#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

09/04/2012

O BNG esíxelle a Antonio Pérez unha aposta clara polo Conservatorio Municipal de Xinzo

O grupo municipal do BNG esíxelles ao Alcalde, Antonio Pérez, e ao goberno do Partido Popular, eficacia para garantir o futuro do Grao Medio no Conservatorio municipal.

Xinzo da Limia, 9 de abril de 2012. Desde o BNG de Xinzo queremos pór de manifesto a nosa preocupación diante do futuro do Grao Medio no Conservatorio Profesional de Música do noso concello. Son moitas as queixas presentadas na nosa Oficina de Atención ao Cidadán por alumnas e alumnos, familias e profesorado pola insistencia do alcalde do PP, Antonio Pérez, en que cabe a posibilidade de anular dito nivel de ensino do que, a día de hoxe, se están a beneficiar máis de 70 mozas e mozos, tanto deste Concello como doutros limítrofes. Ademais constitúe unha garantía de futuro para o alumnado que hoxe está a cursar o Grao Elemental, que de non manterse este nivel, tería a obriga de desprazarse a Ourense para recibir as clases correspondentes.

Hai que recordar que esta situación de incertidume xa se viviu no pasado, cando a inexistencia dun edificio propio para estes estudos facía perigar constantemente a continuidade do Grao Medio. Despois dun polémico proceso de construción dun novo centro, finalmente contamos con esta infraestrutura, polo que é ilóxico e surrealista que se estea pensando en suprimir un servizo con tantos anos de traballo e esforzo por parte tanto do profesorado, do alumnado e de boa parte da sociedade limiá no seu conxunto, e que sitúa a este centro como un referente académico da provincia.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG vén de presentar un escrito ante o Concello, esixindo ao alcalde que se adopten as medidas necesarias para garantir os niveis académicos actuais. De non satisfacerse esta demanda social este grupo porá en marcha unha serie de iniciativas cidadás para denunciar esta situación froito do desgoberno, o desinterese e a falla de previsión do PP.

15/12/2011

O BNG esíxelle á Xunta do PP a continuidade do servizo “Preescolar na Casa”

O BNG de Xinzo non entende como se pode deixar esmorecer un programa vertebrador como “Preescolar na Casa” que leva presenza e vida ao rural, en grave perigo demográfico, e potencia o desenvolvemento das comunidades locais.

Xinzo da Limia, 15 de decembro de 2011. Despois de trinta e catro anos de historia nos que moitas familias do concello de Xinzo se beneficiaron e benefician (42 neste curso) do servizo, o programa de educación “Preescolar na Casa” está en serio perigo. Os cartos públicos aportados pola Administración autonómica vense diminuídos ata o extremo de que compromete a súa continuidade.

Este programa está vivo porque medra día a día coa achega dos nenos, familias e profesionais. Cántase, xógase e apréndense recursos propios da vida. Permite gozar da crianza dos cativos ao mesmo tempo que se educan. Sempre se fala da importancia da familia e da educación, mesmo os políticos poñen especial énfase cando a vinculan ao éxito das persoas a ao futuro das sociedades.

No noso concello moitas nais e pais participando en “Preescolar na Casa” aprenderon a implicarse máis na educación das nenas e nenos, dándolles a seguridade que todo ser humano precisa para medrar e enriquecerse como persoa. Non queremos que se produza a morte lenta dun programa que preserva os valores básicos da vida, da sociedade e da nosa terra. Non se pode mutilar un proxecto que acada todos os obxectivos marcados, que aposta pola cultura propia, polo noso idioma e que leva presenza e vida ao rural galego potenciando o desenvolvemento das comunidades locais.

O BNG convida ao resto de grupos a unirse á iniciativa

Por todo o explicado, o grupo municipal do BNG ven de presentar esta mañá unha moción para esixirlle ao goberno do PP na Xunta de Galiza que garanta a continuidade deste servizo, ao tempo que convidamos ao resto de grupos con representación no Concello a sumarse a esta iniciativa.

Unha vez máis a “austeridade” derrochadora do PP non pode ser a escusa para eliminar un servizo público básico que aposta pola educación, a cultura e o idioma do país.

23/05/2010

O que vai supoñer o decretazo do PP contra o galego

20100523-capa

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ven de publicar este díptico informativo con formato de banda deseñada no que desmonta unha por unha as falacias e mentiras do presidente da xunta, Núñez Feijóo, que o pasado xoves 20 de maio (tres días despois da Histórica Manifestación no Obradoiro) perpetrou o maior atentado da historia da democracia contra a nosa identidade como pobo.

 Filed under: En destaque
10/05/2010

Festival das Letras Galegas 2010

20100510-cartaz-festival-letras-2010-p

venres, 14-maio 22:00h Praza de San Roque.XINZO

Roberto Sobrado Band [www.myspace.com/robertosobrado]

sábado, 15-maio 20:00h Praza de San Roque.XINZO

Vichelocrego [www.myspace.com/vichelocrego]

*** o sábado sortearemos un lote de libros formado por obras de Uxío Novoneyra ***

Comprometidos coa Limia!!!

 Filed under: Axenda
26/11/2009

Presentación da proposta do BNG para a recuperación do Mosteiro de Trandeiras

20091126-capa

Após longos anos de desleixo gobernativo xa é tempo de rescatar o espazo arquitectónico máis senlleiro do noso concello e no BNG estamos a traballar para acadar este obxectivo. Por iso, convidámosvos ao Acto de Presentación da Proposta do BNG para a Recuperación do Mosteiro de Trandeiras que celebraremos o vindeiro 28 de novembro, ás 12 da mañá, no Claustro do propio Mosteiro.

A nosa intención última é lanzar unha chamada de atención á sociedade limiá pola situación de histórico esquecemento, ao tempo que ofrecemos unha solución viábel de recuperación e posta en valor deste conxunto encadrándoo, como peza angular, nun proxecto máis amplo de difusión e aproveitamento do potencial turístico da comarca.

 Filed under: Axenda,En destaque
10/10/2009

Manifestación 18 de outubro. Queremos galego!

20091010_capa

Por vez primeira en toda a historia da autonomía, o Goberno galego non só non está a defender a nosa lingua propia, senón que encabeza o ataque contra o seu uso nos diferentes ámbitos.

O (des)goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo é o primeiro destes 30 anos de democracia que non respecta a obriga estatutaria de promover e potenciar o uso da lingua propia do país e garantir os seus usos oficiais.

Todas e cada unha das medidas gobernamentais executadas ou anunciadas nestes meses no ámbito da lingua teñen ido dirixidas a anular medidas positivas para o noso idioma e os dereitos lingüísticos que nos asisten ou frear proxectos destinados a tales fins. Algúns exemplos son o anuncio de derrogación do decreto do 50% de ensino en galego (coa mal chamada “consulta” ás familias e todo o seu ronsel de irregularidades); a supresión das axudas á tradución de libros para o noso idioma; ou a contrarreforma da Lei da Función Pública, só para que o galego non sexa igual de necesario que o castelán para acceder a un posto de traballo na administración galega.

Por sorte, existe en Galiza un amplo corpo social que quere o galego e está disposto a responder na súa defensa. A esta base social que entende a nosa lingua como algo de seu, heteroxénea na súa composición e mesmo na súa práctica lingüística habitual, é que nos diriximos desde a Plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO: unha iniciativa conformada por entidades sociais de diversa tipoloxía e persoas a título individual que nace coa vontade de ser o espazo común no que converxan as diferentes sensibilidades e colectivos cidadáns que defende o galego.

Acude á manifestación que sairá da Alameda de Santiago de Compostela o domingo 18 de outubro ás 12 da mañá.

Axenda Xinzo

Luns, 12 de outubro, reparto de información na Praza Maior ás 11:30h.

AUTOBÚS GRATIS DENDE XINZO PARA IR O 18 A SANTIAGO
Para podermos organizar convenientemente o servizo de autobuses, pregóche que de estar interesado en utilizalo, chames antes da cuarta-feira (mércores) a Xosé-Lois Carreira (639816003)

 Filed under: Axenda
18/08/2009

O BNG de Xinzo propón medidas para compatibilizar o ocio nocturno da nosa mocidade cos dereitos do resto de veciñas e veciños

20090818-capa

En datas recentes, asociacións veciñais de Xinzo veñen de dirixirse á Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG para poñer no noso coñecemento o malestar orixinado pola diaria e continuada situación de desprotección e merma no benestar e na calidade de vida que están a padecer, co agravante do período estival, propiciados polo exceso de ruído nocturno, incumprimento reiterado do nivel de decibelios e horarios de peche permitidos aos bares e pubs das “zonas de marcha”, ademais dos improvisados e habituais botellóns e do vandalismo de intensidade severa que xeran estes entornos. Entendemos que, a día de hoxe, o noso Concello conta co amparo legal necesario para atallar esta problemática xa que, á normativa xeral existente ven de engadirse hai pouco tempo a “Ordenanza de boas prácticas veciñais e seguranza cidadá”.

A devandita ordenanza pon nas mans do Concello un instrumento para atallar as condutas incívicas denunciadas polos veciños, polo que non entendemos as evasivas que reciben por parte do goberno municipal eludindo reiterada e descaradamente a súa responsabilidade con argumentos peregrinos como “non temos constancia”, “non é nosa competencia” ou “reclamen vostedes na Subdelegación do Goberno”.

Non é intención do BNG criminalizar os hábitos de diversión da nosa xuventude, nin poñer innecesarios atrancos ao tecido empresarial relacionado co sector, mais coidamos que é preciso garantir a convivencia entre todos, en particular, o dereito ao descanso dos cidadáns, a limpeza dos espazos públicos e a erradicación de comportamentos incívicos. Neste senso o ponto de encontro debe atoparse necesariamente na regulamentación vixente, nomeadamente nas ordenanzas en vigor, por isto consideramos unha obriga e unha responsabilidade do Concello dar resposta aos problemas que se derivan da aglomeración e concentración de centos de persoas nas zonas de ocio nocturno da nosa vila.

Co obxectivo de axudar ao grupo de goberno “popular” nesta laboura, vimos de presentar unha Moción na que propoñemos diversas medidas preventivas (campañas de formación e educación, ofertas alternativas de ocio, etc.) e paliativas (reforzo ocasional das plantillas municipais da Policía Local e das Brigadas de Limpeza) encamiñadas a garantir a convivencia, compatibilizando o ocio nocturno da nosa mocidade cos dereitos do resto de veciñas e veciños. Estamos plenamente convencidos que do respecto mútuo sairemos todos beneficiados e contribuiremos a facer unha sociedade máis humana e solidaria.

Referencias:

Actualización (quinta-feira, 27 de agosto)

No Pleno ordinario do Concello celebrado hoxe aprobouse por unanimidade esta moción presentada polo BNG. Grazas ao resto dos grupos polo seu apoio e agora só resta que o Alcalde e o seu grupo de goberno poñan en práctica os acordos.

04/08/2009

O BNG rexistra un escrito no Concello demandando o arranxo inmediato do cruceiro de Paredes

20090804-capa

O pequeno Cruceiro de Paredes, que se atopa ubicado á entrada do pobo, presenta a día de hoxe un estado ruinoso, reducido a cascallo logo de ser derrubado polo impacto dun automóbil no verán do ano pasado.

Para o BNG resulta incríbel que, na mesma semana das festas patronais, e despois de máis dun ano do seu derrubo, este elemento do Patrimonio Cultural e Etnográfico do Concello continue nunha situación lamentábel de abandono sistemático e non fora obxecto de ningunha actuación conducente á súa rehabilitación e volta ao estado orixinal.

O desleixo que este tipo de actuacións deixa entrever na xestión municipal non pode ser xustificábel e unicamente se explica coa acostumada falla de interese, ilusión e compromiso coa cultura popular da Comarca da Limia que historicamente amosa o goberno municipal do PP.

É por todo elo que o BNG ven de rexistrar un escrito no Concello esixindo o seu inmediato arranxo ao tempo que demandamos responsabilidade, tanto ao Alcalde como ao Concelleiro de Cultura, na protección, conservación e posta en valor dos bens culturais do noso concello.

Referencias:

Actualización (segunda-feira, 10 de agosto):

O cruceiro xa está arranxado, tardaron un ano e precisaron un pouco de “axuda” mais ao final conquerímolo. Parabéns aos viciños de Paredes e boas festas!

Páxinas: 1 2 3 4 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,201 segundos | Powered by WordPress