#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

11/06/2011

Malas expectativas para os veciños e veciñas de Xinzo

20110611-capa

Na toma de posesión do novo alcalde viviuse un feito insólito e bochornoso na historia democrática do Concello de Xinzo. Logo de ser nomeado, o candidato do PP, Antonio Pérez, dirixiu un patético discurso aos congregados na sala no que non anunciou nin unha sola medida de goberno, nin deu a máis lixeira pincelada de por onde ten pensado que discorra a vida municipal nos vindeiros catro anos. Mais ben ao contrario, Antonio Pérez, un señor sen proxecto, movido pola súa mala conciencia e facendo bo o dito latino do “excusatio non petita, acusatio manifesta” o único que aproveitou foi para atacar á oposición e tentar xustificar as súas propias carencias democráticas internas como cabeza de lista dunha candidatura devaluada, de terceira división, cun partido roto en anacos como así o atestigua a propia composición da nova corporación.

No BNG, como líderes da oposición, faremos unha laboura intensa encamiñada a defender aos veciños e veciñas de Xinzo, non aos censados de última hora que logo de apoiar ao candidato popular marcharán de novo para os seus concellos e vixiaremos moi de preto as accións do goberno para denunciar as desfeitas, que seguramente se van producir, e tentar paliar na medida das nosas posibilidades as consecuencias das mesmas, como fixemos nos pasados catro anos.

16/05/2011

O BNG denuncia que Baltar quere mercar con diñeiro negro os votos dos cidadáns de Morgade

20110516-capa

O candidato do PP, Antonio Pérez, e o Presidente da Deputación, Baltar Pumar, tentan mercar aos veciños e veciñas de Morgade con 3000 euros en metálico.

Xinzo da Limia, 16 de maio de 2011. As artimañas, manobras suxas e chanchullos varios que estamos a ver durante esta campaña electoral no concello de Xinzo superan con creces todo o que viña sendo tradicional no PP. Ás coñecidas prácticas de compra individual de vontades con promesas de postos de traballo, ás ameazas a empresarios da vila con quedarse fóra do “pastel” se non se postulan abertamente a prol do candidato “popular”, e outras, engadiuse nos últimos días unha nova e insólita “técnica” impropia dunha sociedade democrática e que deixa ben ás claras a catadura moral destes individuos que aspiran a ocupar, que non gobernar, respectivamente Concello e Deputación. Este domingo a “caravana popular” estivo a pasear a Baltar, o vello, por varios pobos do concello de Xinzo nos que “aproveitou” para ameazar aos veciños e veciñas asegurando que, se gañaba Amador a alcaldía, tería pechadas as portas da Deputación. Mais a guinda púxoa no pobo de Morgade onde un veciño, logo de escoitar pacientemente a perorata de medidas baleiras e promesas que nunca pensan cumprir tanto de Baltar coma de Chavelleiro, lembroulle ao Presidente en funcións que todo iso estaba moi ben, mais levaban reclamando un equipo de aire acondicionado para o local social do pobo dende había anos, que xa llo prometeran varias veces e que aínda estaban a agardar por el. Diante deste “desplante” un arroutado Baltar, logo de proclamar que “a el ningún pedáneo o deixaba quedar mal”, dirixiuse resoltamente cara o maleteiro do seu Audi e tirouse de fato de billetes que foi poñendo un sobre outro por riba da mesa ata completar 3000 eurazos “del ala”, diante do pasmo dos presentes que ollaban entre sorprendidos e divertidos a operación preguntándose se acababan de asistir a un mitín do PP ou ao reparto dunha pedrea dos nenos de San Ildefonso. A dúbida que se lles plantexa agora aos veciños é a quen apoñerlle este diñeiro recibido “en negro”, se a unha subvención da Deputación ou a unha “donación particular” do propio Baltar Pumar.

A desesperación coa que os “populares” están a encarar a recta final desta campaña evidencia que ven máis preto ca nunca a perda respectivamente do Concello de Xinzo e da Deputación e calquera cousa vale con tal de seguir chuchando do erario público para manter o seu decimonónico aparato caciquil.

Desde o BNG tamén emprazamos ao Presidente da Xunta do PP, Núñez Feijoo, o home austero, a que avale este proceder dos seus correlixionarios ourensáns que cubican maleteiros de Audi con billetes de cincuenta euros e explique se esta é unha práctica habitual do seu partido en toda Galiza ou só se aplica no noso concello.

Manipulación do censo

Amador Díaz ven de recibir novas tarxetas censuais de “veciños pantasma” que conviven en domicilios de Xinzo sen coñecemento dos seus propietarios e moradores habituais. As mesmas serán remitidas á Fiscalía para continuar co procedemento iniciado hai uns días a instancia do BNG.

05/05/2011

O BNG non permitirá que o candidato do PP pague favores persoais cos cartos dos veciños e veciñas de Xinzo

20110505-capa

Antonio Pérez sáltase toda a legalidade vixente para consolidar nas súas prazas aos afíns que o apoiaron nas loitas polo poder dentro do PP local.

Xinzo da Limia, 5 de maio de 2011. Logo de que nas últimas datas viñeramos de recibir comunicacións de diferentes fontes alertándonos das prácticas fraudulentas, cando non claramente ilegais, que se estaban a levar por mandato directo e explícito do actual Alcalde e candidato do PP, Antonio Pérez, a gota que colmou o vaso e fixo saltar todas as alarmas foi un comentario publicado nunha web adicada a seguir a política municipal que nos merece a máis absoluta credibilidade porque só corrobora as informacións que xa coñeciamos:

“Soy una funcionaria del Ayuntamiento de Xinzo. Disculpad que no me exprese en gallego ya que mi dominio de éste es muy limitado. Puedo decir que dentro del cuadro laboral funcionario del concello tengo bastante antigüedad, sino la más antigua. Para sacar mi plaza de funcionaria tuve que pasar unha convocatoria pública con varias pruebas y concurso de méritos. Cosa que hoy no existe. Lo que el señor Antonio Pérez está haciendo a día de hoy en el ayuntamiento de Xinzo no tiene nombre. Está contratando a personas en fraude de ley, contra toda reglamentación de magistratura de trabajo, prorrogando contratos eventuales que superan tiempo permitido y, repito, en flagrante fraude de ley, contratos que al ser prorrogados adjudican al trabajador automaticamente la condición de funcionario sin ningún concurso ni oposición pública, simplemente a dedo. El último caso, según me comentan en el café de esta mañana compañeros del ayuntamiento es el de la señora de ****, de baja por maternidad y desde estos días nueva funcionaria del ayuntamiento. Esto no puede ser, no hay derecho y quiero denunciarlo en vuestro foro para que todo Xinzo sepa porque se dedican a la política estas personas” http://ir.gl/b2ff58

Os nosos peores temores estanse a confirmar e a xestión en materia de persoal, ao igual que en adxudicación de obra pública, do Sr. Pérez, non pensa nos intereses das veciñas e veciños de Xinzo se non que están claramente orientadas a pagar favores persoais e garantir lealdades de cara ás vindeiras eleccións do 22 de maio. Agora entendemos o interese do Sr. Pérez en contratar un avogado para a plantilla funcionarial do Concello, así mata dous paxaros dun tiro, crea unha nova praza para enchufar a algún achegado e de paso prepárase para un previsíbel incremento da conflitividade xudicial provocado pola súa neglixente actuación.

De pouco valeu o Pleno extraordinario celebrado no pasado mes de febreiro no que se solicitaba un cambio de rumbo na política de persoal. Antonio Pérez está a facer bo ao anterior alcalde e, se non se lle paran os pés nas urnas, leva camiño de converter ao noso Concello nunha Deputación II aplicando as políticas caciquís e de enchufismo do seu mentor político, o Sr. Baltar, a costa dos veciños e veciñas de Xinzo.

Como primeira medida o Grupo Municipal do BNG ven de rexistrar un escrito solicitando acceso a toda a información referente ás contratacións dos últimos meses para valorar as seguintes iniciativas a tomar.

28/04/2011

Programa de Goberno: 15 ideas forza para o futuro de Xinzo

20110428-capa

  1. Creación dun Servizo Municipal de Transporte Público.
  2. Recuperación integral do Mosteiro de Trandeiras.
  3. Remate e posta en funcionamento do Museo Galego do Entroido. Creación do Museo da Cultura Castrexa e da Romanización para a proxección da vila como xacemento arqueolóxico global.
  4. Redefinición e impulso do Proxecto Sectorial de ampliación do Polígono Industrial.
  5. Construción da Circunvalación Sur e elaboración dun Plan de Humanización da N525 e do núcleo histórico de Xinzo, con especial atención ao Barrio de Abaixo.
  6. Posta en marcha da Oficina Municipal de Promoción Económica.
  7. Revisión e actualización do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
  8. Elaboración dun Plan de viabilidade económica do concello que elimine gastos innecesarios e procure un incremento dos recursos orientados ao investimento.
  9. Construción dunha Cidade Deportiva encamiñada a fomentar o deporte de base e as Escolas Deportivas.
  10. Plan de Mellora das infraestruturas rurais con especial atención ás pistas de concentración, regadíos, depuradoras e fontes.
  11. Ampliación da Escola Infantil.
  12. Declaración do Río Limia como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e posta en marcha dun plan de recuperación integral da súa conca.
  13. Consolidación do Parque do Toural e creación dun Corredor Ambiental Toural-Río Limia.
  14. Creación dunha Residencia Xeriátrica Pública de carácter comarcal. Reactivación do Servizo municipal de comedor sobre rodas, mellora e incremento dos programas de Axuda no fogar.
  15. Creación da Casa da Muller.
 Filed under: En destaque
27/04/2011

Acto sectorial do BNG en Xinzo da Limia

Este mércores, 27 de abril, celebraremos un Acto sectorial do BNG en Xinzo da Limia coa presenza do Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez.

Axenda:

  • 11:00h, Estación Autobuses, Rolda de Prensa: Anuncio das principais medidas do Programa de Goberno do BNG de Xinzo relacionadas co sector comercio-servizos, como creación da Rede de Transporte Municipal, Circunvalación Sur e Humanización integral das avenidas da N-525.
  • 12:00h, Hotel Xinzo, Encontro Sectorial: Xuntanza informal cos principais axentes do eido comercial, empresarial e económico da vila.
  • 13:30h-14:00h, Xantar na Feira cos membros da candidatura, militantes, simpatizantes e público en xeral que desexe asistir.
 Filed under: Axenda
17/04/2011

Candidatura do BNG para as municipais do 22 de maio de 2011

20110417-capa

Candidatura do BNG ao Concello de Xinzo da Limia para as municipais do 22 de maio de 2011.

  1. Amador Díaz Penín. Técnico Agrícola. Empresario do Sector Servizos e Agropecuario.
  2. Manuel Pérez Campos. Estudos Empresariais. Xestor e Asesor de empresas.
  3. Lucía Nóvoa Joga. Licenciada en Psicopedagoxía. Educadora. Dinamizadora Sociocultural.
  4. Ramiro Rodríguez Suárez. Enxeñeiro Técnico Industrial. Informático. Músico.
  5. María do Carmen Cid Bolaño. Empresaria do Sector Agropecuario.
  6. Xosé-Lois Carreira López. Licenciado en Belas Artes. Artista plástico.
  7. Olga Opazo Otero. Axente Inmobiliario. Corredor de Seguros. Empresaria.
  8. Manuel Seoane Feijoó. Arquitecto. Director do Centro da Cultura Popular da Limia.
  9. Edelmiro Martínez Cerredelo. Licenciado en Xeografía e Historia. Historiador.
  10. María do Carmen Campos Feijoó. Funcionaria de Correos.
  11. Xosé Manuel Nieto Rodríguez. Diplomado en Maxisterio. Estudos Perito Agrícola.
  12. Xosé Manuel Cid Fernández. Catedrático de Ciencias da Educación.
  13. Alba María Feixóo López. Estudante de Dereito e Criminoloxía. Grao Medio de Piano.
  14. Marcos Camino Campos. Técnico de Automoción. Dinamizador Sociocultural.
  15. Ana Barxa Cid. Estudante de Arquitectura.
  16. Francisco Joga Camino. Técnico de Hostelería.
  17. Rosa Belén María Martínez. Administrativa.

SUPLENTES

  1. Manuel Conde Gómez. Funcionario do I.N.S.S.
  2. María Losada Cuquejo. Estudante de Bioloxía.
  3. Xosé Lois Castro Casas. Agricultor. Gandeiro.
  4. Juan Manuel Gómez Dorrio. Técnico Forestal.
  5. Eva Márquez Fernández. Arquitecto Técnico. Técnico en Prevención de Riscos Laborais.
  6. Rui Atanes Camilo. Técnico do Sector Transporte.
  7. Sheila Fernández Conde. Estudante.
  8. Francisco Javier Melio Martínez. Técnico de Mecánica Agraria.
  9. Víctor Rodríguez Avilés. Estudante de Filoloxía Galega. Músico.
  10. Rosa Gómez Rodríguez. Pensionista.
 Filed under: En destaque
15/04/2011

O BNG presenta a lista para as eleccións municipais do 22M

20110415-capa

Mañá, sábado 16, ás 20:00h, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Xinzo, o BNG presentará a lista coa que concorrerá as vindeiras eleccións municipais do 22 de maio.

No acto intervirán:
* Alba Mª Feixóo – Responsábel Local de Galiza Nova
* Lucía Nóvoa – Candidata nº3
* Francisco García – Alcalde de Allariz
* Xosé Manuel Pérez – Senador
* Amador Díaz – Candidato á Alcaldía

O cabeza de lista e candidato á Alcaldía, Amador Díaz, xunto co resto do equipo que o acompaña neste proxecto, convídante a coñecer as ideas que o BNG, coa túa FORZA, ten pensados para construírmos entre todos e todas o FUTURO do noso concello.

Acode, o teu apoio é IMPORTANTE!

 Filed under: Axenda,En destaque
02/04/2011

O BNG denuncia un clarísimo intento de alterar os resultados electorais mediante a manipulación do censo

20110402-capa

Unha atenta análise da evolución do censo de Xinzo nos últimos meses é suficiente para alertar ata ao máis incauto observador, mais sen outra proba documental a idea dunha posíbel manipulación intencionada non pasaría de ser unha razoábel sospeita. Por isto, a casualidade que fixo que, nesta ocasión contemos con probas tanxíbeis deste intento de manipulación fai que a denuncia do BNG sexa máis difícil de rebatir, o cal nos animou a chegar ata o final para darlle luz a esta suxa manobra do “candidato popular” e poñer toda a información nas mans da Fiscalía de Ourense. A continuación explicaremos o caso polo miúdo.

Nesta táboa pódese observar a evolución do Censo do Concello de Xinzo no último ano:

01-01-2010 01-12-2010 01-01-2011 01-02-2011
XINZO DA LIMIA 8.175 8.136 8.258 8.253
Fonte: Oficina do Censo Electoral

Nos once primeiros meses do ano 2010, prodúcense variacións mensuais no censo electoral que fan que pase dos 8.175 electores con dereito a voto a día 01/01/2010, aos 8.136 a día 01/12/2010, é dicir, de xaneiro a decembro, houbo un descenso de 39 electores con dereito a voto. Nestes once meses os movementos mensuais do censo en ningún caso superaron un diferencial positivo ou negativo, con respecto ao mes anterior, superior a 15. En contra desta tendencia, no último mes de 2010 prodúcense movementos no Censo Electoral do Concello de Xinzo da Limia que fan que pase dos 8.136 electores censados a día 01/12/2010 aos 8.258 electores a día 01/01/2011, o que supón un incremento de 122 cidadáns con dereito a voto.

Compre lembrar que o mes de decembro de 2010 era, en principio, o último mes para que os electores poideran darse de alta no censo electoral do concello no que desexaran exercer o seu dereito a voto nas eleccións municipais do vindeiro 22 de maio. Aínda que posteriormente este plazo ampliouse ao mes de xaneiro de 2011, cos datos recollidos no cadro adxunto, vese claramente que unha vez conseguido o obxectivo de incrementar de xeito artificial o censo electoral, no mes de xaneiro, este volve á tendencia habitual de descenso dos últimos 11 meses do ano 2010, apreciándose así mesmo un diferencial razonable de 5 con respecto ao mes anterior.

En definitiva, apreciase claramente a vontade do actual Alcalde de Xinzo, de incrementar de xeito presuntamente ilegal o censo electoral co obxectivo de manipular o resultado das vindeiras eleccións municipais.

Esta manipulación houbera sido máis dificilmente demostrábel de non darse a afortunada circunstancia de que as tarxetas censuais de cinco destes “novos veciños” foron caer nas mans dun sorprendido cidadán de Xinzo que non sospeitaba que estaban a convivir con el no seu domicilio. Este veciño, que axiña recoñeceu entre os seus pantasmais inquilinos a un ex-alto cargo de Fraga, Agustín Prado Verdeal, puxo inmediatamente os feitos en coñecemento do BNG consciente de que destapaba un clarísimo intento de alterar o resultado das vindeiras eleccións non por habitual e case tradicional dentro das prácticas “populares” menos grave e antidemocrático.

 Filed under: En destaque
Páxinas: 1 2 3 4 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,242 segundos | Powered by WordPress