunha acreditada traxectoria política xa que desempeñou as tarefas de Responsábel Local do BNG de Xinzo dende o ano 2008.

Ramiro Rodríguez tomará posesión da súa acta este mesmo xoves, mentres que Xosé-Lois Carreira deberá agardar aínda pola resolución dos trámites administrativos previstos na lexislación vixente logo da renuncia da candidata que ocupaba o posto cinco da lista.

Continuidade do traballo de oposición

Con este relevo o Bloque Nacionalista Galego seguirá a contar con grupo municipal propio no Concello de Xinzo o que garante a continuidade do traballo dos últimos anos: unha oposición esixente e construtiva co único obxectivo de defender os dereitos dos veciños e veciñas e, ao tempo, ofrecer unha alternativa de goberno seria e críbel.

Agradecementos a Amador e Lucía pola súa laboura

Así mesmo, o Grupo Local do BNG de Xinzo quere facer público o seu agradecemento a Amador Díaz e Lucía Nóvoa pola laboura realizada, no caso de Amador nesta última etapa de cinco anos especialmente frutífera dende o ponto de vista do traballo incansábel de elaboración e presentación de propostas e de denuncia das desfeitas dos gobernos “populares” que se viu recompensado cun importante crecemento do apoio electoral.

08/07/2011

Pleno extraordinario 8.7.2011

20110708-capa

Hoxe, venres, 8 de xullo, ás 17:00h celébrase o primeiro pleno tras a constitución da nova corporación segundo a orde do día que se acompaña (ver pdf adxunto). Trátase do pleno organizativo no que se determinará a distribución de competencias, etc.

Neste pleno quedará formalizada a constitución do noso Grupo Municipal integrado polos compañeiros Amador e Manuel, e pola compañeira Lucía. Moita sorte aos tres!!!

 Filed under: Axenda,Grupo Municipal
11/06/2011

Malas expectativas para os veciños e veciñas de Xinzo

20110611-capa

Na toma de posesión do novo alcalde viviuse un feito insólito e bochornoso na historia democrática do Concello de Xinzo. Logo de ser nomeado, o candidato do PP, Antonio Pérez, dirixiu un patético discurso aos congregados na sala no que non anunciou nin unha sola medida de goberno, nin deu a máis lixeira pincelada de por onde ten pensado que discorra a vida municipal nos vindeiros catro anos. Mais ben ao contrario, Antonio Pérez, un señor sen proxecto, movido pola súa mala conciencia e facendo bo o dito latino do “excusatio non petita, acusatio manifesta” o único que aproveitou foi para atacar á oposición e tentar xustificar as súas propias carencias democráticas internas como cabeza de lista dunha candidatura devaluada, de terceira división, cun partido roto en anacos como así o atestigua a propia composición da nova corporación.

No BNG, como líderes da oposición, faremos unha laboura intensa encamiñada a defender aos veciños e veciñas de Xinzo, non aos censados de última hora que logo de apoiar ao candidato popular marcharán de novo para os seus concellos e vixiaremos moi de preto as accións do goberno para denunciar as desfeitas, que seguramente se van producir, e tentar paliar na medida das nosas posibilidades as consecuencias das mesmas, como fixemos nos pasados catro anos.

05/05/2011

O BNG non permitirá que o candidato do PP pague favores persoais cos cartos dos veciños e veciñas de Xinzo

20110505-capa

Antonio Pérez sáltase toda a legalidade vixente para consolidar nas súas prazas aos afíns que o apoiaron nas loitas polo poder dentro do PP local.

Xinzo da Limia, 5 de maio de 2011. Logo de que nas últimas datas viñeramos de recibir comunicacións de diferentes fontes alertándonos das prácticas fraudulentas, cando non claramente ilegais, que se estaban a levar por mandato directo e explícito do actual Alcalde e candidato do PP, Antonio Pérez, a gota que colmou o vaso e fixo saltar todas as alarmas foi un comentario publicado nunha web adicada a seguir a política municipal que nos merece a máis absoluta credibilidade porque só corrobora as informacións que xa coñeciamos:

“Soy una funcionaria del Ayuntamiento de Xinzo. Disculpad que no me exprese en gallego ya que mi dominio de éste es muy limitado. Puedo decir que dentro del cuadro laboral funcionario del concello tengo bastante antigüedad, sino la más antigua. Para sacar mi plaza de funcionaria tuve que pasar unha convocatoria pública con varias pruebas y concurso de méritos. Cosa que hoy no existe. Lo que el señor Antonio Pérez está haciendo a día de hoy en el ayuntamiento de Xinzo no tiene nombre. Está contratando a personas en fraude de ley, contra toda reglamentación de magistratura de trabajo, prorrogando contratos eventuales que superan tiempo permitido y, repito, en flagrante fraude de ley, contratos que al ser prorrogados adjudican al trabajador automaticamente la condición de funcionario sin ningún concurso ni oposición pública, simplemente a dedo. El último caso, según me comentan en el café de esta mañana compañeros del ayuntamiento es el de la señora de ****, de baja por maternidad y desde estos días nueva funcionaria del ayuntamiento. Esto no puede ser, no hay derecho y quiero denunciarlo en vuestro foro para que todo Xinzo sepa porque se dedican a la política estas personas” http://ir.gl/b2ff58

Os nosos peores temores estanse a confirmar e a xestión en materia de persoal, ao igual que en adxudicación de obra pública, do Sr. Pérez, non pensa nos intereses das veciñas e veciños de Xinzo se non que están claramente orientadas a pagar favores persoais e garantir lealdades de cara ás vindeiras eleccións do 22 de maio. Agora entendemos o interese do Sr. Pérez en contratar un avogado para a plantilla funcionarial do Concello, así mata dous paxaros dun tiro, crea unha nova praza para enchufar a algún achegado e de paso prepárase para un previsíbel incremento da conflitividade xudicial provocado pola súa neglixente actuación.

De pouco valeu o Pleno extraordinario celebrado no pasado mes de febreiro no que se solicitaba un cambio de rumbo na política de persoal. Antonio Pérez está a facer bo ao anterior alcalde e, se non se lle paran os pés nas urnas, leva camiño de converter ao noso Concello nunha Deputación II aplicando as políticas caciquís e de enchufismo do seu mentor político, o Sr. Baltar, a costa dos veciños e veciñas de Xinzo.

Como primeira medida o Grupo Municipal do BNG ven de rexistrar un escrito solicitando acceso a toda a información referente ás contratacións dos últimos meses para valorar as seguintes iniciativas a tomar.

Páxinas: 1 2 3 4 5 6 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,219 segundos | Powered by WordPress