#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

19/07/2011

O alcalde de Xinzo, cos nosos respectos, é de segunda… ou de terceira

Hoxe poidemos ler unha abraiante entrevista nun xornal de ámbito nacional co noso flamante e dicharacheiro alcalde na cal disertaba sobre varios temas da actualidade municipal e non deixaba títere con cabeza. Como se trata de temas de interese para as veciñas e veciños de Xinzo vémonos na obriga de facer un breve “repaso” puntualizando algunhas cuestións.

Antonio Pérez «Nós somos o PP e todo o que non estea aí chamarase doutro xeito. Gustaríame que quedara claro que non hai ruptura no PP.»

Trátase dunha lea interna, a nós danos o mesmo, mais, Sr. Pérez, por máis que repita vostede este mantra non se vai facer realidade e iso sabémolo todos. Empeza vostede mentindo en algo que é evidente para todo o mundo, así que… como imos fiarnos do que nos diga no resto das cuestións que o incumben?

A.P. «Prioridades: parque empresarial [...] N-525 e o río Limia, dúas asignaturas pendentes de toda a vida.»

Vostede o dixo: asignaturas pendentes de toda a vida, dos “gobernos” do PP de toda a vida, e como vostede é do PP de toda a vida, permítanos que non nos fagamos moitas ilusións, e se non, ao tempo.

A.P. «Determinados sectores e grupos políticos queren mesturar un prantexamento que fixo este grupo de goberno novo, dunha planta de reciclaxe, o que sería un segundo Sogama, e isto non ten nada que ver coa incineradora. Non ten nada que ver unha cousa con outra. Intentaremos traer esa planta de reciclaxe e poñela onde se poda instalar.»

Desde logo en Gudín xa non vai poder ser, o seu primeiro foguete saíulle pola culata e vergoñentamente non tivo o valor de ir explicar vostede mesmo o “proxecto” aos veciños aos que quince días antes adulaba e lles prometía o ouro e o mouro para conquerir o seu voto. Mais, por certo, cal planta de “reciclaxe” vai traer?, que xa non se aclara nin vostede, mestura a “Sogama 2″ que, resulta que non vai ser unha incineradora e que vai tratar o lixo exemplarmente, reciclando e todo o demáis, moi verde e moi ecolóxica pero que vostede agora non quere ver nin en pintura cando antes non lle facía ascos, con esta outra que vai facer, en teoría, o mesmo, pero que non ten nada que ver. Mire, este é o proxecto que vostede e o seu partido teñen para a Limia: convertirnos nun vertedoiro. Primeiro foi a ilegal, inútil e inviábel Planta de tratamento de Refugallos en Morgade, logo veu a Planta de Depuración de Lodos, que viña para Xinzo e a última hora foi para Sandiás, pero está en Xinzo, despois a Incineradora e agora esta nova Planta de Refugallos que lle querían “empaquetar” aos veciños de Gudín, coas consecuencias que todos coñecemos.

A.P. «Por primeira vez Portos vai investir cartos nun cauce fluvial de interior [...] imos pór enriba da mesa da Confederación todos os estudos que nos piden para facer o porto. Pero Pérez Bouza, unha vez máis, quere falar como senador de A Limia e como non vive nela non se entera.»

Mire Sr.Pérez, quen non se entera é vostede e así nos vai aos veciños e veciñas de Xinzo. Como vostede saberá o “cachondeo” na vila é xeneralizado e a noticia foi portada ata en medios do resto do Estado, pero vostede teime e xogue ese papel de político incisivo e de discurso agresivo tan do gusto da neo-dereita populachera e jallejista.

E, por certo, Xosé Manuel Pérez é, por desgraza, o único senador que ten a Limia, malia que algún que lle deixou a vostede o sillón quente se sente tamén naquel organismo, e preguntou polo tema como pregunta, se interesa e reclama centos de temas de interese para Galiza e o que lle contestou o goberno é o que vostede xa sabe, si, vostede atribuirá todo á confabulación bipartito-masónica-zapateril orquestrada para ningunear e marxinar as súas iniciativas, pero as cousas son como son, non hai informes, non hai “vistobueno”, xa sabemos que a vostedes, acostumados á chapuza sistémica, ao chanchullo paliativo e a resolver todo en “petit comité” chirríanlles estes incómodos tecnicismos, mais así lles funciona a administración.

A.P. «¿Subirán impostos ata o 2013? -Polo de agora en Xinzo de Limia non temos intención de subir imposto algún.»

Home, Sr. Antonio Pérez, non nos faga rir, para unhas cousas é vostede tan directo e tan incisivo e para outras agóchase nas trampas da linguaxe. Mire, vostede subiu os impostos (IBI) hai cinco meses, e vostede vai subir os impostos novamente o ano que ven, e o seguinte. É vostede moi amigo deste tipo de falacias verbais, como cando lle preguntaban en pleno se había en curso algún proceso de contratación de persoal e vostede dicía “neste momento non”, claro, nese preciso e exacto momento non, pero aos cinco minutos si. Xa está ben, suba os impostos se quere pero non nos tome o pelo, Sr. Pérez.

A.P. «A reforma de Trandeiras debería terse feito en tempos de bonanza»

Nos tempos de bonanza do Sr. Vila, que tan amábelmente lle cedeu a alcaldía hai nove meses. Roma non paga a traidores. Na bonanza prometida polo Sr. Feijoo, presidente da Xunta do PP, que ía rematar ca crise en mes e medio.

A.P. «Vilar de Santos xoga noutra división. O seu alcalde, fixo un brindis ó sol ofrecendo terreos para a empresa Xero. O polígono de Vilar de Santos, con todos os meus respectos, é de segunda»

Noraboa, Sr. Pérez, vai vostede facendo amigos por onde pasa. Mire, é certo que Vilar de Santos xoga noutra división, dende hai moitos anos, eles están en primeira e nós en terceira rexional. Teñen un polígono rematado e operativo dende moito antes que o noso, agora teñen chan clasificado, urbanizado e listo para ocupar mañá, ademais con capacidade de ampliación. Non teñen unha mellor conexión coa A52 porque vostedes se encargaron de boicoteala no seu momento para despois darnos a razón ao recoñecer que Xinzo precisa esa circunvalación que nós reclamamos. Quen fai “brindis ao sol” é vostede, o seu mentor, Sr. Baltar, e o PP, que lle ofrecen unha chapuza á empresa Xero en vísperas electorais consistente na expropiación, clasificación, urbanización e posta a disposición en tempo record de chan industrial nun concello do seu (do seu do PP, digo) interese, no que non había NADA, nin de primeira, nin de segunda nin de NADA. Por certo, o mesmo que nos pasa a nós coa célebre CICAT, que xa presentaron tamén dúas ou tres veces, que lle ían urbanizar unha nova fase no parque empresarial, que era todo inminente… e aínda estamos agardando.

A.P. «A Universidade, por encargo noso, fixo un RTP. En principio van adaptarnos xente que temos a eses postos. Se non, haberá que reducir. Pero polo que sei, non sei se sobraban 5 ou 7 persoas. De momento non hai nada e será unha decisión que non vou tomar só.»

E logo, Sr. Alcalde, dille aos outros que “non se enteran” e vostede leva catro anos e pico aí metido e aínda non leu a famosa RPT. Sr. Pérez, engana vostede novamente e toma por parvos aos veciños. A RPT di que chegan 84 traballadores no Concello, nos últimos orzamentos aprobou vostede un anexo de persoal con 132 prazas… faga a conta, os seus estudos empresariais deberían axudalo. E non fale dela “en terceira persoa” como se a cousa non fora con vostede, a RPT tiña que aplicala o seu precedesor e non o fixo así que o morto pende agora sobre a súa cabeza.

 Filed under: En destaque
30/04/2010

O Alcalde acepta a proposta do BNG para crear un área de Estacionamento para vehículos pesados

No Pleno ordinario de onte o Alcalde aceptou estudar en Comisión a idea proposta polo BNG de crear un Área de Estacionamento e Descanso para o sector do transporte con todas as garantías de seguridade: control de acceso, tele-vixilancia, etc.

Despois de asistir ao segundo roubo dunha cabeza tractora en similares circunstancias nos últimos anos, cómpre ofrecer unha solución que, como xa recolliamos no noso programa electoral do 2007, pasa pola creación desta zona de descanso.

Outra consecuencia positiva sería a mellora no ordenamento urbano ao eliminar os vehículos pesados que a cotío empregan algunhas rúas da vila como aparcadoiro improvisado. Na nosa moción tamén propoñemos abordar unha restruturación da Policía Local para artellar un turno de noite permanente que redundaría en máis seguridade para todas as veciñas e veciños de Xinzo.

Ordenanzas de Axuda no Fogar e Plan de Encauzamento do Limia

Aprobaronse as novas ordenanzas que regulan o funcionamento do servizo de Axuda no Fogar e as taxas a aplicar, así como o Plan de Encauzamento. Para o BNG a existencia deste plan está máis que xustificada e ven avalado polos informes dos técnicos do Concello e da Confederación Hidrográfica. En todo caso este plan non é un proxecto de execución e no BNG estaremos atentos para que a súa futura realización práctica se faga co mínimo impacto posíbel.

Planta de tratamento de refugallos da construción

A instalación desta infraestrutura nas imediacións de Morgade carece da máis mínima planificación e racionalidade e está chea de incógnitas e puntos escuros.  Xa o pasado 12 de abril o Portavoz Municipal do BNG presentaba un escrito solicitando acceso ao expediente municipal da citada obra, obtendo resultado negativo xa que no Concello non se tramitou ningunha licencia nin existía coñecemento sobre a actuación que ía ser executada.

Desde a alcaldía alúdese á suposta supramunicipalidade para xustificar este descoñecemento, mais isto xa é en si mesmo unha irregularidade porque o proxecto debía figurar en poder do Concello antes do inicio dos traballos.

O Grupo Municipal do BNG entende que esta instalación non cumpre os requisitos do Decreto 80/2000, da Xunta de Galiza, que regula os plans e proxectos de carácter supramunicipal polo que sería potestade e competencia do Concello outorgar ou denegar as correspondentes licencias de obra e de actividade.

Como solicitou o BNG o Alcalde debería decretar a paralización inmediata mentres non se aclarase a situación. Unha vez máis o grupo de goberno do PP fai deixadez absoluta de funcións e en vez de defender aos veciños diante da Xunta e da Deputación faino ao revés e procura xustificar as ocurrencias destas dúas administracións diante dos veciños. Especial mención pola súa incompetencia merece o responsábel de Medio Ambiente, Antonio Pérez Rodríguez, doblemente culposa xa que a súa condición de Deputado Provincial déixao sen nengunha excusa que xustifique o seu descoñecemento da situación.

17 de maio

A anécdota divertida do Pleno protagonizouna, unha vez máis, a Concelleira de Igualdade (e Deputada Nacional), Yolanda Díaz Lugilde, ao amosar as súas reticencias a unha proposta do PSdeG-PSOE que pedía o apoio dos grupos á declaración do día 17 de maio como “Día Internacional contra a Homofobia e a Transfobia”.

Díaz Lugilde, nunha exposición integramente en español, rexeitou a coincidencia co Día das Letras Galegas que podería eclipsar esta celebración, feito que foi denunciado polo noso Portavoz xa que “días das letras galegas deben ser todos e celébranse usando o galego, por exemplo nas intervencións neste pleno”.

Referencias:

23/12/2009

O BNG denuncia que o PP, tanto no Concello como na Xunta, incumpre os seus compromisos eleitorais para salvar Vidriera del Atlántico

O Responsábel Comarcal do BNG da Limia, Xosé Manuel Pérez Bouza, denuncia que “o PP incumpre claramente os compromisos que fixo durante a campaña electoral das eleccións autonómicas para salvar Vidriera del Atlántico, provocando coa súa inacción que a totalidade dos traballadores poidan perder os seus postos de traballo”.

Pérez Bouza lembra que “este comportamento contrasta co que tivo no seu día o BNG, que cando participaba do goberno da Xunta de Galiza, comprometérase co BA Glass, empresa propietaria de Vidriera del Atlantico, a iniciar de inmediato a ampliación dos terreos no Parque Empresarial, a achegar o gaseoducto até a fábrica e mesmo a estudar a posibilidade de outorgarlle unha axuda para o recambio do forno.

Sen embargo, o Responsábel Comarcal do BNG denuncia que “pasados xa seis meses dende que o PP está na Xunta de Galiza, non fixeron nada do comprometido por eles, nin lle deron continuidade ao feito polo BNG, contribuíndo decididamente coa súa desidia ao peche da fábrica”. Neste sentido, Xosé Manuel Pérez Bouza subliña que “o BNG acordou nunha recente xuntanza do seu Consello Comarcal, solidarizarse cos traballadores, porse a súa disposición, así como transmitirlle todo o seu apoio”.

Ademais, o máximo órgano de dirección do BNG na comarca esíxelle á Xunta de Galiza e á empresa que “fagan todos os esforzos posibeis e adopten con celeridade todas as medidas necesarias para que A Limia non perda esta importante empresa e con ela os seus postos de traballo”.

Por último, o Responsábel Comarcal do BNG denuncia que “Isaac Vila, tras recibir miles de euros de axudas públicas para por en marcha en 2001 a fábrica, fixo desde o inicio unha nefasta xestión de Vidriera del Atlantico o que tivo como consecuencia que a empresa entrara nunha situación de perdas continuadas. Esta situación deuse porque Vila nunca considerou a Vidriera del Atlantico como un proxecto empresarial forte e con futuro, xenerador de riqueza na comarca, senón que unicamente a utilizou con fins partidistas, aproveitando as espectativas de xeración de emprego como arma electoral”

02/12/2009

Concentración para esixir a apertura imediata da ITV

20091202-capa

O desleixo, abandono e caos reinantes na Xunta do PP abranguen a todas as materias e a todas as consellarías. Logo de máis de tres meses rematada e totalmente equipada a Estación da ITV que a anterior Consellaría de Industria, xestionada polo BNG, instalou no Parque Empresarial de Xinzo segue pechada porque lle falta un papel!!! A administración do Partido Popular e do incompetente Presidente Feijóo tardan máis en arranxar un papel que o que o BNG tardou en construila.

Para esixir que este servizo entre en funcionamento XA! celebraremos unha CONCENTRACIÓN-MANIFESTACIÓN con vehículos ás súas portas este sábado, 5 de decembro, ás 17:00h. Acode e trae o teu coche, trator, moto,…!!!

Referencias:

 Filed under: Axenda,En destaque
25/02/2009

O BNG pédelle á empresa e aos traballadores un esforzo extraordinario para acadar un acordo que remate co conflito laboral

Os nacionalistas consideramos importante para A Limia, que ‘Vidriera del Atlántico’ manteña a súa actividade na comarca.

Para o BNG, non hai dúbida de que ‘Vidriera del Atlántico’ é unha empresa importante para A Limia, polo que é fundamental que siga mantendo a súa actividade, que xenera máis de 160 postos de traballo na nosa comarca. E por iso que, desde o BNG, facemos un chamamento tanto aos responsables da empresa como aos representantes dos traballadores para que fagan un esforzo extraordinario, para poder chegar a un acordo satisfactorio para as dúas partes, que poña fin ao actual conflito laboral.

Así mesmo demandámoslle ao conxunto das administracións públicas que fagan todo o posible por que este conflito se poida solucionar, ademais de facilitar que a actividade da empresa poida continuar e non se poña en perigo os postos de traballo. Neste sentido desde o BNG, avaliamos positivamente o compromiso da Consellería de Innovación e Industria de facilitar a chegada da rede de gas ate o Polígono Industrial de Xinzo de Limia, que sen dúbida pode contribuír a rebaixar os custes de produción de ‘Vidriera del Atlántico’.

Do mesmo xeito tamén consideramos importante a decisión de desenvolver unha nova fase do polígono, tomada por recentemente por XESTUR, o cal facilitará a instalación de novas empresas, así como a ampliación doutras que xa están en funcionamento como é o caso de ‘Vidriera del Atlántico’.

Co que non está de acordo o BNG e co papel que pretende xogar Isaac Vila, intentando erixirse no salvador desta situación, cando é precisamente el un dos principais responsables, pola nefasta xestión que fixo nun principio deste proxecto empresarial, que ten como consecuencia a actual situación, que pon en entredito a viabilidade económica de ‘Vidriera del Atlántico’.

Con todo o BNG ten decidido apoiar a manifestación convocada polos representantes dos traballadores, para o venres 28, ao entender que o que se demanda é a necesidade de acadar un acordo que permita rematar co conflito laboral, así como asegurar a continuidade da empresa na comarca de A Limia, pola importancia dos postos de traballo que xenera.

14/10/2008

Valoración do BNG de Xinzo do anuncio de ampliación do Parque Empresarial polo Concello e maila Deputación

O pasado día 5 de outubro asistiamos, abraiados, ao anuncio do Concello de Xinzo en conivencia coa Deputación Provincial, ambos rexentados polo Partido Popular, da próxima urbanización de 200 novas parcelas no Parque Empresarial que serán vendidas un 30% máis baratas que as 21 recentemente rematadas por Xestur na 4ª fase.

Esperta certa suspicacia e réstalle moita credibilidade o feito de que este anuncio se produza aos poucos días da posta en marcha do novo “chiringuito” de Baltar baixo a forma terreal de Sociedade de Xestión do Solo. Máis semella unha “oferta de lanzamento” que un proxecto serio con posibilidades de materializarse sobre o terreo, sobre todo nestes tempos nos que os ventos da economía non sopran favorábeis. Por outra banda prodúcenos certa inquedanza o grande interese que amosa este recén criado organismo por operar en Xinzo, novamente, pois hai que lembrar que a xestión do chan industrial do PP xa deu boas mostras no pasado da súa ineficacia, desleixo e falla de control diante da lacra da especulación, deixando a finais dos noventa no noso concello un parque xerminal, varado na súa primeira fase e cercenado pola usura dos pseudoinvestidores de turno, cuxas consecuencias aínda son visíbeis hoxe nas parcelas que non chegaron a ver medrar ningún proxecto empresarial.

Relacionadas:

Referencias:

 Filed under: Ao día,Sala de imprensa
29/12/2006

Ampliación do Parque Empresarial

foto_20061229-pe.jpg

A ampliación do parque empresarial sempre foi unha demanda do tecido empresarial e de todos os veciños de Xinzo dende hai máis de 5 anos (xa fora proposta na anterior lexislatura municipal), máis ninguén foi quen de poñela en marcha até este ano 2006 no que a Consellería de Vivenda e Solo consegue reflotar a sociedade encargada de xestionar o solo empresarial na provincia de Ourense, XESTUR OURENSE, S.L., que como é publicamente sabido, atopábase nunha situación económica moi delicada despois da nefasta xestión da anterior equipa directiva encabezada polo Sr. Juan Carlos Cabanelas Rodríguez e na que tiña moito que ver o Sr. Isaac Vila. (more…)

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

206 queries - 0,198 segundos | Powered by WordPress