#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

05/03/2010

Visita do Portavoz Nacional do BNG a zonas da Limia afectadas polo temporal e polas intensas choivas deste inverno

20100307-capa

O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, realiza na vindeira segunda-feira (luns), 8 de marzo, unha visita ás zonas afectadas polo temporal na comarca da Limia, onde fará un percorrido para comprobar a situación das veigas de cereal asolagadas e dos danos causados en naves agrícolas.

Axenda:

  • 11:00h (Estación de Servizo ‘Antela’) – Chegada a Xinzo e declaración aos medios de comunicación.
  • 11:30h – Visita ás zonas afectadas polo temporal.
  • 12:00h (Hotel Xinzo) – Reunión con agricultores e gandeiros.
 Filed under: Axenda,En destaque
28/01/2010

O BNG de Xinzo dispoñibiliza unha “versión móbil” da súa web

20100128-capa

Dada a popularización nos últimos tempos dos dispositivos móbeis de acceso a Internet (iphone, ipod, android, blackberry, etc), o BNG de Xinzo dispoñibiliza unha versión axeitada desta web para ser consultada desde este tipo de aparellos. O enderezo seguirá sendo o de sempre www.bng-xinzo.org e será o servidor, en función do equipo desde o que se acceda, o que ofreza a versión “normal” da páxina ou a “adaptada”. En calquera caso o software permite unha experiencia de navegación cómoda e agradábel cunha lectura clara das novas, ao tempo que ofrece todas as funcionalidades da versión tradicional: comentarios, procura por categorías e por tags, sindicación RSS, etc.

Logo de sermos os primeiros hai cinco anos en botar a andar unha web para achegarnos aos veciños e veciñas de Xinzo, agora damos un paso máis no aproveitamento das novas tecnoloxías para estar en contacto coa cidadanía.

 Filed under: En destaque
20/08/2009

Boletín BLOQUE.xinzo nº2 – Agosto 2009

Xa está na rúa o número 2 do noso boletín BLOQUE dirixido a todos os veciños e veciñas do concello cos seguintes contidos:

  • O BNG está a artellar unha alternativa ilusionante que olla con optimismo ao futuro de Xinzo
  • O pesadelo dun concello máis verde
  • A negativa á circunvalación sáelle cara ao sector e á xente de Xinzo
  • Actualidade Grupo Municipal
  • Entrevista Amador Díaz, Portavoz Municipal
 Filed under: Publicacións
09/03/2009

Grazas aos veciños e veciñas de Xinzo polo apoio recibido o 1M!!!

20090309-gz09xinzo

Nas pasadas Eleccións ao Parlamento de Galiza no concello Xinzo acadamos uns resultados históricos subindo o teito do BNG, acadado nas Municipais, e situándonos a só 60 votos de ser a 2ª forza máis votada. Isto ven a confirmar a tendencia ascendente que levamos desde o 2007 ao sermos os únicos que medramos nas últimas tres citas electorais.

GZ’09 GZ’05 XERAIS’08 LOCAIS’07
BNG 1.394 22,7% 935 15,9% +459 903 14,3% +491 1.224 19,4% +170
PP 3.056 49,8% 3.394 57,6% -338 3.266 51,9% -210 3.083 48,9% -27
PSdeG-PSOE 1.454 23,7% 1.484 25,2% -30 2.017 32,1% -563 1.768 28,1% -314

Ollando ao resto da nosa provincia somos o 3º concello en números absolutos, só por detrás de Ourense (9.348) e Allariz (1.972), e o que máis sobe en termos porcentuais daqueles nos que somos oposición.

Os bos resultados do noso concello non serven para mitigar a decepción polo acontecido a nivel nacional coa perda da posibilidade de repetir goberno na Xunta de Galiza. A baixada de 40 mil votos, coa conseguinte perda doutro escano no Parlamento, obriga a unha fonda reflexión no seo da organización e a replantexar políticas e estratexias de cara ao futuro e esa é unha laboura á que estamos chamados e na que debemos participar todas/os as/os militantes do BNG.

Fixéronse cousas ben e cousas mal, mais o balance en conxunto foi moi positivo para o País e debemos estar orgullosos diso e defendelo contra vento e marea. Como se ten dito nestes días o feito de que o PP gañase as eleccións non fai que as mentiras se convertan en verdade. Agora agárdannos catro anos difíciles nos que deberemos traballar con máis forza se cabe para manter as conquistas acadadas e impedir a volta atrás coa que ameaza o novo presidente en materias fundamentais como a lingua, os recursos naturais, a protección da nosa costa, o benestar, a educación, etc.

 Filed under: En destaque
20/02/2009

Boletín BLOQUE.xinzo nº1 – Febreiro 2009 (Especial eleccións)

Arrinca esta nova xeira doboletín BLOQUE cun especial sobre as Eleccións Nacionais ao Parlamento de Galiza do vindeiro 1 de marzo:

  • O BNG quere facer política para a xente cun proxecto transformador
  • Un programa para ter máis avances e futuro
  • É necesario fortalecer a presenza do BNG en Ourense para podermos intensificar a velocidade do cambio
  • Actualidade Grupo Municipal
  • Entrevista Alba Mª Feixóo, Responsábel Local de Galiza Nova
 Filed under: Publicacións
26/01/2009

O BNG abre unha ‘Oficina de Apoio ao Cidadán’ para atender ás veciñas e veciños de Xinzo

20090126-pancarta-aoc

O Grupo Local do BNG de Xinzo anuncia a posta en marcha da Oficina de Apoio ao Cidadán que atenderá aos veciños e veciñas nas súas reclamacións, dúbidas, peticións e calquera outra cuestión que atinxa ao ámbito municipal. Estará ubicada na Rúa Río Arnoia, 14 – Local 18 (Multicentro, 1ºandar) de Xinzo e abrirá ao público os mércores e venres en horario de 19:30h a 21:00h. Esta oficina nace coa vontade de achegar aos veciños e veciñas toda a información, iniciativas e medios dos que dispón o Grupo Local do BNG, cos seus concelleiros á cabeza, para tratar de orientar e solventar do xeito o máis acaido posíbel os problemas de toda índole que se nos presenten.

Adicionalmente, tamén habilitaremos un espazo diferenciado na nosa web no cal ofreceremos información de interese para os veciños e abriremos unha canle para atender as peticións que nos fagan chegar por esta vía, dándolle deste xeito un novo pulo á nosa presenza na rede, pioneira na Limia, e que ven tendo continuidade desde o ano 2003.

A través destes dous medios (oficina e web), a veciñanza de Xinzo terá ao seu dispor toda a información relativa a cuestións e previsións municipais, iniciativas e mocións presentadas e, ademais, poderán facernos chegar as súas inquedanzas, problemas puntuais, reclamacións, suxestións, etc. En definitiva, coa Oficina de Apoio ao Cidadán trátase de artellar unha ferramenta útil ao servizo da cidadanía limiá.

20/12/2008

O BNG continuará a mobilizarse para protestar polo novo canon de saneamento e iniciará unha recollida de sinaturas en todos os núcleos do concello

Fotos no flickr

Logo do éxito da convocatoria de concentración na Praza de hoxe que serviu para constatar o malestar e rexeitamento entre os veciños de Xinzo provocados pola medida aprobada polo “goberno popular” do Concello no Pleno do día 18 de decembro e que vai representar unha suba media dun 27% na vila e de máis dun 120% no rural como consecuencia da implantación con carácter xeral dun novo canon de saneamento para pagar o mantemento do servizo concedido á empresa Aquagest sen ningún tipo de concurso e sen mediar un estudo rigoroso ou valoración de outras posíbeis ofertas, o Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo anuncia que continuará coas mobilizacións e desenvolverá unha campaña informativa e de recollida de sinaturas en todos os pobos do Concello para facerllas chegar ao equipo de goberno antes da celebración do vindeiro pleno.

Outra volta máis, a falla de previsión e a absoluta despreocupación polos intereses municipais do alcalde, Isaac Vila, e do seu grupo de goberno bipartito van facer que a xestión do servizo de mantemento das depuradoras e da rede de alcantarillado estea en mans dunha empresa privada, Aquagest, durante os próximos 30 anos, hipotecando a xestión de todas as vindeiras corporacións e asegurando á empresa un volume de facturación garantido de máis de 34 millóns de euros de hoxe, que terán que saír dos petos de todos os veciños e veciñas de Xinzo, ofertando a cambio 1,5 millóns de euros que xestionará o noso alcalde actual e que poderán servir de remendo de final de ciclo e de remate dunha longa e desastrosa vida política á fronte do Concello de Xinzo.

Referencias:

11/12/2008

Anxo Quintana presenta en Xinzo a Estación da ITV aprobada pola Consellaría de Innovación e Industria

Fotos no flickr

Hoxe, o Vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, estivo en Xinzo para asistir ao comezo das obras da nova estación da ITV, que estará funcionando para o vrao do vindeiro ano. Este era un servizo longamente anhelado e reclamado polo Bloque de Xinzo que agora foi posíbel grazas á implicación e apoio da Consellaría de Innovación e Industria, xestionada polo BNG, receptiva aos argumentos que nós defendiamos e que apostou pola capitalidade da Limia para ubicar unha estación permanente que tamén reclamaban outros concellos ourensáns.

Como dixo o Vicepresidente, a ubicación na Limia responde a “criterios obxectivos e de xustiza”, como defendiamos dende o BNG de Xinzo nas dúas últimas citas electorais municipais e como reflectimos na moción que presentamos no Pleno Municipal do 24 de abril de 2008 (e que foi aprobada por unanimidade). O noso concello e a súa área de influenza dispoñen do maior parque de maquinaria agrícola de todo o país e, con este servizo, os nosos agricultores non terán que desprazarse a Ourense ou Verín nin agardar longas ringleiras na sempre ateigada lista de espera da ITV móbil que nos visitaba periodicamente.

Outra volta máis o BNG amosa con feitos o seu compromiso coa Limia e co seu tecido produtivo e materializa sobre o terreo as súas propostas e reivindicacións dos últimos anos. No futuro seguiremos a traballar pola nosa comarca e polas súas xentes para situala no lugar que lle corresponde no mapa sociopolítico e económico de Galiza.

Documentos:

Referencias:

Ligazóns:

 Filed under: En destaque,Multimedia
Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,247 segundos | Powered by WordPress