#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

22/04/2013

O BNG desconfía dos motivos para a posta en marcha da ORA no núcleo da vila de Xinzo

20130422-capa

Se os verdadeiros obxectivos do PP fosen desconxestionar a circulación e gañar en seguridade hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo.

Xinzo da Limia, 22 de abril de 2013.Hoxe o grupo de Goberno do PP no Concello de Xinzo anunciaba a súa intención de aprobar unha Ordenanza Reguladora do Aparcamento (ORA) nas rúas céntricas da nosa vila sob os achaques de “desconxestionar a circulación e gañar en seguridade”, loxicamente estes son os argumentos de manual cos que o Alcalde, Sr. Pérez, tentará venderlle a moto aos veciños e veciñas de Xinzo mais que baten de fronte coa realidade xa que unha medida illada como esta consistente en cobrar por aparcar non vai contribuír a desconxestionar a circulación nin se vai gañar en seguridade.

Se esta fose a verdadeira preocupación do PP xa hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo que recollera todo o tráfico pesado que ven de Portugal, Os Blancos, Vilar de Santos, etc. e o conducira á autovía evitando pasar polo medio do pobo. Así mesmo o Sr. Pérez tería tomado medidas para a posta en valor do infrautilizado aparcadoiro soterrado da Praza Carlos Casares impulsando un acordo a tres bandas entre Concello, comerciantes e empresa concesionaria para bonificar o uso do mesmo aos clientes que merquen nos comercios de Xinzo.

Ao final no único no que se concretará esta nova medida, malia o desmentido do Sr. Pérez do seu “afán recadatorio”, será nunha nova fonte fixa de ingresos para o Concello polos conceptos do propio pago do aparcamento, así como das eventuais sancións que vaia a dar lugar o seu incumprimento.

01/08/2012

O BNG denuncia que a excesiva demora no arranxo da Avenida de Portugal está a causar un prexuízo irreparábel na hostalaría e no comercio local

As obras de mellora da OU-304, Avenida de Portugal, que se veñen executando no último ano ao longo desta travesía urbana de 1,5 km, están a causar un serio prexuízo no volume de negocio dun sector xa moi castigado pola crise como é a hostalaría e o comercio local, con perdas engadidas agora de ata o 50% debido ós preceptivos rodeos de tráfico que estas obras obrigan a practicar.

Despois de máis dun ano de traballos cun investimento total de 3,5 millóns de euros, incluída a modificación do proxecto inicial tralo inexplicable esquecemento da ampliación das pontes sobre os ríos Limia e Faramontaos, a culminación definitiva tópase moi demorada e sen visos dunha pronta materialización o que asemade fai prever que se converterá nunha seria eiva loxística tamén para o sector da agricultura da Comarca da Limia co inminente comezo da campaña do cereal e da pataca, xa que a Avenida de Portugal é unha das principais vías de conexión entre as zonas de produción e os intermediarios almacenistas.

Por todo elo e dado que se trata dunha infraestrutura urbana moi demandada e agardada pola veciñanza nos últimos 15 anos que está a padecer unha demora excesiva e inxustificada, dado tamén que se están a investir 3,5 millóns de euros, e dado que finalmente será executada sen beirarrúas, sen o mobiliario urbano básico, sen cabreado eléctrico soterrado e creando asemade numerosos problemas cos niveis e cotas da rede de saneamento que obriga xa hoxe a unha ducia de vivendas unifamiliares a instalar pola súa conta e prexuízo sistemas de bombeo das augas fecais, o BNG solicitará non só a máxima dilixencia da alcaldía de Xinzo da Limia, senón que tamén no Parlamento de Galicia e a través da súa deputada Tareixa Paz porá en marcha as iniciativas parlamentares acaídas que determinen se a materialización final destas obras se corresponde fielmente co alí proxectado e certificado.

30/12/2010

Amador Díaz denuncia que o PP malgastou os 300 mil euros recadados mediante “contribucións especiais” na Avd. de Ourense

20101230-capa

O candidato do BNG esixe a Antonio Pérez que dea a cara e explique que fixo a Alcaldía de Xinzo cos cartos dos veciños e veciñas.

O portavoz municipal e candidato a Alcaldía de Xinzo, Amador Díaz Penín, trala denuncia presentada na Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG por un grupo de veciños e veciñas, residentes e propietarios da marxe esquerda da Avenida de Ourense, debido ao deplorábel, desleixado e barrento estado desta zona urbana, certifica a inmediata necesidade de acometer o seu arranxo completo.

Despois de manter unha xuntanza coa veciñanza afectada e de comprobar in-situ o seu grande malestar, así como a situación de abandono que presenta este entorno totalmente deshumanizado, sen beirarrúas, sen infraestruturas básicas, sen drenaxe, sen ningún tipo de mobiliario urbano, Amador Díaz lamenta que “lonxe de ser a principal vía de entrada a Xinzo e conexión directa coa A-52, semelle máis ben o entorno dun poboado chabolista dunha periferia arrabaldeira”, polo que o BNG solicitará de inmediato que se materialicen os compromisos asumidos no seu día pola Alcaldía cos residentes desta céntrica arteria da vila de Xinzo.

Cobros e embargos irregulares que derivan nunha sentenza anulatoria

Neste sentido, Amador Díaz esixe ao actual alcalde do PP, Antonio Pérez, que “dea a cara e lle explique aos veciños e veciñas da Avd. de Ourense como funciona o Grupo de Goberno do PP e que fixo cos 300 mil euros cobrados mediante a imposición de contribucións especiais”, cifra resultante dos 483 euros por metro lineal de fachada que cada propietario tivo que ingresar obrigatoriamente nas arcas municipais para sufragar unhas eternas e inacabadas obras de acondicionamento e urbanización, “co agravante dunha recente sentenza do Tribunal Supremo que anula embargos e cobros pendentes aos veciños que se negaron a esta irregular operación”.

Estafa veciñal en toda regra propia dunha investigación da Fiscalía

Amador Díaz constata tras esta última denuncia veciñal o descarado e lucrativo “modus operandi” dos gobernos do PP de Xinzo, coa complicidade de Antonio Pérez, amparando esta estafa veciñal en toda regra máis propia dunha investigación de oficio da Fiscalía Anticorrupción que da sinatura dun convenio tipo, “malgastando miles de euros aportados polos petos dos propios veciños e veciñas que nunca chegaron a ver realizadas as promesas baleiras do anterior alcalde do PP”.

Referencias:

30/04/2010

O Alcalde acepta a proposta do BNG para crear un área de Estacionamento para vehículos pesados

No Pleno ordinario de onte o Alcalde aceptou estudar en Comisión a idea proposta polo BNG de crear un Área de Estacionamento e Descanso para o sector do transporte con todas as garantías de seguridade: control de acceso, tele-vixilancia, etc.

Despois de asistir ao segundo roubo dunha cabeza tractora en similares circunstancias nos últimos anos, cómpre ofrecer unha solución que, como xa recolliamos no noso programa electoral do 2007, pasa pola creación desta zona de descanso.

Outra consecuencia positiva sería a mellora no ordenamento urbano ao eliminar os vehículos pesados que a cotío empregan algunhas rúas da vila como aparcadoiro improvisado. Na nosa moción tamén propoñemos abordar unha restruturación da Policía Local para artellar un turno de noite permanente que redundaría en máis seguridade para todas as veciñas e veciños de Xinzo.

Ordenanzas de Axuda no Fogar e Plan de Encauzamento do Limia

Aprobaronse as novas ordenanzas que regulan o funcionamento do servizo de Axuda no Fogar e as taxas a aplicar, así como o Plan de Encauzamento. Para o BNG a existencia deste plan está máis que xustificada e ven avalado polos informes dos técnicos do Concello e da Confederación Hidrográfica. En todo caso este plan non é un proxecto de execución e no BNG estaremos atentos para que a súa futura realización práctica se faga co mínimo impacto posíbel.

Planta de tratamento de refugallos da construción

A instalación desta infraestrutura nas imediacións de Morgade carece da máis mínima planificación e racionalidade e está chea de incógnitas e puntos escuros.  Xa o pasado 12 de abril o Portavoz Municipal do BNG presentaba un escrito solicitando acceso ao expediente municipal da citada obra, obtendo resultado negativo xa que no Concello non se tramitou ningunha licencia nin existía coñecemento sobre a actuación que ía ser executada.

Desde a alcaldía alúdese á suposta supramunicipalidade para xustificar este descoñecemento, mais isto xa é en si mesmo unha irregularidade porque o proxecto debía figurar en poder do Concello antes do inicio dos traballos.

O Grupo Municipal do BNG entende que esta instalación non cumpre os requisitos do Decreto 80/2000, da Xunta de Galiza, que regula os plans e proxectos de carácter supramunicipal polo que sería potestade e competencia do Concello outorgar ou denegar as correspondentes licencias de obra e de actividade.

Como solicitou o BNG o Alcalde debería decretar a paralización inmediata mentres non se aclarase a situación. Unha vez máis o grupo de goberno do PP fai deixadez absoluta de funcións e en vez de defender aos veciños diante da Xunta e da Deputación faino ao revés e procura xustificar as ocurrencias destas dúas administracións diante dos veciños. Especial mención pola súa incompetencia merece o responsábel de Medio Ambiente, Antonio Pérez Rodríguez, doblemente culposa xa que a súa condición de Deputado Provincial déixao sen nengunha excusa que xustifique o seu descoñecemento da situación.

17 de maio

A anécdota divertida do Pleno protagonizouna, unha vez máis, a Concelleira de Igualdade (e Deputada Nacional), Yolanda Díaz Lugilde, ao amosar as súas reticencias a unha proposta do PSdeG-PSOE que pedía o apoio dos grupos á declaración do día 17 de maio como “Día Internacional contra a Homofobia e a Transfobia”.

Díaz Lugilde, nunha exposición integramente en español, rexeitou a coincidencia co Día das Letras Galegas que podería eclipsar esta celebración, feito que foi denunciado polo noso Portavoz xa que “días das letras galegas deben ser todos e celébranse usando o galego, por exemplo nas intervencións neste pleno”.

Referencias:

25/02/2010

O Pleno acorda reclamar ao Goberno a execución das partidas recollidas para Xinzo nos Orzamentos do Estado

20100225-capa

Fotos no flickr

No marco da negociación co Goberno do Estado dos Orzamentos para este ano 2010 foron aprobadas, a iniciativa do BNG, diversas emendas no Senado que supoñen melloras para actuacións concretas na Galiza, entre elas recóllense as seguintes que afectan ao noso concello:

  • Ministerio de Fomento: Urbanización e mellora dos enlaces entre a A52 – N525 – OU531 (Estrada de Celanova) – 300 mil euros.
  • Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño: Limpeza e mellora do leito do Río Limia – 200 mil euros.

Agora a execución na realidade destas partidas require un compromiso firme do Concello á hora de reclamar o seu cumprimento efectivo diante dos devanditos ministerios, por iso, para asegurar este compromiso, o Grupo Municipal do BNG presentou unha moción que foi aprobada por unanimidade.

ITV

Como ven denunciando o BNG, a Estación da ITV de Xinzo ten uns horarios de apertura pouco axeitados que provocan listas de espera de varios días. Aproveitamos o pleno de hoxe para reclamar os mesmos horarios que o resto de estacións e acordouse que o Concello se dirixiría á concesionaria para que corrixa esta situación.

CICAT-2

No pleno tamén se tratou a solicitude dunha empresa para declarar de interese social o seu proxecto de montar en Xinzo un Centro Industrial Cárnico de Alta Tecnoloxía (CICAT). Polo de agora o tema está nunha fase moi preliminar e, de momento, trátase de solicitar a XESTUR unha nova ampliación de 200.000 metros cadrados no Parque Empresarial para que esta empresa se poidera instalar. Nós mostramos o noso apoio coa salvedade de que en ningún caso se produzan agravios comparativos no acceso aos terreos a outras iniciativas de empresarios locais.

Referencias:

29/01/2010

A incompetencia do Goberno do PP de Xinzo mantén pechada a estrada Xinzo-Vilar de Barrio despois de dúas semanas

20100129-capa

Desde o 12 de xaneiro permanece cortada ao tránsito de vehículos a estrada Xinzo-Vilar de Barrio pola Lagoa debido ao mal estado da mesma. Este corte está a afectar moi negativamente aos veciños que acotío empregaban esta vía, xa que se ven obrigados a tomar o desvío pola OU-1102 cun firme en mal estado, abundancia de curvas e paso obrigado polos pobos da zona.

O corte non está en absoluto xustificado xa que noutras ocasións, coa estrada en peores condicións, non se tiña adoptado esta medida, nin é entendíbel porque só afecta ao tramo de Xinzo mentres que a partires dos límites do noso concello pódese empregar con normalidade.

Inexplicabelmente nestas dúas semanas non se ten tomado ningunha medida urxente encamiñada a restablecer o tráfico, nin se ten anunciado ningunha solución a medio prazo para a mesma como o BNG de Xinzo ten reclamado en numerosas ocasións, a última hoxe mesmo coa presentación dun escrito no Concello urxindo unha solución definitiva a este problema.

O PP de Feijóo, Baltar e Vila andan nestes días máis preocupados de arranxar as súas diferenzas internas na loita polo control do partido en Ourense e mentres tanto as veciñas e veciños de Xinzo sufrimos a inoperatividade dos gobernos decadentes e en fase terminal do Concello e a Deputación, así como o abandono da Xunta do PP de Alberto Núñez Feijóo que, logo de mentir e enganar ás veciñas e veciños de Xinzo no tema da ZEPA, é incapaz de ofrecer contrapartidas para a nosa comarca en forma de inversións na mellora das nosas infraestruturas.

Referencias:

14/01/2010

O BNG esíxelle á Xunta que se deixe de parches e propoña unha solución seria para a estrada Xinzo-Vilar de Barrio

20100114-capa

Diante da medida adoptada polo Concello de Xinzo de peche cautelar da estrada Xinzo-Vilar de Barrio pola veiga da Lagoa debido ao mal estado da mesma e dos anuncios dos responsábeis municipais de que este problema sería solventado cun reparcheado do firme, no BNG de Xinzo non dubidamos en cualificar esta “solución” como chapuceira e moi propia dos gobernos populares tanto de Vila no Concello como de Feijóo na Xunta, especialista en crear problemas onde non os había e adiar ou “parchear” os problemas reais para os que a xente lle demanda solucións efectivas.

A finais do 2008 o Grupo Municipal do BNG, consciente da situación desta estrada e da necesidade de artellar o tráfico arredor dela, presentaba unha moción instando ao Concello a que se dirixira á Xunta de Galiza para solicitar a conversión desta vía nunha estrada autonómica. A devandita moción foi debatida en Comisión e aprobada definitivamente por unanimidade (PP-PSOE-BNG) no Plenario do 18 de decembro dese mesmo ano. Como xa razoamos no seu momento, ademais do lamentábel estado do firme, os principais problemas son o límite de velocidade máxima (60km/h) habitualmente superado polos vehículos que circulan por ela e a súa concepción como pista agrícola que fai que conte con multitude de interseccións mal deseñadas e deficientemente sinalizadas. As consecuencias directas destas carencias foron varios accidentes moi graves nos últimos anos e preto dunha ducia de persoas falecidas.

Un ano despois o goberno popular do Concello, en troques de ofrecer unha resposta contundente, volve recuncar en medidas de curto alcance que non serven máis que para agochar o problema. Por isto, o BNG de Xinzo lémbralle ao alcalde, Isaac Vila, que os compromisos adoptados polo Pleno son de obrigado cumprimento e, polo tanto, esíxelle que se dirixa á Xunta de Galiza solicitando unha solución definitiva a esta vía, que precisa dun proxecto ambicioso para transformala nunha estrada coas características de firme, trazado e sinalización axeitadas. Así mesmo demandamos de Feijóo que, logo de mentir e enganar ás veciñas e veciños de Xinzo no tema da ZEPA, comece a ofrecer algunha contrapartida para a comarca en forma de inversión na mellora das nosas infraestruturas.

Referencias:

25/11/2009

O BNG de Xinzo lamenta profundamente a tala masiva e indiscriminada das árbores da Avd. de Portugal

20091125-capa

As obras de execución do ansiado proxecto de ampliación, urbanización e mellora da Avenida de Portugal de Xinzo, proxecto a cargo da Consellaría do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza, e dilatado máis de 15 anos, non comezan de xeito ordenado, racional e satisfactorio para o interese colectivo.

O Grupo Local do BNG lamenta profundamente que a hora de iniciar unhas obras tan necesarias e agardas o Concello optase por permitir finalmente a tala masiva e indiscriminada de todas as especies arbóreas que delimitan ambas marxes dos 1,5 quilómetros de travesía a arranxar. Esta decisión de talar todas os árbores contradice e incumpre o proxecto de execución aprobado xa fai un ano en pleno, por unanimidade de todos os grupos da Corporación, ao tempo que choca frontalmente coa vontade inicial da proposta de máximo respecto polas especies de gran porte e senlleiras e da aplicación de talas só no caso de inevitábel imperativo técnico ou pola proximidade excesiva aos inmóbeis da veciñanza.

O BNG puido comprobar estes días que as talas efectuadas non só non se axustan á memoria do proxecto, no referente a executarse con todas as garantías ambientais e como medida sumaria e imprescindíbel por imperativo técnico, senón que ademais vulnera a protección mesma que fixa o PXOM (prohibe talar especies de máis de 25 anos) ao efectuarse de xeito indiscriminado, masivo e continuo.

Ante esta lamentábel situación o Grupo Local do BNG solicitará unha aclaración da Presidencia e da Concellaría de Medioambiente e Urbanismo do Concello de Xinzo acerca das causas que están a motivar unhas talas desta envergadura.

Referencias:

Páxinas: 1 2 3 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,278 segundos | Powered by WordPress