#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

16/05/2011

O BNG denuncia que Baltar quere mercar con diñeiro negro os votos dos cidadáns de Morgade

20110516-capa

O candidato do PP, Antonio Pérez, e o Presidente da Deputación, Baltar Pumar, tentan mercar aos veciños e veciñas de Morgade con 3000 euros en metálico.

Xinzo da Limia, 16 de maio de 2011. As artimañas, manobras suxas e chanchullos varios que estamos a ver durante esta campaña electoral no concello de Xinzo superan con creces todo o que viña sendo tradicional no PP. Ás coñecidas prácticas de compra individual de vontades con promesas de postos de traballo, ás ameazas a empresarios da vila con quedarse fóra do “pastel” se non se postulan abertamente a prol do candidato “popular”, e outras, engadiuse nos últimos días unha nova e insólita “técnica” impropia dunha sociedade democrática e que deixa ben ás claras a catadura moral destes individuos que aspiran a ocupar, que non gobernar, respectivamente Concello e Deputación. Este domingo a “caravana popular” estivo a pasear a Baltar, o vello, por varios pobos do concello de Xinzo nos que “aproveitou” para ameazar aos veciños e veciñas asegurando que, se gañaba Amador a alcaldía, tería pechadas as portas da Deputación. Mais a guinda púxoa no pobo de Morgade onde un veciño, logo de escoitar pacientemente a perorata de medidas baleiras e promesas que nunca pensan cumprir tanto de Baltar coma de Chavelleiro, lembroulle ao Presidente en funcións que todo iso estaba moi ben, mais levaban reclamando un equipo de aire acondicionado para o local social do pobo dende había anos, que xa llo prometeran varias veces e que aínda estaban a agardar por el. Diante deste “desplante” un arroutado Baltar, logo de proclamar que “a el ningún pedáneo o deixaba quedar mal”, dirixiuse resoltamente cara o maleteiro do seu Audi e tirouse de fato de billetes que foi poñendo un sobre outro por riba da mesa ata completar 3000 eurazos “del ala”, diante do pasmo dos presentes que ollaban entre sorprendidos e divertidos a operación preguntándose se acababan de asistir a un mitín do PP ou ao reparto dunha pedrea dos nenos de San Ildefonso. A dúbida que se lles plantexa agora aos veciños é a quen apoñerlle este diñeiro recibido “en negro”, se a unha subvención da Deputación ou a unha “donación particular” do propio Baltar Pumar.

A desesperación coa que os “populares” están a encarar a recta final desta campaña evidencia que ven máis preto ca nunca a perda respectivamente do Concello de Xinzo e da Deputación e calquera cousa vale con tal de seguir chuchando do erario público para manter o seu decimonónico aparato caciquil.

Desde o BNG tamén emprazamos ao Presidente da Xunta do PP, Núñez Feijoo, o home austero, a que avale este proceder dos seus correlixionarios ourensáns que cubican maleteiros de Audi con billetes de cincuenta euros e explique se esta é unha práctica habitual do seu partido en toda Galiza ou só se aplica no noso concello.

Manipulación do censo

Amador Díaz ven de recibir novas tarxetas censuais de “veciños pantasma” que conviven en domicilios de Xinzo sen coñecemento dos seus propietarios e moradores habituais. As mesmas serán remitidas á Fiscalía para continuar co procedemento iniciado hai uns días a instancia do BNG.

17/12/2009

O Pleno aproba unha moción do BNG para potenciar o Comercio local de cara ás datas do Nadal

No pleno ordinario de hoxe aprobáronse sendas mocións do BNG nas que se propoñían ao Concello accións inmediatas de cara a este Nadal que axuden a potenciar as vendas do noso comercio e de apoio a Aminatou Haidar. O BNG solicitou do grupo de goberno tres medidas: dúas horas de gratuidade no aparcamento da Praza de Carlos Casares a quen merque nalgún establecemento de Xinzo, unha campaña convidando a facer as compras na localidade e un especial coidado dos operarios do Concello e da Policía Local para facilitar e facer máis agradábel a estancia dos visitantes na nosa vila. Somos conscientes de que son medidas cativas, paliativas dunha situación de deterioro que ven de longo, e que a verdadeira solución viría da man de accións estruturais de máis calado como as que leva propoñendo o BNG nos últimos anos: potenciación do tecido asociativo dos comerciantes, humanización da vila, criación dunha marca de calidade identificada con Xinzo asociada a un Centro Comercial Aberto, eliminación do tráfico pesado do núcleo do pobo mediante a circunvalación, posta en marcha dun sistema de transporte comarcal, etc.

Outra das nosas mocións, que quedou pendente para tratar nunha comisión informativa ordinaria, propoñía aplicar a baixada do IPC de setembro de 2009 (-1%) ás taxas de abastecemento, saneamento e depuración que se revisan anualmente conforme a este índice. Do mesmo xeito que cando subía o IPC repercutía na tarifa do servizo, agora que baixa consideramos de xustiza lle sexa trasladado este descenso ás veciñas e veciños en forma de baixada das taxas correspondentes.

Xa dentro dos puntos da orde do día o PP aprobou en solitario o recoñecemento dunha débeda de 166.000 euros, que lle reclama a concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento ao Concello polo téorico desfase de ingresos no primeiro e segundo trimestres de 2009 como consecuencia da non entrada en vigor das tarifas aprobadas o ano pasado. Para nós resulta incomprensíbel que se recoñeza esta suposta débeda sen un estudo que a contraste por parte dos técnicos municipais, co informe en contra da Interventora e co único aval dunha relación de facturas e partes de traballo presentadas pola propia concesionaria. Logo de hipotecar a xestión municipal nesta materia para os vindeiros coarenta anos o alcalde, Isaac Vila, non ten ningún escrúpulo en seguir xogando co diñeiro de todos alegremente e co único aval que lle da dispoñer da maioría absoluta.

Outro ditame, aprobado por unanimidade, reclama da Xunta a suspensión do polémico Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a ZEPA da Limia, mentres non se garanta a compatibilidade coas prácticas agrarias actuais. A mesma ZEPA que foi imposta por Feijóo, sen consenso nen negociación, logo de ter prometido en campaña o contrario.

Relacionadas:

12/11/2009

O BNG edita un trítico sobre a ZEPA e realizará charlas informativas no rural

Para informar ás veciñas e veciños das últimas novidades sobre o longo proceso de declaración da ZEPA na Limia e descobrir as mentiras, incoherencias, terxiversacións e manipulacións do Partido Popular, editamos este trítico que será distribuido nas charlas que celebraremos en diversos núcleos do rural do noso concello. Nel recóllese, resumido, o posicionamento do BNG sobre a declaración da ZEPA así como unha cronoloxía que permite comprobar o descarado cambio de discurso do PP  en todo o referente a este tema dende que comezou hai dous anos, virando do “ZEPA NON” de cando estaba na oposición ao “ZEPA SI” agora que (des)goberna a Xunta.

12/06/2009

O BNG de Xinzo mobilizarase contra a “enquisa trampa” da Consellaría de Educación e en defensa do noso idioma

Diante da “enquisa trampa” presentada polo PP, inaceptábel quer na forma quer no fondo, e coa que non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán que terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino, desde o BNG de Xinzo da Limia imos desenrolar unha campaña activa convidando aos pais e nais a marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria). A mesma desenrolarase segundo o seguinte programa:

  • Concentración e reparto de trípticos, con lectura dun manifesto e textos de autores galegos, o sábado, 13 de xuño, ás 19:00h, na Praza de San Roque de Xinzo.
  • Reparto de trípticos informativos nos centros de ensino de Xinzo, o luns, 15 de xuño.

Referencias:

26/02/2009

Gz’09 Acto Político peche de Campaña

20090225-acto-peche-xinzo

Para pechar a campaña das Eleccións ao Parlamento de Galiza do 1 de marzo celebraremos un Acto Político aberto a todos os veciños de Xinzo o día 27, ás 12:00h, no Hotel Xinzo. Contaremos coa presenza do noso cabeza de lista, Alfredo Suárez Canal, e tamén falarán Alba Feixóo, candidata nº10, e Amador Díaz, portavoz municipal.

Ao remate realizaremos un percorrido pola feira para repartir propanda electoral.

 Filed under: Axenda
17/02/2009

Gz’09 Axenda de actos electorais do BNG de Xinzo

No pdf adxunto tedes o calendario de actos programados polo BNG de Xinzo para o desenrolo da campaña electoral das Eleccións Nacionais ao Parlamento de Galiza do vindeiro 1 de marzo. Na web electoral do BNG podedes estar ao día dos actos nacionais.

 Filed under: Axenda,En destaque

Asina o Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o Galego

20090217-manifestoconvivencia

As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

  1. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.
  2. A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.
  3. Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.
  4. O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.
  5. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.
  6. Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.

Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

Apoia o Manifesto coa túa sinatura

 Filed under: En destaque
14/01/2009

Acto Político do BNG

Venres, 16 de xaneiro, ás 20:30h na Casa da Cultura de Xinzo

INTERVIRÁN:

AMADOR DÍAZ, Concelleiro. Portavoz do BNG de Xinzo.
ALBA FEIXOÓ, Responsábel de Galiza Nova.
ALFREDO S. CANAL, Conselleiro do Medio Rural. Cabeza de lista por Ourense.
ANXO QUINTANA, Vicepresidente. Portavoz Nacional. Candidato á Presidencia da Xunta de Galiza.

Fotos no flickr

Referencias:

 Filed under: Axenda
Páxinas: 1 2 3 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,203 segundos | Powered by WordPress