#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

13/06/2013

2011-2013, bienio negro no Concello de Xinzo

20130613-capa

Nos dous anos e medio nos que o actual alcalde, Antonio Pérez, leva á fronte do Concello a xestión do ente municipal foise deteriorando progresivamente.

Xinzo da Limia, 13 de xuño de 2013. En materia económica a chegada do Sr. Pérez á alcaldía meses antes das eleccións municipais de 2011 propiciou un aumento descontrolado e arbitrario nos gastos, cuantificado en 2,2 millóns de euros en apenas dous anos (2011-2012), que foi necesario regularizar mediante dous Expedientes de Recoñecemento Extraxudicial de Crédito e cuxo financiamento foi a conta do famoso RDL 4/2012 que levou aparelladas as tradicionais subas de taxas e impostos do PP e, como novidade engadida, as medidas de recorte de salarios e dereitos dos traballadores e traballadoras. Deste xeito a débeda a finais de 2012 situouse en 7,35 millóns de euros, en 2010 era de 4,14 millóns e xa daquelas se cualificaba de “insostíbel”.

Na xestión do persoal acadouse claramente o récord de despropósitos, as arbitrariedades nas contratacións do ano pasado fixeron que, a día de hoxe, o Sr. Pérez teña pendente de trámite a denuncia presentada na Fiscalía de Ourense e un proceso en curso aberto a instancia da Avogacía do Estado, proceso que está a ser torpedeado e obstaculizado dende o Concello ao negarse reiteradamente a achegar a documentación solicitada polo instrutor, como recoñeceu a propia Subdelegación do Goberno. Así mesmo o Contencioso-Administrativo aínda debe pronunciarse sobre as irregularidades na selección da letrada do Concello, que foi recorrida polo sindicato maioritario dos traballadores. Neste eido asistimos a un claro intento por parte do Sr. Pérez por construír e consolidar o seu propio aparato caciquil mediante a contratación sistemática de familiares, parentes, afiliados, interventores e candidatos do PP.

Mentres tanto, o Concello naufraga cunha falla absoluta de rumbo, criterio e obxectivos á hora de encamiñar a política de impulso da economía e creación de emprego. Dos titubeos iniciais coa incineradora pasamos ao aberto apoio á planta de refugallos e á negativa rotunda, condicionada polos veciños, á mina de feldespatos. A día de hoxe o proxecto estrela é a CICAT, impulsada, ironicamente, polo gran defenestrado e damnificado da carreira pola alcaldía do Sr. Pérez, o anterior alcalde e líder histórico do PP limiao, Isaac Vila.

En canto á xestión política e de comunicación o apagón informativo é case absoluto, as decisións importantes tómanse a porta pechada de costas aos veciños e veciñas, non se conta coa oposición nin nos mínimos establecidos legalmente: no que vai de ano só se celebrou un plenario en febreiro, o pleno ordinario de abril está sen convocar, levamos sete meses sen recibir as Actas das Xuntas de Goberno (semanais) e os orzamentos de 2013 están sen aprobar.

Agora que estamos no ecuador do mandato aínda hai tempo para un troco radical, por iso dende o BNG esiximos un cambio de rumbo na xestión e que o Sr. Pérez comece a actuar pensando nos intereses xerais dos veciños e veciñas de Xinzo.

15/12/2011

O BNG esíxelle á Xunta do PP a continuidade do servizo “Preescolar na Casa”

O BNG de Xinzo non entende como se pode deixar esmorecer un programa vertebrador como “Preescolar na Casa” que leva presenza e vida ao rural, en grave perigo demográfico, e potencia o desenvolvemento das comunidades locais.

Xinzo da Limia, 15 de decembro de 2011. Despois de trinta e catro anos de historia nos que moitas familias do concello de Xinzo se beneficiaron e benefician (42 neste curso) do servizo, o programa de educación “Preescolar na Casa” está en serio perigo. Os cartos públicos aportados pola Administración autonómica vense diminuídos ata o extremo de que compromete a súa continuidade.

Este programa está vivo porque medra día a día coa achega dos nenos, familias e profesionais. Cántase, xógase e apréndense recursos propios da vida. Permite gozar da crianza dos cativos ao mesmo tempo que se educan. Sempre se fala da importancia da familia e da educación, mesmo os políticos poñen especial énfase cando a vinculan ao éxito das persoas a ao futuro das sociedades.

No noso concello moitas nais e pais participando en “Preescolar na Casa” aprenderon a implicarse máis na educación das nenas e nenos, dándolles a seguridade que todo ser humano precisa para medrar e enriquecerse como persoa. Non queremos que se produza a morte lenta dun programa que preserva os valores básicos da vida, da sociedade e da nosa terra. Non se pode mutilar un proxecto que acada todos os obxectivos marcados, que aposta pola cultura propia, polo noso idioma e que leva presenza e vida ao rural galego potenciando o desenvolvemento das comunidades locais.

O BNG convida ao resto de grupos a unirse á iniciativa

Por todo o explicado, o grupo municipal do BNG ven de presentar esta mañá unha moción para esixirlle ao goberno do PP na Xunta de Galiza que garanta a continuidade deste servizo, ao tempo que convidamos ao resto de grupos con representación no Concello a sumarse a esta iniciativa.

Unha vez máis a “austeridade” derrochadora do PP non pode ser a escusa para eliminar un servizo público básico que aposta pola educación, a cultura e o idioma do país.

28/08/2011

O BNG aposta pola creación dun servizo público de transporte comarcal en Xinzo

20110828-capa

As queixas plantexadas nestes pasados días polos veciños e veciñas de Gudín ao respeito das dificultades de transporte para acceder á vila non son máis que a expresión puntual dun problema soterrado máis amplo, arrastrado dende hai moitos anos, e que afecta en maior ou menor medida a todos os núcleos rurais do noso concello.

No BNG apostamos polo futuro do medio rural, mais para ilo a xente que vive nos pobos debe disfrutar das mesmas comodidades ca os veciños da vila.

Para o BNG a solución pasaría pola creación dun servizo público de transporte no concello de Xinzo que permita conectar os distintos núcleos da zona rural coa vila dun xeito rápido e fluído, para que o desprazamento non sexa un atranco á hora de acceder aos servizos públicos básicos: administración, sanidade, conservatorio, instalacións deportivas, etc. e ao resto da oferta cultural, comercial, de ocio, etc. dispoñible no núcleo urbano. Este servizo público de transporte nacería coa vocación de crear unha Rede de transporte público a nivel da Limia, en colaboración cos distintos concellos, co obxectivo de comunicar permanente e frecuentemente a vila de Xinzo con todos os puntos desta nosa comarca.

A solución ofertada dende o Goberno do PP no Concello consistente en compatibilizar o transporte escolar co de viaxeiros (TES+BUS) parécenos totalmente insuficiente xa que se trata dun simple “parche” temporal que non vai á raíz do problema, por iso presentaremos unha iniciativa municipal solicitando a creación deste servizo de transporte.

30/04/2010

O Alcalde acepta a proposta do BNG para crear un área de Estacionamento para vehículos pesados

No Pleno ordinario de onte o Alcalde aceptou estudar en Comisión a idea proposta polo BNG de crear un Área de Estacionamento e Descanso para o sector do transporte con todas as garantías de seguridade: control de acceso, tele-vixilancia, etc.

Despois de asistir ao segundo roubo dunha cabeza tractora en similares circunstancias nos últimos anos, cómpre ofrecer unha solución que, como xa recolliamos no noso programa electoral do 2007, pasa pola creación desta zona de descanso.

Outra consecuencia positiva sería a mellora no ordenamento urbano ao eliminar os vehículos pesados que a cotío empregan algunhas rúas da vila como aparcadoiro improvisado. Na nosa moción tamén propoñemos abordar unha restruturación da Policía Local para artellar un turno de noite permanente que redundaría en máis seguridade para todas as veciñas e veciños de Xinzo.

Ordenanzas de Axuda no Fogar e Plan de Encauzamento do Limia

Aprobaronse as novas ordenanzas que regulan o funcionamento do servizo de Axuda no Fogar e as taxas a aplicar, así como o Plan de Encauzamento. Para o BNG a existencia deste plan está máis que xustificada e ven avalado polos informes dos técnicos do Concello e da Confederación Hidrográfica. En todo caso este plan non é un proxecto de execución e no BNG estaremos atentos para que a súa futura realización práctica se faga co mínimo impacto posíbel.

Planta de tratamento de refugallos da construción

A instalación desta infraestrutura nas imediacións de Morgade carece da máis mínima planificación e racionalidade e está chea de incógnitas e puntos escuros.  Xa o pasado 12 de abril o Portavoz Municipal do BNG presentaba un escrito solicitando acceso ao expediente municipal da citada obra, obtendo resultado negativo xa que no Concello non se tramitou ningunha licencia nin existía coñecemento sobre a actuación que ía ser executada.

Desde a alcaldía alúdese á suposta supramunicipalidade para xustificar este descoñecemento, mais isto xa é en si mesmo unha irregularidade porque o proxecto debía figurar en poder do Concello antes do inicio dos traballos.

O Grupo Municipal do BNG entende que esta instalación non cumpre os requisitos do Decreto 80/2000, da Xunta de Galiza, que regula os plans e proxectos de carácter supramunicipal polo que sería potestade e competencia do Concello outorgar ou denegar as correspondentes licencias de obra e de actividade.

Como solicitou o BNG o Alcalde debería decretar a paralización inmediata mentres non se aclarase a situación. Unha vez máis o grupo de goberno do PP fai deixadez absoluta de funcións e en vez de defender aos veciños diante da Xunta e da Deputación faino ao revés e procura xustificar as ocurrencias destas dúas administracións diante dos veciños. Especial mención pola súa incompetencia merece o responsábel de Medio Ambiente, Antonio Pérez Rodríguez, doblemente culposa xa que a súa condición de Deputado Provincial déixao sen nengunha excusa que xustifique o seu descoñecemento da situación.

17 de maio

A anécdota divertida do Pleno protagonizouna, unha vez máis, a Concelleira de Igualdade (e Deputada Nacional), Yolanda Díaz Lugilde, ao amosar as súas reticencias a unha proposta do PSdeG-PSOE que pedía o apoio dos grupos á declaración do día 17 de maio como “Día Internacional contra a Homofobia e a Transfobia”.

Díaz Lugilde, nunha exposición integramente en español, rexeitou a coincidencia co Día das Letras Galegas que podería eclipsar esta celebración, feito que foi denunciado polo noso Portavoz xa que “días das letras galegas deben ser todos e celébranse usando o galego, por exemplo nas intervencións neste pleno”.

Referencias:

19/03/2010

O PP impide desbloquear o Plano de modernización do Regadío da Limia

Os votos en contra do Partido Popular impiden sacar adiante unha iniciativa, presentada pola deputada do BNG Tereixa Paz, para instar á Xunta a asinar de inmediato con SEIASA o convenio marco que permita iniciar neste semestre, previa sinatura dos convenios particulares coas Comunidades de regantes, a execución do plano de modernización do regadío na Limia.

A deputada nacionalista lembrou que é responsabilidade da Xunta que a ampliación destes regadíos leve un ano paralizada, co conseguinte prexuízo que esta demora está a provocar aos regantes e labregos da comarca.

Tereixa Paz fixo algo de historia, durante a súa intervención, sobre a cronoloxía deste Convenio Marco e recordou que naceu para o período 2007-2013 coa finalidade de dar continuidade ao proceso de modernización dos regadíos, tendo en conta as condicións do actual marco estatal, co obxecto de establecer os termos da colaboración entre SEIASA, as comunidades de regantes afectadas e a Consellaría do Medio Rural.

A parlamentar explicou que o dito convenio xa fora aprobado polo consello de administración de SEIASA na súa reunión de febreiro de 2009, ficando só pendente de aprobación polo Consello da Xunta, trámite que xa podía estar superado tamén, dixo, toda vez que cando o actual goberno tomou posesión estaba rematada toda a tramitación e mesmo existía a consignación orzamentaria precisa para facer fronte ao compromiso da Xunta co seu financiamento.

Para a deputada, é “incomprensíbel” e “inxustifícabel” que á vista destes antecedentes a día de hoxe o convenio aínda estea sen asinar, o que impide, á súa vez, poder asinar os convenios específicos coas Comunidades de Regantes, de ahí a urxencia da iniciativa debatida hoxe.

Referencias:

22/01/2010

O BNG cualifica de ocorrencia do PP a feira “outlet” Mercaxinzo e denuncia as súas repercusións negativas sobre o comercio local

A pasada fin de semana tivemos a oportunidade de asistir á primeira edición de “MERCAXINZO”, feira de oportunidades promovida polo Goberno do Partido Popular do Concello. Os pobres resultados obtidos non xustifican os esforzos investidos na súa organización e mesmo resultan contraproducentes ao fomentar artificialmente unha competencia directa ao comercio local. A falla de interese dos nosos comerciantes quedou reflectida nunha presenza anecdótica e residual xa que só participaron dous comercios de Xinzo dos trinta expositores presentes debido, entre outros factores, a uns elevados custos de instalación imposíbeis de amortizar co volume de negocio acadado.

Trátase dunha iniciativa pouco novidosa (coincidiu cunha feira similar en Baños de Molgas e hai unhas semanas celebrouse outra en Sarreaus), programada nas peores datas (recén pasada a campaña do Nadal, en plena “costa de xaneiro” e en época de rebaixas do comercio tradicional), sen obxectivo definido e moi sintomática da política desnortada e sen horizonte do PP nun sector estratéxico que fica condenado así a unha morte anunciada. A propia Federación de Comercio de Ourense dubida da súa legalidade e denuncia que este tipo de eventos son prexudiciais para o comercio local, ao tempo que lamenta que, sendo organizados por una empresa de fóra de Galiza, conten coa colaboración e complicidade dos Concellos.

En resumo, estamos diante dunha ocorrencia sen repercusión algunha na promoción e dinamización dun sector fundamental na economía de Xinzo, e que evidencia a total falla de ideas, vontade, ilusión e compromiso político á hora de materializar propostas concretas a prol do desenvolvemento do comercio local como o recente paquete de medidas urxentes aprobado hai un mes a proposta do BNG e que o Partido Popular foi incapaz de aplicar con efectividade, optando por medidas pantasma para o sector e de lavado de cara fronte á cidadanía.

Referencias:

26/11/2009

Presentación da proposta do BNG para a recuperación do Mosteiro de Trandeiras

20091126-capa

Após longos anos de desleixo gobernativo xa é tempo de rescatar o espazo arquitectónico máis senlleiro do noso concello e no BNG estamos a traballar para acadar este obxectivo. Por iso, convidámosvos ao Acto de Presentación da Proposta do BNG para a Recuperación do Mosteiro de Trandeiras que celebraremos o vindeiro 28 de novembro, ás 12 da mañá, no Claustro do propio Mosteiro.

A nosa intención última é lanzar unha chamada de atención á sociedade limiá pola situación de histórico esquecemento, ao tempo que ofrecemos unha solución viábel de recuperación e posta en valor deste conxunto encadrándoo, como peza angular, nun proxecto máis amplo de difusión e aproveitamento do potencial turístico da comarca.

 Filed under: Axenda,En destaque
27/07/2009

O BNG reclama compromiso do Concello para a construción da Circunvalación sur á vila de Xinzo

20090727-capa

Neste tema o BNG celebra a rectificación do alcalde de Xinzo, Isaac Vila, ao respeito da nosa proposta do ano 2006 sobre a necesidade dun proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo que eliminase a tráfico pesado do centro da vila. Non deixa de resultar sorprendente e paradoxal, mais en calquera caso revelador do papel que xogan moitos parlamentarios galegos nas Cortes estatais, o feito de que o Sr. Vila, naquela altura senador polo Partido Popular, non soubera moi ben o que estaba rexeitando co seu voto en contra da moción que o BNG presentou na Cámara Alta. O mínimo esixíbel a un representante da soberanía popular sería un pouco de seriedade e adicación no desempeño da súa laboura, máis aínda cando se está a dilucidar unha iniciativa para o propio concello no que exerces de Alcalde.

Con todo, para clarexar definitivamente as ideas do Sr. Vila, o BNG nunca propuxo un trazado para esta circunvalación, nós limitámonos a por enriba da mesa a súa necesidade e o primeiro paso era precisamente realizar un estudo do cal deberían saír alternativas de execución que logo serían analizadas e debatidas.

O feito de eliminarmos o tráfico pesado do corazón da vila permitiría avanzar na súa humanización e consolidación como núcleo comercial e de servizos. Xinzo debe subir un chanzo na súa vocación terciaria e isto pasa pola consecución dun entorno accesíbel para os vehículos, con boas vías de comunicación e zonas de aparcamento distribuídas na periferia, e dun centro urbano atractivo e agradábel pensado e deseñado para o uso e desfrute dos peóns. Levamos moito tempo perdido, Isaac Vila, á fronte dos seus sucesivos gobernos, que en 25 anos nunca tivo unha idea para o noso concello, ten agora unha oportunidade inmellorábel de comezar a traballar por Xinzo comprometéndose con este proxecto.

Polo norte: Estrada Xinzo-Vilar de Barrio

Diante de novas aparecidas hai poucos días nas que se nos anuncia un posíbel “asfaltado” desta pista agrícola, hoxe empregada acotío para a comunicación rodada cos pobos da zona norte do noso concello e cos concellos veciños de Sarreaus e Vilar de Barrio, desde o BNG de Xinzo coidamos que a intervención nesta vía debería ser moito máis ambiciosa e así o recollemos na moción presentada en decembro de 2008 (aprobada por unanimidade no Pleno de 18.12.2008) na que propuñamos a súa conversión en estrada autonómica con dous obxectivos fundamentais: artellar acaídamente a comunicación desta parte da comarca e solucionar a problemática dos numerosos cruces a nivel existentes no trazado para mellorar a seguridade viaria e eliminar puntos negros que se teñen cobrado a vida de moitas persoas.

Referencias:

Páxinas: 1 2 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,258 segundos | Powered by WordPress