#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

28/11/2008

O BNG destaca que o Plan Sectorial de Vivenda aporta ao Concello de Xinzo vivenda protexida cun investimento de preto de 2,75 millóns de euros con novas zonas verdes e equipamentos

O proxecto deseñado pola Consellaría aportará a Xinzo novos equipamentos e zonas verdes, creando espazos públicos de calidade dos que tan necesitados estamos, daralle unha solución á beira do Río Limia nese tramo e materializará as previsións do Plan de Urbanismo en vigor completando o desenrolo dunha zona estratéxica da vila, nas inmediacións do Colexio Rosalía de Castro e da Galescola, acabando coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos. A aposta pola calidade na ubicación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto ás familias con rendas medias como ás necesitadas, será exemplo do novo urbanismo ao servizo da xente que sempre defendeu o BNG, e que neste caso se traducirá en 11.500m2 de zonas verdes e máis de 2.000m2 dotacionais nos que se poderán ubicar no futuro equipamentos sociais, deportivos ou culturais.

Ligazóns:

20/11/2008

Noraboa, Emilio!

O noso compañeiro do BNG de Xinzo, Emilio-Xosé Rodríguez, foi nomeado esta semana novo Xerente de Xestur. Os integrantes do Grupo Local de Xinzo estamos certos de que levarás adiante unha laboura eficaz e ao servizo de Ourense, de Galiza e da Limia facendo País desde a túa nova responsabilidade como xa fixeches (e seguirás a facer) dentro do noso grupo á fronte da Área de Economía. Desexámosche moita sorte e sempre contarás co apoio e alento dos militantes de Xinzo. Noraboa, Emilio!

 Filed under: En destaque
14/08/2008

Exposición itinerante ‘Transformando Galiza’: Tres anos traballando polo País desde o goberno da Xunta

Fotos no flickr

O xoves 14 de agosto, na Alameda do Toural de Xinzo, comezou o percorrido por todo o País da exposición “Transformando Galiza”, unha iniciativa a través da cal o BNG pretende dialogar coa sociedade galega e amosarlle o traballo das consellarías nacionalistas na Xunta de Galiza durante estes tres últimos anos.

Nesta ocasión contamos coa presenza de diversos representantes institucionais do BNG, comezando polo Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, quen aproveitou para lembrar e reiterar a aposta decidida do Bloque Nacionalista Galego pola Limia como unha das principais comarcas agrícolas do País con proxectos e iniciativas como o Banco de Terras, o Plan Especial de Infraestruturas, o Plan de Regadío, as axudas á incorporación á agricultura dos mozos e mozas, etc.

Outros cargos do Bloque que tamén se achegaron ata Xinzo foron Tereixa Paz, Vicepresidenta do Parlamento, Xosé Manuel Pérez Bouza, Senador, Xosé Rodríguez Cid, Delegado de Medio Rural, Bieito Seara, Director Xeral de Acción Social, ademáis de alcaldes e concelleiros doutros concellos limiáns, todos eles acompañados do noso portavoz Amador Díaz.

Referencias:

 Filed under: En destaque
22/07/2008

“A sedución do Progreso”. Emigración e Problemáticas do Retorno

Fotos no flickr

neno-estrela

Xoves, 24 de xullo
PRAZA DE SAN ROQUE

Este acto plantéxase en espazo urbano público con formato aberto á percepción fraccionada e con vontade expositiva e paliativa dos baleiros e das diacronías socioculturais que conleva o fenómeno da Emigración.

22:00h – Conferencia: “Dereitos Políticos da Emigración, Problemáticas do seu exercício”.
Iago Tabarés Pérez-Piñeiro (Avogado, Deputado do Parlamento Galego polo BNG é Responsábel da Área de Emigración)

22:30h – Presentación da obra “Psicopatoloxía do Retorno”.
Alexandre García-Caballero (Ensaista, Especialista en Psiquiatría e Doutor en Mediciña. Autor de numerosos artigos sobre avaliación cognitiva, obtivo o Premio Cabaleiro-Goás do Colexio de Médicos de Ourense e o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio pola coautoría de Psicopatoloxía do retorno (2007).

23:00h – Proxección do documental “Berlín 1927, Sinfonía dunha cidade”.
Presentación e Banda Sonora de Alberto Nóvoa (Avogado e Compositor).

24:00h. Coloquio e peche.

Organiza:
* BNG de Xinzo. Áreas de Cultura e Igualdade.

Colaboran:
* Concello de Xinzo de Limia. Concellaría de Cultura.
* Agrupación Musical da Limia.

04/07/2008

O BNG insta ao Concello a solicitar axudas para a rehabilitación da Praza de Santa Mariña e a reurbanización da Praza de Carlos Casares

Fotos no flickr

A Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza está a abordar traballos de rehabilitación e reurbanización de espazos públicos urbanos en colaboración cos Concellos mediante unha liña de axudas específica destinada a esta finalidade.

O BNG de Xinzo tivo coñecemento das inquedanzas dos veciños do grupo Santa Mariña de Xinzo ao respecto da praza situada no interior deste bloque de vivendas. Trátase dun espazo público ubicado en pleno centro urbano que nunca foi obxecto de ningunha intervención especial dende a súa construción e que, actualmente, se atopa nun estado de deterioro froito deste abandono, ademais aínda posúe restos de simboloxía franquista que solicitaremos sexan retirados en aplicación da Lei da Memoria Histórica.

Por outra banda, logo da construción do aparcadoiro soterrado é imprescindible abordar á maior brevidade posible o remate da Praza de Carlos Casares, un espazo que debería ser emblemático para o pobo de Xinzo dada a súa ubicación física, fronte á Casa da Cultura e ao carón da Casa do Concello, e a importancia senlleira da figura a quen está adicada.

No Grupo Municipal do BNG pensamos que estas actuacións se enmarcan plenamente nos obxectivos das liñas de actuación da Consellaría e, dado que non nos consta que a día de hoxe se presentase solicitude algunha ao respecto por parte do Grupo de Goberno do PP, vimos de rexistrar unha moción para que o Concello solicite á Consellaría de Vivenda e Solo a intervención nestas prazas.

Referencias:

20/06/2008

Integraliza: Fútbol pola integración

Fotos no flickr

Domingo, 22 de xuño. 18:00h. Campo de fútbol de Piñeira
Piñeira, F.C. – Selección marroquí

Organizado polas áreas de Igualdade e Cultura do Grupo Local do BNG celebrarase un acto inédito ata o de agora no Concello de Xinzo. Trátase da celebración dun partido de fútbol entre o Piñeira, F.C. e unha selección marroquí, formada por cidadáns desta nacionalidade residentes en Xinzo.

Ao inicio lerase un manifesto conxunto en árabe e galego a favor da integración e da multiculturalidade.

Referencias:

 Filed under: En destaque,Multimedia
06/06/2008

Crónica da cea-presentación da nova estrutura do BNG de Xinzo

foto-presentacion

Fotos no flickr

Máis dun centenar longo de persoas nos xuntamos no Europa para asistir ao acto de presentación da nova estrutura organizativa do Grupo Local do BNG de Xinzo. Non se trata só dunha ferramenta de traballo analítico interno senón que tamén, e ante todo, é un xeito de visibilizarse ante a cidadanía como o recurso máis axeitado para a recepción da súa problemática diaria e futura e como un bo medio para crear e consolidar dinámicas sociais interactivas.

Ao rematar a cea Alba Feixóo (Galiza Nova), Xosé-Lois Carreira (Responsable local), Amador Díaz (Portavoz municipal) e Anxo Quintana (Portavoz Nacional) dirixiron unhas verbas aos asistentes.

 Filed under: En destaque,Multimedia
03/06/2008

O BNG solicita a restitución das reducións aplicadas no IRPF aos agricultores e gandeiros pola adquisición de gasóleo agrícola, plásticos e fertilizantes

20080603-trator.jpg

A Axencia Tributaria viña aplicando nos últimos exercicios reducións na Declaración da Renda aos agricultores e gandeiros, concretamente, a aqueles que optaban pola tributación en módulos aplicábaselles unha redución do 35% por adquisición de gasóleo agrícola e do 15% por adquisición de plásticos e fertilizantes.

A reforma do Imposto da Renda das Persoas Físicas abordada polo Goberno español de José Luis Rodríguez Zapatero, e que afecta xa á Declaración da Renda do ano 2007, eliminou totalmente este tipo de reducións provocando un incremento da carga impositiva a soportar polos agricultores e gandeiros que penaliza claramente ao sector nun intre no que o forte incremento do prezos dos carburantes, así como dos fertilizantes e dos pensos está xa a incidir moi negativamente na súa economía.

A Limia é unha comarca na que o sector agrario atinxe a boa parte da súa poboación, e por tanto é unha comarca especialmente prexudicada por esta reforma, por isto, o BNG ven de presentar diversas iniciativas, tanto no Senado coma no Concello de Xinzo, instando ao Ministerio de Economía e Facenda á restitución de xeito urxente das reducións por adquisición de gasóleo agrícola, plásticos e fertilizantes, que se viñan aplicando na declaración do IRPF aos agricultores e gandeiros.

Ligazóns:

Referencias:

Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,332 segundos | Powered by WordPress