#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

15/12/2011

O BNG esíxelle á Xunta do PP a continuidade do servizo “Preescolar na Casa”

O BNG de Xinzo non entende como se pode deixar esmorecer un programa vertebrador como “Preescolar na Casa” que leva presenza e vida ao rural, en grave perigo demográfico, e potencia o desenvolvemento das comunidades locais.

Xinzo da Limia, 15 de decembro de 2011. Despois de trinta e catro anos de historia nos que moitas familias do concello de Xinzo se beneficiaron e benefician (42 neste curso) do servizo, o programa de educación “Preescolar na Casa” está en serio perigo. Os cartos públicos aportados pola Administración autonómica vense diminuídos ata o extremo de que compromete a súa continuidade.

Este programa está vivo porque medra día a día coa achega dos nenos, familias e profesionais. Cántase, xógase e apréndense recursos propios da vida. Permite gozar da crianza dos cativos ao mesmo tempo que se educan. Sempre se fala da importancia da familia e da educación, mesmo os políticos poñen especial énfase cando a vinculan ao éxito das persoas a ao futuro das sociedades.

No noso concello moitas nais e pais participando en “Preescolar na Casa” aprenderon a implicarse máis na educación das nenas e nenos, dándolles a seguridade que todo ser humano precisa para medrar e enriquecerse como persoa. Non queremos que se produza a morte lenta dun programa que preserva os valores básicos da vida, da sociedade e da nosa terra. Non se pode mutilar un proxecto que acada todos os obxectivos marcados, que aposta pola cultura propia, polo noso idioma e que leva presenza e vida ao rural galego potenciando o desenvolvemento das comunidades locais.

O BNG convida ao resto de grupos a unirse á iniciativa

Por todo o explicado, o grupo municipal do BNG ven de presentar esta mañá unha moción para esixirlle ao goberno do PP na Xunta de Galiza que garanta a continuidade deste servizo, ao tempo que convidamos ao resto de grupos con representación no Concello a sumarse a esta iniciativa.

Unha vez máis a “austeridade” derrochadora do PP non pode ser a escusa para eliminar un servizo público básico que aposta pola educación, a cultura e o idioma do país.

23/05/2010

O que vai supoñer o decretazo do PP contra o galego

20100523-capa

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ven de publicar este díptico informativo con formato de banda deseñada no que desmonta unha por unha as falacias e mentiras do presidente da xunta, Núñez Feijóo, que o pasado xoves 20 de maio (tres días despois da Histórica Manifestación no Obradoiro) perpetrou o maior atentado da historia da democracia contra a nosa identidade como pobo.

 Filed under: En destaque
10/05/2010

Festival das Letras Galegas 2010

20100510-cartaz-festival-letras-2010-p

venres, 14-maio 22:00h Praza de San Roque.XINZO

Roberto Sobrado Band [www.myspace.com/robertosobrado]

sábado, 15-maio 20:00h Praza de San Roque.XINZO

Vichelocrego [www.myspace.com/vichelocrego]

*** o sábado sortearemos un lote de libros formado por obras de Uxío Novoneyra ***

Comprometidos coa Limia!!!

 Filed under: Axenda
10/10/2009

Manifestación 18 de outubro. Queremos galego!

20091010_capa

Por vez primeira en toda a historia da autonomía, o Goberno galego non só non está a defender a nosa lingua propia, senón que encabeza o ataque contra o seu uso nos diferentes ámbitos.

O (des)goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo é o primeiro destes 30 anos de democracia que non respecta a obriga estatutaria de promover e potenciar o uso da lingua propia do país e garantir os seus usos oficiais.

Todas e cada unha das medidas gobernamentais executadas ou anunciadas nestes meses no ámbito da lingua teñen ido dirixidas a anular medidas positivas para o noso idioma e os dereitos lingüísticos que nos asisten ou frear proxectos destinados a tales fins. Algúns exemplos son o anuncio de derrogación do decreto do 50% de ensino en galego (coa mal chamada “consulta” ás familias e todo o seu ronsel de irregularidades); a supresión das axudas á tradución de libros para o noso idioma; ou a contrarreforma da Lei da Función Pública, só para que o galego non sexa igual de necesario que o castelán para acceder a un posto de traballo na administración galega.

Por sorte, existe en Galiza un amplo corpo social que quere o galego e está disposto a responder na súa defensa. A esta base social que entende a nosa lingua como algo de seu, heteroxénea na súa composición e mesmo na súa práctica lingüística habitual, é que nos diriximos desde a Plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO: unha iniciativa conformada por entidades sociais de diversa tipoloxía e persoas a título individual que nace coa vontade de ser o espazo común no que converxan as diferentes sensibilidades e colectivos cidadáns que defende o galego.

Acude á manifestación que sairá da Alameda de Santiago de Compostela o domingo 18 de outubro ás 12 da mañá.

Axenda Xinzo

Luns, 12 de outubro, reparto de información na Praza Maior ás 11:30h.

AUTOBÚS GRATIS DENDE XINZO PARA IR O 18 A SANTIAGO
Para podermos organizar convenientemente o servizo de autobuses, pregóche que de estar interesado en utilizalo, chames antes da cuarta-feira (mércores) a Xosé-Lois Carreira (639816003)

 Filed under: Axenda
12/06/2009

O BNG de Xinzo mobilizarase contra a “enquisa trampa” da Consellaría de Educación e en defensa do noso idioma

Diante da “enquisa trampa” presentada polo PP, inaceptábel quer na forma quer no fondo, e coa que non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán que terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino, desde o BNG de Xinzo da Limia imos desenrolar unha campaña activa convidando aos pais e nais a marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria). A mesma desenrolarase segundo o seguinte programa:

  • Concentración e reparto de trípticos, con lectura dun manifesto e textos de autores galegos, o sábado, 13 de xuño, ás 19:00h, na Praza de San Roque de Xinzo.
  • Reparto de trípticos informativos nos centros de ensino de Xinzo, o luns, 15 de xuño.

Referencias:

11/06/2009

Consulta da Xunta de Galiza sobre o galego no ensino

20090611-capa

O venres 5 de Xuño, a Xunta de Galiza presentou a enquisa que se vai remitir ás familias dos 350.000 alumnos e alumnas escolarizados en Galiza nos niveis de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional e que, en teoría, ten como propósito inquirir a pais e nais sobre en que lingua prefiren que lles sexa impartido o ensino aos seus fillos e fillas.

Estudado o contido desta enquisa e analizadas as motivacións que levan ao Goberno galego a elaborala, o BNG ten que facer as seguintes valoracións:

  1. Estamos perante unha auténtica “consulta trampa”, inaceptábel quer na forma quer no fondo. Con ela non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino.
  2. A consulta, que é de carácter voluntario, carece da menor fiabilidade, tanto por como están enunciadas as preguntas como polo feito de que será a Administración, controlada politicamente polo Partido Popular, quen custodie todo o proceso de recolla dos datos.
  3. Coa enquisa vaise criar unha tensión innecesaria nos centros de ensino e na propia sociedade galega, innecesaria porque, sexa cal for o resultado do inquérito, o Goberno xa ten anunciado que vai derrogar o decreto nun sentido claramente contrario ao uso da lingua galega no ensino.
  4. Tal e como están enunciadas as preguntas da consulta, todo o máis que poderían demandar os sectores favorábeis ao galego no ensino sería que se mantivese o galego como lingua na que se imparten as materias troncais. Isto significa que coa enquisa os sectores favorábeis á españolización do ensino si poden conseguir avances a respecto da situación actual -reducir a presenza do galego nas troncais-, mentres que aqueles que son partidarios de avanzar na galeguización só poden aspirar a que, como moito, se manteña o actual statu quo, que vén consagrado precisamente polo decreto que o Goberno anunciou que vai derrogar.
  5. O mesmo Goberno que fai proclamas populistas e demagóxicas en favor da austeridade e o control do gasto público vai dilapidar 200.000 euros na realización desta “consulta trampa”.
  6. Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.
  7. Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes ás que expresamos a continuación:
  • Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
  • Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.
  • Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

Ligazóns:

 Filed under: En destaque
12/05/2009

Valoración da moción presentada polo PSdeG ao Pleno do Concello de Xinzo da Limia con motivo do Día das Letras Galegas 2009 adicado a Ramón Piñeiro

En data 7 de maio de 2009 o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Xinzo rexistra con número de entrada 2528 unha moción con motivo do Día das Letras Galegas. Esta moción foi debatida no pleno extraordinario do día 12 de maio e aprobada por unanimidade.

A pesares de termos votado a favor, na nosa quenda de intervención realizamos unha serie de puntualizacións (ver documento adxunto) aos termos expresados na exposición de motivos da citada moción.

Presupoñendo a boa intención do Grupo Socialista e a pesares de discrepar da literalidade do texto presentado, sempre estaremos ao lado das iniciativas que defendan a nosa lingua.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións
17/02/2009

Asina o Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o Galego

20090217-manifestoconvivencia

As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

  1. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.
  2. A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.
  3. Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.
  4. O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.
  5. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.
  6. Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.

Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

Apoia o Manifesto coa túa sinatura

 Filed under: En destaque
Páxinas: 1 2 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,246 segundos | Powered by WordPress