#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

01/06/2008

Cea-presentación da nova estrutura do BNG de Xinzo

Este venres día 6 de xuño, ás 21:30h, no Restaurante Europa celebraremos unha cea-presentación na que daremos a coñecer a nova estrutura de funcionamento do Grupo Local e os obxectivos que nos plantexamos a curto e medio prazo. Contaremos coa presenza do noso Portavoz Nacional, Anxo Quintana

 Filed under: Axenda
09/05/2008

Crónica do Acto polo “Dereito a vivirmos en Galego”

20080509-galego-intro.jpg

Hoxe xoves, na Casa de Cultura de Xinzo, tivemos a ocasión de celebrar un acto aberto, enmarcado na celebración do Día das Letras Galegas, co cal quisemos poñer de manifesto algo que, nun país normalizado debería ser algo evidente e irrenunciábel, o noso dereito a vivirmos en galego.

Contamos coa participación de Tereixa Paz, Delfín Caseiro, Xosé Manuel Cid, Lois Martínez Risco e Francisco Xosé Rei quenes nas súas intervencións fixeron un percorrido pola situación actual do noso idioma dende puntos de vista personais e profesionais. A todos eles lles queremos agradecer dende aquí o esforzo de achegarse ata Xinzo, o cal para nós foi un auténtico privilexio.

Como conclusión, logo de escoitar aos intervintes, confirmamos a idea de que o noso idioma vive unha situación de excepción e é perseguido e atacado na súa propia terra, algo inexplicábel dente calquera perspectiva e contra o que se debe loitar día a día, non só dende as institucións públicas, se non coa aportación individual de cada galego. Non podemos permitirnos o luxo de prescindir dun elemento tan singular como é a nosa lingua, a nosa aportación particular ao coñecemento humano, unha xoia froito de séculos de historia, a mellor ferramenta para expresar as nosas vivencias, a nosa Cultura e a realidade do noso País, e que temos a obriga de transmitir aos nosos fixos.

A continuación tés uns pequenos cortes coas intervencións de varios convidados. Pedimos disculpas porque a calidade de imaxe non é todo o boa que sería desexable, mais consideramos que o interese da mensaxe paga a pena.

1. Presentación de Xosé-Lois Carreira, Responsable Local do BNG de Xinzo.

2. Intervención de Francisco Xosé Rei, da Mesa pola Normalización Lingüística.

3. Intervención de Delfín Caseiro, Escritor.

En galego, porque é o TEU dereito.

 Filed under: En destaque,Multimedia
24/04/2008

O BNG presenta polo trámite de urxencia unha moción para solicitar a estación ITV permanente para Xinzo

Neste intre estase a plantexar por parte da empresa adxudicataria da concesión do servizo de ITV a posibilidade da criación na provincia dunha nova estación permanente que se engadiría ás actualmente existentes. No Bloque Nacionalista Galego estamos convencidos (e así o recollemos como proposta nos nosos programas de goberno das dúas últimas citas electorais municipais) de que, se nalgunha zona está sobradamente xustificado e é absolutamente imprescindible este servizo é no noso concello, polos evidentes beneficios que reportaría aos agricultores, e a todos os veciños en xeral, da nosa comarca e doutras limítrofes como a Baixa Limia ou Celanova.

Isto levounos no Pleno ordinario do día de hoxe, a propor ao Pleno a aprobación dunha moción solicitando á Consellería de Innovación e Industria a instalación dunha estación ITV permanente en Xinzo. Agradecemos o apoio do resto de grupos municipais que se sumaron á nosa proposta que, deste xeito, foi aprobada por unanimidade.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
12/03/2008

O BNG iguala en Xinzo os seus mellores resultados nunhas Xerais

Despois de cada proceso electoral é imprescindíbel facer un alto no camiño, analizar os resultados e tirar conclusións en positivo que axuden nas accións e estratexias do futuro.Nesta táboa podes ver os resultados das eleccións en Xinzo e a comparativa ao respeito das anteriores Xerais de hai catro anos:

X’08: Resultados Congreso. Xinzo de Limia
  2008 2004 Inc.
BNG 903 14,36% 631 9,99% +272 +43%
PP 3.266 51,94& 3.800 60,17% -534 -14%
PSdeG-PSOE 2.017 32,08% 1.547 25,50% +470 +30%

No BNG confirmamos a tendencia á alza que se iniciou nas Municipais do ano pasado e fomos quen de subir 272 votos respecto ao 2004 igualando o mellor resultado histórico en Xinzo. Esta suba ten o mérito de producirse no marco dunhas eleccións que non nos favorecen, cun escenario fortemente polarizado entre as dúas forzas maioritarias a nivel estatal e cun BNG que mantivo en Galiza os resultados de hai catro anos.

Pola súa banda, o PP colleita un dos seus peores resultados co descenso dun 14% de votos e o PSdeG-PSOE recolle os froitos da xestión do goberno e incrementa sensiblemente os seus apoios.

 Filed under: En destaque
31/08/2007

O Pleno do Concello aproba a proposta do BNG para a posta en valor do Patrimonio Arqueolóxico de Xinzo

No pleno ordinario celebrado onte aprobouse por unanimidade de todos os grupos municipais a nosa moción para a recuperación e posta en valor de Patrimonio Arqueolóxico de Xinzo. Agradecemos sinceiramente a PP e PSdeG-PSOE o seu apoio á nosa proposta no convencemento de que será positiva e beneficiosa para todos os veciños e veciñas de Xinzo.Nas vindeiras semanas quedará constituída a Comisión Especial formada por representantes dos grupos políticos, asociacións culturais, técnicos, etc. co encargo de propoñer accións concretas que permitan coñecer, conservar e aproveitar o rico patrimonio agochado baixo os nosos pés.

Referencias:

06/07/2007

O BNG propón a elaboración dun Plan para a posta en valor do patrimonio histórico e arqueolóxico de Xinzo

200707-foto-restos-thumb.jpg

A vila de Xinzo é especialmente rica en restos arqueolóxicos. Contamos con zonas extensas cheas de xacementos que nos falan da permanencia continua de poboadores dende tempos inmemoriais ata os nosos días. Todos temos a responsabilidade de facer o posible para que as xeracións vindeiras coñezan e disfruten deste patrimonio único.

Respectando os dereitos lexítimos dos propietarios actuais, pensamos que dende a institución municipal se poden artellar mecanismos que compatibilicen a expansión inmobiliaria coa posta en valor do noso patrimonio histórico e arqueolóxico. Trataríase de deixar á luz pequenas mostras significativas e representativas en distintos puntos da vila, do mesmo xeito que xa se está a facer en moitos outros lugares de Galiza (Compostela, Lugo, …) e doutras partes do estado e da UE (Zaragoza, Venecia, París,…). Estas actuacións puntuais poderían complementarse coa construción, nun lugar rico en restos arqueolóxicos, dun futuro Centro de Interpretación.

Dende o BNG propoñemos a constitución dunha Comisión Especial formada por todos os grupos políticos, aberta a participación puntual dos veciños, asociacións, técnicos, personalidades, etc.. co fin de analizar, debater, contrastar pareceres e chegar a acordos en todos os ámbitos cun obxectivo final: elaborar un gran proxecto que garanta, de agora en diante e definitivamente, o coñecemento da historia de Xinzo de Limia a traveso dos restos soterrados.

Referencias:

05/07/2007

Moción sobre a valorización do Patrimonio Histórico e Arqueolóxico

Tras os recentes achádegos arqueolóxicos atopados na rúa X.C. Romero Nieto, que veñen a lembrarnos máis unha vez a riqueza que se agocha baixo os nosos pés, faise urxente que dende o Concello se tomen medidas que conxuguen o lexítimo interés particular co interés xeral para atopar fórmulas que nos permitan rescatar e coñecer esta riqueza para deixarlla como herdanza as xeracións vindeiras e ao mismo tempo tirarlle partido dende o punto de vista cultural e turístico.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
27/06/2007

O BNG reclama a limpeza do Río Raposo tras a poda das árbores da súa beira realizada por operarios do Concello

foto-raposo

No día de hoxe apresentamos un escrito diante do Concello, Consellería de Medio Ambiente e Confederación Hidrográfica reclamando a limpeza do Río Raposo, á altura de Lamas, das ponlas que empregados do propio Concello deixaron “esquecidas” despois da poda efectuada ás árbores das súas beiras.

Como se pode ver na foto éstas obstrúen case completamente a visión deste regato afluente do Limia.

Referencias:

 Filed under: Ao día,Grupo Municipal
Páxinas: Anterior 1 2 3 4 5 6 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,260 segundos | Powered by WordPress