#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

01/11/2011

O BNG esixe ó Alcalde de Xinzo que deixe de crispar á veciñanza de Gudín

O BNG reclama a Antonio Pérez que devolva a normalidade a veciñanza de Gudín, moi preocupada pola planta de lixo.

Xinzo da Limia, 1 de novembro de 2011. O portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz Penín, tralo enorme malestar e crispación vividos o pasado domingo nunha xuntanza de comuneiros do monte do término municipal de Gudín, onde mesmo chegou a intervir a Policía Local de Xinzo para manter o orden público, esixe que “o alcalde Antonio Pérez devolva a normalidade ó pobo de Gudín onde ata o de agora a xente vivía moi tranquila, en paz e sen ningún tipo de problemas nin co monte, nin co lixo nin con nada”.

Gran interese do alcalde pola situación da planta de lixo en Gudín.

Neste sentido, Amador Díaz denuncia que “o que debería explicarnos a todos o señor alcalde do PP Antonio Pérez, ós de Gudín e do resto de Xinzo, é o por que dise gran interese seu en traer unha planta de basura aquí e aínda por enriba darlle o servizo a unha empresa SOREVA S.L., tapadeira de outras, que non ofrece ningunha garantía na correcta xestión do lixo e que en Murcia a semana pasada o goberno autónomo lle pechou un vertedeiro ilegal en Abanilla”.

26/10/2011

O BNG acusa ao Alcalde de Xinzo de enganar aos veciños ao subir outra vez taxas e impostos

Amador Díaz denuncia as mentiras do alcalde do PP, Antonio Pérez, que recentemente asegurara que non tiña intención de subir ningún imposto.

Xinzo da Limia, 26 de outubro de 2011. No pleno ordinario celebrado no día de hoxe certificouse a absoluta falla de credibilidade, de seriedade e incluso de competencia para o desenvolvemento das súas funcións do Alcalde de Xinzo, Antonio Pérez. Pasaron escasamente tres meses desde que afirmara taxante nunha entrevista que “Polo de agora en Xinzo de Limia non temos intención de subir imposto algún” (LVG, 19-7-2011) e, polo que se ve, as boas intencións duráronlle pouco xa que no pleno de hoxe o PP aprobou unha suba xeneralizada de taxas, así como do IBI e a creación dunha demencial nova taxa por “obradoiros culturais” que pretenden cobrar a todos os veciños e veciñas que fagan uso das instalacións municipais para desenrolar actividades deste tipo.

As taxas por abastecemento de auga e polo tratamento e depuración de augas residuais, unhas das máis caras de todo Galiza pola prestación destes servizos básicos, veranse incrementadas novamente, co agravante de que serán repercutidas a todos os veciños e veciñas independentemente de que dispoñan ou non do servizo de depuración (hai numerosas rúas e pobos cun saneamento deficiente cando non inexistente) ou da calidade da auga subministrada.

No caso do IBI a suba experimentada será dun 16% debido aos efectos acumulativos de incrementar a base impoñíbel nun 3,1% e de aplicar os novos tipos do 0,40 en rústica e 0,45 en urbana. A escusa neste caso é o famoso “Plan de Saneamento Económico-Financeiro” do que o PP só se lembra no referente a subir impostos, mais esquece no resto de medidas de redución de gastos correntes, persoal, etc.

Moción de cara á galería no tema da ZEPA

O PP de Xinzo, nesta nova andaina baixo o mando de Antonio Pérez, adoptou o curioso costume de auto-presentarse mocións para auto-aprobalas nun intento vano de tapar as súas vergonzas diante de veciños afectados polas decisións que se toman desde o propio PP en Santiago. Neste senso no pleno anterior traíannos o tema do Regadío e o de hoxe non foi a excepción coa moción do Grupo Popular reclamando da Xunta que negocie o Plan de Xestión da ZEPA da Limia cos afectados. En primeiro lugar hai que lembrarlle ao Sr. Alcalde que esta foi unha petición reiterada do BNG que xa se materializou en mocións aprobadas pola anterior corporación. Por outra banda a Xunta xa aprobou un Plan Director da Rede Natura 2000 que regulará os usos agrícolas na superficie ZEPA, deste plan o Sr. Pérez non tiña coñecemento e fixo firme propósito de informarse (LVG, 5-8-2011). Non entendemos cal é o obxectivo do PP ao presentar estas mocións, salvo quedar ben de cara á galería, o que ten que facer o Sr. Pérez é descolgar o teléfono e chamar a Feijóo para esixirlle que cumpra as súas promesas con respecto á Limia que para iso son do mesmo partido, ou iso din.

Planta de Tratamento de Refugallos

Outro anuncio importante do pleno de hoxe foi a “firme intención” dun despreocupado Alcalde por traer para Xinzo a Planta de Tratamento de Refugallos promovida pola empresa murciana SOREVA, detrás da cal está o empresario Ángel Fenoll, acusado de corrupción e delitos medio-ambientais. Ao Sr. Pérez non lle importa o pasado deste elemento e, acubillándose na “teoría do mal menor” afirma que sería o mellor xeito de “neutralizar” a intención da Xunta do PP de instalar na Limia a Incineradora do Sur de Galiza.

05/10/2011

O BNG lamenta a teima do Alcalde de Xinzo en querer converter á Limia no vertedoiro do sur de Galiza

20111005-capa

Amador Díaz denuncia a actitude covarde do alcalde do PP, Antonio Pérez, que non dá a cara e delega nun técnico alleo ao Concello a explicación do proxecto.

Xinzo da Limia, 5 de outubro de 2011. No día de onte, auspiciada polo grupo de goberno do PP no Concello de Xinzo co seu Alcalde á cabeza, Antonio Pérez, celebrouse na Casa da Cultura unha xuntanza para a “presentación” do proxecto dunha Planta de Tratamento de Refugallos promovida por unha firma murciana. No decorrer da mesma un técnico en representación da citada empresa degrañou as “virtudes” do proceso de “valorización” aplicado ao lixo, nun intento superfluo de convencer aos presentes da súa comenencia pois os “convidados”, na súa maioría seguidores populares, xa estaban convencidos de antemán e non precisaban de moitos máis adobíos técnicos que nin entenderon nin lles interesaban. Este proxecto resúmese nos seguintes puntos chave: un investimento de 50 millóns de euros, unhas instalacións de 60 mil metros cadrados e 200 postos de traballo directos nunha planta que trataría 150.000 toneladas de lixo ao ano, que se valorizaría en forma de abono orgánico (compost), materiais de reciclaxe (papel, vidro, plástico, metais, etc.) e CDR (combustíbel derivado de refugallos), deixando un “resto” non recuperábel, estimado nun 4% do total, que iría a un vertedoiro anexo.

Deixando a un lado a valoración técnica, para o BNG resulta intolerábel a actitude política do Alcalde, Antonio Pérez, agochado na primeira fila xunto ao resto do seu grupo, asistindo como simple espectador ao acto, nun patético intento de situarse a unha falsa equidistancia do proxecto cando na realidade el é o principal valedor e mentor do mesmo, como declarou aos medios logo de visitar unha planta similar que esta empresa ten en Murcia. No BNG non terminamos de entender os continuos bandazos deste alcalde que primeiro dixo si á Incineradora da Xunta do PP, logo dixo non, e agora volta a dicir si a esta planta de tratamento. Novamente imos ter que ser os veciños e veciñas de Xinzo os que o convenzamos para que mude de opinión coa nosa mobilización e rexeitamento.

Postos de traballo de ínfima cualificación

O principal e único argumento co que o PP nos quere “vender” este proxecto é o dos 200 postos de traballo directos que calculan se poderían crear nas sucesivas fases da súa implantación. Máis unha vez o modelo do PP está claro: privatización de servizos públicos e precarización das condicións de traballo. Sen entrar na análise das repercusións negativas que a presencia desta planta ocasionaría para o principal cultivo da nosa comarca, resulta chamativa a pouca estima e nula ambición que o Sr. Pérez ten para os seus conveciños ao condenalos a uns “empregos lixo” cunha cualificación ínfima que propiciará unha elevada rotación e temporalidade e, consecuentemente, salarios míseros de auténtica subsistencia. No BNG apostamos por outro futuro para a Limia, diferente ao dun PP que nos quere situar no mapa dos vertedoiros de Galiza como xa ten demostrado coa Planta de Tratamento de Refugallos da Construción. Apostamos polo impulso institucional á instalación na nosa comarca de empresas respectuosas co medio, non contaminantes, fundamentalmente empresas agro-gandeiras, que permitiran tirar un valor engadido da nosa produción creando postos de traballo estábeis, sostíbeis e cualificados.

Acto público do BNG. Outro modelo de crecemento para Xinzo é posíbel

Co obxectivo de explicar o noso posicionamento e alternativas sobre este e outros temas, o BNG convida aos veciños e veciñas a un acto público aberto o vindeiro sábado, 8 de outubro, ás 20:30h no Salón de Plenos do Concello de Xinzo, no que o noso senador e cabeza de lista por Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza, debullará as propostas para a Limia de cara ás vindeiras eleccións xerais do 20 de novembro.

13/02/2011

O BNG non permitirá o tradicional “modus operandi” do PP no tema da incineradora

O actual Alcalde, Antonio Pérez, en vez de criticar aos veciños e veciñas, debería posicionarse claramente e esixir á Xunta transparencia nun tema tan grave.

Xinzo da Limia, 13 de febreiro de 2011. Logo da resposta pola prensa do actual alcalde do PP, Antonio Pérez, sobre a polémica incineradora, dende o BNG temos que manifestar o noso asombro e desconcerto polas manifestacións deste señor. Estamos moi acostumados ao “modus operandi” do Partido Popular neste tipo de cuestións: primeiro van soltando globos sonda para pulsar a reacción da xente, dicindo sen dicir, propoñendo sen propoñer, ata que chega o momento dos feitos consumados, cando xa non hai volta atrás. En Xinzo temos un caso ben recente: a Planta de Refugallos de Morgade, sen licenza, sen información aos veciños, en contra deles, que a día de hoxe segue sendo ilegal e que estando xa as máquinas realizando as obras non había constancia ningunha no Concello do que se estaba a facer. Antonio Pérez, daquela Concelleiro de Medio Ambiente e Deputado Provincial, tamén afirmaba non saber nada, e malia as denuncias e advertencias do BNG, non amosou o menor interese pola situación nin se preocupou de defender aos veciños afectados, converténdose nunha mera correa de transmisión das ordes que lle viñan ditadas dende “arriba”.

No caso da incineradora o Grupo Local do BNG de Xinzo non vai consentir o mesmo proceder, porque están a xogar co futuro de toda unha comarca, o simple feito de plantexar a candidatura da Limia para instalar unha incineradora destas características di moito da capacidade mental e de xestión dos dirixentes “populares”, a comezar polo presidente da Xunta do PP, Núñez Feijóo, ben coñecido nestas terras polas súas mentiras de campaña a respeito do tema da ZEPA, seguindo por un irresponsábel Presidente da Deputación, José Luis Baltar, metido a axente inmobiliario e rematando por un mediático e conciliador Alcalde, Antonio Pérez, que un día non sabe nada, ao seguinte parécelle boa idea e ao outro nin unha cousa nin a contraria.

Repetimos unha vez máis, o BNG rexeita rotundamente a proposta de ubicar no Polígono Empresarial de Xinzo, na Limia ou en Ourense a planta incineradora do sur de Galiza por irresponsábel, tramposa, agresiva e ameazante para o noso futuro e o dos nosos fillos. O PP de Feijóo, Baltar e Pérez deberían impulsar a instalación na nosa comarca de empresas respectuosas co medio, non contaminantes, fundamentalmente empresas agro-gandeiras, que permitiran tirar un valor engadido da nosa produción de pataca, cereal, etc. e creasen postos de traballo estábeis, sostíbeis e cualificados.

Dende o BNG estaremos a carón dos veciños e veciñas formando parte da Plataforma constituída o pasado venres, seguiremos utilizando todos os medios ao noso alcance para facerlle chegar á xente o alcance real desta instalación e apoiaremos calquera medida que impida esta desfeita, ao tempo que esixiremos ao actual alcalde “popular” un posicionamento claro de rexeitamento.

03/02/2011

O BNG advirte que a instalación dunha planta incineradora en Xinzo tería un grave impacto no sector da pataca

Amador Díaz explicou que o BNG vai iniciar unha campaña contra a ubicación desta planta na comarca da Limia, e presentará iniciativas nos concellos da comarca.

Ourense, 3 de febreiro de 2011. O senador do BNG e tamén responsábel da comarca de A Limia, Xosé Manuel Pérez Bouza, e o portavoz municipal no concello de Xinzo, Amador Díaz Penín, deixaron claro esta mañá nunha rolda de prensa a total oposición do BNG á que se instale en Xinzo unha planta incineradora de residuos sólidos. Pérez Bouza afirmou que “nos opoñemos á ubicación dunha planta destas características no polígono de Xinzo”.

Ninguén mercaría patacas producidas perto dunha planta incineradora

En primeiro lugar, terá un impacto moi negativo no principal sector económico da comarca que é o sector agrario, en concreto, a produción da pataca. Ninguén querería mercar patacas de A Limia que se cultivan ao redor unha planta incineradora, altamente contaminante”. Neste sentido, remarcou que a tendencia actual é a de mercar produtos ecolóxicos, “ninguén mercaría patacas producidas ao lado dunha planta de residuos”.

En segundo lugar, o senado do BNG considerou un “despropósito que a Xunta actual faga o mesmo que fixo Fraga no seu día coa planta de Cerceda. O argumento para xustificala é que é para tratar o lixo do sur de Galiza. Hai que lembrar que Ourense só produce o 2% do lixo, cando a meirande parte se produce en Vigo e na súa área metropolitana. Así que non ten sentido ubicar esta planta en Xinzo”.

Por último, Pérez Bouza deixou claro que o BNG non comparte ese modelo de tratamento de residuos sólidos, “xa que nós apostamos pola reciclaxe e a compostaxe de lixo”. Acusou ao PP de “tratar de converter Á Limia no vertedoiro de Galiza. Non entendemos a súa teima xa que en menos dun ano decidiu a instalación dunha planta de residuos da construción, e agora ten na carteira outra”. Demandou a Feijoo que antes da celebración das eleccións municipais aclare se vai ubicar a planta de residuos en Xinzo.

A Limia non debe converterse “no vertedoiro de Galiza”

O senador nacionalista afirmou que “o futuro da Limia non pasa polo de ser un vertedoiro, o seu futuro debe ir ligado a proxectos relacionados coa xeración de riqueza sen destruir o que temos”. Así, referiuse á necesidade de pechar o ciclo produtivo da pataca.

O portavoz municipal do BNG en Xinzo, Amador Díaz, explicou que o BNG vai iniciar unha campaña en contra das pretensións da Xunta, e “levaremos aos plenos dos concellos de A Limia, sobre todo ao de Xinzo, iniciativas para un pronunciamento en contra”. Ademáis, anunciou que se convocarán xuntanzas informativas cos veciños e recollida de sinaturas.

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

202 queries - 0,275 segundos | Powered by WordPress