#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

15/05/2013

Un novo proxecto mineiro de explotación dunha canteira de granito bota a andar en Xinzo

20130515-capa

O BNG insta á Xunta de Galiza e máis ao Concello de Xinzo a que aclaren se autorizaron esta investigación e extracción de catas realizadas hai uns meses con nocturnidade para non levantar receos nos veciños e veciñas dos pobos máis próximos.

Xinzo da Limia, 15 de maio de 2013. A aposta decidida da Xunta do PP por vender o país por parcelas podería abrir novas frontes na comarca da Limia, afectada pola coñecida mina de feldespato que tanto rexeite social está a xerar, xa que o BNG de Xinzo ven de ser alertado da realización de catas nas proximidades dos pobos de Faramontaos e Seoane de Oleiros, no sitio coñecido como ‘A Ribeira’.

Estas catas puideron ser constatadas sobre o terreo e correspóndense co permiso de investigación do dereito mineiro LUIS 4943 que caducou a finais do 2011. Nembargantes veciños da zona afirman que as catas se realizaron a principios deste ano e que os traballos se facían de noite, supostamente coa intención de pasar desapercibidos e non levantar receos nos veciños e veciñas dos pobos máis próximos.

O dereito mineiro OU/C/04943 LUIS abarca unha extensión de 12 cuadrículas mineiras, atópase ubicado no triángulo entre Faramontaos, Novás e Seoane de Oleiros e o recurso dispoñíbel na zona é o granito ornamental que sería explotado mediante unha canteira a ceo aberto.

Dende o BNG pedimos á Xunta de Galiza e máis ao Concello de Xinzo que aclaren se autorizaron esta investigación e extracción de catas sobre o terreo sen comunicación algunha á veciñanza nin interesados, así mesmo solicitamos a paralización inmediata deste novo expediente mineiro.

Ameaza global coa complicidade da Xunta do PP

Esta nova pon de manifesto que a ameaza dos proxectos mineiros é global diante da ofensiva da Xunta do PP (sintetizada no lema “Galiza é unha mina”) de apostar por este tipo de explotacións propias dos países cunha economía colonizada por potencias estranxeiras.

Apoio ás mobilizacións e protestas dos veciños e veciñas contra a mina de feldespato

Diante desta ameza global a resposta dos cidadáns debe ser unánime, por iso, o BNG apoia a tractorada convocada pola Plataforma Veciñal Corno do Monte para o vindeiro sábado, 25 de maio, e anima a todos os veciños e veciñas de Xinzo a sumarse á protesta como único xeito de paralizar un proxecto que xa conta con todas as bendicións da Xunta do PP, como se constata nos informes emitidos polas diferentes consellarías.

14/04/2013

Galiza pola República

20130414-capa

Hoxe, neste escenario de decrepitude total do sistema, é necesario erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova na nosa República

A nosa nación está a vivir momentos difíceis. Para alén dunha profunda crise económica, que vén agravar as dificultades estruturais derivadas da situación de dependencia, asistimos a un proceso de re-centralización política que mingua, aínda máis, a capacidade da Galiza para decidir sobre si propia, sobre os seus sectores produtivos, sobre o seu futuro. E isto, en medio dunha non menos profunda crise do sistema político español, que atinxe todas as institucións que o conforman, nomeadamente a monarquía. A mesma monarquía que veu funcionando como principal elemento simbólico dun sistema político que nos nega como nación e que impide o noso libre desenvolvemento como pobo.

Os reiterados escándalos de corrupción que afectan ao Borbón e á súa familia veñen pór aínda máis en evidencia o anacronismo que supón nos nosos días a institución monárquica. Con efecto, como é posíbel considerar compatíbel cos principios democráticos unha Xefatura de Estado que non é elixida pola cidadanía, vitalicia, hereditaria, estabelecida pola graza de Deus e, no caso español, tamén pola de Franco? Para alén do máis, situada por encima da lei, porque a Constitución española estabelece que a persoa do Rei “non está suxeita a responsabilidade”. Estamos diante dun residuo político do pasado, que nada ten a ver co que á altura do século XXI se entende como verdadeiramente democrático.

Mais, para alén desta cuestión de exixencia democrática, na situación actual tórnase absolutamente escandaloso o espectáculo dunha familia de parasitos sociais que vive a corpo de rei a custa da cidadanía. Iso si, sen descoidar os seus negocios. As vinculacións do Borbón cos grandes poderes económicos veñen de lonxe e até onde é coñecido, foron proveitosas. Realmente ofende o máis elemental sentido da decencia que os homes e mulleres da Galiza, que vivimos, con enormes dificultades, do noso traballo e do noso esforzo, teñamos que pagar os luxos, os palacios, os iates, as cazarías e até os divertimentos aos Borbóns. E non é unha cuestión de cantidade senón de dignidade.

E xustamente por dignidade -mais tamén por necesidade- fronte á dramática situación que vivimos, erguemos a bandeira da República. Unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo. Esa será a nosa República.

O pobo galego, as mulleres e homes da Galiza, séntense cada vez máis afastados dunhas institucións españolas que son percibidas, a cada día máis claramente, como responsábeis da ruína da nosa nación: políticas antisociais, desmantelamento dos nosos sectores produtivos, privatización dos servizos públicos, eliminación do noso sistema financeiro, roubo de salarios e aforros, discriminación da nosa lingua, corrupción xeneralizada…

Hoxe, neste escenario de decrepitude total do sistema, coa política convencional indisimuladamente ao servizo do poder económico, coa corrupción instalada no corazón da xustiza, do empresariado, dos medios e da monarquía, coa xente sendo expulsada das súas casas polos mesmos bancos que estafan millares de persoas, é necesario erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova na nosa República.

Porque é evidente que unha simples mudanza na forma do Estado non mudará nada esencial no noso País e non resolverá os problemas que padecemos se non rompermos a dependencia á que Galiza está sometida. Para podermos mudar realmente esta situación precisamos de liberdade e de capacidade para decidir en función dos nosos intereses como nación, precisamos de soberanía. Por iso, as nosas conviccións profundamente democráticas e republicanas se expresan en galego, se simbolizan coa bandeira da nosa Patria e deberán concretarse, máis cedo que tarde, na construción do noso propio Estado, a República da Galiza.

 Filed under: En destaque
10/07/2012

O BNG convida aos veciños e veciñas de Xinzo ao acto previo ao Día da Patria 2012 baixo o lema “Rescata os teus dereitos”

O BNG desenvolve unha campaña de actos informativos por todo o país nos que pretende trasladar á cidadanía a necesidade de rescatar os dereitos nacionais e os dereitos sociais.

Xinzo da Limia, 10 de xullo de 2012. Baixo o lema “Rescata os teus dereitos” o BNG organiza mañá, cuarta-feira (mércores), 11 de xullo, ás 20:30h, na Praza de San Roque de Xinzo, un acto político-festivo enmarcado na celebración do Día da Patria 2012.

Neste acto intervirán o Portavoz municipal, Ramiro Rodríguez e o Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

Rescatar os nosos dereitos nacionais e sociais

O BNG chama a un Día da Patria Galega 2012 masivo para dicirmos alto e claro que o que hai que rescatar non é a banca privada, senón os nosos dereitos. Os dereitos nacionais e os dereitos sociais. Por iso o lema escollido polo BNG para a campaña do Día da Patria Galega 2012 é precisamente Rescata os teus Dereitos. En Bloque Podemos! O BNG ten programado unha intensísima campaña preparatoria do Día da Patria Galega 2012 con infinidade de actos -macro e micro- ao longo e ancho do país.

Primeira intervención pública do novo Portavoz Municipal do BNG

Esta é a primeira ocasión na que o novo portavoz municipal do BNG terá a oportunidade de dirixirse aos veciños e veciñas logo de que a intolerancia e falla de flexibilidade do actual alcalde do PP, incumprindo flagrantemente a lei e o Regulamento do Concello que el mesmo aprobou hai un ano, impediran que puidera falar no pleno municipal de hai dúas semanas no que tomou posesión.

 Filed under: Axenda,Sala de imprensa
28/05/2010

Xunta do PP de Feijóo: ranking de inútiles

20100528-capa

Hai uns días o blog de referencia feijoomente realizaba unha pormenorizada análise da executoria do goberno Feijóo coa conclusión demoledora que da título a este post.

Animámosvos a descargar e ler o documento adxunto co texto completo ou a revisalo directamente na súa ubicación orixinal. En calquera caso a modo de resumo deitamos aquí as conclusións:

  1. Confírmase o que xa sabíamos: que a Xunta de Feijóo está en parálise permanente e é técnica e politicamente incapaz de gobernar este país, como é lóxico nun goberno formado por mediocres sen preparación e liderados por un Feijóo que non tiña plans para gobernar e cuxa aspiración segue estando moi lonxe desta terra.
  2. A Xunta de Feijóo está a agravar a crise, porque detrae diñeiro dos contribuíntes e logo non é capaz de investilo en actividade produtiva para o país. E o que é pior, reduce a cobertura pública dos servizos á cidadanía ao tempo que non é capaz de gastar os cartos destinados a satisfacer as necesidades sociais.
  3. A pésima xestión financieira da Xunta debilita a posición negociadora de Galicia no novo modelo de financiamento autonómico: con que lexitimidade pode pedir Feijóo máis cartos cando non consegue gastar os que xa ten?

Nestas mans está hoxe, na pior crise económica en vinte anos, a xestión dos intereses das galegas e galegos. Non é de extrañar que as promesas pantasma de Feijóo de solucionar a crise en 45 días estean totalmente esquecidas e Galiza sexa a comunidade onde máis medrou o paro no primeiro trimestre de 2010.

 Filed under: En destaque
05/02/2010

O BNG consegue o respaldo unánime da cámara para facer fronte á situación de crise do sector da pataca da Limia

O BNG consigue o respaldo de todos os grupos para instar ao goberno da Xunta a facer fronte á situación de crise que atravesa o sector da pataca da Limia, impulsando a sinatura de contratos homolagos e convocando a Mesa da Pataca para continuar a intelocución e lograr a concertación entre produtores e almacenistas para establecer relacións estabeis e transparentes que permitan facer fronte á situación de crise e evitar que os produtores teñan que cargar con perdas inasumibeis.

A deputada nacionalista Tereixa Paz valorou poder ter chegado a este acordo unánime, a unha proposición non de lei do BNG, transaccionada cunha emenda popular, pois grazas ao mesmo se poderá garantir a recollilda de produción e a percepción de prezos dignos aos productores.

A parlamentar recoñeceu que o sector da pataca tradicionalmente sofre crises cíclicas mais os problemas que xurdiron coa campaña de 2009, durante a que os produtores se viron obrigados a vender a prezos de entre 5 e 6 céntimos Kg, era prevísibel, “dende Maio se podía estimar que a produción chegaría aos 10 millóns de kg e sen embargo non se adiantou ningunha medida por parte da Xunta”.

Neste sentido, Tereixa Paz recordou o traballo realizado polo anterior goberno, que en Setembro de 2008 asinou na Mesa da Pataca o contrato homologado para regular os prezos, que tería que ter tido continuidade no 2009, mais nin se convocou nin siquera houbo posicionamentos de membros de Goberno a prol do sector, “salvo as desafortunadas declaracións do superdelegado de Ourense, que debía estar máis ocupado na batalla interna contra Baltar, nas que acusaba aos pataqueiros de choromiqueiros e lles advertía de que non ía haber axuda algunha”.

A parlamentar lamenta este abandono dun sector e dunha comarca que, por outra parte, non fai máis que recibir “batacazos do Goberno”, como a conxelación do banco de terras, que tan ben estaba a funcianar na Limia, a aprobación da Zepa “pola porta de atrás” e obviando os acordos acadados no Parlamento e agora a pataca.

Paz Franco explicou que sobra dicir que o sector da pataca en Galiza conta cunha Indicación Xeográfica Protexida que ampara ás patacas producidas e envasadas en catro produtoras (A Limia, Bergantiños, Terra Cha e Lemos), cun potencial que nos últimos anos ten ido en aumento e que, concretamente na comarca da Limia xera un importante número de postos de traballo directos ademais de incidir outros moitos por ser o motor económico da comarca.

Referencias:

12/01/2010

O Goberno Central recoñece que a Xunta de Galiza mantén paralizada a ampliación dos Regadíos na Limia

En resposta a unha pregunta do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, o Goberno Central recoñece que a Xunta de Galiza mantén paralizada a ampliación dos regadíos na comarca da Limia.

Xosé Manuel Pérez Bouza salientaba na súa iniciativa a importancia do proxecto de ampliación e modernización dos regadíos na Limia, que teñen previsto ampliar o regadío a 3.974 hectáreas e catro comunidades de regantes, e suporán un investimento de máis de 27 millóns de euros.

Neste sentido, o senador do BNG pedíalle ao Goberno que informase se SEIASA del Norte estaba executando as partidas para este proxecto que se incluían nos Orzamentos Xerais do Estado para 2009. Ademais, Pérez Bouza salientaba que “no mes de abril de 2009, cando se produciu o traspaso ao novo Goberno da Xunta, a anterior Consellaría do Medio Rural (BNG) deixara toda a tramitación rematada para que o novo conselleiro de Medio Rural só tivese que asinar o acordo con SEIASA del Norte e as comunidades de regantes”.

Sen embargo, na súa resposta ao BNG o Goberno recoñece que “está pendente de sinatura o Convenio Marco coa Xunta de Galiza que ampara a execución da modernización das zonas regables declaradas de Interese Xeral na comarca da Limia”. “En consecuencia –continúa-, non foi posíbel até o momento iniciar a execución orzamentaria dos investimentos programados para estas catros comunidades de regantes”.

Ademais, o Goberno precisa que unha vez que se asine o convenio marco entre SEIASA e a Xunta de Galiza deberán asinarse os convenios específicos coas comunidades de regantes. Tres delas, as de Lamas Ganade, Alta Limia e Corno do Monte xa teñen concesións de auga autorizadas pola Confederación Hidrográfica do Miño Sil, mentres que a comunidade de regantes de San Lourenzo de Sabucedo aínda non ten a concesión porque a Confederación ten esta solicitude en período de exposición pública.

Os orzamentos da Xunta para 2010 confirman o desinterese do Goberno do PP

A maiores con respecto ao comportamento da Xunta de Galiza, o senador do BNG denuncia que, en consonancia co atraso na sinatura do acordo marco, “o Goberno do PP rebaixa a partida orzamentaria destinada a cubrir a aportación da Xunta, que pasou dos 7 millóns de euros no 2009 a 300 mil euros no 2010, o que evidencia o desinterese do Goberno de Núñez Feijoo para que se executen estes regadíos”.

Referencias:

 Filed under: En destaque
10/10/2009

Manifestación 18 de outubro. Queremos galego!

20091010_capa

Por vez primeira en toda a historia da autonomía, o Goberno galego non só non está a defender a nosa lingua propia, senón que encabeza o ataque contra o seu uso nos diferentes ámbitos.

O (des)goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo é o primeiro destes 30 anos de democracia que non respecta a obriga estatutaria de promover e potenciar o uso da lingua propia do país e garantir os seus usos oficiais.

Todas e cada unha das medidas gobernamentais executadas ou anunciadas nestes meses no ámbito da lingua teñen ido dirixidas a anular medidas positivas para o noso idioma e os dereitos lingüísticos que nos asisten ou frear proxectos destinados a tales fins. Algúns exemplos son o anuncio de derrogación do decreto do 50% de ensino en galego (coa mal chamada “consulta” ás familias e todo o seu ronsel de irregularidades); a supresión das axudas á tradución de libros para o noso idioma; ou a contrarreforma da Lei da Función Pública, só para que o galego non sexa igual de necesario que o castelán para acceder a un posto de traballo na administración galega.

Por sorte, existe en Galiza un amplo corpo social que quere o galego e está disposto a responder na súa defensa. A esta base social que entende a nosa lingua como algo de seu, heteroxénea na súa composición e mesmo na súa práctica lingüística habitual, é que nos diriximos desde a Plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO: unha iniciativa conformada por entidades sociais de diversa tipoloxía e persoas a título individual que nace coa vontade de ser o espazo común no que converxan as diferentes sensibilidades e colectivos cidadáns que defende o galego.

Acude á manifestación que sairá da Alameda de Santiago de Compostela o domingo 18 de outubro ás 12 da mañá.

Axenda Xinzo

Luns, 12 de outubro, reparto de información na Praza Maior ás 11:30h.

AUTOBÚS GRATIS DENDE XINZO PARA IR O 18 A SANTIAGO
Para podermos organizar convenientemente o servizo de autobuses, pregóche que de estar interesado en utilizalo, chames antes da cuarta-feira (mércores) a Xosé-Lois Carreira (639816003)

 Filed under: Axenda
15/07/2009

Xornadas culturais, día da Patria 2009: Érase unha vez o Nacionalismo na Limia

cartaz-22x-peque

Fotos no flickr

Xornada cultural conmemorativa do Día da Patria con formato de mesa redonda en espazo público aberto. Agasallaremos a cada un dos asistentes ao acto cun carballo cativo que poderán plantar para que medre e un día sexa testigo da liberación nacional do noso País.

O xurdimento. Do sindicalismo agrario ao nacionalismo político. Primeiros referentes. Andrés Taboada
Xinzo da Limia, da etnia a nación. Percorrido histórico polo nacionalismo limián dende a Transición. Xesús Losada Laxe
Vilar de Santos, oasis na desertización da conciencia limiá. Eivas históricas e procesos cognitivos. Xosé Antón Xardón Dacal
Unha ollada ao conxunto nacional. Bieito Alonso Fernández
A diversidade europeísta. O Nacionalismo democrático como marco de convivencia e interrelación identitaria. Ana Miranda
Unha perspectiva de futuro. Espazo nacionalista non acoutado. Anxo Quintana

cuarta-feira, 22 de xullo, 20:15h, Praza de San Roque, Xinzo da Limia

Referencias:

 Filed under: Axenda
Páxinas: 1 2 3 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 1,378 segundos | Powered by WordPress