#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

27/06/2012

O BNG presenta un grupo municipal renovado que garante a continuidade do traballo a prol dos veciños e veciñas de Xinzo

O BNG completa a renovación do grupo municipal coa incorporación de Ramiro Rodríguez e Xosé-Lois Carreira en substitución dos compañeiros que renunciaron ás súas actas.

Xinzo da Limia, 27 de xuño de 2012. Logo da renuncia ás súas actas de concelleiros dos compañeiros Amador Díaz e Lucía Nóvoa, materializada no último plenario municipal, os seus substitutos serán Ramiro Rodríguez Suárez, que así mesmo será o novo portavoz municipal, e Xosé-Lois Carreira López.

Ramiro Rodríguez foi concelleiro dende o 2004 ata o ano pasado e no período 2004-2007 xa se encargou da portavocía. Nas eleccións do 2011 figuraba no número catro da lista do BNG.

Xosé-Lois Carreira ocupaba o posto seis da lista e, aínda que esta será a súa primeira experiencia nun cargo de representación, conta cunha acreditada traxectoria política xa que desempeñou as tarefas de Responsábel Local do BNG de Xinzo dende o ano 2008.

Ramiro Rodríguez tomará posesión da súa acta este mesmo xoves, mentres que Xosé-Lois Carreira deberá agardar aínda pola resolución dos trámites administrativos previstos na lexislación vixente logo da renuncia da candidata que ocupaba o posto cinco da lista.

Continuidade do traballo de oposición

Con este relevo o Bloque Nacionalista Galego seguirá a contar con grupo municipal propio no Concello de Xinzo o que garante a continuidade do traballo dos últimos anos: unha oposición esixente e construtiva co único obxectivo de defender os dereitos dos veciños e veciñas e, ao tempo, ofrecer unha alternativa de goberno seria e críbel.

Agradecementos a Amador e Lucía pola súa laboura

Así mesmo, o Grupo Local do BNG de Xinzo quere facer público o seu agradecemento a Amador Díaz e Lucía Nóvoa pola laboura realizada, no caso de Amador nesta última etapa de cinco anos especialmente frutífera dende o ponto de vista do traballo incansábel de elaboración e presentación de propostas e de denuncia das desfeitas dos gobernos “populares” que se viu recompensado cun importante crecemento do apoio electoral.

06/06/2008

Crónica da cea-presentación da nova estrutura do BNG de Xinzo

foto-presentacion

Fotos no flickr

Máis dun centenar longo de persoas nos xuntamos no Europa para asistir ao acto de presentación da nova estrutura organizativa do Grupo Local do BNG de Xinzo. Non se trata só dunha ferramenta de traballo analítico interno senón que tamén, e ante todo, é un xeito de visibilizarse ante a cidadanía como o recurso máis axeitado para a recepción da súa problemática diaria e futura e como un bo medio para crear e consolidar dinámicas sociais interactivas.

Ao rematar a cea Alba Feixóo (Galiza Nova), Xosé-Lois Carreira (Responsable local), Amador Díaz (Portavoz municipal) e Anxo Quintana (Portavoz Nacional) dirixiron unhas verbas aos asistentes.

 Filed under: En destaque,Multimedia
01/06/2008

Cea-presentación da nova estrutura do BNG de Xinzo

Este venres día 6 de xuño, ás 21:30h, no Restaurante Europa celebraremos unha cea-presentación na que daremos a coñecer a nova estrutura de funcionamento do Grupo Local e os obxectivos que nos plantexamos a curto e medio prazo. Contaremos coa presenza do noso Portavoz Nacional, Anxo Quintana

 Filed under: Axenda
31/07/2007

Galiza Nova rexorde na Limia para espertar a conciencia e a ilusión das mozas e mozos limiaos

20070723-foto-gzn-xinzo.jpg

O acto constitutivo tivo lugar o pasado luns 23 de xullo, na sede local do BNG, coa presenza do responsábel comarcal de GZN, Jonatan Rivas, do responsábel local do BNG, Manuel Conde e das/os demáis compañeiras/os militantes. Neste intre dotouse de funcionamento asemblear de seu, dentro da pertenza á Asemblea Comarcal de A Limia-Allariz-Maceda, e saíu eleita como responsábel local de GZN-Xinzo a compañeira Alba Mª Feixóo, quen xa nas pasadas eleccións municipais concorreu no posto número cinco da candidatura do BNG ao Concello.

A Asemblea local de Galiza Nova rexorde co férreo compromiso e a firme determinación de se converter en aparello vertebrador da conciencia e ilusión nacionalista de toda a mocidade dos Concellos da Limia e ponse ao dispor de todas as mozas e mozos limiaos, con arelas e a seguranza de representar unha válida e potente ferramenta de traballo e de transformación do intolerábel panorama sociopolítico da Limia.

Con este obxectivo abre as portas da organización referencial do nacionalismo xuvenil mediante a levanza dunha campaña de estabelecemento de contactos e afiliacións. Paralelamente xa se está a deseñar un substancioso calendario político de actividades que comezarán neste mesmo mes de agosto.

 Filed under: En destaque
20/05/2003

Nace a web do Grupo Local do BNG de Xinzo da Limia

“Espazos de liberdade…”, tamén en Internet. Extendemos o noso lema deste ano ó ciberespazo coa posta en funcionamento deste site que en adiante estará operativo para tentar achegar o traballo do BNG en Xinzo ós limiaos e, en xeral, a tódala xente con concencia de país que se interese por ver ou seguir o que acontece neste pequeno recuncho da Galiza.

Grazas a tódolos que contribuiron co seu traballo a por en marcha este “espazo de liberdade” que, por definición, representa Internet.

 Filed under: En destaque

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

202 queries - 0,189 segundos | Powered by WordPress