#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

09/07/2011

O PP comprométese a despedir de xeito “tranquilo e sosegado” ao 40% da plantilla municipal

20110709-capa

Da intervención do alcalde, Antonio Pérez, no primeiro Pleno da lexislatura despréndese o compromiso expresado de aplicación “sosegada e tranquila” da RPT, que afectará a preto de 50 traballadores municipais.

Xinzo da Limia, 9 de xullo de 2011. Na sesión plenaria celebrada onte venres, 8 de xullo, puidemos comprobar como era novamente rexeitada a proposta do BNG de redución nun 50% das dietas por asistencia aos distintos órganos de goberno, pasándoas dos 150€ actuais a 75€, e isto a pesar das reiteradas peticións de cordura, axuste e aforro en tempos de crise do noso portavoz municipal, Amador Díaz, diante da actitude irresponsábel do actual alcalde do PP, Antonio Pérez, ao manter estes cuantiosos emolumentos, obviando mesmo as directrices do seu Presidente Nacional, Mariano Rajoy, de redución dun 50% do gasto corrente municipal.

Sen embargo, ao fío da creación dunha adicación exclusiva para a área de Relacións Institucionais, Comunicación e Persoal, o Sr. Alcalde fixo o anuncio relevante da xornada ao comprometerse coa aplicación inmediata da coñecida Relación de Postos de Traballo (RPT), que cifra en preto de 50 os traballadores en exceso no Concello de Xinzo, aínda sen contar con encontro sectorial ningún, nin coa Mesa de Contratación, nin coa forza sindical maioritaria.

O BNG solicitará medidas urxentes de axuste e aforro

A política inmediata do BNG irá encamiñada a facer “baixar da burra” ao actual alcalde, no senso de que “non se pode gastar máis do que se ten” e, mentres existan duplicidades de gasto polos mesmos servizos que fan brigadas municipais e empresas privadas, sobrevaloración ficticia das obras adxudicadas “a dedo” polo goberno, adicacións exclusivas virtuais e inxustificadas, e dietas desorbitadas estaremos condenados á bancarrota e non poderemos ofertar á veciñanza uns servizos municipais de calidade acordes cos gravames e taxas que abonan. Por isto, o BNG activará nas vindeiras semanas distintas iniciativas específicas para que o alcalde entre en razón e axuste o cinto como o resto dos mortais.

Festas de Sta. Mariña

Así mesmo, Amador Díaz resalta que o feito de desviar 50.000€ destinados ao sistema de climatización, distintas melloras e ampliación da Galescola para a organización das festas patronais pon de manifesto a situación de total improvisación coa que se abordan todas as cuestións municipais e certifica que o Sr. Alcalde, a unha semana vista nin ten programa, nin proxecto lúdico, nin nada que se lle pareza e moito menos pode garantir un servizo de gardería infantil moderno, digno e acorde a gran demanda que Xinzo ten.

15/06/2010

O BNG denuncia a descomposición do goberno do PP reflectida nos orzamentos de 2010

20100615-capa

Sobre un total de 6.270.000€, a gastos de persoal adícanse 3.906.561€ acadando un novo record xa que se levan o 62,31% do orzamento. Esta partida medrou en 1,7M€ desde o 2005, é dicir, case 30 puntos porcentuais. Pola contra, para investimentos resérvase unha cantidade ridícula de tan só 421.000€, o 6,72%, se nos gastos de persoal tocamos teito aquí tocamos fondo, e deste gasto miserento en obras recibimos 32.100€ da Deputación, que tanto axuda aos concellos, e 0,00€ da Xunta. Xa nin se molestan en disimular. O Alcalde, Isaac Vila, anunciou moreas de cartos que ten negociados e apalabrados coa propia Xunta, máis foron simplemente anuncios, propaganda, que xa veremos se se concreta en algo.

Ademais, temos que atender un “Plan de Saneamento” pola mala xestión do Sr. Vila e do seu grupo de goberno e temos unha débeda cos bancos próxima aos catro millóns de euros, sen que os veciños saiban moi ben en que se leva gastado tanto diñeiro. Aumentan os ingresos por impostos directos, indirectos e taxas. Desde que Isaac Vila retomou o control deste concello incrementou, coa colaboración dos seus concelleiros, a presión fiscal sobre os veciños de xeito que este ano prevé recadar por estes tres conceptos 3.700.000€, é dicir, 1.350.000€ máis ca no 2005. Este é o balance resumido da súa xestión: aumento da recadación para poder pagar os soldos dos traballadores e que empresas privadas fagan lucrativos negocios a costa dos petos das veciñas e dos veciños.

Xinzo non merece este desgoberno, división, descoordinación, falla de acordos. DESPILFARRO SIN CONTROL. Os concelleiros en vez de traballar con eficacia e apurando ao máximo os custes andan á greña a plena luz do día. Xinzo non merece o lamentábel espectáculo que está dando o PP cun concelleiro, que non quere ninguén, descompondo o goberno e por extensión a estabilidade de Xinzo. Rúas urbanas convertidas en pistas forestais, o Parque do Toural nunha situación lamentábel, as piscinas sen rematar igual que fai 30 anos, o rural desatendido e desaparecido, a vila sucia e as brigadas municipais sen medios, descoordinadas e infravaloradas mentres unha empresa privada cobra máis de 40mil€/ano para manter os parques, a taxa de saneamento e depuración máis cara de Galiza, a Deputación desfacendo un monte, ilegalmente, sen licenza, sen informes de impacto, pisoteando os dereitos dos veciños por unha subvención multimillonaria.

O PP, coma decote, aproba un orzamento sen fin, sen obxectivo, sen acción política, sen unha misión clara para Xinzo a non ser a de cadrar unhas contas que ben podía facelo unha xestoría. E só cadrando contas non se fai unha vila, só cadrando contas non se levanta un pobo e máis nos tempos que corren, só cadrando contas nunca se porá a Xinzo como capital real da Comarca da Limia. Un líder verdadeiro nunca aprobaría un orzamento cunha inversión real inferior ao 7%, e isto é o que hoxe máis que nunca precisa Xinzo, un novo líder que non lle minta á xente e non estea disposto a comerciar á baixa co futuro e dignidade do seu pobo.

O PP rexeita unha moción do BNG para rebaixar as dietas

Neste pleno tamén presentamos unha moción de urxencia instando ao Alcalde a aplicar as recomendacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en canto á redución dos importes recibidos por adicacións exclusivas, asistencias a órganos corporativos e dietas.

No BNG propoñiamos aplicar a redución máxima dun 15% que, sin representar un aforro considerable, nin ser unha panacea para a situación das arcas municipais, si ofrecía unha mensaxe de solidariedade en tempos de crise. O PP demostrou, unha vez máis, que non está pola laboura de ver mermados os ingresos dos seus representantes institucionais e logo de aceptar a urxencia a moción foi debatida e finalmente rexeitada pola maioría de votos dos ‘populares’ de Xinzo.

23/04/2008

O BNG denuncia que o grupo de goberno asígnase un “soldo fixo camuflado” nos orzamentos do 2008

No Pleno de mañá xoves o Alcalde, Isaac Vila, e o grupo de goberno do PP pretenden aprobar un incremento nas retribucións para altos cargos que pasarían de 90€ a 150€ (300€ no caso do Tenente de Alcalde) por asistencia a órgano colexiado (xuntas, comisións e plenos). Isto, na práctica, supón a asignación dun “soldo mensual encuberto” para os concelleiros que integran a Xunta de Goberno Local. Segundo os noso cálculos, baseados no número de reunións que se celebran mensualmente, suporá para os veciños e veciñas de Xinzo un desembolso mensual de 3.750€, dos cales 1.500€ corresponderán ao Tenente de Alcalde e 750€ a cada un do resto de concelleiros integrantes da Xunta de Goberno. A estas cuantías hai que sumar as asistencias a Comisións Informativas, Plenos e Xuntas de Portavoces que poden supoñer uns 200€ mensuais adicionais de media.

Nota: Na comunicación orixinal que se distribuiu por email figuraba que o anterior importe que se cobraba por asistencia a órgano corporativo era de 60€ cando en realidade son 90€. Lamentamos e pedimos disculpas por este erro que xa foi corrixido no documento que acompaña a esta entrada.

Referencias:

17/07/2007

O BNG rexeita a adicación exclusiva da Concelleira de Deportes e Xuventude e denuncia o feito de que as candidaturas do PP non lle saen gratis aos veciños de Xinzo

No pleno do día 16 de xuño o grupo de goberno do PP aprobou a adicación exclusiva total para Xiana Carrera, concelleira de Deportes e Xuventude. As razóns aducidas para xustificar esta adicación son o presunto interese por “dotar dun novo pulo” a esta área. En primeiro lugar queremos deixar claro que no BNG non estamos en contra, por definición, das adicacións exclusivas, todo o contrario, pensamos que un concello das dimensións do de Xinzo precisa dunha dirección política permanente na figura do seu alcalde ou incluso dalgún outro concelleiro do grupo de goberno; mais, neste caso, temos que dicir que nos parece totalmente arbitraria e inxustificada. A área de deportes e xuventude ocupaba un lugar secundario no programa electoral co que os populares se apresentaron ás eleccións do 2007 e non recollía ningunha medida inédita con respecto ao que xa nos ofreceran no 2003, así que, en todo caso, este repentino interés polos deportes e a xuventude é demasiado recente como para resultar crible.

A realidade que se agocha detrás desta fachada formal constitúe un capítulo máis da ben coñecida política de D. Isaac Vila de pago de favores á costa do orzamento municipal xa que Xiana Carrera é a única integrante do equipo de goberno que non conta neste intre con ningunha outra actividade remunerada. O custo anual que terá que soportar o concello por esta adicación achégase aos 33.500€, dende o grupo de goberno aseguran que este gasto será compensado polo feito de que a nova concelleira realizará funcións de monitora deportiva e, de feito, figuraba no número 3 da lista de contratación para este posto no período 2006-07. Para nós isto, lonxe de ser un atenuante, representa un feito totalmente escandaloso. Con este precedente dende o PP veñen de incorporar unha nova forma de acceder á función pública no Concello de Xinzo, aos coñecidos concursos-oposición e á inclusión nas listas temporais de contratación podemos engadir unha nova vía: apresentarse en postos de saída nas candidaturas electorais do PP.

Referencias:

 Filed under: Sala de imprensa

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

200 queries - 0,240 segundos | Powered by WordPress